Libraría Central Libreira
Rúa Dolores nº 2
15402 Ferrol
Teléfono [34] 981 35 27 19
Fax [34] 981 35 27 19
centrallibrera@telefonica.net
Victorino
Pérez Prieto
foto de
fotógrafo que
traballa en DF e para outros
medios.
De libros e moquetas. Victorino Pérez Prieto
¿Sabe vostede a relación que hai entre os libros e as moquetas? Quizás non caia de entrada... Seguramente non foi viaxante de libros, ou pensa que estes son só un soporte de textos para a formación persoal ou o tranquilo lecer; unha persoa que cre que os libros son só para ler. Porque se vostede fora nalgunha ocasión vendedor de libros polas portas, seguramente tería descuberto que os libros son para moita xente sobre todo un elemento decorativo, e a relación co piso está en que ¡"cadren coa cor da moqueta do salón"! Tamén se tería atopado con que algúns clientes o que buscan é uns libros que "cubran moito", en metros... ou, nos que teñen interese por follealos, tería descuberto que o fundamental é "que teñan moitos santos". Tamén lle terían pedido unha Biblia "que luza moito", para poder poñela na mesiña do recibidor.
Benquerido e respeitado lector, non pense que me acabo de inventar estas anécdotas. Son reais como a vida mesma. Escoiteinas non hai moito en boca dun profesor que exerceu no pasado o nobre oficio de vendedor de libros. El, como tantos escritores, editores e libreiros, sabía que sobran libros e faltan lectores, o que está a levar á bancarrota a publicación de novos títulos. Con máis precisión, cumpriría dicir que poida que sobren moitos dos libros publicados, cando outros realmente interesantes non atopan editor, ou edítanse e quedan amoreados nun recanto, sen chegar ao posible comprador e lector, por falla dunha adecuada distribución. Pero, sobre a escaseza de lectores xa se ten falado moito e certeiramente.
Un amigo meu, falando da crise do mundo do libro, dicía certeiramente:"Cada vez se le menos e, en consecuencia, se compran menos libros... Convertémonos en badocos ilustrados, formados polas ondas da televisión" .O máis grave é que esta "involución cavernícola" levaranos, de maneira irreductible, cara a fórmulas fixas e estereotipadas de pensar e actuar. O chamado "pensamento único" -presente nos mozos coma nos adultos- é en realidade a ausencia dun pensamento propio, pois cando un non pensa, xa haberá quen pense por el.
Un sabio slogan de hai anos pregoaba certeiramente "un libro axúdache a pensar". E iso é o que pretendemos algúns cando ousamos levar ao hipotético lector as nosas reflexións, ou o traballo de pescuda que fixemos, para facelo crítico ante un sistema esmagador, para afondar na riqueza da realidade, na experiencia de outros e enriquecerse un con esa experiencia, xa aceptándoa, xa criticándoa. O cerebro é un músculo ao que lle pasa como a tódolos demais: se non se exercita oxídase e faise inútil.
¡Le, atrévete cun libro!
Libraría
Central Libreira
Rúa Dolores nº 2
15402 Ferrol
Teléfono [34] 981 35 27 19
Fax [34] 981 35 27 19
centrallibrera@telefonica.net