Librería Central Librera
Calle Dolores 2
15402 Ferrol
Teléfono/Fax [34]
981 35 27 19
Por gentileza de la revista NALGURES, publicación de
A
LAGOA DE DONIÑOS EN FERROL
E AS
LENDAS DE CIDADES ASOLAGADAS
Toda Galicia se es agua e frescura
Dentro do patrimonio cultural da humanidade, atópase
a memoria do pobo, o chamado saber popular que foi coñecido desde o século XIX
como folclore e polos estudiosos da etnografía de Galicia como patrimonio
espiritual. Hoxe coñécese como patrimonio inmaterial ou intanxible, estando normalmente
vencellado dalgún xeito ao propio patrimonio
material. Fronte a certo coñecemento e saber normalizado, amplamente estendido
no mundo oficial - sexa a administración, a escola, a universidade ou os medios
de comunicación -, aínda hoxe existe unha cultura popular, normalmente de
transmisión oral, que recolle un valioso conxunto de crenzas, ritos, costumes,
contos e lendas, que é urxente recoller antes da súa desaparición da memoria da
xente.
Partindo da base da difícil diferenciación do
que é propiamente lendario daquelo que se consideran como mitos, contos ou
fábulas morais, a maioría das lendas teñen a súa orixe tanto nas crenzas
relixiosas como nos mitos pagáns dos inicios das razas e dos pobos primitivos.
Tanto Buda, Confucio e Mahoma, por poñer algúns exemplos de personaxes relixiosos,
como os dous mil anos da existencia do cristianismo xeraron miles de relatos e
narracións inspirados de algún xeito pola doutrina e a historia desas
relixións. En casos como os de Roma, Exipto ou Grecia, as mitoloxías da
antigüidade pagá foron a fonte creadora desas lendas. Dese xeito vanse forxando
as lendas que logo, tras percorrer un longo camiño escrito e oral a través da
historia, chegan a asentarse no mundo imaxinario das xentes e a formar parte do
patrimonio popular.
No caso dun pobo antigo como o
galego, cunha vedraña cultura que ao longo do tempo foi mesturando de xeito
natural unha serie de ritos relixiosos cunhas tradicións de orixe pagá, moitas
veces de proxenie panteísta, e que, a máis, estivo practicamente incomunicado
durante séculos, deu como resultado a formación dun colectivo humano con boas
doses de paciencia reflexiva e, ao mesmo tempo, receptor de numerosos influxos
exteriores, do que unha parte importante foi o fornecido culturalmente polas
peregrinacións xacobeas por mar e terra.
Deste xeito faise boa a afirmación de Vicente
Risco (1) que no Noroeste peninsular as culturas que entran en España, van
chegando a Galicia onde se encoran e decantan en sucesivas capas que se
sobrepón, deixando así unha pegada manifestada en forma de crenzas e
tradicións. Vaise formando así un conxunto de lendas dentro dun claro substrato
atlántico e nórdico, en contraposición ás manifestadas en outros pobos
peninsulares, cun talante máis mediterráneo e fronteirizo co sur (2), e que se
introducen na memoria popular onde foron persistindo co paso do tempo.
Un pobo en íntima comunicación coa natureza,
como é o caso do galego, de fonda tradición agraria, apegado ó medio e vivindo
intensamente do mesmo, amosa uns arraigados cultos panteístas que a
cristianización máis intensa non logrou desarraigar plenamente e do que son
manifestacións unha serie de ritos, incluso prácticas supersticiosas, relativas
aos máis significativos elementos naturais, sexan animados ou inanimados: o
fogo, as diversas clases de pedras, os astros (en especial, a lúa), as árbores,
algúns animais e a auga.
Non
debe esquecerse que nas lendas galegas latexa un fondo substrato de raizame
celta. Precisamente o pobo celta caracterizouse polo feito de non deixar
documentos escritos na gran parte dos abundantes lugares de Europa que ocuparon
desde varios séculos antes da nosa era. Foi súa característica esencial a
tradición oral, transmitida de xeración en xeración, e que deu orixe a unha
gran cantidade de contos e lendas. Con independencia da intensidade co que o
celtismo arraigou no territorio galego, por outra parte cuestión sempre en
discusión, é innegable a similitude de moitas lendas galegas con outras dos
pobos de Irlanda, Escocia, País de Gales, Bretaña ou Valonia (3).
(1) Vicente RISCO. Etnografía. Cultura espiritual. En: Historia
de Galiza. Tomo I. Ramón Otero Pedrayo (Dir). Bos Aires,
1962.
(2) Leandro CARRÉ
ALVARELLOS. Las leyendas
tradicionales gallegas.
Espasa Calpe. Madrid, 1989.
(3) Jean MARKALE. Contos
e Lendas dos países celtas. Editorial Toxosoutos.
Noia, 1999.
AS
LENDAS E O CULTO Ó AUGA
No cesando de rabiar,
no digo si por amores,
no valen saludadores,
ni las ondas de la mar.
Juan Rodríguez del Padrón
A auga considerábase na Antigüidade, non só
como un elemento indispensable para tódolos seres vivos, se non tamén como un
verdadeiro portador de vida, estreitamente relacionado co divino. A auga, e en
particular algunhas fontes, mananciais, lagoas e ríos foron, á vez, obxecto de
veneración e de aproveitamento con fins profilácticos e sandadores
desde a orixe das primeiras relixións, polo que estes lugares foron asociados a
determinades divindades e xurdiron no seu contorno lugares de culto e, incluso,
poboacións a elas asociadas.
Para a imaxinación popular galega a auga é
un ser que crea a vida, a garda, a purifica e a outorga. Os ríos, os mananciais
e as fontes son entes dotados dunha forza marabillosa que propaga a fecundidade
e expande a vitalidade, mentres os mares, océanos e lagos son seres creadores
que agachan no seu seo unha vida poderosa e, en ocasións, misteriosa. Este
simbolismo mítico de divinización das augas, herdeiro dos antigos poboadores de
Galicia, xa mereceu, por supersticiosa,
a censura ós cristiáns do seu tempo por parte de San Martiño de Dumio no século IV, como recolle o padre Flórez (4). Máis tarde, en plena Idade Media, as augas do
mar tíñanse por boas para curala rabia, segundo os versos de Xoán Rodríguez
Padrón no século XV (5).
O culto á auga, polas súas propiedades
creadoras, fecundantes, salutíferas e ata curadoras, permanece nas abondosas
lendas galegas de seres marabillosos e sobrenaturais. Así pasa, seguindo a
Fermín Bouza Brey (6), cos encantos masculinos e femininos
que habitan todo tipo de augas, as feiticeiras e os xacios
que viven nos ríos, as ninfas ou xanas, damas mouras,
lavandeiras e lumias que xorden das fontes, mananciais
e augas estancadas, ou as lamias e as sereas mariñas, recollidas nas tradicións
xenealóxicas galegas.
Un caso especial é a transposición a Galicia
do mito das sereas, unha especie de fadas musicais de máxico e melodioso canto
e de corpo combinado de muller e peixe, que eran fillas da musa Calíope e do deus-río Aqueloo (7), maiormente coñecidas pola súa relación coas
viaxes de Ulises. Esta antiga lenda, de gran tradición literaria ao longo do
tempo, tamén chegou aos pobos da costa de Galicia, especialmente na súa
relación co antigo liñaxe dos Mariño, e foi tratado por diversos escritores
galegos, como é caso de dous recoñecidos fabuladores: o mindoniense Álvaro
Cunqueiro (8) e o ferrolán Torrente Ballester (9).
Outras coñecidas lendas de fantásticas mulleres-peixe
específicas das comarcas de Ferrol e Ortigueira son as das sereas das illas
Miranda en Ares e a da Muller Mariña do porto de Bares.
(4) Padre Enrique FLÓREZ.
España Sagrada. Tomo XV. Madrid,
1747. Citando a De correctione
rusticorum, obra de Martiño de DUMIO.
(5) Carlos MARTÍNEZ
BARBEITO. Macías el Enamorado
y Juan Rodríguez del Padrón. Estudio y Antología. Santiago, 1951.
(6) Fermín BOUZA BREY.
Los mitos del agua
en el Noroeste Hispánico. En: Revista General de Marina. Volumen CXXIV. Madrid, Diciembre 1942.
(7) Juan HUMBERT. Mitología griega y romana. Editorial Gustavo Gili.
Barcelona, 1985.
(8) Álvaro CUNQUEIRO.
Fábulas y leyendas
de la mar. Tusquets Editores. Barcelona, 1983.
(9) Gonzalo TORRENTE
BALLESTER. Las sombras recobradas.
Editorial Planeta. Barcelona, 1979.
No Noroeste hispánico as fontes foron desde moi
antigo obxectos de cultos relacionados coa auga, como lembra López Cuevillas (10). En moitas ocasións a Igrexa, ante a
obstinada resistencia a deixar as vellas crenzas, cristianizou estas fontes e
mananciais, a auga das cales sirve para beber o lavarse con ela. Moitas son
estas fontes milagreiras, con virtudes curativas e sandadoras de diferentes enfermidades, as da pel e dos
ollos especialmente, mais tamén o bocio, as dores de cabeza, o tangaraño ou o
meigallo. Entre elas están as fontes do Santuario da Escravitude de Padrón, de
Santa Mariña de Augas Santas en Alariz, de San Andrés
de Teixido en Cedeira, de Santa Xusta en Moraña, de San Pedro de Mezonzo en Vilasantar o da Virxe do Camiño en Pontevedra,
por mencionar algunhas das estudiadas por Hipólito de Sá (11), ademais dun bo
numero delas na bisbarra ferrolá.
Pero tamén son moitas e variadas as mostras
do culto referidas ás augas mariñas, caso dos baños das sete ondas de auga de
mar tomados a media noite nas praias da Lanzada en Sanxenxo e a de Louro en
Muros, que libran do embruxo e do meigallo, e fan fecundas ás mulleres; os
bautismos prenatais xunto os cruceiros ergueitos a beira de moitas pontes dos
ríos de Galicia; os canastros con velas acesas e coa roupa dos nenos enfermos
que se botan a algúns ríos; os bolos de pan guindados ás augas; o feito de
beber auga de nove fontes nunha noite, para loitar contra o bocio; as pías das
pedras, naturais o feitas polo home, para recoller a benéfica auga da chuvia, prácticas
todas elas enumeradas por Eladio Rodríguez no seu Breviario Enciclopédico (12)
A auga tamén desempeña un destacado papel
simbólico na tradicional festa de San Xoán do 24 do mes de Xuño. Normalmente, a
auga utilízase durante a noite anterior e o amencer para facer unha serie de
ablucións rituais e purificadoras. Neste senso, cobra unha especial relevancia
o orballo que embebe as follas das plantas nas primeiras horas da mañá. Este
orballo ten unha utilización especial para combater a sarna e outras enfermidades
da pel (13).
Un segundo tipo de auga salutífera usada o
día de San Xoán é a das fontes, recollida cos primeiros raios do sol e logo
mesturada con plantas aromáticas como fiúncho, dixital, espadana, malva,
artemisa, carballo e sabugueiro, formando a chamada flor de auga, lavándose
logo con ela (14). En algúns lugares pódese utilizar a auga remansada nos muíños,
a recollida en pozos o, simplemente, a auga dun río. Esta auga sirve para curar
os sarabullos, as enfermidades dos ollos, o bocio e o mal de amores, pero tamén
para levalas meigas (15).
(10) Florentino LÓPEZ
CUEVILLAS. O culto das fontes no Noroeste
hispánico. Museo do Pobo Galego. Santiago, 2002.
(11) Hipólito de SÁ
BRAVO. Creencias del costumbrismo religioso en Galicia. Diputación
Provincial. Pontevedra, 1991.
(12) Eladio RODRÍGUEZ
GONZÁLEZ. Breviario Enciclopédico.
Letras, historias e tradicións populares de Galicia.
(13) Xosé M. GONZÁLEZ
REBOREDO. A festa de San Xoán. Ir
Indo. Vigo, 1989.
(14) Xesús TABOADA CHIVITE. Ritos y
creencias gallegas. Sálvora. A Coruña, 1980.
(15) Jesús RODRÍGUEZ LÓPEZ. Supersticiones de Galicia y preocupaciones
vulgares. Lugo, 1895.
AS
LENDAS E TRADICIÓNS DE CIDADES ASOLAGADAS
Un bruar de cidade sulagada
metéuselle nos ollos
e baixóu pola ialba
como un lonxano fume de gueivotas
do derradeiro rumbo das chalanas.
A
nena afogada. Celso Emilio Ferreiro
A pesares de que o Noroeste peninsular non é
abundante en lagos, nos poucos que existen consérvanse tradicións de cidades
asolagadas ou afundidas. Como posible fundamento material e obxectivo das abondosas
lendas, tradicións e contos destas cidades en diferentes lugares de Galicia,
varios historiadores e investigadores galegos subliñaron a presencia de poboacións
lacustres galegas, anque non afondaron na pescuda das mesmas. Con diferente
grado de certeza e convencemento, escribiron sobre este tema autores como o
Licenciado Molina, Joseph
de Cornide, o pai Martín Sarmiento, Manuel Murguía, Benito
Vicetto, Barros Silvelo,
Amor Meilán ou Florentino L. Cuevillas. De xeito máis
concreto, un dos máis importantes estudiosos deste tema, Luis
Monteagudo, nun completo traballo (16), pon en relación os mitos das cidades
asolagadas coas reminiscencias de hábitats palafíticos datados na idade do
bronce.
Neste contexto, o historiador ferrolán
Leandro de Saralegui (17), pregúntase sobre a existencia
de restos de estacións lacustres en Galicia similares ás descubertas noutros
lugares de Europa, chegando a unha conclusión afirmativa, baseado tanto na
existencia das tradicións de cidades afundidas baixo as augas como pola
presencia de instrumentos y ferramentas, espallados por territorio galego,
contemporáneos da época de existencia de poboacións lacustres en Europa.
Trátase dun tema repetido practicamente en
tódalas culturas e relixións. No que se refire ao aspecto mítico e inmaterial
do nacemento das lendas destas cidades asolagadas, hai sucesivas mencións de
diversas procedencia das mesmas, como recolle Taboada Chivite
(18) nunha longa lista onde menciona tanto tradicións dos pobos de orixe celta,
relatos da Biblia e do mundo micénico, o mito da Atlántida,
o libro da Metamorfosis de Ovidio e un conxunto de
poemas do século VI dos pobos godos, como unha ancestral, recorrente e estendida
serie de contos e lendas, casos de Lancelot du Lac, o rei Arturo ou a crónica
de Turpín, pertencentes aos ciclos artúrico e carolínxeo que tanta influencia exerceron nos contos e
tradicións galegas.
(16) Luis MONTEAGUDO GARCÍA.
Palafitos, problemas y leyendas.
En: Centro de Estudios de Etnología Peninsular.
C.S.I.C. Madrid, 1957.
(17) Leandro de
SARALEGUI Y MEDINA. Estudios sobre
Galicia. Pueblos lacustres. Biblioteca Gallega. Andrés Martínez, editor.
(18) Xesús TABOADA
CHIVITE. Las leyendas
de la laguna Antela. En: Cuadernos
de Estudios Gallegos. Tomo XXIV. Santiago, 1969.
Precisamente é importante recalcar
que son varios os escritores que insisten no feito de pór en relación estas
cidades asolagadas dun xeito especial coas lendas do ciclo do rei Arturo - caso
das historias dos Caballeros de
Os mitos das cidades asolagadas e dos reinos afondidos son fundamentais e atópanse moi presentes na
memoria dos pobos con antecedentes celtas. Son numerosos os contos e lendas que
derivan da cidade de Is ou Kers-Is,
que foi maldicida por mor do comportamento dos seus habitantes co santo bretón
San Gwenolé (20). É tamén o caso da baía de Cardigan en Gales, o Lough Neagh en Irlanda, o lago Grand-Creu
na Bretaña Francesa ou incluso a lenda das doncelas transparentes que Jean Markale (21) sitúa na foz do
río Eume cunha afastada evocación da fortaleza céltica de Ardobriga.
Outra interesante e recente interpretación
sobre as cidades asolagadas de Galicia é a que fai Joaquín
Caridad (22), poñéndoas en relación coas cidades do
Outro Mundo, dentro da tradición irlandesa, o con similares cidades situadas
nos fondos dos pozos, como recollen o folclore alemán ou bretón, en ámbolos
dous casos oíndose as badaladas das noites de San Xoán. Máis adiante, cita no
seu traballo os mitos das cidades afundidas situadas na baía de Cardigan, no País de Gales, ou na baía de Douarnez, no Finisterre de
Bretaña. Precisa as cidades galegas relacionadas con estes mitos: as situadas
en Duio (Fisterra), na praia do Orzán
(A Coruña) e na lagoa de Antela (Ourense), ademáis da
poboación de Lucerna no lago de Sanabria (Zamora).
Por outra banda, a estendida lenda do Diluvio
Universal como castigo dos pecados do xénero humano recóllese como tradición
común dun bo número de pobos de diversas culturas e variadas crenzas
relixiosas, polo que pode ser considerada - con diferentes variantes como o
mito grego da Atlántida, o diluvio de Babilonia ou as
lendas de catástrofes acuáticas dos amerindios - como un mito de carácter
universal, moito máis alá do ámbito cristián. Unha das máis frecuentes versións
desta xeneralizada lenda, na que incidiu recentemente Víctor Vaqueiro (23), contempla
o castigo divino aos habitantes dun lugar pola súa falta de caridade e
acollemento a Cristo, a Virxe ou algún santo persoeiro como San Pedro ou
Santiago.
(19) Fermín BOUZA
BREY. Fortuna de las canciones
de gesta y del héroe Roldán en el románico compostelano
y en la tradición gallega. En: Compostellanum. Volumen X, número
4. Santiago, 1965.
(20) LE ROUX, F.-GUYONVARC´H,
C. La légende
de la ville d´Is. Rennes, 2000.
(21) Jean MARKALE. Obra citada.
(22) Joaquín CARIDAD ARIAS. Cultos
y divinidades de
(23) Vítor VAQUEIRO. Guía
da Galicia máxica, mística e lendaria. Editorial Galaxia. Vigo, 2003.
Nos últimos tempos algúns estudiosos, caso de
Balboa Salgado (24), volven a considerar que a explicación tradicional da presencia
das cidades asolagadas no folclore estivo influenciada por unha certa tendencia
de carácter historicista que tiña en consideración as hipóteses sobre as
palafitas e as cidades lacustres, apelando á feitos como terremotos e
movementos xeolóxicos como a causa da repentina desaparición desas cidades.
AS CIDADES ASOLAGADAS NA
XEOGRAFÍA DE GALICIA
Con especial referencia ao territorio galego,
foron moitos os escritores, historiadores e etnógrafos que ao longo do tempo deron
nos seus traballos noticias particulares ou que recolleron lendas específicas
sobre as cidades asolagadas ou afundidas, caso do Licenciado Molina, Lucas Labrada, os Pais Martín Sarmiento e Felipe Gándara, Pascual Madoz, José Verea, Villaamil y Castro, Benito Vicetto, Leandro de Saralegui, Federico Maciñeira ou
Manuel Murguía.
Unha das cidades máis citadas e a lendaria de
Beria ou Veria, afondida baixo a lagoa de Cospeito (coñecida tamén cos
nomes de Santa Cristina e Lamas de Goa), pertencente
ao territorio habitado polos míticos baluros na Terra Chá lucense, que mereceu
a atención dos historiadores e etnógrafos galegos. A desaparición baixo as
augas da cidade de Beria foi recollida por Amor
Meilán (25), interpretando que tratouse dunha poboación lacustre porque en
tempo de seca poden verse no fondo do lago, pedras, trabes, ladrillos, olas e
diversos obxectos de ferro. Relaciona tamén Amor Meilán a cidade de Beria cun cabaleiro que levaba o nome de Saavedra e que
logo tomaría como un dos emblemas do seu escudo unha cidade anegada.
A mencionada lagoa interior de Cospeito, hoxe
desecada, foi tamén pescudada por Villaamil y Castro
e Luis Monteagudo, e xa foi citada o ano 1550 polo
Licenciado Molina (26) como lugar de asentamento dun
antigo poboado lacustre do que quedaban restos materiais dos edificios daquela
época, escribindo que se oen con frecuencia fortes bruídos dun animal e o
tanguer de campás, procedentes da lagoa, existindo diferentes versións dunha
lenda que ten a Virxe María como protagonista da falla de respecto que sufriu
cando pedía esmola na asolagada cidade de Valverde.
Más tarde, Manuel Murguía (27) escribiría que
a penas se atopa en Galicia un lago ou lagoa importante que non teña a tradición dunha cidade
sepultada, normalmente co nome de Valverde ou Villaverde.
A máis de reproducir practicamente a devandita información sobre Cospeito, cita
as cidades asolagadas de Reirís, Antela, Doniños, O Roxal en Neda, A Riega, Duio, Trava
en Laxe, Brandomil en Zas, Estebañón
en Viveiro, San Xoán de Ferreiros e Carregal en Riveira, chegando ata o lago de Carrucedo
na comarca leonesa do Bierzo.
(24) Antonio BALBOA SALGADO. A Raiña Lupa. As orixes pagás de Santiago. Ediciones Lóstrego. Verín-Santiago,
2005.
(25) Manuel AMOR MEILÁN. Provincia de Lugo. En: Geografía General del Reino de Galicia. Editorial Alberto
Martín. Barcelona, 1928.
(26) Licenciado MOLINA. Descrición del Reyno de Galicia y de las
cosas notables del. Mondoñedo, 1550.
(27) Manuel MURGUÍA. Galicia. Editorial Daniel Cortezo.
Barcelona, 1888.
Outras cidades asolagadas ou anegadas que mencionan
diversos autores posteriores a Manuel Murguía son as da Lagoa Sacra en
Forcarei, Pozo del Piago en Viveiro, Portocelo en Xove, lagoa de Alcaián en
Coristanco, praia do Orzán na Coruña, Carracedo en As
Pontes, Os Curbeiros en Friol, Montouto en Mondoñedo,
O Carballiño, Pozo de Lago en Maside e Louro en Muros, a última delas co veciño
pozo coñecido como Profundo de Louro, xermolo tamén de abondosas lendas que
recolle Ramón de Artaza (28).
Mención especial merece a chamada Lagoa
Sacra, sita no concello pontevedrés de Forcarei, hoxe desecada e utilizada como
terreo de sembradura. Segundo a tradición que
recolleu Fermín Bouza Brey (29) nas súas inmediacións
tivo lugar unha feroz batalla, sendo amurallado o recinto guerreiro e logo
asolagado polas augas para evitar a posterior profanación dos cadáveres alí
soterrados, conservando hoxe a condición
de lugar sagrado para o imaxinario popular.
Máis de setenta cidades sumidas
recóllense en traballos de escritores como Filgueira Valverde, Vicente Risco, Bouza
Brey, Carré Aldao, Álvaro
Cunqueiro, Santiago Lorenzo, Vítor Vaqueiro ou Mariño
Ferro. Así nas Rías Baixas cítase a presencia destas cidades míticas en Baiona,
Noia, Donón en Cangas, o areal de Panxón
e as marismas de Canido en Vigo, e na comarca da Terra
Cha aparecen, ademais da citada Beria en Cospeito, as
de Buriz en Vilalba, Trasparga
e Boedo en Guitiriz.
Por outra banda, na ampla zona que
abrangue a Costa da Morte existen numerosas lendas sobre cidades asolagadas, como
a de Duio en Fisterra; a de Gomorra,
na ría de Corcubión, que desapareceu mentres os seus habitantes celebraban unha
gran comellada; a de Vilaverde, fronte á praia dese
nome en Moraime de Muxía; a da Fonte de Ricamonde en Carnota, onde din que se agacha nunha cidade
romana, ou as vilas de Valverde, na praia de Corme e na
lagoa de Traba en Laxe.
No grupo de lendas de cidades situadas á
beira do mar, a máis coñecida é a de Duio, no concello
de Fisterra. Trátase da antiga Dugium, mítica capital
da tribo dos Nerios, erixida entre os cabos da Nave e
Finisterre e que foi arrasada por mor dun golpe de mar segundo unha tradición
que citan tanto o Pai Sarmiento no ano 1754 como Lucas Labrada no 1804. Arredor
da cidade asolagada de Duio concorren numerosas lendas
populares, moitas delas relacionadas co traslado do Apóstolo Santiago. Ademais
de investigadores como López Cuevillas, Esmorís Recamán ou Luis Monteagudo, o historiador Carré
Aldao (30) afirma a existencia de vestixios e restos exhumados, que demostran
que alí houbo unha cidade lacustre de tipo palafítico e a posterior presencia dunha
ampla citania con construccións
circulares que os actuais habitantes chaman fornos.
(28) Ramón de ARTAZA MALVÁREZ. La
villa de Muros y su
distrito. Pontevedra, 1959.
(29) Fermín BOUZA
BREY. Etnología y Folklore de
Galicia. Tomo I. Edicións Xerais. Vigo, 1982.
(30) Eugenio CARRÉ ALDAO.
Provincia de
A zona de Duio
foi visitada o ano 1837 polo viaxeiro e predicador inglés George
Borrow (31), que na súa viaxe contemplou os abertos e
solitarios areais atlánticos de Langosteira e de Mar
de Fora, mentres escoitaba dos lugareños de Fisterra
as variadas lendas referidas á misteriosa cidade de Dugium.
Segundo oíron aos seus devanceiros, nas brañas próximas ao areal da Lagosteira erguíase desde tempos moi antigos unha
importante cidade. Cando se atopaba en plena guerra, chegou por alí Xesucristo e díxolles aos veciños: “Que Deus os converta,
que nos non podemos”; e naquel momento a cidade desapareceu baixo a terra.
Outra lenda moi repetida no lugar fala dun cataclismo que sepultou totalmente a
cidade, salvándose tan só os bois dun veciño chamado Gures,
que despois de andar errantes, metéronse no mar onde afogáronse, quedando
transformados nas rochas mariñas coñecidas polo nome dos Bois de Gures.
O Códice Calistino,
na versión de Beleth e Marchianense,
recolle no século XII a coñecida lenda xacobea sobre o traslado dos restos do
apóstolo Santiago, sendo o único texto da época que sitúa con certa exactitude a
mítica cidade de Dugium como o lugar onde se atopaba
o palacio dun importante rei, acaso un legado ou gobernador romano. A este rei
ou gobernador, segundo algunhas fontes chamado Filotro,
a Raiña Lupa, que vivía nas proximidades de Iria
Flavia, preto de Padrón, remitiu aos discípulos de Santiago que querían soterrar
en Galicia o corpo do Apóstolo, sendo recibidos de xeito pouco amigable polo
citado gobernador, o que provocou o seu encarceramento ata atinxir a súa
liberación e fuxida do lugar, de acordo co historiador López Ferreiro (32).
Segundo Luis
Monteagudo (33) a cidade romana de Dugium era o
mítico porto dos Ártabros, citado polos xeógrafos clásicos Estrabón
e Ptolomeo, logo lugar de embarque dos cobizados
minerais de ouro e estaño, perdurando hoxe nos actuais topónimos das freguesías
de San Vicente e San Martiño de Duio. Para un dos
mellores coñecedores das tradicións da Costa da Morte, Alonso Romero (34), Duio caeu nun
progresivo desleixo a partires do século V e mentres os seus habitantes
refuxiábanse en lugares máis seguros, as súas rúas e vivendas foron
desaparecendo baixo a acción combinada da area das dunas e das augas do mar.
Entre os autores que ven
prestando ultimamente unha especial atención á cidade sumida de Dugium está o citado Antonio Balboa. Nun recente e completo
traballo que fai sobre a Raiña Lupa e a súa relación
cos relatos da translación do apóstolo Santiago a Galicia (35), detense de
xeito detallado na cidade asolagada de Dugium,
prestando unha grande atención á tradición literaria que existe arredor deste
lendario tema e facendo un percorrido polo folclore das fisterras
atlánticas onde existen tradicións similares ás galegas mentres estudia a
pertinencia de vinculalas xeográfica e culturalmente coas da nosa terra.
(31) George BORROW.
(32) Antonio LÓPEZ
FERREIRO. Historia de
(33) Luis MONTEAGUDO. Obra citada.
(34) Fernando ALONSO
ROMERO. Historia, leyendas
y creencias de Finisterre.
Briga Edicións. Betanzos, 2002.
(35) Antonio BALBOA SALGADO Obra citada.
Entre as lendarias lagoas
costeiras da provincia da Coruña, a de Carregal,
dentro do complexo dunar de Corrubedo
no concello de Ribeira, é unha das de maior tamaño e das máis coñecidas. Aberta
ao mar salgada e magnífico espacio natural, foi visitada polo pai Sarmiento e
citada como estación lacustre por Murguía e Monteagudo, gozando dun amplo abano
de abondosas lendas e curiosas tradicións relativas ao afondamento dunha
cidade, incluída á visión os días claros de grandes vigas no fondo da lagoa.
Neste lugar, segundo recolleron López Cuevillas e Bouza
Brey (36), erguíase a cidade de Malverde
ou Valverde, que estaba habitada polos mouros ata que foron atacados por Carlomagno e os Doce Pares de Francia. En plena batalla e
chegando a noite, Roldán pediulle a Deus unha hora
máis de visibilidade para poder derrotar aos seus inimigos, gracia que lle foi
concedida. E desde entón, no lugar hai unha hora máis de luz despois do solpor.
Outro caso especial de cidade asolagada é a
situada na que foi a maior lagoa galega, a de Antela, actualmente desecada, situada
na ampla planicie ourensán da Limia, que foi citada por José
de Cornide, Guillermo Schulz,
o Pai Flórez, Pascual Madoz,
Barro Silvela e Villaamil e Castro. Máis tarde
Francisco Conde-Valvís deu cumprida noticia de asentamentos
palafíticos en el lugar (37), mentres que foi especialmente pescudada desde o
punto de vista etnográfico por Taboada Chivite nun Cuaderno de Estudios Gallegos do
ano 1969 (38). Nela foi sepultada a mítica cidade de Antioquía, fundada polo
fabuloso rei Antíoco e, segundo antigas tradicións,
as torres máis altas dos edificios da cidade albiscábanse nos estiaxes mentres
oíanse as badaladas das campás durante as noites de San Xoán, Nadal e Reis.
Como narrou
Martínez Carneiro (39) nun recente traballo sobre a
lagoa de Antela no escudo de armas da próxima vila de Xinzo de Limia luce un
galo, lembrando o quiquiriquí que ás doce da noite en punto da Noiteboa se oe
desde as profundidades da lagoa de Antela, recordando que os poboadores
acuáticos da cidade maldita de Antioquía penan o terrible castigo sufrido por
haberen desprezado a un mendigo que era o propio Xesús. Segundo outra versión
da lenda a cidade foi anegada polas augas en castgo
por ter como ídolo o devandito galo.
En relación coa lagoa de Antela cumpre poñer
ao río Limia, que a atravesaba, máis coñecido polo seu mítico nome de Léthes ou Río del Olvido, citado
polo historiador grego Estrabón e os escritores
latinos Plinio e Pomponio
Mela, entre outros, cunha estendida lenda de procedencia celta referente ao total
esquecemento, incluso do propio nome e da identidade, pola parte de quen o cruzaba,
un mito que segundo a tradición foi roto polo procónsul romano Décimo Junio Bruto, cando, camiño do Océano Atlántico, atravesou
só o río e foi chamando polo seu nome, un por un, aos veteranos lexionarios do
seu exército (40).
(36) Florentino LÓPEZ
CUEVILLAS-Fermín BOUZA BREY. Prehistoria e Folklore da Barbanza. En: Revista
Nós, número 46. Outubro 1927.
(37) Francisco CONDE-VALVÍS.
La laguna
Antela y sus vicisitudes histórico-arqueológicas.
En: Boletín Auriense, número 5. Ourense, 1975.
(38) Xesús TABOADA
CHIVITE. Obra citada.
(39) Xosé Luis MARTÍNEZ CARNEIRO. Antela,
a memoria asolagada. Edicións Xerais. Vigo 1997.
(40) Antonio GARCÍA
BELLIDO. España y los españoles
hace dos mil años según
Son numerosas as publicacións dedicadas de xeito
específico ao estudio das lendas galegas, facendo case todas elas algunha referencia
ao mito das cidades asolagadas. O ano 1961, o Centro de Estudios Fingoy de Lugo (41) publicou un libro de contos populares, cun
prólogo do escritor Carballo Calero, incluíndo unha interesante
versión da lenda da Virxe do Monte e da citada lagoa de Cospeito. Segundo a
lenda, na aba do monte onde levántase a capela da Virxe do Monte e no sitio ocupado
hoxe pola lagoa atopábase a importante vila de Valverde que foi anegada pola
falla de socorro a unha pobre que realmente era a Virxe disfrazada. A mendiga
tan só foi atendida por unha familia moi pobre e ao día seguinte mandou saír da
casa á devandita familia mentres a cidade era asolagada de xeito súpeto polas
augas. Como en lendas similares aparece un lugar sagrado nas alturas - neste caso a capela da Virxe do Monte -, o
feito de se ver as chemineas das casas afundidas ou se sentir as badaladas das
campás da igrexa.
No ano 1969 publicouse un interesante traballo
do polígrafo coruñés Leandro Carré Alvarellos (42), que incluía as lendas dedicadas á cidade
de Beria en Cospeito (a mesma que se acaba de citar),
convertida na lagoa de Lamas de Goá pola idolatría
dos seus poboadores, e á lagoa ferrolá de Doniños (un
lugar recorrente nas lendas populares), anegada por mor de que non puidese
encontrar aloxamento no pobo o Noso Señor.
Entre os anos 1980 e 1995 outros autores recompilaron
nos seus libros diversas lendas galegas sobre as poboacións afundidas, incluíndoas
nos diferentes seccións das narracións populares, relixiosas, mitolóxicas ou
fantásticas. Na máis completa das publicacións sobre este tema, González
Reboredo (43) fai un apartado dedicado ás cidades asolagadas e aos heroes
francos, poñendo ambos temas en relación, e así aparecen lendas relativas ao
pantano de Boedo en Guitiriz – cunha fermosa lenda relativa á Sagrada Familia -
e as referentes ás lagoas de Carragal en Ribeira, de Valverde
en Cospeito, de Doniños en Ferrol, de Antela en Xinzo
de Limia y de San Martiño do Lago en Maside.
No ano 1980 Pedro de Frutos
(44) fai un percorrido polas lendas galegas de maior interese e no apartado de
lendas fantásticas cita os casos das cidades sumidas nas lagoas de Antela,
Cospeito e Doniños. O ano 1991 Santiago Lorenzo (45) destaca
o tema recorrente das cidades asolagadas dentro das tradicións galega,
mencionando os casos anteriores e engadindo a chamada vila de Troia en Donón onde aínda se lembra a tradicional lenda da Curuxaina. Por último, Caudet Yarza (46) inclúe no seu traballo do ano
(41) Centro de
Estudios Fingoy. Contos
populares da provincia de Lugo. Editorial Galaxia. Vigo, 1961.
(42) Leandro CARRÉ
ALVARELLOS. As lendas galegas tradizonaes. En: Revista de Etnografía. Museo de
Etnografía e Historia. Porto, 1969.
(43) Xosé M. GONZÁLEZ
REBOREDO. Lendas galegas de tradición
oral. Editorial Galaxia. Vigo, 1983.
(44) Pedro de
FRUTOS GARCÍA. Leyendas gallegas. De
Breogán al fin del mundo. Colección Opifex. Madrid, 1980.
(451) Santiago LORENZO
SACCO. Galicia mágica.
La herencia olvidada. Ediciones Martínez Roca.
Barcelona, 1991.
(46) Francisco CAUDET
YARZA. Leyendas de Galicia y Asturias. M.E. Editores.
Madrid, 1995.
Tamén o ano 1981 o crego, periodista e escritor de Viveiro, Enrique Chao Espina (47),
incansable viaxeiro da xeografía galega, practicamente cita os mesmos lugares
misteriosos que os escritores anteriores. Con respecto á lagoa de Estabañón ou Lebañón, cerca de
Viveiro, narra a chegada ao lugar de Santiago nun barco de vela tras unha forte
treboada, suplicándolle a un zapateiro da poboación que lle dese amparo.
Segundo a tradición, o artesán enfurecido botoulle unha forma de zapato ao
rostro. O Apóstolo retirouse ao monte Faro encima da vila, desde onde lle botou
a súa maldición:
Arrevírate,
vila,
co debaixo pra riba.
E como a mar oíse aquela imprecación, as
augas sepultaron completamente a vila maldita, oíndose desde entón o
melancólico tanxido das campás, procedente da cidade anegada.
Na mesma publicación Chao
Espina da unha versión parecida acerca da orixe do lago ourensán de Maside.
Neste caso a Virxe co Neno é desprezada polas xentes da rica vila. Tamén Nosa
Señora sube a unha altura próxima e desde alí botoulle unha maldición ao pobo
con estas verbas:
Lago, te sulago
lo de enriba para embajo.
E tamén neste caso as augas obedeceron e a
cidade quedou anegada cos seus habitantes dentro, coa excepción dunha rapaza
que andaba a coidar as ovellas e que deulle á Virxe un anaquiño de pan cando
pedía esmola, quedando tamén neste caso no imaxinario popular a lenda dun
profundo e inesgotable pozo.
Outro caso que cita Chao
Espina é o dunha praia preto da vila mariñeira de Corme,
onde existiu a cidade de Valverde, asolagada tamén pola maldición da Virxe.
Neste caso quedou no lugar do suceso unha pequena illa, chamada da Estrela,
onde os seus antigos habitantes levantaron na honra da Virxe unha capela, da
que hoxe se conservan as ruínas.
Nunha gran parte das lendas referidas as
devanditas cidades, destruídas e logo cubertas polas augas, véñense repetindo
en case todas elas os tradicionais nomes de Valverde e Lucerna que, como explicou
Manuel Murguía (48), teñen a súa procedencia no pasaxe da Vida de Carlomagno, na Crónica de Turpín,
onde se conta a destrucción da cidade de Lucerna, situada no Valle Verde (Valverde). Máis tarde, por mor da difusión da
devandita Crónica ou pola propagación dos romances, a lenda espallouse por
numerosos lugares de Galicia.
(47) Enrique CHAO
ESPINA. Leyendas de Galicia y otros
temas narrativos. Imprenta Fojo. Ortigueira,
1981.
(48) Manuel MURGUÍA. Obra citada.
Deste tema das cidades asolagadas fíxose
tamén eco o escritor Miguel de Unamuno, que sitúa o
escenario da súa coñecida novela San Manuel Bueno,
mártir (49) na emblemática aldea de Valverde de Lucerna. A vila afundida é a
clave que preside a historia que se conta na novela, centrada na dialéctica,
tan propia de Unamuno, entre a fe e a dúbida, mentres
a vida en superficie sigue o seu curso e no fondo desta superficie, baixo a
auga, está o cemiterio das almas dos avós e de todos os devanceiros.
Nun recente e completo traballo sobre as
cidades
asolagadas o profesor Alonso Troncoso (50) fai un
detido percorrido histórico sobre o tema, incluíndo o estado da cuestión das
poboacións lacustres, estendido a toda Galicia pero cunha especial incidencia nas
cidades situadas no litoral galego, a carón do Camiño Inglés a Compostela e na
comarca de Ferrolterra. No traballo desenvolve tamén un salientable estudio
sobre os diferentes estratos, factores ou compoñentes inmateriais e
etnográficos que acompañan a estas lendas tradicionais.
Dentro destes estratos, Víctor Alonso sinala unha primeira e fundamental
compoñente de catequese relixiosa que acompaña estes contos ou lendas; o
inmediato castigo de Deus ás cidades que non acolleron ou non auxiliaron ao seu
Fillo, á Virxe, á Sagrada Familia, Santiago, San Pedro ou algún outro santo, ao
tempo que procuraba a salvación das persoas caritativas. Trátase dun tema
mítico cristianizado no medievo, orixinando unha morea de similares lendas por tódolo mundo cristián: un pobo é asolagado por mor dos
pecados dos seus moradores, aínda que en algún caso pódense salvar os inocentes
e compasivos.
Conviría subliñar que as estendidas
lendas e mitos das cidades asolagadas pertencen ao acervo tradicional dun gran
número de pobos, que atopan numerosas influencias culturais ao longo de moitas
civilizacións e que agachan algo máis que a simple punición ou castigo dos
pecados e a falla de caridade dos homes. Citando a un dos máis sobranceiros
estudiosos da relixión e os seus mitos, Mircea Eliade (51), dentro da sacralidade das augas - tema que ten unha especial
significación nas costumes e na mentalidade dos galegos -, os ritos de
asolagamento e inmersión posúen tamén unha función de purificación e teñen unha
compoñente de rexeneración.
Seguindo co interesante traballo
de Alonso Troncoso, pódese ver como estudia outras
compoñentes destas lendas, como é o caso do contraste verificado entre os
lugares altos, que son os seguros, e os situados en terreos baixos, sempre a
piques de quedar anegados; a existencia de pozos inesgotables de auga, tan
presentes no folclore galego; a proximidade dalgún resto castrexo ou romano á
beira ou por enriba da cidade asolagada, incluso con achados materiais daquela
época, que se unen as lendas dos mouros e do folclore local; incluso a
presencia dunha ermida ou capela preto do lugar.
(49) Miguel de UNANUMO. San Manuel Bueno, mártir. Ediciones Cátedra. Madrid, 1986.
(50) Víctor ALONSO TRONCOSO. As
lendas das cidades asolagadas a carón do camiño. En: O Camiño Inglés e as
Rutas Atlánticas. Aulas no Camiño. Universidade da Coruña, 1997.
(51) Mircea ELIADE. Lo sagrado y lo profano. Editorial Paidos.
Barcelona, 1988
A tódolo
anterior poderíase engadir, como foise vindo en diferentes exemplos mostrados ao
longo deste traballo, unha serie de diferentes manifestacións cara ao exterior:
a presencia de antigos poboadores como é o caso dos lendarios mouros, tan
presentes no imaxinario popular, os sons das
badaladas, o bruar das bestas e o canto de galo, así como a visión de
cruceiros, cataventos, torres e cúpulas de igrexas, vigas e chemineas de
edificios, sinais unhas intanxibles e outras materiais, perceptibles en certas
datas máxicas, no período solsticial do ano ou en concorrencia de determinadas
condicións atmosféricas.
Rematando estas consideracións
sobre os compoñentes ou factores que interveñen nestes contos e lendas
populares, cumpre citar como feito diferencial a corrente presencia nas
diferentes narracións dun zapateiro como a persoa que nega a axuda ou socorro
ao personaxe sagrado que á demanda, e incluso o agrede.
Este feito pode ter a lectura sociolóxica de seren un prexuízo contra os
zapateiros, como representantes dos oficios artesáns, en oposición a boa
consideración popular mantida polos labregos e traballadores da terra.
Desde o punto do cancioneiro
popular, que sempre reflicte o sentir do pobo, pódese mencionar un romance de
cego publicado por Álvaro de las Casas (52) no ano 1939, poñendo en relación a
cidade de Valverde coas súas torres e rúas anegadas polas augas e cos lendarios
mouros sempre presentes na memoria popular:
Na lagoa de Valverde
hai baixo as augas salgadas
dende fai trescentos séculos
unha cidá asulagada.
Cidá povoada de mouros,
alá nas edás
pasadas,
cun Rei de branco turbante,
branca barba e capa branca.
Cidá con corenta torres
e vinte rúas fidalgas,
con bosques de sombra espesa
e xardíns de rousas brancas.
Todas as noites de lúa,
no fío das alboradas,
un feitizo envolto en ouro
xurde das augas salgadas.
(52) Álvaro de las CASAS.
Cancioneiro popular galego. Editorial
Más. Santiago de Chile, 1939.
A profunda lagoa de Doniños
atópase situada nunha depresión do val do río Anido,
preto do mar na freguesía dese nome baixo a advocación de San Román, situada a seis quilómetros da cidade de Ferrol. Trátase dun bo exemplo da interacción entre o mar e a terra,
dando como resultado un singular ecosistema causado pola erosión diferencial
onde as rochas máis blandas (xistos) orixinan o val
onde se asenta a lagoa e as máis duras e resistentes (pedra de grá) son a causa dos montes que lle serven de límite (53). A
lagoa ten unha figura case oval, ten unha superficie duns 2 km2 sendo hoxe en
día a cota de maior profundidade arredor de
A lagoa de Doniños,
lago para os veciños, non dispón de comunicación directa co mar e a barra
areosa que a pecha amosa unha boa cantidade de dunas colonizadas por un característico
e especial anel de vexetación palustre. As augas da mesma son especialmente
ricas en vida, constituíndo unha verdadeira reserva vexetal e animal. Nas zonas
que arrodean a lagoa crecen numerosos canaveirais, xunqueiras
e carrizais, e na beira da mesma consérvanse os
restos dun bosquete caducifolio onde predominan os salgueiros e ameneiros.
O variado e abondoso número de plantas serve
de refuxio e alimento a numerosos paxaros e a moitas aves acuáticas, tales como
somorgullos, galiñas de río, parrulos, garzas e alavancos,
especies que se incrementan de xeito notable durante o período da invernada.
Ademais pódense ver algunhas londras, no estío abundan as andoriñas e vencellos,
e en todo tempo aparecen as gaivotas prateadas, que fan a súa cría nas veciñas
illas Gabeiras. Na lagoa críanse anguías e as augas
da parte oposta ao mar están cubertas dun rechamante manto de nenúfares brancos.
Xa o Pai Martín Sarmiento na viaxe que fixo a
Galicia no ano 1745 (54) visitou Ferrol e a súa bisbarra, escribindo deste
lugar: “San Román de Doniños.
Aquí hai un lago dun cuarto de legua de circunferencia, e tradición que alí hai
vestixios dunha cidade chamada Valverde”. Máis tarde, na seguinte viaxe que
realizou os anos 1754 e 1755 (55), aloxándose no mosteiro de San Martiño de Xuvia, percorre a comarca ferrolá e volve a visitalo lago
de Doniños, do que escribe nesta ocasión: “Dízese que aquí hubo una ciudad y que se anegó. No es increible que allí hubiese un buen lugar. Oí que el
lago era dulce, y que tenía
fondo”.
(53) Sociedade
Galega de Historia Natural. Lagoa e praia
de Doniños. En: Dez sitios de interese natural na
comarca ferrolá. Ferrol, 1984.
(54) Fray MARTÍN SARMIENTO. Viaxe
a Galicia (1745). Ediciòn de José
L. Pensado. Editorial Toxosoutos. Noia, 2001.
(55) Viaje a Galicia de Fray
Martín Sarmiento (1754-1755). Edición de Cuadernos
de Estudios Gallegos. Santiago de Compostela, 1950.
Xa dixeramos que o historiador Manuel Murguía
(56), cando fala de Doniños na súa citada obra, da
como tradición antiga que a cidade de Valverde foi sepultada baixo as augas da
lagoa. Pola súa parte, o historiador local Montero Aróstegui na súa particular Historia de Ferrol (57),
seguindo a súa tónica de non afondar na historia antiga da urbe e da comarca
ferrolá, fai unha cativa mención da cidade asolagada de Valverde, afundida na
lagoa, segundo unha tradición que o escritor incluso considera confusa e de
pouco fundamento. Non obstante, o mesmo Montero Aróstegui publicaría anos máis tarde un artigo máis completo
na Revista Galaica (58) sobre a devandita lagoa, rectificando un chisco a súa
falla de atención anterior a este tema. Percorre Doniños
nunha barca, estendéndose na descrición da lagoa, na abundancia da pesca de
anguía, percas e sabalos e nas tradicións dos lugareños, que nesta ocasión considera dinas da maior
atención.
Foi o
médico compostelán Santiago de
De novo, Santiago de
(56) Manuel MURGUÍA.
Obra citada.
(57) José MONTERO
ARÓSTEGUI. Historia de la ciudad y departamento naval
del Ferrol. Madrid, 1858.
(58) José MONTERO
ARÓSTEGUI. Galicia pintoresca. El lago de
Doniños. En: Revista Galaica, número 2. Ferrol,
30 de Mayo de 1874.
(59) Santiago de
(60) Catálogo de la sección de protohistoria gallega de la colección de Santiago de
(61) Víctor ALONSO
TRONCOSO. Obra citada.
Anos
máis tarde do traballo de Santiago de