Libraría Central Libreira
Rúa Dolores nº 2

15402 Ferrol

Teléfono [34] 981 35 27 19

centrallibrera@telefonica.net

 

 

 

 

O ESCUDO DE FERROL DA ILUSTRACIÓN TIRADO NO CHAN.

UNHA NOVA BARBARIDADE CULTURAL.

 

Juan J. Burgoa

 

 

 

A MODO DE XUSTIFICACIÓN

 

  No próximo número da revista FerrolAnálisis o especialista en Heráldica Carlos de Aracil e a persoa que esto escribe presentan un traballo conxunto verbo da historia da creación do escudo de Ferrol da Ilustración e a súa evolución ata os tempos actuais, facendo un percorrido por unha serie de ata cincuenta diferentes representacións do brasón ferrolán, tanto en monumentos, placas municipais e obras públicas como nas diferentes reproduccións sixilares en documentos de diversas épocas. No intre de redactar aquel traballo, eu non coñecía a situación do antiga pedra de armas que coroaba a entrada da Casa Consistorial de Ferrol da Ilustración, pero non tardei en saber onde se atopaba o devandito escudo de pedra. Por mor diso, decidinme a escribir as seguintes liñas.   

 

 

O ESCUDO DE FERROL DA ILUSTRACIÓN

 

    Segundo escribiu o ano 1859 o historiador ferrolán Montero Aróstegui na súa Historia y descripción de la ciudad y Departamento Naval del Ferrol, o concello da entón vila ferrolá, presidido polo Alcalde Maior Pedro Bayón Ruiz, durante a sesión municipal que se celebrou o día 22 de Xuño de 1778 acordou “que se abriese el timbre heráldico de la villa, declarando que el escudo de sus armas consistía en una torre con su farol, cañones, baterías y anclas”. 

 

Image Hosted by ImageShack.us

Antiga Casa do Concello de Ferrol

 

  Poucos anos máis tarde, durante o corto e fructífero mandato do Alcalde Maior Eugenio Álvarez Caballero, leváronse a cabo as tallas en pedra das primeiras representacións que se coñecen e que aínda se conservan do escudo de armas de Ferrol: os situados na fonte de San Roque (ano 1784), na fonte-obelisco da Fama (ano 1786) e o que estivo colocado na antiga Casa Consistorial da cidade situada no Paseo das Delicias, hoxe Cantón de Molíns (año 1787), non amosando ningún deles como timbre a coroa marquesal, que se engadiría de xeito inadecuado ao escudo de Ferrol a principios do século XIX. 

 

Image Hosted by ImageShack.us

O escudo de Ferrol da Ilustración

 

 

 A pedra armeira que presidiu a entrada do devandito edificio que foi sede do Concello ferrolán ata o ano 1953, estivo colocada no seu frontis ata o derrubo do edificio o ano 1970. Coa súa tradicional forma ovalada aparece totalmente arrodeada por unha coroa ou grilanda vexetal, sendo dunha feitura similar ao escudo da fonte de San Roque. Mais de xeito diferente a este último escudo e o coetáneo da fonte da Fama, no citado brasón do Concello aparecen por vez primeira nas armas de Ferrol dúas bandeiras cos seus respectivos mastros a ámbolos dous lados da torre pero sen poder precisar de qué bandeiras, pendóns ou estandartes se trata, en especial por non poder distinguirse os seus esmaltes e cores.

 

  Este escudo de armas, no senso contrario aos outros dous anteditos brasóns, amosa tamén a particularidade de que as bocas das pezas artilleiras están dirixidas cara ao ceo e as áncoras teñen os seus brazos cara a parte inferior, norma esta que logo vai a ser a habitual nas posteriores representacións do escudo de Ferrol. En todo caso, nos tres escudos de pedra aquí comentados, a torre componse sempre de dous corpos cunha porta colocada na súa parte baixa, variando lixeiramente o número de almeas de remate de ambos corpos e a situación das ventás. O farol ou lanterna, amplo e ben visible nos tres casos, aparece sempre colocado sobre unha pértega. 

 

  O citado escudo ata fai poucos anos atopábase axeitadamente colocado, xunto con outra xoia patrimonial, a escultura medieval do Cristo da Tahona, exposto á vista pública dentro do patio central cuberto do Centro Cultural Municipal. No intre de redactar estas liñas (Setembro de 2006), o primeiro e único escudo municipal de Ferrol da Ilustración atópase desleixadamente abandonado á intemperie, no chan da parte posterior do devandito Centro, xunto con outras pezas de interese. Pódese veren colocado sobre unha tarima de madeira co seu labrado anverso cara ao ceo, sometido aos rigores do tempo atmosférico e co perigo engadido de seren danado polas obras alí realizadas ou incluso espoliado. Aínda que meses atrás algunhas poucas voces xa denunciaron esta nova mostra da desidia municipal, seguimos a veren esta aberración nos nosos paseos polo lugar.  

 

  Namentres o iluminado concelleiro de Turismo, presuntamente encargado de levar a bo porto a xestión da petición de Patrimonio da Humanidade para a importante pegada ilustrada que o século XVIII deixou na nosa cidade, sigue a contar milongas sobre as excelencias do xeito como se está a levaren este proceso. ¿ Qué credibilidade pode ter ante o cidadán este personaxe cando o senlleiro e máis característico símbolo representativo da cidade daquela época sofre tal desleixo e abandono dentro dun Centro oficial municipal ? 

 

 

Image Hosted by ImageShack.us

 O escudo de Ferrol en Setembro de 2006

 

 Esta falcatruada únese a outras fazañas na área do Patrimonio Cultural levadas a cabo polos actuais e pouco capacitados responsables municipais que debían xestionar os temas culturais na nosa cidade: a creación do primeiro Museo de quita e pon que eu coñezo na miña longa andaina pola vida, a pobre e vergoñenta rehabilitación sufrida pola fonte de San Roque, a desfeita que ameaza á praza da Ilustración na vez do que debería seren un exemplo de homenaxe a noso pasado ilustrado, a política de subvencións a entidades foráneas (o escandaloso caso da Fundación Casares) en detrimento das asociacións culturais da urbe e, como non, as esculturas públicas adxudicadas a uns autores que pertencen a certa sociedade presuntamente artística sen domicilio coñecido, son tan só algúns rechamantes exemplos do mal facer dos políticos dun determinado grupo municipal de Ferrol.

 

  E como guinda de remate, cumpre falar da prevista agresión ao Cristo da Tahona, aberrante proxecto que foi denunciado fai varios meses por unha carta da persoa que subscribe ao inoperante Director Xeral do Patrimonio da Xunta de Galicia, persoa dina de admiración e de pena polo ocupado e embebido que se atopa no seu intenso e exemplar traballo a prol do patrimonio, de xeito tal que non ten tempo para a boa práctica de contestar as cartas dos cidadáns - que ao fin e á postre pagan o seu traballo cos seus impostos - dando a calada por resposta. Non obstante, sobre este tema do Cristo da Tahona, desgraciadamente, teremos que escribir a fondo novamente nesta ou noutras tribunas.

 

Libraría Central Libreira
Rúa Dolores nº 2

15402 Ferrol

Teléfono [34] 981 35 27 19

centrallibrera@telefonica.net