A cantiga popular abrangue un amplo e variado
conxunto de composicións, normalmente breves e de certo esquematismo musical,
presentando o denominador común do seu antigo orixe e da súa permanencia na memoria
do pobo que as creou. Poucas manifestacións como os cantares, as cantigas e as
coplas populares poden servir de testemuña para chegar a un profundo
coñecemento do modo de ser, da cultura e das costumes dun pobo. Lémbralo así Manuel Machado:
Hasta que el
pueblo las canta,
las
coplas, coplas no son;
y cuando
las canta el pueblo,
ya nadie
sabe el autor.
O cancioneiro popular galego é ricaz en todo tipo de cantigas, tanto
aquelas que se refiren á chamada cultura inmaterial, caso da relixiosidade
popular, as tradicións ou as crenzas, como as que recollen e tratan temas da
coñecida como cultura material. Nembargantes, facendo un percorrido polas
escolmas de cantigas populares de Galicia pódese comprobar que no é moi abundante
o número de composicións relativas aos cruceiros, tanto no que respecta ao devandito
monumento considerado de maneira xenérica como a exemplares determinados.
Soto López, que realizou un
completo estudio na revista Grial
sobre a presencia do cruceiro na cantiga popular, suxire que, se cadra, a causa
diso sexa que é maior o respecto que se lles ten que a innegable devoción e agarimo
que se lles profesa. Dese xeito explícanos que cando se lles reza aos
cruceiros, sóese facer no idioma castelán:
Adórote,
cruz bendita,
que
estás en campo sereno,
en una semejante
a tí,
murió
Cristo Nazareno.
Entre estas composicións nas que o cruceiro aparece como o tema ou
obxecto directo da cantiga pódense citar as dúas seguintes, de fondo gusto
popular, recollidas de senllos traballos de Antonio Fraguas e Leiras
Pulpeiro, onde pódese
avaliar tanto a raizame profana como relixiosa desta obra tradicional:
Adiós,
sagrado cruceiro,
campiño da miña terra,
andar de
noite a ruada
ó lado
da miña prenda.
Oe misa
donde te vexan,
e reza diante os cruceiros;
que,
anque mates e anque esfoles,
has de
ter terra e máis ceo.
Hai tamén outra coñecida cantiga referida ao cruceiro e que, como é
acostumado no cancioneiro popular cando se refire a canto relaciónase co clero,
faino de certo xeito festivo e bulreiro. Dí a popular cantiga:
O noso
curiña novo
cando se
pon no cruceiro,
o norde
lévalle a capa,
o
vendaval o sombreiro.
O culto escritor e periodista Francisco
A. de Novoa recolle na súa obra outra cantiga onde de novo é protagonista o
cruceiro, nesta ocasión como testemuña das coitas amorosas:
Miña nai:
naquel cruceiro
deprendíchesme a rezar;
¡se tí
souberas que un home
deprendeume alí a
chorar¡ . . .
Unha nova cantiga, neste caso de carácter festivo, é a seguinte que se
tomou do devandito traballo de Soto López. Nela faise ao cruceiro o
centro toponímico e de referencia para os moradores dun barrio ou lugar que ven
nomeado pola presencia deste cruceiro:
Cunha
frauta e uns ferriños
e unhas
cunchas e un pandeiro,
faremos
unha ruada
os
veciños do Cruceiro.
No que está considerado por moitos estudiosos como o estudio más belido
da erudición galega e no que de maneira más profunda e rigorosa prodúcese un
achegamento ao cruceiro como obra da arte popular, a publicación As cruces de pedra na Galiza, Alfonso R. Castelao reproduce outra
composición referida a estes monumentos:
Adiós
calle de Carral
do
cruceiro para riba.
Adiós
casa da Rapela
onde
m´eu adivertía.
O mestre de poetas, el cambadés Ramón
Cabanillas, que recompilou no seu Cancioneiro
popular galego unha serie escollida de cantigas do pobo, inclúe unha
composición que se refire ao coñecido cruceiro pontevedrés da Xesteira:
O
cruceiro da Xesteira
ten dúas
pedras de asento;
unha é de marmurar,
outra de
pasar o tempo.
Outras dous cantigas populares, recollidas de respectivos traballos dos
etnógrafos Xaquín Lorenzo e Casal e Lois, refírense a determinados cruceiros das comarcas da Baixa Limia e do
Salnés:
Os probes nono ten
i os ricos nono dan;
quen queira sentar praza
saia ao cruceiro de Erbán.
Na aldea de Briallos
hai un cruceiro muy majo;
para se sentar Manuela,
a lado do seu Santiajo.
Outras dos autores recollen senllas cantigas referidas a outros dous cruceiros.
Así o fan Fermín Bouza Brey co histórico cruceiro da Coruña e Carlos
Sixirei cun coñecido exemplar da parroquia de San Xacobo de Xavestre en dous
composicións de diferente contido temático:
No cruceiro da Coruña, Manoel,
roubáronme un cobertore, Manoel,
e o ladrón iba dicindo, Manoel,
ogallá fora millore, Manoel.
Santa Eufemia, milagrosa,
ten o cruceiro de pedra;
ben o pudera ter de ouro,
ou de prata si quixera.
O escritor e publicista de Riberas de Lea, José Trapero Pardo, nun interesante traballo arredor dos cruceiros
lucenses publicado na revista Lucus, fai mención de dúas cantigas
procedentes das terras de Muras e de Pastoriza:
Xunto a Cruz da Gañidoira
salironme un día os lobos.
Brilaban os ollos deles
como brilan os teus ollos.
Paséi a Cruz do Fiouco
cando iba a raiar o día.
Levaba de compañeira
a quen tan ben eu quería.
De xeito similar, dous exemplares
tradicionais, o compostelán cruceiro do Gaio, situado hoxe adornando os xardíns
da Alameda santiaguesa, e o cruceiro arousán de Pontarnelas, son lembrados
noutras coplas populares que reproduce o senlleiro libro de Alfonso R.
Castelao:
A chorar mollei un pano,
a chorar mollei un lenzo,
dende o cruceiro do Gaio
ao campo de San Lourenzo.
A ponte de Pontarnelas
ten un cruceiro no medio
para despedir as mozas
aos mozos de Tremoedo.
O escritor e publicista Ramón de Artaza
recolle na súa obra un novo cantar popular coa lembranza dun coñecido cruceiro
da vila de Muros:
O Santo Cristo da Praza
vai na nosa compañía.
A Virxe da Soedade
queda na porta da vila
Do mesmo xeito, na vila mariñeira de
Redondela, posuidora de abundantes e senlleiros cruceiros, un novo cantar fai
referencia a estes enxebres monumentos populares:
O cruceiro de Pasales,
ten un faroliño;
que o abanea o aire
cando fai ventiño.
Tamén o coñecido Cristo dos Carrís, cruceiro tradicional que se levanta
no camiño que leva ao santuario de San Andrés de Teixido, é citado nunha das numerosas
cantigas que entoan os romeiros mentres fan o seu camiño de peregrinaxe:
Indo
para San Andrés
no camiño da
romaxe
vexo o Cristo dos Carrís
coidando a miña viaxe.
Así mesmo un cruceiro ourensán, o que se ergue no lugar de Espiñeiro, é
aludido como lugar de encontro e cita das mozas nunha coñecida cantiga popular:
A costiña do Cruceiro
é moi mala de subir,
as mociñas de Espiñeiro
suben a cantar e a rir.
Outro cruceiro, o que se levantaba no lugar de Palavea, na entrada da
cidade da Coruña por Elviña, é citado nunha copla popular que deixa testemuña
da función tradicional de marco o división xurisdiccional que tivo o cruceiro
noutros tempos:
Moito viva Palavea,
ela e mailo meu refaixo;
moito viva Palavea,
do cruceiro para abaixo.
Moito viva Palavea,
moito
Palavea viva;
moito viva Palavea,
do cruceiro para riba.
No Cantigueiro popular da Limia Baixa, recompilado polo estudioso
ourensán Xaquín Lorenzo, aparecen dúas cantigas dedicadas a Cruz de
Ferro, coñecida cruz do camiño de peregrinación xacobea que ollou moitas veces
aos campesiños galegos que tiñan que ir á sega en terras castelás:
Os ollos que a min me queren
nesta terra non están:
pasaron a Cruz de Ferro
e por Castilla andarán.
Ó pasar
a Cruz de Ferro
a Gudiña bena sei
i agora voume chegando
aos aires de Monterrei.
A copla popular, neste caso no idioma castelán, cántalle ao devandito
Cristo da Tahona, antiga e coñecida obra do barrio ferrolán de Canido que durante
moitos anos serviu de referencia aos seus veciños que ollábano emprazado na
parede dunha casa:
A la entrada de Canido
al llegar a
lo primero que se ve,
un santo Cristo de piedra
arrimado a la pared.
No que se refire ás prácticas da medicina popular, algunhas delas tiñan
relación cos cruceiros. É o caso da curación do chamado ramo cativo ou mal dos
nervios, debido aos amores contrariados, cando levábase ao doente deica as
gradas dun cruceiro e barrufándolle con auga bendita procedente da pía dunha igrexa,
dicíaselle:
Noso Señor, que na cruz está cravado
che quite este mal que tés aplegado;
e a Virxe María, que ao Fillo acompaña,
che día a salú e te deixe sana.
Por outra banda, é máis abondoso o número de
cantigas dedicadas aos artífices dos cruceiros, os canteiros, sendo a maioría
delas de carácter festivo e humorístico. O polígrafo pontevedrés Antonio
Fraguas recolle na súa obra Aportacións ó Cancioneiro de Cotobade
unha serie de cantigas referidas aos numerosos canteiros e pedreiros que
traballaron nunha ampla bisbarra arredor da súa terra natal:
Canta miña pedra, canta,
a compás de este punteiro;
canta miña pedra, canta,
faille compaña o canteiro.
Canteiriños, canteiriños,
que traballades na pedra,
aquí falta unha rapaza,
tendes que dar conta dela.
Non te
fíes, rapariga,
do
pedreiro que ben canta;
é a fariña da pedra
que se
lle pon na garganta.
Os canteiros vanse e vanse,
Se van, deixalos ir;
Se
eles marchan para fóra
outros
de fóra han de vir.
Os
mozos de Pontevedra
son canteiros refinados,
nunca lle falta diñeiro
nin mozas de quince anos.
Os canteiros, como outros oficios artesáns,
non sempre foron ben vistos pola xente que
traballa no agro. Deste xeito as coplas populares tamén mostran o
aspecto picaresco e crítico deste rexeito:
Canteiriño, pica e canta,
e deixa a costureiriña;
ela perde de casar
e tí de picar na pedra.
Pica, canteiriño, pica,
pica na pedra miúda,
pica na muller allea
que outros che pican na túa.
O carácter errante do traballo de moitos dos canteiros fai que sexa moi
abundante o número de cantigas que fan referencia aos amores que van deixando
tras eles. Os dous exemplos que seguen foron recollidos por Rielo Carballo
no seu Cancioneiro da Terra Cha:
Os canteiros xuran, xuran
que non marchan desta terra
sin que engañen unha nena
ó son de picar a pedra.
Non quero amor canteiro,
non quero canteiro amor,
non quero amor canteiro
que o teño labrador.
Ao carácter itinerante propio do oficio dos canteiros que deixan a
impronta popular das súas obras ao longo das parroquias galegas, tamén fai
referencia esta copla que se canta nas terras de Cerdedo:
Os canteiros vanse e vanse,
pasan Ponte de
Parada;
ás mociñas de Soutelo
váiselles boa
taxada.
Os canteiros foron sempre obxecto de mofa e rexoubeo e así reflíctese
nas cantigas do pobo. Na devandito Cancioneiro popular galego de Ramón Cabanillas tamén recóllense unha
serie de cantigas referidas ao oficio do canteiro:
Nas palabras dos canteiros,
Meniñas, non vos fiés,
collen os picos e vánse,
meniñas, ¿qué lles farés?
Canteiros de Pontevedra,
onde estades ben vos vedes,
por unha nena bonita
furaste sete
paredes.
Canteiros e carpinteiros
da vila de Pontevedra
aquí falta unha meniña
tedes que dar conta dela.
Neste mesmo senso burlesco, na ampla escolma de Cantigas populares feita por Dorothé
Schubarth y Antón Santamarina
recóllense unhas cantigas da parroquia de San Ourente de Entíns no concello de
Serra de Outes:
San
Adrián é canteiro
canteiro San Adrián,
San Adrián é canteiro
que ten o pico na man.
Os canteiros polo menos
pola terra donde andan,
os canteiros polo menos
deixan canteros pequenos
Non vos
fiés nos canteiros
rapasas
non vos fiedes
collen
os picos e marchan
rapasas qué lle
queredes.
De índole semellante, neste caso como reflexo da envexa debida aos bos
salarios obtidos polos canteiros que traballaron nas obras do novo Ferrol do
século XVIII, son estas coplas recollidas por Martínez Barcón e
conservadas na memoria histórica de pobo ferrolán:
Os
canteiros, vanse, vanse
pola
porta de Canido.
¡Que
malos demos os leven¡
¡Canto
pan levan comido¡
Os
canteiros, vanse, vanse
pola
porta de Caranza.
¡Que
malos demos os leven¡
¡Canto
pan levan na panza¡
Outra interesante e completa colección recollida polo Cancioneiro popular da provincia de Ourense inclúe
un conxunto de cantigas referentes aos canteiros en xeral ea os do concello de Beariz en particular:
Namorada
veño nai,
namorada
dunha pedra,
namorada
dun canteiro,
do canteiro que anda nela.
Os
canteiros de Beariz,
cando
veñen de Castela,
non
veñen polo Paraño,
veñen por Pena Marela.
Os
canteiros de Beariz
teñen a
sona e fama,
pois non
hai no mundo enteiro
que pique mellor a pedra.
Recollida por Saco y Arce na
súa publicación Literatura popular de
Galicia é a cantiga seguinte relativa aos canteiros de Pontevedra, que nos
fala do ímprobo esforzo destes traballadores:
Vivan os canteiros, nai,
vivan os
de Pontevedra,
que
fixeron vir a auga
de Vigo
pra Redondela.
Noutra escolma, a Colección de cantigas da Mahía, recollidas polo
académico Lois Tobío, natural do Concello de Bríón, aparece outra
cantiga que de novo lembra o carácter itinerante do oficio dos canteiros:
Os
canteiros vanse, vanse,
vanse para
Libarata;
levan os
picos de aceiro,
hanos de
traguer de plata.
Algunhas cantigas, como a seguinte recollida por Alonso Montero,
tamén teñen un contido social, por exemplo cando tratan da pobreza do traballo
do canteiro: