Librería Central Librera

Calle Dolores 2

15402 Ferrol

Teléfono [34] 981 35 27 19

Fax [34] 981 35 27 19

centrallibrera@telefonica.net

 

 

 

 

 

ROSA MÉNDEZ

 

 

 

 

QUIZAIS deba ser eu

quen te agarde, meu amor,

alí,

onde o tempo esmorecente xa non rube

pola alma;

 

quizais deba adiantarme

por ter preparado o leito

e esa mar tendida que acontece cando miro

                  -non máis que cando miro-

no fondo dos teus ollos,

tan azul coma o teu vento.

 

 

E rubiremos, sen presas, ata o cume dourado

da Pena de Racamonde,

e voaremos ó Fontardión

     -atrelados os degoiros-

para baixar devalando risos polas augas

do Belelle;

 

 

 

as velas serenamente izadas,

as horas eternamente nosas.

 

 

 

 

De: O Raio Verde (en imprenta, ed. Espiral Maior)

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

AGÓTASE O MILENIO

brandindo escravos a moreas de morte postergada.

E noite segue a rubir,

                                      ensanguentada,

polo terceiro, cuarto, quinto

e polo sexto mundo.

 

Segue a estourar a violencia

tralas fiestras pechadas das nosas rúas maiores;

e hai mulleres que apodrentan entre o fastío e o medo,

homes tristes e abaixados de ter sido

tan diariamente tristes,

meniños apreixados con argolas de cor plastificada.

 

E todo continúa ,

á nosa beira dourada e inmediata.

                                Todo continúa aquí,

                                 coa súa frescura indemne tralos séculos.

 

Mais, nesta noite, desexo perturbar ás tépedas conciencias,

levar a cabo un disturbio da desorde pública,

berrarlle a este mundo meu

un atado de verbas cinguidas con espiños;

velaí o vómito anoxado e inmediato:

 

Malaventurada a cegueira dos que son tolerantes cos intolerantes,

porque nolos imporán ás horas cotiás.

Malaventurados os violentos e os escuros

porque nos encherán de rabia extrema e acedade.

Malaventurados os que calan

porque outros ocuparán os seus ocos silenciosos.

Malaventurados os demócratas prudenciais

porque fan do respecto convencional a súa máis grande norma.

Malaventurados os que viven de costas ás tensións éticas

porque dormen nun liberalismo insolidario e necio.

Malaventurados os neutrais

porque o neutro pode ser armamento dos extremos.

 

Malaventurados os mansos

porque deles é, ás veces, a derradeira culpa.

 

 

 

 

                        De: Poemas anobelados no tempo (Ed. Espiral Maior, 2000)

 

 

 

Librería Central Librera

Calle Dolores 2

15402 Ferrol

Teléfono [34] 981 35 27 19

Fax [34] 981 35 27 19

centrallibrera@telefonica.net