LIBRERÍA CENTRAL LIBRERA

Calle Dolores 2   15402 Ferrol  A Coruña   La Coruña

Teléfono [34] 981 35 27 19 Fax [34] 981 35 27 19   Móvil 638 59 39 80

centrallibrera@telefonica.net       http://www.centrallibrera.com

 

O escritor exilado de Ferrol Juan J. Burgoa publicou os pasados días 20 e 27 de Decembro en “Nordesía”, suplemento dominical do Diario de Ferrol, dous artigos nos que denuncia o triste estado do Patrimonio Cultural de Ferrol, por mor da desidia e desleixo ao que está sometido por parte dos sucesivos Alcaldes e Concelleiros de Cultura, Turismo e Urbanismo da cidade.

 

 

FERROL FÓRA DE FERROL

OU A DESAPARICIÓN DA OUTRA MEMORIA HISTÓRICA (I)

 

Juan J. Burgoa

 

 

Nesta cidade de Ferrol, nacida da man da Coroa durante o século XVIII e deixada da man do Estado desde o último terzo do século XX, cumpre facer unha reflexión sobre a recuperación da súa identidade en forma do patrimonio cultural perdido, en certas ocasións por atoparse fora de Ferrol, e noutros casos por haber desaparecido grazas a seu derrubo ou abandono. Desde fai tempo existe un “Ferrol fora de Ferrol”, tanto pola inexistencia na cidade dun auténtico museo municipal como polo desinterese e falla de vigor para defender o propio da Terra e Mar de Ferrol.

 

Como tristeiro caso do patrimonio material atópanse lonxe de Ferrol, desde fai moitos anos, o tesouro de Bedoya, valioso achado de época castrexa, e os notables restos artísticos do convento de Montefaro. O primeiro deles constitúe unha notable colección de pezas de ourivería prehistórica (diademas, arracadas e aneles) e de numismática de época romana, depositada o ano 1953 no museo de Pontevedra por cesión de Justo Bedoya, veciño de Balón, que atopou este tesouro nalgún lugar da parroquia da Graña.   

 

A maiores, os restos artísticos do convento aresán de Santa Catarina de Montefaro, de orixe medieval e desamortizado o ano 1836 aos monxes franciscanos, un notable conxunto de arcos construtivos, laudas sepulcrais, canzorros, capiteis e doelas representando anxiños músicos, un deles tocando a gaita, todo iso obra de fins do século XIV, gárdase hoxe no museo Arqueolóxico da Coruña, mentres que unha interesante colección de libros históricos e relixiosos do mosteiro, están depositados na Real Academia Galega.   

 

Por mor da picaraña material e mental dos gobernantes, desapareceron dous edificios clasicistas da época da Ilustración: a Cátedra de Latinidade, logo edificio do Concello, situada no antigo paseo das Delicias, e o vello casarón dos Caamaño, levantado na rúa Dolores, ambos derrubados no infausto século XX. Tamén desapareceu o Pazo da Mercede ou Casa dos Bermúdez, ergueito no barrio de Ferrol Vello, ao tempo que a súa capela foi levada lonxe de Ferrol, pedra a pedra, ata o concello de Fazouro en Lugo. Namentres, somos moi poucos os ferroláns que tivemos a oportunidade de visitala pechada casa natal do xeneral Franco na rúa María para coñecelas interesantes coleccións artísticas, os diversos obxectos e os documentos existentes nas salas do devandito edificio.

 

No que atinxe aos escudos brasonados que no seu día adobiaron os edificios públicos e privados de Ferrol, ademais dos esnaquizados ou feitos desaparecer polos iconoclastas de sempre, perdéronse ou cambiaron de lugar, entre outras, as pedras labradas da desaparecida igrexa castrense de San Fernando de Esteiro, do pazo da Mercede de Ferrol Vello (levada á Casa do Monte en San Pedro de Leixa), da casa Carvajal (hoxe edificio do Ateneo Ferrolán), da casa da familia De la Maza (na rúa San Francisco), do desaparecido pazo da Marquesa de San Sadurniño (na rúa San Antonio), do antigo pazo dos Montoxo (onde hoxe érguese o Colexio da Compañía de María) e da casa dos Bermúdez da rúa da Estrela, ademais dos brasóns nobiliarios existentes na igrexa de San Xulián e no convento de San Francisco.

 

Ulo se atopa o notable escudo municipal, obra do ano 1787 que coroaba o frontis do antigo edificio do concello de Ferrol no Cantón de Molíns ?. O verdadeiro símbolo dese Ferrol da Ilustración, do que a tantos se lles enche a boca falando del e polo que tan pouco fixeran as sucesivas corporacións municipais, despois do feito vergoñento de pasar varios anos tirado á intemperie de xeito desleixado no patio do presunto Centro Cultural, aínda segue desaparecido da vista pública. O franquismo, polo menos, respectou os escudos da segunda república na fachada de edificio de Correos e os da primeira na estatua de Jorge Juan.

 

Vexamos outro exemplo do abandono e desleixo do patrimonio cultural de Ferrol: o arrepiante caso do Cristo da Tahona, sobranceira escultura tardomedieval cunha notable iconografía do Pasmo da Virxe, única en Galicia, reflectindo unha figuración realista, chea do sentimento e da dor da Paixón. Trala súa triste e derradeira peregrinaxe por unha escola de canteiros de Poio, un obradoiro de Guísamo e unha marmorería de Narón, ante a continuada pasividade dos responsables culturais do Concello, o Cristo errante segue sen atopar o relevante acubillo á vista pública que lle corresponde no Centro Cultural.

 

Por outra banda, no eido da itinerancia salientan os monumentos públicos cambiantes de lugar segundo lles peta aos rexedores: a fonte da Fama, a estatua de Méndez Núñez, o obelisco de Churruca, as descabezadas estatuas da praza do Parador ou a fonte Wallace son un significado exemplo destes cambios. Neste apartado, o traslado da estatua do xeneral Franco fixo unha especial contribución á desertización do que no seu día foi unha verdadeira praza. O que quizais habería que cambiar de lugar, ou mesmo, agora si, enviar fora de Ferrol, é o artefacto mecánico sito na nobre praza do Museo da Construción Naval ou algunhas das arrepiantes esculturas clientelistas de certas rotondas e vías urbanas, e substituílas, segundo a boa idea dun amigo meu, polas estatuas de coñecidos e entrañables homes e mulleres pertencentes á lenda urbana de Ferrol (Prósper, Maruxiña, Pachara Pai ou Topacho),

 

Verbo do esquecido Patrimonio Industrial, xa entrado o século XX, desenvolveuse en Ferrol unha industria local non sempre estritamente polarizada arredor da industria naval, casos da Peninsular Maderera, instalada na Malata, a PYSBE, coa súa factoría do peirao Fernández Ladreda, a FENYA, fábrica de compoñentes e aparatos eléctricos, a fábrica Hispania ou Fábrica de Lapis, así como outras instalacións fabrís e de transformación, que deron traballo a moitas familias da urbe e que, xa desaparecidas, permanecen na memoria histórica dos ferroláns. A pouca sensibilidade da cidade neste terreo impediu manter como recordo algún edificio como o da Fábrica de Lapis, interesante obra de art-decó, así como a carencia dun Museo de Usos e Costumes empeceu a posibilidade de conservar os correspondentes elementos e bens materiais que lembrasen estas instalacións fabrís.

 

A inexplicable falla dun auténtico Centro de Estudios Locais que recolla a espallada documentación que se atopa fora de Ferrol é a causa principal das carencias do patrimonio documental e arquivístico da cidade. Ademais dos documentos espoliados ou perdidos, e non precisamente pola manida culpa dos invasores franceses, temos o caso do expediente relativo á transformación de Ferrol en vila de reguengo o século XVIII, que recentemente atopamos no Arquivo de Simancas e do que dimos conta ao Arquivo Municipal para a súa recuperación, ou a documentación referente a Ferrol gardada no Arquivo da Casa de Alba, Arquivo Histórico Municipal e Arquivo do Reino de Galicia. Débese lembrar tamén a documentación da Mariña (Arsenal Militar, Arquivo e Parroquia Castrense) levada a Madrid e ao Viso del Marqués ou, no eido relixioso, a documentación de Ferrol gardada no Arquivo Diocesano de Mondoñedo.

 

No eido literario pódense citar moitos exemplos de legados de sobranceiros autores ferroláns que se atopan lonxe de Ferrol. Practicamente perdidos os espallados os manuscritos da obra de Benito Vicetto, cumpre citar os casos vergoñentos dos notables escritores Carballo Calero e Torrente Ballester, falecidos na derradeira década do século XX, cuxos fondos documentais e bibliográficos se atopan fora da súa cidade natal. O legado de Carballo Calero (manuscritos, correspondencia, biblioteca persoal) foi adquirido o ano 1997 polo Parlamento de Galicia, mentres que no caso de Torrente Ballester unha similar documentación se atopa desde o ano 2003 na sede da Fundación do seu nome, no casco histórico de Santiago.

 

Na abondosa nómina de pintores ferroláns salientan dous nomes de sona nacional: Jenaro Pérez Villamil e Fernando Álvarez de Sotomayor, practicamente sen obra de interese en Ferrol. O primeiro foi autor dunha numerosa produción de pinturas e debuxos, espallada en diversos lugares de España e América, posuíndo os museos de Pontevedra e A Coruña unha notable selección dos debuxos con vistas de Ferrol, o seu Arsenal, Mugardos, A Graña e a ría ferrolá, sendo totalmente testemuñal a mostra da súa obra existente en Ferrol. No que a Fernando Álvarez de Sotomayor, foi director do Museo madrileño do Prado e un consumado pintor que abordou tódolos xéneros desde o folclore ata a paisaxe, pasando polo retrato. A súa obra pictórica está presente en diferentes museos e coleccións particulares, sendo escasa e pouco representativa a existente na cidade onde naceu.   

 

Aínda máis, outra mostra da desidia municipal e do desinterese do ámbito cultural en Ferrol é a incapacidade amosada ata de agora para crear un axeitado Museo Municipal, non soamente de pintura, senón tamén doutras manifestacións artísticas, pero sempre reunindo a obra espallada pola cidade de artistas como Pérez Villamil, Álvarez de Sotomayor, Eduardo de la Vega, Agustín Robles, Bello Piñeiro, Máximo Ramos, Ramón Buch e Segura Torrella, entre outros, ademais da devandita escultura do Cristo da Tahona e a pedra de armas do antigo Concello.

 

FERROL FÓRA DE FERROL

OU A DESAPARICIÓN DA OUTRA MEMORIA HISTÓRICA (I)

 

Seguindo co patrimonio cultural, cumpre citar o caso do prestixioso naturalista ferrolán Víctor López Seoane, que estudou a carreira de Medicina en Madrid e Santiago e exerceu como médico no Hospital de Mariña de Ferrol. Casado con Francisca Riobóo, descendente dunha importante familia fidalga propietaria da Casa Grande de Cabanas, desenvolveu un importante labor no campo da historia natural. A súa morte a súa familia doou os seus importantes fondos e coleccións ao Concello de A Coruña, que os repartiu entre o Museo das Ciencias e outros museos, onde se atopan expostos ou gardados con desigual fortuna. O mesmo podemos dicir da ferrolá Ángeles Alvariño, precursora da investigación oceanográfica mundial, falecida en California en 2005.

 

Que pasou coa memoria e os traballos da abondosa emigración alén do mar da xente da Terra e Mar de Ferrol, singularmente aqueles homes e mulleres que viaxaron á illa de Cuba ¿. Algún día habería que montar un museo en lembranza de Xosé Fontenla Leal, Calixto Loira, Martínez Quelle, Juan Lambeye, os irmáns Novo García, Victorino Novo Brocas, Ramón Plá, marqués de Amboage, e os seus irmáns José, Antonio e Aquilino, entre outros, varios deles repousando para sempre na illa caribeña.   

 

Velaquí o triste caso do veleiro Galatea. Botado ao mar nun estaleiro da cidade escocesa de Glasgow, foi mercado pola Armada Española o ano 1922 para o seu uso como buque escola ata o ano 1959, sendo logo pontón escola amarrado na base naval de A Graña ata que o ano 1982 foi dado de baixa pola Mariña, Tras diversas alternativas, incluíndo o seu traslado ao porto fluvial de Sevilla, voltou a Glasgow o ano 1993 onde se conserva atracado nun peirao do río Clyde como museo flotante. Desta maneira perdeuse para Ferrol un buque que conservaba unha parte da súa memoria naval, quedando como única lembranza na cidade o seu artístico mascarón de proa e algunha canción en ritmo de polca no imaxinario popular.   

 

Temos que falar do Rexemento de Artillería de Ferrol, creado por un decreto do rei Felipe V o ano 1710 para a defensa da costa ferrolá, e disolto o ano 2002 tras unha dilatada actividade de case tres séculos, incluíndo a súa participación na loita contra os ingleses desembarcados na praia de Doniños o ano 1800. No pequeno arquivo que quedou no Baluarte do Infante resta unha pequena parte do patrimonio material e dos fondos documentais, que maiormente foron trasladados ao Museo Rexional da Coruña e a dependencias do Exército en Madrid e Segovia, perdéndose dese xeito outra parte da memoria histórica da cidade e orixinando un negativo impacto na vida económica da urbe.

 

Por mor da aplicación dos plans defensivos derivados da experiencia da Guerra Europea á Base Naval de Ferrol. o ano 1927 instaláronse un conxunto de canóns Vickers de groso calibre e longo alcance, emprazados como baterías costeiras no monte Campelo e nos cabos Prior e Prioriño de Ferrol e no monte San Pedro na Coruña, protexendo deste xeito a Base Naval ferrolá. O ano 1940 as pezas do monte Campelo foron levadas á Algeciras. Máis tarde foron desguazados e vendidos como chatarra os canóns de Prior e Prioriño, en vez de conservalos como atractivo turístico nos seus magníficos emprazamentos e excepcionais vistas atlánticas, como fixo o Concello da Coruña coa batería de Monte San Pedro.

 

Esperpéntico é o caso do recente descubrimento feito por un arqueólogo o ano 2000 na zona escavada da capela de Santa Comba, na freguesía de Covas, dunha pequena pedra gravada, segundo parece un disco de lousa, datada a finais do século I, cunha inscrición de gran interese que para algúns expertos mesmo cuestionaría as hipóteses existentes acerca da orixe de Trasancos. Con independencia da posible transcendencia do achado, o notable do caso é que a devandita peza atopada en Ferrol foi presentada aos poucos días en Narón por un concelleiro daquel termo municipal e depositada posteriormente no Museo das Mariñas en Betanzos.  

 

Rechamante é o caso de profesores e alumnos da Facultade ferrolá de Humanidades que levan a cano notables investigacións e escavacións en lugares tan lonxe de Ferrol como o val de Éufrates, mentres que o castro do monte de Ancos, nunha privilexiada situación que sobrancea a ría de Ferrol e o val do río Grande de Xuvia, está na espera dunha seria investigación que estude o amplo xacemento e poda determinar se realmente se trata do asentamento da lendaria cidade de Libunca, nomeada polos escritores clásicos como Pomponio Mela e Ptolomeo, idea defendida por prestixiosos arqueólogos e xeógrafos como Barros Sivelo, Leandro de Saralegui ou Carré Aldao.

 

Cabería citar outro patrimonio perdido, caso das imaxes e obxectos relixiosos das igrexas de Ferrol depositadas no Museo Diocesano de Mondoñedo, das desaparecidas tallas das procesións da Semana Santa como a Virxe Branca da Mercede ou a Santa Cea da capela de San Roque, do desaparecido escudo de Ferrol na estatua do Marqués de Amboage, dos interesantes e variados obxectos que puideran formar o Museo do Teatro Jofre e que hoxe están arrombados nun galpón do veciño Concello de Narón, dos perdidos exvotos da capela de Chamorro ou das mutiladas estatuas do ático do edificio do Concello.

 

A carón do exposto, tamén o patrimonio natural está desaparecer de Ferrol: unhas veces trátase dos sexaxenarios abetos da desaparecida praza de España, outra da corta dos vellos eucaliptos do Parque Municipal ou mesmo o caso non tan anecdótico caso dos entrañables patiños que, trasladados ao Zoolóxico vigués da Madroa trala fracasada remodelación do devandito Parque, morreron de saudade aos poucos meses. É de esperar que os interesantes fondos do Museo de Ciencias Naturais non se vexan obrigados a seguir o camiño da emigración e algún día poidan atopar acougo na Casa do Coronel.

 

É obrigado falar de certa parte da cidade afastada ou fora do resto da urbe. Neste intre a muralla do Arsenal estendida entre as Portas do Dique e do Parque constitúe unha antiestética barreira que illa á urbe do contorno natural das augas da ría e supón un serio atranco no camiño cara á distinción da Patrimonio da Humanidade. Do mesmo xeito, tanto a empresa Navantia co seu triste muro impedindo a visibilidade das súas instalacións e non autorizando unhas ordenadas visitas turísticas, como a Autoridade Portuaria coas súas arrepiantes reixas no porto e a súa torpe política de restrinxir o libre paso e contacto do cidadán coa fachada marítima, contribúen a esta negativa separación física e mental do Ferrol estatal e do Ferrol civil.

 

A maior abastanza, Ferrol non pode seguir a perder espazos e edificios que deberían adicarse ao ocio e a cultura. Mentres o consistorio municipal segue a rabuñar a néboa no eido da cultura e o turismo e, por outra banda, o Ministerio de Defensa non é precisamente un modelo para o compromiso cultural, é incrible que o castelo de San Felipe, unha auténtica xoia da época da Ilustración, se sega usando para acampadas e sexa un triste exemplo de carencia dun plan coherente e sostido de usos e xestión; que o edificio de Capitanía, co seu privilexiado miradoiro dos Xardíns de Herrera, non se transforme nese demandado Museo da Ilustración ou que a nobre e elegante construción militar da Sala de Armas fose destinada de forma pouco axeitada como lugar de aloxamento do persoal da Armada.

 

Seguindo nesta liña, poderíase pensar que o fermoso edificio ecléctico da antiga Aduana algún día debería acoller un Museo de Usos e Costumes da cidade, que o Chalé modernista de Canido, situado nun lugar emerxente do devandito barrio ferrolán, chegaría a converterse un axeitado espazo para usos culturais ou o que antigo mosteiro de San Martiño do Couto podería ser ese necesario Arquivo, Museo e Centro de Estudios da Diocese de Ferrol-Mondoñedo, de tal maneira que os investigadores non teñan que se desprazar á urbe mindoniense para os seus traballos.

 

Secomasí, vemos tamén como desde fai tempo as vilas e cidades galegas están a poñer en valor a súa identidade cultural, baseada no seu pasado romano, medieval ou barroco, mentres que Ferrol ten o vergoñento complexo ou o calculado esquecemento de ser unha cidade neoclásica e Ilustrada, dedicándose certas mentes quenturentas a fomentar feiras medievais en degradados lugares da urbe ou a inventar esperpénticos slogans turísticos como o de Cidade da Mar da anterior corporación ou a xenial ocorrencia de Ferrol, Historia Natural da actual.

 

Mentres todo isto ocorre, na terra onde naceron os irmáns Franco, Pablo Iglesias, Concepción Arenal e José Canalejas, un día noméase fillo adoptivo a un señor que pasaba por aquí, outro día organízanse semanas culturais na honra dalgúns escribidores, poetas e filósofos que unha tardiña tomaron un cafeciño na cidade ou de súpeto se da renda solta á fantasía dunha amalgama de seareiros de Torrente e de Casares, amigos do mago Merlín, inventores de Letras de Bretaña, fabriqueiros de procesións civís, arroutados impulsores da sardiñadas culturais, profetas da posmodernidade, tertulianos de silveira e poxadores de paraugas pintados, mentres que restan no esquecemento meritorios escritores e persoeiros ferroláns como Lucas Labrada, Fernández Varela, Domingo Díaz de Robles, Emiliano Balás, Aurelio Ribalta ou Manuel Barbeito, ou personaxes estreitamente ligados á nosa urbe como o pintor Eduardo de la Vega, o publicista Leandro Saralegui, o médico Santiago de la Iglesia ou o arquitecto Rodolfo Ucha.

 

(*) Juan J. Burgoa é un escritor nacido en Ferrol, membro da Asociación de Estudios Históricos de Galicia, da Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxía, da Asociación Cultural da Costa da Morte e da Asociación de Amigos dos Cruceiros. Habitual colaborador de diversas publicacións culturais de Galicia e do resto do Estado, en ocasións tamén lle deixan escribir nesta cidade.

 

LIBRERÍA CENTRAL LIBRERA

Calle Dolores 2   15402 Ferrol  A Coruña   La Coruña

Teléfono [34] 981 35 27 19 Fax [34] 981 35 27 19   Móvil 638 59 39 80

centrallibrera@telefonica.net       http://www.centrallibrera.com