Iria López Teixeiro autora de Santa Matriusca escritora de Fene
Calle Dolores 2
15402 Ferrol
Teléfono [34] 981 35 27 19
Fax [34] 981 35 27 19
IRIA
LÓPEZ TEIXEIRO
Autora de SANTA
MATRIUSCA
<< clic
sobre la imágen
Quickpost this image to Myspace,
Digg, Facebook, and others!
Iria López Teixeiro naceu en Fene (A Coruña) en 1981. No ano 2001 acadou o
título de Técnico Superior en Realización de Audiovisuais e Espectáculos na
Escola de Imaxe e Son de A Coruña e, ese mesmo ano, comeza a traballar no eido
da posprodución audiovisual, coa montaxe do programa de Adivina
Producciones para a Televisión de Galicia, “Galicia
Visual”.
No 2003 foi editora de
vídeo do documental “Camiño de Santiago, a Orixe”, de Adivina
Producciones, e nos anos seguintes traballou como técnico de posprodución en
diversas películas e documentais (“Mentíndolle á vida”, “Omar
Martínez”, “Vida de Familia”, “Los cumbiancheros
del oeste”...); ademáis da dirección e posprodución de diversos
traballos publicitarios.
No ano 2005, logo de gañar
o I Premio Biblos-Pazos de Galicia de novela, a Editorial Biblos
publicou o seu traballo “Meniña de Cristal”.
No 2006 escribiu o guión
da tv-movie “Santa Compaña”, e levou a cabo o guión e dirección do
documental de Adivina Producciones para a Televisión de Galicia, “Dando a
Nota”, nominado ós Premios Mestre Mateo 2007 como mellor documental.
No ano 2007 foi guionista
e directora dos documentais de Adivina Producciones para a Televisión de
Galicia, “De cores” e “Bandeiras Interiores”.
No ano 2008, ademais de
publicar a súa segunda novela, “Santa Matriusca”, coa
Editorial Biblos, segue a traballar no eido da posprodución e realización
audiovisual.
Santa
Matriusca (extraído de http://www.santamatriusca.blogspot.com/)
Seica
as bonecas rusas son só un xoguete para nenos, pero a min sempre me impuxeron
respecto. Un dos meus primeiros temores na infancia (poida que o meirande) era
a imposibilidade de lle dar resposta á existencia. A miña cabeza non era quen
de abarcar o infinito, e deseguida daba por feito que o universo tería que
estar nalgures. De ser así, onde demo estaba metido? E apareceu no meu maxín o
universo contedor, moito máis grande, e tamén finalmente finito e agochado
noutro maior; unha e outra vez... Unha boneca rusa, un xogo de pícaros que non
ten fin. Penso que o mellor xeito de representar unha matriusca ten que ser,
pola forza, unha espiral.
Santa
Matriusca comeza no porto de O Grove, cando a Señora Encarnación, nunha viaxe
organizada pola Asociación de Veciños de Santa Mariña de Eirís, bate cun posto
ambulante no que se venden unhas figuriñas ben bonitas. Alí é onde a devota
anciá merca a matriusquiña, convencida de que se trata dunha importante santa
rusa.
Días
despois de que a Señora Encarnación mercase a boneca, na parroquia de Santa
Mariña de Eirís ten lugar un milagre que pode salvar á vila da súa inminente
desaparición baixo dunha autoestrada. A Señora Encarnación xa non terá dúbida
de que se trata dunha virxe milagreira.
Cando
rematei de escribir este primeiro capítulo, hai xa algún tempo, non deixaba de
preguntarme cantas posibilidades había de que unha boneca rusa acabara á venda
nun pequeno porto galego. Mais, coma sempre, a realidade superou á ficción: ó
día seguinte a escribilo, estando eu nunha comida de traballo, na televisión do
restaurante estaban a poñer o Telexornal (e foi unha grande casualidade, pois
eu non teño por costume ver a televisión á hora do xantar). Quedei case sen
fala cando vin a imaxe dunha matriusca. A nova estaba a falar dunha familia de
rusos que cada verán percorre o mundo no seu veleiro antigo, pasando sempre
polos principais portos galegos, e sacando cartos da venda de souvenirs típicos
do seu país. Curiosamente, o día anterior quedaran varados no porto de Mera e
tiveran que pospor uns días a súa viaxe. Así que, en canto rematou o xantar,
collín o coche e partín cara Mera, onde merquei a miña boneca rusa. Xusto o día
anterior describira os sentimentos da Señora Encarnación nunha situación
semellante, pero a verdade é que a emoción que sentín eu naquel intre foi mesmo
meirande.
Santa
Matriusca, disque a chaman en Moscova.
Ó
redor desta boneca e máis da Señora Encarnación, desenvólvese a historia, que
é, á súa vez, un monte de historias máis pequenas, coma a de Anselmo, un garda
xurado que quere ser detective e anda a pescudar no suposto milagre; ou a dun
vello curiña que loita por non ser afastado inxustamente do seu posto; un
galego residente en Madrid que desexa regresar á súa terra e unha moza
aventureira que soña con deixala atrás... Todos eles vistos dende a ollada
constante dunha pantasma que, á súa vez, ten unha historia propia. Unha
pantasma, si; un home atrapado entre dous mundos que, coma min, nunca creu en
milagres nin en nada semellante pero, carafio, habelas, hainas!
Librería Central Librera
Calle Dolores 2
15402 Ferrol
Teléfono [34] 981 35 27 19
Fax [34] 981 35 27 19