Librería Central Librera

Calle Dolores 2

15402 Ferrol

 

Poema adicado á Central Librera

en agradecimento pola súa inquedanza no eido da cultura da nosa cidade

 

 

Música nas meniñas dos ollos

 

                                                                Hoxe,

 as aves sen canto

subliñan no teito da cidade a súa mensaxe.

O seu voo vai dicindo silandeiramente

todo canto saben das grafías da nosa historia na pedra,

elas,

 que coñecen cada lousa dos camiños coma a palma da man,

que saben das hedras de ferro dun balcón da rúa Madalena

e da gaiola aberta do palco da música do Cantón,

deixan os niños das varandas

e voan ata o cume do teatro Jofre,

devecen polo amencer das melodías que se agocharon nel nun solpor.

 

Mentres collen o sono as pombas da Praza do Concello,

as pombas afeitas a pasea-la realidade, sen medo, no medio dos meniños,

mentres pescudan coma min, na escuridade, as frangullas dun soño,

 as gaivotas tecedeiras de redes invisibles

adormecen nun mastro no peirao de Curuxeiras,

 mentres,

eu rescato sons e verbas ao lonxe coma elas.

 

Cando as aves sen canto dormen, a nosa cidade canta.

 

Entoa o ar unha cantarela debaixo dunha galería,

a noite de rolda compre un desexo de música...

 

Para as aves sen canto,

 na vixilia dun poema,

intúo detrás dunhas pálpebras pechadas,

as notas do Crebanoces de Tchaikovsky,

as pantuflas de badana das pombas e as gaivotas bailarinas

aloumiñando o chan da escena...

 

                                     Rosa Mª Martínez Díos

 

Ferrol, véspera de San Xosé, Noite das Pepitas