Libraría Central Librera

Rúa Dolores nº 2

15402 Ferrol

centrallibrera@telefonica.net

http://www.centrallibrera.com

 

Traballo publicado por cortesía do ATENEO FERROLÁN  http://ateneoferrolan.org

Foi publicado no número 26   Xaneiro-Febreiro-Marzo 2007

 

  Neste traballo Juan Burgoa fai un apuntamento biográfico sobre Emiliano Balás Silva (1859-1934), médico, pintor e poeta ferrolán. Mentres os paspáns oficiais da cultura e os profetas da modernidade da nosa cidade apoian de xeito pailán a persoeiros ou manifestacións presuntamente culturais de Narón, Mondoñedo ou Vigo, sobranceiros personaxes como Emiliano Balás permanecen no esquecemento.

Aproveitamos para recordar que o 3 de Febreiro de 2007 cúmplese o Centenario do nacemento de Jenaro Pérez Villaamil

 

UN APUNTAMENTO SOBRE EMILIANO BALÁS SILVA

 

 

 

Juan J. Burgoa

 

 

 

  Emiliano Balás Silva foi un significado pintor e escritor ferrolán. Médico de profesión, foi Presidente durante dúas etapas do Ateneo Ferrolán, destacado membro e Socio de Honra do Real Coro Toxos e Froles e impulsor das Irmandades da Fala. Os seus setenta e cinco anos de vida transcorreron a cabalo do paso do século XIX ao XX, vivindo a maior parte deles na nosa cidade, coa excepción do tempo que pasou en Santiago estudiando a carreira de Medicina e da súa estancia en Sevilla onde cursou estudios de Belas Artes na Academia da capital andaluza.

 

  Emiliano Juan José Balás Silva naceu na rúa da Mercé do barrio de Ferrol Vello o día 25 de Maio de 1859, sendo bautizado ao día seguinte na igrexa castrense de San Francisco. Era fillo de Juan Manuel Balás Castro, Mestre de Víveres da urca Santa Cecilia, e de Juana María Silva Balaguer. En posesión dunha desafogada situación económica e coa carreira de Medicina rematada con vinteún anos, Emiliano Balás levou a cabo na nosa cidade unha intensa actividade social, profesional e cultural, especialmente nos eidos da pintura e da literatura, ata a súa morte ocorrida a véspera de San Xoán do ano 1934 na súa casa da rúa Alonso López.

 

  Con antecedentes nobiliarios franceses pola vía paterna, Balás Silva foi unha persoa dotada dunha refinada cultura e estivo en posesión dunha ampla e selecta biblioteca. Foi fundador do grupo dos Scouts de Ferrol, presidente local do Partido Liberal, concelleiro do Axuntamento ferrolán, Presidente da Cámara Oficial da Propiedade, colaborador do Centro Obreiro de Cultura e membro numerario da Real Academia Galega da Lingua.

 

 

 

 

Image Hosted by ImageShack.us

 

 

 

EMILIANO BALÁS, PINTOR

 

  A súa primeira vocación artística foi a pintura. O ano 1880, unha vez rematada a carreira de Medicina, trasladouse a estudiar durante varios cursos na Academia de Belas Artes de Sevilla, onde traballou no estudio de José Arpa e coincidiu con coñecidos pintores como Virgilio Mattoni, José García Ramos ou Manuel de la Rosa. Estivo en contacto con importantes artistas do seu tempo e participou en diversos certames de pintura en Santiago, Lugo, La Habana e Madrid, nos que obtivo varios premios. Tamén exerceu como crítico de arte en periódicos locais.

 

 

 

  Cultivou tódolos xéneros artísticos, especializándose na pintura de flores e animais e nos temas paisaxísticos, constituíndo algunhas das súas mariñas francos acertos. Na súa obra, de carácter moi persoal, destacan tamén unhas alegorías moi coloristas e uns bodegóns de coidada elaboración. Aínda que a súa producción pictórica practicamente non é coñecida do público, un relativamente abondoso número de cadros tanto de pequeno como de gran formato son propiedade particular dos seus herdeiros e dalgunhas familias ferroláns.

 

BALÁS E O TEATRO

 

  Emiliano Balás cultivou diversos xéneros da literatura, actividade que iniciou practicamente a partires dos corenta anos de idade. Colaborou coa prensa local, con diversas revistas rexionais e madrileñas, o mesmo que con publicacións da emigración cubana e arxentina. No que atinxe a súa producción teatral escribiu preferentemente obras de corte popular, algunha delas expresamente feitas para o cadro de teatro do Real Coro Toxos e Froles que funcionou entre os anos 1915 e 1936, na liña de difusión da lingua galega que levou a cabo a devandita entidade. Balás Silva entra na categoría de escritores costumistas, moitas veces cunha acusada carga reinvidicativa na súa obra.

 

  Aínda que a maioría das súas obras nin se representaron nin se editaron, si o fixo o monólogo A noite de San Xoán, estreada o día 28 de Maio de 1917 no Teatro Jofre por Toxos e Froles, nunha festa galega presidida polo poeta Rey Soto, co gallo do segundo aniversario de Coro e da entrega da bandeira adquirida por subscrición popular. Outras obras teatrais escritas por Emiliano Balás foron a titulada Estranxeiro na súa terra, comedia en verso en tres actos; o drama en catro actos A mal casada; o drama en dous actos O venideiro e a comedia dramática en tres actos A falsa venda, todas elas inéditas. En castelán tamén permanecen inéditas varias obras como a comedia dramática El cacique e o drama El Padre José, ámbalas obras escritas en verso. 

 

 

Image Hosted by ImageShack.us

 

A OBRA POÉTICA DE BALÁS

 

  A meirande parte da obra poética en castelán de Emiliano Balás aparece en tres libros de poemas, editados en Ferrol. O primeiro, Rudezas de un cuarentón, publicouse o ano 1904 na Imprenta de El Correo Gallego. Dedicado ao ilustrado José Alonso López, ao longo das súas 88 páxinas publica 18 poemas de diferente temática, rima e extensión. A segundo deles foi o titulado La Europiada (Poema a la Gran Guerra Europea) editado pola Imprenta de Ricardo Nores o ano 1919. A última publicación foi La Expiación (Segunda parte de La Europiada), impresa en El Correo Gallego o ano 1930. Nestas dúas obras percorre en descritivos versos, non exentos de lirismo, as circunstancias da loita que asolou Europa.

 

  Balás Silva foi autor dun bo número de composicións poéticas en lingua galega, feito meritorio e precursor no tempo que lle tocou vivir. O seu galego, non sempre doado de ler, apóiase na fala popular, cun vocabulario ricaz, cheo de ironía e retrincos costumistas, aínda que amosa certos enxebrismos, vulgarismos e castelanismos. Como era corrente na época, a súa escritura abusa dos apóstrofos e trazos co obxecto de daren máis énfases ao fraseo. A súa poesía, que pode adscribirse ao grupo dos epígonos do Rexurdimento, está dentro dunha liña decimonónica.

 

 

  A súa variada obra poética en galego está espallada en diferentes publicacións, sendo as principais o Almanaque Gallego de Buenos Aires, dirixido polo lucense Manuel Castro; El Eco de Galicia, tamén da capital arxentina; Labor Gallega, dirixida en La Habana polo ferrolán Martínez Quelle; Estudios Gallegos, publicada en Madrid polo poeta ferrolán Aureliano Ribalta; Vida Gallega, fundada por Jaime Solá en Vigo; A nosa terra, semanario galeguista de A Coruña; Ilustración Gallega, publicada en Vigo; Revista Gallega, semanario coruñés de Galo Salinas, ademais da prensa de Ferrol. A rima e extensión destas composicións é moi diversa, incluíndo poemas costumistas, dramáticos, humorísticos, líricos, descritivos, épicos e elexíacos.

 

 

O SEU LABOR NO ATENEO FERROLÁN

 

 Un dos feitos más destacados no eido intelectual de Emiliano Balás foi a súa actividade no Ateneo Ferrolán, onde deixou variados traballos escritos e impartiu numerosas conferencias. O ano 1907 relevou como presidente da entidade a Andrés Comerma, Xeneral de Enxeñeiros da Armada, ata o mes de Marzo de 1908. En Abril de 1931, unha vez instaurada a República, tivo lugar unha nova etapa do Ateneo Ferrolán, nomeándose de novo como presidente a Emiliano Balás, cando contaba xa con setenta e dous anos, exercendo o cargo ata Outubro de 1932.

 

  O ano 1904, como resultado do concurso anual convocado polo Ateneo, Emiliano Balás veu premiada a súa memoria titulada Noticias biobibliográficas del polígrafo ferrolano D. José Alonso López. O concurso fallouse o 19 de Novembro, sendo considerado este traballo polo académico Martínez Salazar - que formou parte do xurado xunto con Gumersindo de Azcárate, Rafael de Labra e José de Echegaray - de gran interese por conter numerosos datos inéditos e outros pouco coñecidos que facilitarían o recoñecemento e o estudio crítico do insigne político ferrolán.

 

 CODA FINAL

 

  O esquecemento dun sobranceiro personaxe ferrolán como Emiliano Balás Silva, únese a outros casos similares nunha cidade como a nosa, onde os responsables oficiais da cultura, certos profetas da modernidade e determinados críticos de arte en estado puro sentan cátedra de paspáns e apoian de xeito afervoado a calquera persoeiro, fundación, entidade ou manifestación cultural que veña de fora, sexa de Vigo, Narón ou Mondoñedo, en detrimento dos autores, artistas, asociacións e actividades culturais propias da nosa urbe. 

 

  Entrementres, e na espera dun máis completo estudio biográfico e dunha cumprida recompilación que neste intre estamos a facer da obra literaria de Emiliano Balás, incluíndo a publicación de varios traballos inéditos, semella obrigado lembrar hoxe algunha das súas meritorias composicións poéticas editadas en idioma galego fai agora case un século, reproducidas con total fidelidade ao texto orixinal.

 

 

ILUSTRACIÓN 3

Image Hosted by ImageShack.us

 

 

 

 

 

         ¡T´envexo¡

 

¡T´envexo, mar da Frouseira,

que pódeste desfogar

contra as penas da Mariña

e remexel-o areal

c´os teus tremendos cachós

que en escuma se desfán¡

¡Eu t´envexo, cando os montes

ordenas d´asolagar

facendo temblal-o Cabo

co as ondas, que mesmo dá

medo no peito, escóitalas,

brua que te bruarás,

tumbando c´os tronos, cando o rayo

racha o ceo en desfeita tempestá¡

¡Eu t´envexo, pois gardo n-a alma miña

penas moi fondas que sofrir me fán,

e tendo o curazón esnaquizado

río en ves de chorar.

 

 

A terra d´o feitizo  (Fragmento)

 

  E a groriosa terriña d´os castros

que ergueron os celtas;

a terriña mais guapa, mais doce,

mais boa e mais meiga;

e a terriña mais agarimosa

e mais feiticeira,

d´as fraguiñas e soutos d´encanto

e d´arrecendentes e ulidoras herbas.

 

  E a terriña que garda n´os cumes

mais altos d´a serra

e n´as fontes e limpos regatos

manantes d´as pedras

os recordos de cen misteriosas

e antigas consellas

a os rapaces, por vellos petrucios

ditas po´la noite, cabo d´a lareira.

 

......................................................

 

 

 

 

 

   A leitiriña (Fragmento)

 

Choraba á neniña,

choraba de pena

e á fío caíanlle

as ardentes bágoas por ambas meixelas.

 

Choraba na rúa,

na rúa Travesa,

mirando escachada

a oliña é o leite correndo antre as pedras.

 

As xentes pasaban,

pasaban de presa,

sen lle creto daren

a tanta tristura, á pena tan fera.

 

...............................................

 

 

 

    Cipriana (Fragmento)

 

--------------------------------------

 

 

  E sofrindo a coitada mil penas

a un cruceiro de pedra chegou

e n´as casas que preto aló vía

un socorro demanda por Dios.

 

  Aló soupo que mais adiante

encomeza xa o pobo, que foi

envexado de Roma noutro tempo,

e oxe sollo esquencido quedou.

 

-------------------------------------

 

 

Libraría Central Librera

Rúa Dolores nº 2

15402 Ferrol

centrallibrera@telefonica.net

http://www.centrallibrera.com