Image Hosted by ImageShack.us    Librería Central Librera
calle Dolores 2     15402 Ferrol    centrallibrera@telefonica.net

 

A CAPELA  DE SANTA MARGARIDA DO VAL.

UN CONXUNTO DE INTERESE ETNOGRÁFICO E ARTÍSTICO EN NARÓN

 

Por cortesía de Cátedra. Revista Eumesa de Estudios

 

  Un novo traballo de Juan J. Burgoa, escritor ferrolán que, perante a apatía oficial e a pobreza cultural de Ferrol, os últimos anos desenvolve as súas actividades fora de nosa cidade como membro da Asociación de Estudios Históricos de Galicia, Asociación Galega para a Cultura e a Ecoloxia, Asociación Cultural da Costa da Morte, Asociación dos Amigos dos Cruceiros e outras entidades alleas a nosa urbe. Tamén ven a publicar os seus libros e a maioría dos seus traballos históricos en revistas especializadas de Santiago, Vigo, Pontevedra, A Coruña, Sada, Lugo, Mondoñedo, Betanzos, Pontedeume, Neda, Cedeira, Xixón, Madrid e Barcelona.

 

Juan J. Burgoa

 

ESPACIOS SAGRADOS. SANTUARIOS, FONTES E CRUCEIROS

 

  Nos tempos actuais o estudio da relixiosidade popular, das crenzas, costumes e tradicións asociadas á mesma, deixou atrás unha etapa na que a súa orixe se atribuía á ignorancia e á superstición do pobo, aínda que semella perdurar esta consideración en certos estratos presuntamente progresistas da sociedade actual, confundindo deste xeito o que constitúe un concepto único e elitista da cultura co que realmente se trata dun variado abano de manifestacións dos modos de vida tradicionais dos diferentes pobos, por outra banda hoxe en transo de desaparición.  

 

  Galicia é unha boa mostra de como as culturas non só se diversifican nos diferentes ámbitos espaciais, se non tamén como teñen variado co paso do tempo. Na súa especial e espallada ordenación do territorio e ao longo da súa particular historia, pasada a época na que os señores galegos dominaran aos rebeldes campesiños e á incipiente burguesía, e despois que os Reis Católicos someteran á posterior nobreza dominante, deuse un proceso no que as cidades e vilas importantes foron converténdose nos eixes da modernidade, do comercio e da industria, mentres persistía no amplo eido rural un xeito de vida baseado normalmente nunha sociedade de usos e costumes tradicionais.

 

  Un percorrido pola nosa xeografía amosa que o emprazamento dos santuarios rurais de Galicia nunca foi elixido ao azar. Desde tempos inmemoriais, as alturas, e os montes en particular, foron sinalados como lugares sacros, estando marcados pola previa presencia de vellos cultos e sendo considerados particularmente propicios para a manifestación do poder divino. Por iso acometeuse a construcción de capelas, ermidas e santuarios, nun intento de cristianización dos cumios como lugares onde acudían os antigos poboadores a adorar aos seus deuses. Este é, por exemplo, o caso do monte de Chamorro no que se levanta a ermida de Nosa Señora do Nordés, na aba sur da cume, desde onde contémplase unha fermosa panorámica do val de Serantes, a cidade de Ferrol e a súa vizosa ría.

 

  Pero tamén, normalmente fora dos núcleos urbanizados, tanto na beira da costa como nas chairas e os vales, son numerosas as construccións relixiosas que a espallada poboación galega foi erixindo na honra das súas particulares advocacións, moitas veces herdeiras de antigas deidades e santos pagás. Débese ter en conta que na sociedade tradicional do mundo rural, a relixión foi sempre un elemento artellador que se mestura coa vida cotián, chegándose a unha confusión entre o sagrado e o profano, e dando orixe a uns dos elementos claves da vida destas sociedades: a lenda e o mito.

 

Image Hosted by ImageShack.us

 

  Nestes lugares, o espacio sagrado non só constitúeno o propio edificio relixioso e as construccións adxacentes incluídas no adro eclesial, senón tamén o ámbito circundante que pode abarcar un torreiro ou campo da festa e un souto arborado, formando todo iso unha unidade no seu conxunto. En moitas ocasións, a sacralidade deste espacio pode quedaren reforzada por un ou varios elementos, a saberen, un cruceiro - as veces coas súas estacións de Vía Crucis no camiño penitencial ou de romaría -, un peto de ánimas, unha fonte de augas con propiedades curativas, unha cova onde tivo lugar una aparición milagrosa e incluso algunha pedra de vellos cultos, sexa abaladoira, de carácter funerario ou fertilizante.

 

  Unha constante practicamente observada en tódolos casos de existencia dun santuario é a confluencia de datos históricos, máis ou menos documentados, xunto cunha serie de elementos baseados na lenda e a tradición. Iso reflíctese nun conxunto de prácticas como son as romarías, a medio camiño entre o pagán e o sagrado, uníndose a un variado mostrario onde as prácticas devotas como a misa solemne, a procesión e os variados ritos relixiosos que marca a tradición como o de bicar ao santo, a ofrenda de exvotos, a bendición do ramo ou a poxa de andas continúanse máis tarde coa festa laica e popular que se acompaña do baile, a música, os estralos dos foguetes e o xantar comunitario. Tamén moitas veces a orixe do santuario acostuma a levar asociada algunha lenda relativa a unha aparición da Virxe, a presencia da tumba de algún santo ou o achado casual e non explicado de algunha imaxe relixiosa.

 

 

A PARROQUIA DE SANTA MARÍA DE O VAL

 

 

  A histórica parroquia de Santa María a Maior de O Val, que foi matriz de San Xoán de Baltar, pertence hoxe en día ao concello de Narón e ten un gran interese etnográfico, conservando un notable folclore derivado do seu vello acervo histórico. Dentro da comarca funcional de Ferrolterra e da histórica Terra de Trasancos, segundo a autorizada opinión do arqueólogo Andrés Pena, probablemente toma o seu nome da igrexa de “Sancta María Maior ad términos de Vallemalo” (para algúns Vallemalo pode aludir ao terreo arxiloso no que se asentaba a igrexa), templo mencionado por vez primeira nas coleccións diplomáticas dos mosteiros de Xuvia e Pedroso nun documento de doazón do ano 1121. Así e todo, para o filólogo Álvaro Porto o nome do Val é “un topónimo absolutamente transparente”, aludindo ás propias características xeográficas do terreo que abrangue a parroquia, considerando improbable que Vallemalo se refira a este lugar.

 

  O certo é que o amplo territorio desta freguesía abrangue un profundo val protexido polos montes da Lagoa das rexas nordesías e temporais da fragosa costa atlántica. Nun apracible rueiro interior da parroquia atópase a fermosa capela de Santa Margarida, preto dun conxunto de casas de pedra, algunhas delas rehabilitadas e ben conservadas. Na encrucillada que está fronte á capela levántase un secular cruceiro e na súa proximidade, ás costas do templo, sitúase unha tradicional fonte de augas curativas. A conformación destas tríades (capela, cruceiro e fonte), de grande interese histórico e etnográfico, é habitual en moitos lugares sacros de Galicia, algúns deles de gran sona como é o caso das ermidas e santuarios da Virxe de Pastoriza en Arteixo, de Nosa Señora do Faro en Chantada, de Nosa Señora dos Milagres do monte Medo, de Santa Tecla en A Garda ou de Santiaguiño do Monte en Padrón, só por poñer algúns exemplos.   

 

  A parroquia de Santa María de O Val, co seu maior núcleo de poboación establecido no lugar de Santa Margarida, ten un grande acervo etnográfico e unha historia de seu que lle confire un grande interese. Dun xeito abreviado pódese lembrar o período que vai do Neolítico á Idade do Ferro, cun interesante legado de construccións materiais, mámoas e castros, ademais dos expresivos topónimos e as fermosas lendas, como as da Pena Molexa e da Pena Lapesa; o seu paso pola época medieval que deixou a notable testemuña material das herdades e vilas de Pradeedo, Quintá e Vilacornelle; a presencia na Idade Moderna de ata cinco coutos xurisdiccionais na freguesía, coa interacción de diferentes liñaxes e señoríos no seu territorio onde moraban 724 almas, como testemuña o catastro do Marqués da Ensenada do ano 1752; a presencia de diversas confrarías e a pertenza ao histórico camiño de peregrinación a San Andrés de Teixido cun albergue e hospital para romeiros e pobres itinerantes, asentados en dúas casas do propio lugar de Santa Margarida; a fundación e evolución histórica de interesantes e artísticas construccións como son o pazo e convento de Baltar, a igrexa parroquial de Santa María a Maior e a mesma capela de Santa Margarida.

 

  Esta longa historia deixou na freguesía de O Val un abondoso patrimonio material, un notable folclore e unha pegada inmaterial – o que nosos devanceiros chamaron cultura espiritual e que hoxe coñécese como patrimonio intanxible - que persiste na memoria da tradición oral dos seus veciños; en resumo, un interesante patrimonio cultural que foi pescudado de xeito completo por Andrés Pena en varias publicacións que se citan na bibliografía – especialmente nunha coidada monografía que dedicou á parroquia de “Sancta María Maior” de O Val -, polo que non se considera necesario abondar niso ao longo deste traballo.

 

 

A CAPELA DE SANTA MARGARIDA

 

  A sinxela e fermosa capela de Santa Margarida, ergueita nun despexado escenario que amosa o que puido significar a ampla extensión que tivo o seu antigo adro, posúe medianas dimensións e dispón dunha planta basilical, con tres corpos rectangulares que forman sucesivamente a nave principal, o presbiterio e maila sancristía, todos eles co seu piso lousado. O edificio cóbrese dunhas ringleiras altas de tella curva con abondosa presencia do pouco nobre material de uralita, con caída a dúas augas na nave e na sancristía, e a catro augas no presbiterio central. Os muros de carga son de perpiaños de pedra de granito de diferente corte e tamaño, cunha zona de pedra calcaria moi luída no seu frontis, complementados nalgunhas partes do templo co emprego de cachotería, en especial na cabeceira.

 

  Esta diferente estereometría reflíctese nunha mestura de amplos perpiaños de época barroca e outros máis pequenos que parecen dunha época anterior. Tamén, en zonas arredor da porta lateral dereita pódese ver que o aparello empregado é do tipo de soga e tizón. Estas diversas calidades e características da pedra usada na fábrica do templo, incluída as zonas de cachotería, fan que o escritor Souto Vizoso nun traballo que fixo o ano 1984 sobre a fonte e a capela de Santa Margarida, queira ver ata tres diferentes épocas ou etapas na súa construcción, incluso aventurando a súa orixe arredor do ano 950, “bastante despois de que fora destruída a cidade ártabra de Libunca, feito que tivo lugar no 820”, aínda que non aporta apoio documental verbo desta relación e desas precisas datas.

 

  A fachada do templo coróase cunha espadana de formas achaparradas e dobre vano, aloxando unha única campá e constituíndo practicamente o seu único remate dous pináculos laterais de forma cónica. A porta principal leva encima unha pequena ventá e está enmarcada por un arco conopial con catro finas arquivoltas boceladas que nacen de dúas estreitas columniñas entregas rematadas con pequenos capiteis de adobíos florais, rematándose a arcada nun florón en medio relevo, todo iso de pedra calcaria moi erosionada. Nos laterais altos do seu lintel rectilíneo leva incrustadas dúas pedras de armas: unha que representa un xabaril (ou mellor, un porco bravo), animal totémico do brasón dos Andrade, e outra un escudo cunha banda engolada que leva a inscrición de “Ave María Gratia Plena”, lenda tamén da mesma liñaxe que tivo o señorío da zona. Aparecen tamén diferentes tipos de cruces, unhas en relevo e outras gravadas, en varios lugares da fachada e dos muros do templo, que semellan seren marcas gremiais de canteiros.

 

Image Hosted by ImageShack.us

Ilustración número 2. Portada da capela



Image Hosted by ImageShack.us
  

Ilustración número 3. Escudo coa banda engolada dos Andrade

 

  No medio do muro lateral dereito da nave principal leva outra porta, tamén de arco conopial, dunha sinxela e única moldura. A aparente rudeza que amosa o traballo dos elementos de ámbalas dúas portas pódese deber á dureza do material empregado máis que á propia impericia do autor, segundo a opinión do profesor Valle Pérez que data a portada a comezos do século XVI, coa dificultade derivada dun xuízo emitido á vista tan só dunhas fotografías. Na parede lateral esquerda da mesma nave ábrese unha sinxela seteira.

 

  O interior da capela está recuberto de madeira que oculta a bóveda rebaixada da nave principal, presentando á entrada unha pequena pía bautismal e un pequeno coro de madeira cunha escada lateral de acceso. Achegados a ámbalas dúas paredes laterais da nave central colócanse senllas mesas pétreas de altar de aparente antigüidade, hoxe fora de uso. A sancristía da cabeceira comunicase interiormente co presbiterio mediante dúas portas situadas nos extremos do retablo mentres abren ao exterior unha porta e unha fiestra de moi simple feitío.

 

  O presbiterio cóbrese cunha sinxela bóveda de cruceiría de catro nervios diagonais, que tamén está recuberta de madeira, mentres que o arco faixón apuntado que da paso ao presbiterio é de granito revocado, estando apoiado en dous fermosos capiteis ou modillóns, hoxe pintados en ton azul claro. Estes capiteis están colocados sobre unhas pilastras formadas por columniñas de triple lóbulo, amosando as devanditas pilastras unha lixeira inclinación cara aos muros laterais.

 

  A decoración dos capiteis é de gran interese e marcado simbolismo, e quizais encerre moitas claves da antigüidade deste templo. O capitel dereito, mirando cara ao altar, leva uns adobíos entrelazados de trenzado simple con posible proxenie celta que enmarcan unha serie de figuras simbólicas en baixorrelevo. Segundo unha discutible interpretación persoal que fai Fernán Gómez nun recente traballo na revista Cátedra, inicialmente dedicado á capela de Santa Comba da veciña freguesía ferrolá de Covas, as citadas figuras poderían ser unha osa, unha pomba, unha pluma de pavo real e unha cuncha de vieira. Para o devandito autor, as tres primeiras figuras son símbolos procedentes dos primitivos tempos de cristianismo e corresponden aos atributos iconográficos de Santa Comba de Sens – tamén coñecida como Columba ou Coloma noutros lugares da península - unha das santas máis antigas no culto hispánico e que, desde a súa inclusión no santoral visigodo, en moitos lugares de Galicia ten sona de meiga conversa.

 

 

 

Image Hosted by ImageShack.us

Ilustración número 4. Capitel dereito

 

 

 

 

Image Hosted by ImageShack.us

Ilustración número 5. Capitel esquerdo

 

  Nembargante, parece máis verosímil que a figura do cuadrúpede citado en primeiro lugar sexa precisamente o dentudo porco bravo dos Andrade ou que se poda tratar da representación dun dragón – símbolo que acompaña a Santa Margarida de Antioquía -, segundo a interpretación que fai o historiador Andrés Pena. Tampouco parece tan clara a diferenciación da considerada pluma dun pavo real do que podería ser unha palma, símbolo do martirio de moitos santos, incluída a santa de Antioquía. Respecto á pomba débese ter en conta que non só é atributo específico de Santa Comba se non que tamén e unha representación constante e diacrónica do Espírito Santo e un antigo símbolo da pureza e a inocencia.

 

  Tampouco semella clara a presencia dunha vieira xunto cos outros tres símbolos, dentro da tese sostida por Fernán Gómez no devandito traballo. Esta cuncha tivo unha diversa simboloxía ao longo dos tempos: é o atributo de Venus nacida do mar, o símbolo da fertilidade e un antigo motivo funerario ligado á resurrección do ser humano no Xuízo Final (aparecendo colocada en moitas tumbas no mundo occidental), representando tamén o amor e a atracción sexual no mundo occidental e, desde os séculos XI e XII en adiante, foi o símbolo dos peregrinos a Santiago.

 

  No que atinxe ao capitel esquerdo, adobiase con baixorrelevos que Fernán Gómez considera como dous pavos reais enfrontados que representan a resurrección e a gloria eterna, lembrando que ese motivo de orixe oriental se remonta ao século IV e que se utilizou con frecuencia na época altomedieval, aínda que cremos que tamén poderían seren dous pombas peteirando un acio de uvas ou algún outro elemento vexetal, nunha simbólica alusión á eucaristía da arte medieval e renacentista. En todo caso, este derradeiro motivo non é ben visible por mor dunha fenda vertical intermedia que presenta hoxe o capitel, feito que esta vez Fernán Gómez adxudica á presencia dunha vella reixa de ferro que illaba a ábsida dos fieis na época medieval.

 

  En todo caso, parece que estamos ante uns capiteis interesantes e arcaicos que, segundo a autorizada opinión do profesor Valle Pérez – sempre á vista das fotografías remitidas -, semellan amosar máis a pouca pericia do seu autor que unha contrastada antigüidade. Sen descartar plenamente a súa procedencia do primitivo e veciño templo de Santa Comba, como apunta Rosa Méndez nun recente artigo sobre arquitecturas medievais de Ferrol, están dotados de certa rudeza primaria, pero en absoluto carentes de sentimento, reflectindo un programa alegórico e iconográfico, tal vez da arte cristiá primitiva ou simplemente de época medieval, mais de gran interese e nos que se debería afondar no seu estudio.

 

  Noutro orde de cousas, segundo unha alambicada, novidosa e cremos que arriscada teoría que apunta Fernán Gómez no mesmo traballo, a inclinación das citadas pilastras débese ao empuxe causado pola deformación que sufriu o arco triunfal de ferradura orixinal – que arrinca claramente retraído da superficie de apoio dos capiteis -, ata adquirir as actuais características oxivais de arco apuntado, por mor do replanteo feito no templo ao desaparecer os dous coros laterais propios dun cenobio altomedieval como puidera selo este templo. Polas devanditas razóns e a presunta presencia dun arco de ferradura, o citado autor adxudica a esta capela unha antigüidade anterior ao século IX, que é incluso superior á que lle concedeu Souto Vizoso no seu devandito traballo sobre a fonte e a capela de Santa Margarida.

 

 

Image Hosted by ImageShack.us

Ilustración número 6. Interior da capela co arco triunfal en primeiro termo

 

   Ademais, a ornamentación que amosan os capiteis e a particular xustificación que fai do apuntamento actual do arco triunfal da capela de Santa Margarida, orixinan que Fernán Gómez, no seu devandito traballo, a poña en relación coa de Santa Comba, facendo incluso a avanzada hipótese que o templo de Santa Margarida foise de orixe un pequeno cenobio altomedieval que ao principio estivo baixo a advocación principal de Santa Comba, como o devandito templo homónimo da veciña freguesía ferrolá de Covas. Non obstante, cumpre dicir que o autor se move no terreo das hipóteses, xa que non aporta proba documental algunha sobre o particular e que, a maior abundamento, non resta lembranza algunha desta teoría na memoria dos veciños de Santa Margarida. 

 

Image Hosted by ImageShack.us

Ilustración número 7. Imaxe actual de Santa Margarida

 

  O altar central da capela leva un sinxelo retablo de fondo sabor popular rematado dun frontón curvilíneo, policromado en color salmón combinado con tons verdes e brancos, levando un fornelo central entre columnas cunha dinámica imaxe de Santa Lucía ollando cara ao ceo, na súa tradicional representación de moza nova, vestida de patricia romana cunha túnica de movidos pregos, unha palma na man dereita e un prato amosando os seus ollos arrincados na esquerda. Nun pequeno altar lateral, atópase unha recente imaxe de escaiola da titular da ermida, Santa Margarida de Antioquía (a orixinal, segundo os veciños, feita de madeira e moi sinxela, perdeuse nun incendio), en actitude serea e cos seus elegantes roupaxes de xeométricos pregos vermellos e verdes escuros, amosando como atributos a palma do martirio e o dragón aos seus pés. A santa está colocada sobre andas, disposta para seren levada en procesión.

 

  Tendo en conta as características constructivas que amosa a portada principal, practicamente toda ela feita de pedra calcaria moi erosionada, Andrés Pena adxudica a construcción da capela - ou reconstrucción, caso de se confirmar, como algúns autores apuntan, a existencia dun templo anterior - ao segundo tercio do século XVI (arredor dos anos 1530-1540), apoiándose na traza hispano-flamenca do alfiz renacentista que inscribe a portada, escribindo que foi “seguramente construída por orde de Fernando de Andrade e da súa dona Inés de Castro e Lanzós”. Esta cronoloxía semella axeitada xa que ambos foron os primeiros señores de San Sadurniño desde principios do século XVI.

 

  Segundo a non moi abondosa información que nos foi fornecida polos freires claretianos do convento de Baltar - encargados hoxe en día do culto na parroquial de Santa María a Maior do Val e na propia capela de Santa Margarida -, as únicas referencias escritas das que dispoñen deste último templo son do ano 1614, data na que indican que tivo lugar unha visita pastoral á capela, e do ano 1664, data na que se iniciou o primeiro libro de fábrica de Santa María a Maior, información que non aporta ningún dato de interese, nin engade ningunha data concluínte que se refira á antigüidade da devandita capela.

 

 

O CRUCEIRO

 

  Os cruceiros, sobranceira recreación galega que é o froito da unión simbiótica da cruz, a pedra e o camiño, constitúen fitos santificadores dos rueiros, encrucilladas, adros parroquiais, torreiros e campos de romarías, engadindo cos seus ritos e costumes asociadas unha nova compoñente etnográfica e devota ás manifestacións da relixiosidade popular. Souberon velo así os nosos poetas, como Lamas Carvajal: “Sempre gardan cen memorias/ d´amantes tenras historias/ os cruceiros de lugar”, Amado Carballo: “A agonía do solpor/ conmove o pranto da terra/ e o paisaxe persínase/ con santas cruces de pedra”, María Mariño: “Somos terra de cruceiro/ somos coroa esquecida/ somos bágoa d´outro tempo” ou Avelino Gómez Ledo: “Alí onde se xuntan/ en cruce algúns sendeiros/ os sencillos cruceiros/ alí sempre se ven”.

 

  No caso de Santa Margarida, o seu cruceiro, enfeitado por abondosos e verdescentes liques, sirve tanto de elemento sacralizador do ámbito relixioso arredor da capela como de icona relixiosa que sinala a capela e acolle aos fieis que se achegan ao templo. Trátase dunha obra de certo interese, dentro das formas arcaicas, populares e pouco requintadas que amosa, semellando ser un traballo da segunda metade do século XVIII, confirmado pola devandita información obtida no convento de Baltar que data o cruceiro no ano 1744. Por outra banda, esta obra presenta características formais parecidas aos cruceiros das capelas de San Xiao dos Osos en Moeche e de San Antón de Carvoeiro en Cedeira, e ao chamado Cristo de Rebordelo da vila cedeirense, sendo posiblemente todos eles se non da mesma man alomenos da mesma escola ou obradoiro familiar. De gran interese e cunha feitura semellante era tamén o cruceiro ergueito no próximo e histórico lugar de Pena de Embade, en pleno camiño a Teixido, hoxe restaurado dunha forma pouco axeitada.

 

 

Image Hosted by ImageShack.us

Ilustración número 8. Cruceiro de Santa Margarida. Acuarela de Rodríguez Soto

 

 

Image Hosted by ImageShack.us

Ilustración número 9. Cruceiro de Santa Margarida. Detalle da cruz

 

  O cruceiro de Santa Margarida está elaborado de serpentina ou pedra de Moeche, excepto o pedestal prismático e os catro chanzos da plataforma que son de pedra de gra luída polo paso dos anos, o que podería indicar a presencia dun cruceiro máis antigo nese mesmo lugar, quizais da época da fundación da capela no século XVI, o que non debe descartarse pola antigüidade da construcción relixiosa á que sirve de referencia sacra, sendo un feito que xa apuntou atinadamente Andrés Pena. A serpentina ou pedra de toelo, empregada no resto do cruceiro actual, é un material autóctono, de abundante presencia nas comarcas de Ferrolterra e Ortegal, sendo un mineral máis brando e obediente ao traballo do cicel que a pedra do granito, polo que foi utilizado de xeito usual polos canteiros de ámbalas dúas comarcas. O seu brillo craso, o seu cor e tonalidade, entre verdoso, griseiro e rosa, e o seu particular xaspeado confírenlle unha atractiva tonalidade que varía coa luminosidade ambiental, pero que lle causa un maior desgaste e erosión co paso do tempo.

 

  A columna ou varal do cruceiro, bastante grosa e de sección marcadamente oitavada, con remates de landra na súa parte alta, é máis curta do normal. O capitel é de forma cuadrangular cunhas molduras pouco traballadas de caveto e bocel. A cruz de coroamento é grosa e de gran pesantez, cunha sección cadrada que remata nos seus extremos con adobíos de semiesferas. A imaxe frontal é a de Cristo de tres cravos, pegado ao madeiro baixo un gran pergamiño de INRI, a testa ladeada á dereita e coroada de espiñas, as más apertas como sinal da misericordia de Deus, o torso de marcada anatomía e o perizoma ou pano de pureza amarrado cun avultado e chamativo bucle, amosando as súas pernas seccionadas por unha posible agresión.

 

  Ao dorso do cruceiro aparece unha efixie da Virxe da Soidade ou das Dores, de feitura tipicamente galega, esculpida con certo detalle dentro do seu pouco relevo, coas súas más colocadas sobre o seu peito nunha recollida actitude, vestida cun amplo manto desde a cabeza e unha longa túnica de simétricos pregos lixeiramente marcados. Por razóns de culto e presentación aos fieis, a Virxe amósase situada nunha clásica postura frontal e hierática sobre unha peaña en forma de copa moldurada.

 

 

A FONTE

 

  Galicia é terra de abondosas fontes e augas correntes. No imaxinario popular persiste a crenza de que a auga é o elemento fundamental máis forte que os restantes: o  fogo, a pedra e o ar; é un ser que garda e outorga a vida, incluso agachando nas fontes, lagoas e ríos a presencia de xanas, encantos e meigas. As lendas, cantigas e romances de pobo amosan a carga simbólica das fontes, translocen as manifestacións dos vellos cultos hídricos e gardan a idea dunhas augas case sempre beneficiosas e profilácticas, moitas veces sandadoras e, en ocasións, fecundantes. Xa no século XVI escribía o Licenciado Molina: “Todo en Galicia se es agua e frescura”; e máis tarde, no XVIII, apuntaba o pai Sarmiento: “Las aguas en Galicia son como las romerías, cada día hay una nueva”.

 

  Dentro do proceso de fomento da devoción aos santos e á Virxe que de sempre promoveu a Igrexa, as peregrinacións e as romarías ocupan un lugar destacado, perpetuando dun xeito sincrético antigas crenzas e tradicións. Incorporadas dentro dos propios camiños ou colocadas ao final do traxecto, as “fontes santas”, onde desde vedraños tempos acudía a poboación rural en procura da saúde perdida, foron cristianizadas baixo o padroado dos santos milagreiros ou a Virxe. Como no resto de Galicia, nas comarcas de Ferrol, Ortegal e Eume non é infrecuente a presencia destas fontes, e así temos en lugares próximos as da Nosa Señora do Nordés en Chamorro, A Virxe da Mercé de Chanteiro en Ares, Santa Eulalia de Valdoviño, San Roque do Camiño en As Somozas, San Ramón de Sillobre en Fene, San Andrés de Teixido en Cedeira, Santa María de Monfero ou San Xoán de Caabeiro en A Capela.

 

Image Hosted by ImageShack.us
 

Ilustración número 10. Baixada á Fonte de Santa Margarida

 

  Non debe, polo tanto, estrañar neste caso a presencia dunha fonte milagreira. A fermosa e suxestiva fonte de Santa Margarida atópase agachada e de costas ao visitante, a pouca distancia da parte traseira da capela e non lonxe do próximo leito do rego Vespasante ou Freixeiro. Non obstante, o emprazamento actual no é o orixinal, posto que o ano 1802, dado o mal estado da fonte, se rehabilitou e trasladou ata un lugar un pouco máis abaixo de onde estaba inicialmente. Arrodea a fonte un muro de cachotería dotado de antepeito e que ao inicio da baixada sirve de pasamáns, dado que a fonte está a case tres metros de profundidade. Báixase cara ela por unha longa escaleira de pedra de dezaoito banzos e ao seu fronte leva un pequeno e sinxelo alpendre de teito de madeira recuberto de tella do país para acubillo e descanso dos visitantes e romeiros.

 

 

Image Hosted by ImageShack.us

Ilustración número 11. Fonte de Santa Margarida. Detalle do frontis

 

 

  No muro oeste de alpendre atópase incrustada dun xeito rústico unha imaxe pétrea antropomorfa que os veciños adxudican a Santa Margarida, obra de indubidable antigüidade, cunhas formas moi sinxelas e bastas, totalmente erosionada e decapitada. Polas súas características semella máis crible que a citada efixie, que se apoia nun esteo cuadrangular co que forma unha única peza e que puidera ser parte do pao vertical dunha cruz, fose realmente unha Virxe en actitude orante de maos xuntas, pertencente ao remate traseiro do primitivo cruceiro de pedra de gra que se levantou neste lugar nos primeiros anos do século XVI e ao que fixemos referencia con anterioridade.

 

  A fonte é de cantería de boa traza sendo unha posible obra do século XVII. O corpo principal é de grosos perpiaños e remátase dun amplo frontón triangular con moldura de bocel, levando gravada no centro do seu frontis unha boa cruz patada inscrita nun cadrado, que tanto Andrés Pena como Souto Vizoso consideran que se trata dunha cruz da orde militar de San Xoán de Xerusalén (ou desde principios do século XVI, orde de Malta). Segundo os traballos de Rafael Usero, esta orde, establecida no mosteiro sanxoanista de Portomarín no ano 1158, tivo gran arraigo nas terras de Cedeira desde fins do século XV, poñendo baixo a protección dos señores de San Sadurniño, a devandita rama dos Andrade, os templos de Teixido e Régoa, tal como demostra a cruz de Malta colocada na parte alta do brasón dos Andrade, hoxe localizado no interior do santuario de San Andrés de Teixido. 

 

  Neste senso, no seu devandito traballo Souto Vizoso fala erroneamente dun suposto Padroado Laical compartido entre a citada Encomenda de Portomarín e a rama dos Andrade de San Sadurniño, non só da capela de Santa Margarida se non que se estendía tamén ás ermidas de San Martiño de Vilarrube e da Concepción de Liñeiro, coñecida como ermida da Fame. Precisamente, na parte alta do retablo de estilo barroco popular da derradeira ermida aparecen dous medallóns con senllos retratos que a tradición ven a adxudicar a Fernando de Andrade e Inés de Castro, aínda que un coñecedor da historia e da arte da comarca, Rafael Usero, non está de acordo nesa adxudicación. Por outra banda, Andrés Pena explica a presencia da devandita cruz de Malta na fonte de Santa Margarida como unha sinal do vello camiño que seguían os peregrinos cara a Santa Comba de Cobas e San Andrés de Lonxe.

 

  Volvendo á fonte de Santa Margarida, de augas reputadas como curativas, ten unha pía con dous canos, dos que abrollan as augas a través de dous amplos e xenerosos “peitos” ou mamas de pedra; o da esquerda dedicado a Santa Margarida e o da dereita a Santa Lucía.  Si as augas do cano de Santa Margarida, patroa da fecundidade e protectora das mulleres en parto, curan as enfermidades da pel, as doenzas da gorxa e a esterilidade, as do cano de Santa Lucía, patroa dos cegos, das costureiras e dos canteiros, é reputada como avogosa das enfermidades da vista, é utilizada para a curación das afeccións dos ollos, polo que tempo atrás a xente que visitaba este lugar deixaba os panos utilizados para lavar a parte afectada do corpo nas árbores ou nas silveiras do campo preto da fonte.

 

  Con respecto ao cancioneiro popular, Esperanza Piñeiro e  Andrés Gomez na súa publicación sobre as lendas máis coñecidas das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal recollen a cantiga referida a esta fonte: “Santa Margarida ten/unha fonte con dous canos,/alí é onde se van a lavar/aqueles males estraños”. Tamén algunhas persoas veciñas deste lugar aínda lembran outra coñecida cantiga que nos deron a coñecer: “Miña Santa Margarida/ miña Margarida Santa,/ a auga da túa fonte/ curoume a miña garganta”.

 

  Débese lembrar que a devoción popular a Santa Margarida e Santa Lucía corre parella en moitos lugares da terra galega, como ocorre nas comarcas coruñesas de Bergantiños e Terra de Soneira coas ermidas de Santa Margarida de Baneira en Cabana e as súas homónimas de Montemaior en Laracha e de Muiño en Zas, que contan con senllas “fontes santas” e afamadas romarías. De feito, tanto o nome dunha como doutra santa aplícanse con bastante asiduidade á lúa en Galicia (pola contra, a advocación de Catalina emprégase máis en terras de Castela e da meseta central como nome poético do noso satélite). Con referencia á primeira di a coñecida copla popular: “Ó sol chámanlle Lourenzo/ e a lúa Margarida;/ Margarida anda de noite/ e Lourenzo polo día”. Da segunda, lembramos ter escoitado en varios lugares da Costa da Morte: “Chámanlle á lúa Lucía,/ chámanlle ó sol Manoel./ A Lucía anda de noite/ e Manoel cando quer”.

 

  Outros lugares galegos que levan o nome de Santa Margarida son os que se atopan na parroquia de Mourente do concello de Pontevedra, cunha antiga capela dedicada á citada santa, que, xunto co seu cruceiro e a fonte milagreira, foi obxecto dun estudio o ano 1976 por José C. Valle na revista Gallaecia; na parroquia de Saiáns en Moraña e na parroquia de Nosa Señora dos Remedios en Mondoñedo. Ademais, Santa Margarida é a patroa dos concellos coruñeses de Negreira y Zas.   

 

 

HAXIOGRAFÍA DE SANTA MARGARIDA E A SÚA ROMARÍA

 

  A capela de O Val está dedicada a Santa Margarida de Antioquía, filla dun patriarca dos xentís chamado Teodosio e unha das santas máis populares da Idade Media. Segundo a tradición cristiá e o publicado polo dominico Santiago de la Vorágine no século XIII, Santa Margarida foi sometida a terribles probas e finalmente martirizada baixo o imperio de Diocleciano o ano 303, cando tiña trinta anos de idade, por Olibrio, prefecto romano da rexión de Frixia, ao rexeitalo en matrimonio. En Antioquía, entón pertencente a Siria, e en tódala Asia Menor, unha das zonas onde o cristianismo tivo un temperán espallamento, dedicáronlle numerosas capelas e oratorios, propagando logo os cruzados a partires de século XI o seu culto por toda Europa, en especial por Alemaña, Inglaterra, Francia e España. Está considerada como santa protectora e avogosa das mulleres no transo do parto.

 

  A súa advocación celébrase o 20 de Xullo, aínda que a súa festividade foi eliminada do calendario litúrxico polo Concilio Vaticano II do ano 1969, mais, o mesmo que pasou con outros santos de raizame popular, o seu culto non desapareceu da memoria e das devocións de pobo. A súa iconografía habitual correspóndese cunha rapaza vestida de túnica e manto ao xeito das virxes romanas, levando como atributos a palma do martirio, unha cruz e un dragón, símbolo do demo, colocado baixo os seus pés, e deste xeito aparece representada a imaxe do interior da capela.

 

Image Hosted by ImageShack.us
Ilustración número 12. A procesión de Santa Margarida hoxe

 

  Fai moitos anos, na devandita data festiva do 20 de Xullo tiña lugar unha romaría moi concorrida na honra de Santa Margarida, que era sacada da capela nunha procesión para impetrala choiva en tempos de seca, levándoa ata a fonte, onde se mollaba a imaxe con auga do seu cano, nun ritual propiciatorio que podería parecer de excesiva familiaridade coa patroa e incluso de carácter irreverente, pero que moitos estudiosos destes temas, como o etnógrafo Mariño Ferro, xulgan que está moi estendido, non só no territorio galego se non tamén ao longo de diferentes lugares de España e Europa.

 

   Anque Souto Vizoso di que ese mesmo día se celebraba a “Feira do Vinte”, concorrida de labregos e gandeiros dos arredores do lugar, é máis probable, como escribe Montero Aróstegui na súa Historia de Ferrol e segundo pódese constatar nos Anuarios Ferroláns dos primeiros anos do século XX, que fose o día 25 de Xullo cando tiña lugar a feira no adro da capela, espallándose os postos de venda polo lugar ata a unha pista próxima que leva á parroquia de Santa María de Castro. Esta feira, que se celebrou ata mediados do pasado século e que en anteriores períodos históricos chegou a ter lugar os días 25 de tódolos meses, foi unha das maior sona e concorrencia da bisbarra, estando dedicada especialmente ao gando menor, aos apeiros de labranza, carros, arados e ferramentas, aos mobles e á artesanía da madeira, e á venta de leña.

 

  Aínda que a sona de ámbalas dúas santas persiste ata de agora con constantes visitas á capela de xente devota pertencente a diversos lugares da comarca, hoxe en día xa non se celebra a concorrida romaría que tiña lugar no desaparecido souto de vellos castiñeiros e que se celebrou ata os anos da Guerra Civil do pasado século. No seu lugar pasou a celebrarse unha sinxela festa, que tiña lugar no segundo venres do mes de Xullo e que nos derradeiros anos se trasladou ao primeiro sábado do mesmo mes. O acto central é a misa do mediodía, trala que sae a imaxe de Santa Margarida nunha curta procesión que arrodea o cruceiro e volve á capela. Do mesmo xeito, tamén deixou de levarse a cabo a procesión do 13 de Decembro, na que Santa Lucía era levada en procesión ata a fonte.

 

 

A REHABILITACIÓN DO CONTORNO

 

  O histórico lugar de Santa Margarida na parroquia de O Val constitúe un interesante núcleo rural onde, ademais do conxunto formado pola capela, fonte e cruceiro, aínda pódense ver nos seus arredores varios rueiros con vivendas tradicionais e construccións adxectivas do agro como algúns alpendres e hórreos de madeira tipo Cedeira, algúns destes bens patrimoniais ben conservados e outros non tanto. Ademais, cumpre lembrar que a capela de Santa Margarida está incluída dentro como ben cultural a protexer nos incluídos dentro do inventario do Patrimonio Histórico-Artístico do Concello de Narón, publicado no Diario Oficial de Galicia, número 132, do 11 de xullo de 1991.

 

  Por tódolo exposto sería desexable que o concello de Narón fixese un serio esforzo cara a unha protección axeitada e integral deste singular patrimonio etnográfico, e, do mesmo xeito que no ano 1984 unha corporación anterior fixo unha cumprida rehabilitación da fonte, o actual traballase no sentido de por en valor o fermoso conxunto formado pola capela, a fonte e o cruceiro, con independencia de que os veciños fosen quen de dar un pulo e recuperar a histórica feira do lugar. Aínda máis, por mor do interese do seu amplo patrimonio cultural, a parroquia de Santa María do Val é merecente dun moderno Centro de Interpretación de Recursos Patrimoniais, que non só pode servir para poñer en valor tan interesante e variado patrimonio se non que é a maneira máis efectiva e intelixente de protexer de xeito integral uns elementos patrimoniais moitas veces dispersos e que, pola escaseza de recursos económicos, non permiten unha protección singularizada.    

 

 

ADDENDA. A CASA DE SAN SADURNIÑO

 

  O citado Fernando de Andrade, que posiblemente mandou construír a capela de Santa Margarida, foi o primeiro señor da casa de San Sadurniño. Era fillo do matrimonio formado por Gómez Freire de Andrade e Constanza Méndez e neto de Nuño Freyre de Andrade “O Mao”, señor de Pontedeume e Ferrol, sendo practicamente coetáneo do seu curmán que levaba o mesmo nome, Fernando de Andrade, conde de Vilalba e de Andrade, coñecido persoeiro que algúns escritores confunden co primeiro dos citados, aínda que hoxe se está a diferenciar con claridade a figura de ámbolos dous personaxes homónimos.

 

  Fernando de Andrade casou en primeiras nupcias con Inés de Castro e Lanzós, filla de Alonso de Lanzós “o Vello”, caudillo irmandiño, e casou logo con Berenguela das Mariñas, tendo ata dezasete fillos entre ambos matrimonios, segundo escribiu Fernando Dopico no anterior número desta revista Cátedra. Como tamén apuntou Cal Pardo o ano 1984, foi o iniciador da rama dos Andrade que se asentou na devandita vila de San Sadurniño desde finais do século XV, “palpándose bastante rivalidad” coa casa matriz dos Andrade de Pontedeume.

 

  Autorizado por unha bula firmada polo pontífice Xullo II o 20 de Marzo do ano 1508,  Fernando de Andrade fundou a igrexa de Nosa Señora de San Sadurniño sobre as ruínas do antigo templo de Santa Olaia e hospital de San Xoán que pertenceran aos templarios, como informa Vaamonde Lores no traballo que publicou o ano 1910 nun boletín da Real Academia Galega sobre o convento de San Sadurniño. O 8 de Xuño do ano 1513 o comendador de Portomarín outorgoulle unha escritura de foro sobre os diezmos parroquiais de Santa María de Régoa e San Andrés de Teixido, segundo un documento conservado no Arquivo do Reino de Galicia.

 

  Desde que Carlos Martínez-Barbeito escribiu o ano 1978 que o matrimonio formado por Fernando de Andrade e Inés de Castro “fundan en 1527 el mayorazgo de San Sadurniño en la cabeza de su hijo Juan Freyre de Andrade, segundo señor de San Sadurniño, marido máis tarde de María de Valcárcel”, datos practicamente coincidentes cos apuntes xenealóxicos atopados no legado do historiador Vázquez Rey, arquivado na Casa da Cultura de Neda, os últimos tempos veñen publicándose diversos traballos históricos sobre a casa de San Sadurniño que serven para coñecer a historia do nacemento e evolución desta casa. Así, tanto Carlos Breixo como Fernando Dopico en senllos artigos publicados recentemente nesta revista reproducen o documento de 17 de Maio de 1526 de formación do vínculo e morgado da casa de San Sadurniño feito por Fernando de Andrade a favor do seu fillo primoxénito Juan Freyre de Andrade, insertando a licencia previa para esta formación, concedida en Burgos o 15 de Xuño de 1515  pola raiña Dª Juana de Castilla.

 

  Os sepulcros xacentes figurados dos primeiros señores de San Sadurniño atópanse na capela maior da reformada igrexa do Rosario de mencionada vila, aconchados a un lado do muro da fábrica orixinal do século XVI, mentres que ao outro lado do muro colócase o sarcófago baixo arcosolio que corresponde a seu fillo e herdeiro, Juan Freyre de Andrade, todos eles constando de arcón e estatua xacente, aínda que os sepulcros están baleiros polo posterior traslado dos seus restos ao veciño convento de Baltar. O notable conxunto funerario amosa unha interesante serie de escudos e símbolos heráldicos que tratamos de identificar coa axuda de Carlos de Aracil, especialista en Xenealoxía e Heráldica.

 

 

Image Hosted by ImageShack.us

Ilustración número 13. Igrexa do Rosario de San Sadurniño. Armas dos Castro e dos Lanzós na tumba dos Andrade.

 

 

  O cabaleiro Fernando de Andrade amósase vestido de armadura, cunha espada nas súas más e unha daga á cintura, flanqueado por una parella de anxos, carecendo a tumba dalgún escudo que revele a súa identidade. A súa dona, Inés de Castro aparece con hábito de monxa e un misal nas súas más, custodiada por dous anxos que se apoian na almofada. A parte inferior deste sepulcro leva un tradicional relevo representando o Calvario (Cristo na cruz coa Virxe e San Xoán aos seus pés), e á dereita o seu escudo, sostido por dous anxiños: as cinco lanzas postas en pao dos Lanzós e os seis roeis en dos paos de tres dos Castro, bordura de cinco castelos.

 

  O sepulcro pertencente a seu fillo Juan Freyre de Andrade, segundo señor de San Sadurniño, amosa un can aos seus pés como símbolo da fidelidade, levando unha larga inscrición en relevo de época gótica que indica a data ilexible do seu falecemento e na que figuran as súas mandas pías nas que obriga aos freires do convento a dicir dúas misas diarias cantadas e rezadas pola súa alma e as dos seus pais. Sobre a súa tumba, embutidos na parede, sitúanse tres escudos, que semellan traídos doutro lugar, posiblemente pertencentes á familia dos Andrade. O primeiro é un castelo sobre unha ponte de cinco ollos. O segundo leva a banda engolada dos Andrade, a bordura co lema mariano “Ave María Gratia Plena” e os roeis dos Castro, os mesmos elementos que aparecen representados no retablo barroco do altar; o escudo está sostido por un xabaril, animal simbólico dos Andrade. O terceiro escudo, de difícil identificación, amosa nunha parte cinco posibles torres e noutra as cinco lanzas dos Lanzós, levando na parte baixa a cabeza dun anxo alado. Neste derradeiro sepulcro, unha inscrición do ano 1793 sinala que esta tumba foi utilizada para o enterramento de José Jacinto de Quindós y Andrade, III marqués de San Sadurniño, descendente dos fundadores do convento do Rosario.

 

 

 

BIBLIOGRAFÍA

 

Aracil, Carlos de. Inventario Heráldico Ferrolano. II Ferrolterra (con la colaboración de Juan J. Burgoa). Edicións Embora. Ferrol, 2006.

 

Burgoa, Juan J. Los cruceros de San Andrés de Teixido y sus caminos de peregrinación. Cuadernos de Estudios Gallegos, tomo L, número 116. Santiago 2003.

 

Breixo Rodríguez, Carlos. Fundación do vínculo e morgado da casa de San Sadurniño, feito por Fernando de Andrade. Cátedra, revista eumesa de estudios, número 13. Pontedeume 2006.

 

Cirlot, Juan-Eduardo. Diccionario de símbolos. Editorial Labor. Barcelona 1987.

 

Cal Pardo, Enrique. El monasterio de San Salvador de Pedroso en tierras de Trasancos. Diputación Provincial de La Coruña 1984.

 

 

 

Cebrián Franco, Juan J. Santuarios de Galicia. Santiago 1982.

 

Dopico Blanco, Fernando. Prolegómenos, fundación e transmisión dos morgados de Baltar e San Sadurniño na comarca de Ferrol (Séculos XVI ao XVIII). Cátedra, revista eumesa de estudios, número 13. Pontedeume 2006.

 

Ferro Ruibal, Xesús (Dir.). Diccionario dos nomes galegos. Editorial Ir Indo. Vigo 1992.

 

Gómez Filgueira, Fernán. Per porto de Ferrión e territorio Britonia. Cátedra. Revista Eumesa de Estudios. Número 12. Pontedeume 2005.

 

López Cuevillas, Florentino. O culto das fontes no Noroeste hispánico. Museo do Pobo Galego. Santiago 2002.

 

Mariño Ferro, Xosé R. Las romerías, peregrinaciones y sus símbolos. Edicions Xerais. Vigo 1987.

 

Martínez-Barbeito, Carlos. Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña. Diputación Provincial de La Coruña 1978.

 

Méndez Fonte, Rosa. Arquitecturas medievais no municipio de Ferrrol. Revista Columba, número 5. Ferrol 2005.

 

Pena Graña, Andrés. Unha parroquia con celtas reminiscencias na Terra de Trasancos. “Sancta María Maior” de O Val. Narón 2004.

 

Pena Graña, Andrés. Narón, un concello con historia de seu. Volume I. Narón 1991. Volume II. Narón 1993.

 

Piñeiro de San Miguel, Esperanza – Gómez Blanco, Andrés. De lenda en lenda. Camiños máxicos polos noroeste de Galicia. Ferrol 1999.

 

Sá Bravo, Hipólito de. Creencias del costumbrismo religioso en Galicia. Diputación Provincial de Pontevedra 1991.

 

Soraluce Blond, José R. - Fernández Fernández, X. Arquitecturas da provincia da Coruña. Volume VIII. Ares, Fene, Mugardos, Narón y Neda. Deputación Provincial da Coruña 1997.

 

Souto Vizoso, Arturo. A fonte e a capela de Santa Margarida na parroquia do Val. Boletín informativo do Concello de Narón. Número 6. Marzo 1984.

 

Usero, Rafael. El santuario de San Andrés de Teixido. Cedeira 1992.

 

Vaamonde Lores, César. El convento de San Saturnino. Boletín de la Real Academia Gallega, 33. La Coruña, 20 de Noviembre de 1910.

 

 

 

Valle Pérez, José C. Los cruceros en la parroquia de Mourente (Pontevedra). Gallaecia. Universidad de Santiago. Ediciones del Castro 1976.

 

Vázquez Rey, Antonio. Legado. Tomo II Comarca. Carpeta Genealogía. Arquivo e Biblioteca Municipal de Neda.

 

Vorágine, Santiago de la. La Leyenda Dorada. Alianza Editorial. Madrid 1987.

 

 

 

AGRADECEMENTOS

 

Carlos de Aracil, Andrés Pena, Rafael Usero, Manuel P. Grueiro, Xosé C. Valle, Padres Claretianos do Convento de Baltar, José A. e Oliva Abelleira (Veciños de Santa Margarida).  Central Libreira da Rúa Dolores nº 2 de Ferrol

Image Hosted by ImageShack.us CENTRAL LIBRERA     centrallibrera@telefonica.net