Librera Central Librera

Calle Dolores 2

15402 Ferrol

Teléfono [34] 981 35 27 19

centralibrera@telefonica.net

 

 

 

 

Reprodúcese neste traballo parte do texto contido no estudio de Juan J. Burgoa

sobre o antigo cemiterio de Canido en Ferrol presentado no último número da revista “Estudios Mindonienses”, seguindo a tónica habitual do autor de presentar traballos de tema ferrolán en publicacións de fora, que non alleas, de nosa cidade.

 

 

 

O CAMPOSANTO DE CANIDO EN FERROL,

O PRIMEIRO CEMITERIO DA ILUSTRACIÓN EN GALICIA

 

Juan J. Burgoa Fernández

 

 

 

La librería Central Librera agradece a Juan José Burgoa el permiso para publicar esta parte de su articulo en nuestra página web.

 

 

 

 

OS CEMITERIOS NA HISTORIA

 

  O estudio dos cemiterios constitúe un aspecto do maior interese para o coñecemento da evolución das costumes da sociedade, ademais de amosalo desenvolvemento histórico da arte, urbanismo e arquitectura manifestados nas necrópoles funerarias. A forma e o lugar de enterramento variaron ao longo da historia como un elemento máis, inherente as diferentes relixións, culturas, tradicións ou épocas históricas. En resumo, os cemiterios, así como os ritos e costumes asociados aos enterros que neles teñen lugar, retratan á sociedade do seu tempo; de aí a súa importancia e interese para o historiador.

 

  Na cultura clásica a vida e a morte tiñan espacios claramente diferenciados. As necrópoles situábanse nas aforas das cidades, aínda que relativamente cerca das mesmas, ao longo dos camiños ou nos lugares de paso, evitando deste xeito o esquecemento dos devanceiros e asegurando, á vez, a protección destes espacios sagrados. Este afastamento dos núcleos habitados evitaba ademais o risco de contaxio das enfermidades derivadas dos lugares de sepultura.

 

  No mundo occidental este panorama cambiou coa chegada do cristianismo, xurdindo a necesidade de inhumalos cadáveres cerca de lugares sagrados. Créanse daquela as catacumbas, covas subterráneas onde enterrábanse os cristiáns perseguidos, agrupados arredor de tumbas de santos ou mártires. As sepulturas podían dotarse de inscricións e decoracións de simbolismo cristián ou, en certos casos, tratábase de sarcófagos adobiados con relevos ou pinturas relixiosas no muro.

 

  Ao proclamarse o cristianismo como relixión oficial do Imperio Romano a principios do século IV, desapareceu a necesidade de realizar enterramentos subterráneos, comezando a se construír as primeiras basílicas na superficie e saíndo os cemiterios ao exterior. Na Idade Media a tradición relixiosa impuxo o emprazamento das tumbas preto dos conventos ou á beira dos muros das catedrais e mosteiros, como unha condición para perpetuala súa memoria e garantila súa salvación.

 

  Nese momento a vida e a morte únense nun mesmo espacio, converténdose a cidade nun gran cemiterio, pese á inicial oposición das autoridades eclesiásticas. Os mortos, o mesmo que na vida, marcaban a súa xerarquía. A nobreza, a aristocracia, e as persoas pertencentes ás irmandades ou confrarías ocupaban lugares privilexiados dentro dos templos, en capelas privadas ou criptas, reservando a nave central ao estamento eclesiástico. O resto da poboación quedaba fora da igrexa, ao se crear os cemiterios parroquiais, ordenados a modo de claustros onde as galerías cubertas reservábanse ás capas medias da sociedade e o centro do patio dedicábase a tumbas, moitas anónimas, e a fosas comúns que se baldeiraban ao paso do tempo, para deixar terreo libre aos enterramentos posteriores.

 

  O crecemento demográfico experimentado na Idade Moderna, que traxo consigo un maior número de enterros nas cidades, a maioría delas amuralladas, fixo insostible a presencia de camposantos urbanos, comezando a seren considerados como focos de infección de moitas epidemias. Por outro lado, o cambio de mentalidade impulsado desde o Concilio de Trento orixinou que os cemiterios comezaran a perder relevancia na sensibilidade relixiosa, levándose a cabo unha progresiva laicización dos cemiterios dentro dun proceso que iría en aumento nos séculos posteriores.

  Ao amparo da Reforma e cunha sociedade que se vai desvencellando de xeito emocional dos restos dos seus devanceiros, inícianse as ampliacións das igrexas dun xeito xeneralizado en toda Europa a partires do século XVII. Dese xeito, vanse creando as capelas funerarias, adxacentes aos templos, mentres os camposantos comezan a se relegar a lugares arredados, como sucede en Francia onde aparecen os primeiros cemiterios modernos, separados das igrexas.

 

 

A ILUSTRACIÓN. AS NECRÓPOLES E CEMITERIOS URBANOS

 

 

  Coa chegada da Ilustración, no século XVIII empezouse a cuestionala costume tradicional de inhumalos cadáveres dentro das igrexias, denunciando a súa insalubridade e a presencia de malos olores nas cidades. Da  emerxente ciencia europea xurdiu unha rama, o hixienismo público, que cambiou en moitos sentidos o aspecto urbano das cidades europeas. A forma anterior de levar a cabo os enterros, que consideraba o enterramento ad-sanctos como a mellor fidelidade aos familiares, foi cuestionada polo hixienismo ao seren considerada unha práctica que provocaba unha alta e permanente mortaldade epidémica nas cidades. Ante esta situación, xa en Francia decidiuse a destrucción e traslado dos cemiterios fora das cidades, mediante un Edicto estatal do ano 1763.

 

  En España, cunha situación semellante, deuse a voz de alarma a partires dunha importante epidemia de peste na vila vasca de Pasajes o ano 1781, segundo as testemuñas da época causada polo intolerable fedor que desprendían no templo parroquial os moitos cadáveres alí sepultados. A igrexa, repleta de sepulcros amoreados e dotada dunha aireación non axeitada, converteuse no foco da epidemia. Ante esa cuestión, o goberno de Carlos III apresurouse a pedir informes sobre a materia a diversas nacións europeas. Estes informes confirmaron a mesma situación nas capitais europeas, polo que se empezou a consideralo serio problema dos enterros nas igrexas (4).

 

  Leváronse a cabo entón medidas preventivas pola parte do Estado para desterralo risco de epidemias, entre as que estaba a creación dos cemiterios extramuros, fora do perímetro urbano das cidades. Xunto con esta importante medida hixiénica, puxéronse en marcha outras accións encamiñadas a modernizalo urbanismo dos pobos e cidades, creándose plans xerais de sumidoiros para augas residuais, servicios de retirada do lixo das rúas e severos controis sanitarios nos portos de mar, lugar de entrada de enfermidades e pragas.

 

  Como exemplo a seguiren, o propio rei Carlos III, dentro do proxecto de engrandecemento e mellora do Real Sitio de San Ildefonso, na provincia de Segovia, o ano 1784 decidiu a construcción dun cemiterio lonxe da zona residencial (5), xa que ata de aquela data os enterros tiñan lugar no adro da igrexa parroquial de Nosa Señora do Rosario. O cemiterio era un recinto de 58 varas de ancho por 30 de fondo (algo máis de 1200 metros cadrados), dotado dunha pequena capela á entrada, seis nichos reservados para “personas de nota” e un osario. Asemesmo elaborouse un Regulamento, o primeiro que daba normas para a conducción dos enterros ao cemiterio, obrigatorias para tódalas persoas de “qualquiera clase, estado o dignidad que sean”, e para a sepultura dos cadáveres, especificando os oficios fúnebres e establecendo un rexistro das partidas de defunción.

 

  Pouco máis tarde, Carlos III promulgou a nivel nacional a Real Cédula do 3 de abril do ano 1787 (6) prohibindo os enterramentos intramuros, ao tempo que ordenaba a construcción de cemiterios nas aforas das cidades. Mais esta ordenanza, comunicada a “Gobernadores, Corregidores, Alcaldes Mayores y Ordinarios, Prelados Eclesiásticos, Corregidores y Jueces y Justicias de estos mis Reynos”, resultou pouco práctica, ao non daren instruccións concretas para a construcción e o finanzamento dos novos recintos, nin regras precisas para a súa localización, recomendando tan só situalos “fuera de las Poblaciones, en sitios ventilados e inmediatos a las Parroquias, y distantes de las casas de los vecinos, y se aprovecharán para capillas de los mismos cementerios las Hermitas que existan fuera de los Pueblos”, anque non se determinaba a xurisdicción municipal ou eclesiástica sobre elos.

 

  Posteriormente, sendo rei Carlos IV, a devandita Real Cédula do ano 1787, foi reiterada e complementada por dous Ordes Circulares,  con datas do 26 de Abril de 1804 e de 28 de Xuño do mesmo año (7), dirixidas aos Alcaldes e Gobernadores das cidades e vilas máis importantes da nación. No caso de Ferrol, estas ordes foron remitidas ao Gobernador das Vilas de Ferrol e A Graña e nelas insistíase nas instruccións dadas polo seu irmán Carlos III. Particularmente, na primeira delas comunícaselle á autoridade local o nomeamento de Andrés Lasauca como Ministro do Real e Supremo Consello de Castela, comisionado dentro do Bispado de Mondoñedo para axilizala construcción de cemiterios, esperando que contribúa “en la parte que le toque con el mayor esmero al puntual y exacto cumplimiento de las órdenes que se le comunicaren de este Señor Ministro”.

 

  Estas iniciativas fracasaron ao longo do territorio nacional porque non era nada doado desarraigar do ánimo dos cidadáns o desexo de que os restos dos seus descansaran en pleno núcleo urbano, en medio e na proximidade dos vivos, chegándose incluso a producir destruccións de cemiterios recentemente inaugurados. No caso de Madrid, houbo que esperar ao efémero rei José I Bonaparte para que se puxera en práctica o proxecto de afastamento dos cemiterios coa entrada en funcionamento o ano 1808 do Cemiterio Xeral do Norte, hoxe desaparecido. Pouco máis tarde, o ano 1811 inaugurouse o Cemiterio da Sacramental de San Isidro.

 

  As ordenanzas reais tropezaron coa oposición da Igrexa, que perdía unha fonte tradicional de ingresos, coa neglixencia e o incumprimento pola parte das autoridades e coa escaseza de fondos para a construcción dos cemiterios, polo que, entre os anos 1804 e 1840, sucedéronse diversas Reais Ordes e Circulares do Consello Real (8), lembrando a prohibición dos enterramentos nas igrexas e concedendo facilidades económicas para os novos camposantos. Os problemas continuaron mentres debatíase a competencia de xurisdicción entre a Igrexa e o Concello con referencia ao traslado aos cemiterios e os propios enterros, ata que o ano 1833 ponse fin a estes desacordos mediante un Regulamento gobernativo que creaba unha comisión mixta eclesiástico-cevil para resolvelo problema. Deste xeito, os Concellos das cidades e vilas de entidade (9) facíanse responsables da construcción do novo recinto, mentres que a súa custodia quedaba nas más das autoridades eclesiásticas.

 

  Mailas numerosas ordes recomendando a construcción de cemiterios en lugares altos, carentes de filtracións de augas e arredados das vivendas, non foi ata a Guerra da Independencia – por mor do gran número de mortos producidos na mesma – cando se propiciou en moitos lugares do país unha maior apertura de cemiterios fora do casco urbano. Realmente houbo que esperar ata mediados do século XIX para que o novo modelo cultural de enterramento extramuros fose aceptado, dentro dunha serie ampla de cambios que afectaban a diferentes aspectos da mentalidade da sociedade. Varios factores contribuíron positivamente a este cambio, entre eles un que deu gran relevancia ao que antes se consideraba de menor importancia: a localización exacta e permanente do lugar de sepultura dos seres queridos.

 

  Outra vantaxe que tiñan os novos cemiterios era o amplo espacio dispoñible, comparado coa escaseza anterior. Os novos camposantos dispoñían de áreas extensas para a escavación de sepulturas, que, polo seu módico costo, estaban ao alcance dun maior número de cidadáns. A partir de entón desenvolveuse en España, como ocorreu antes en Europa, unha auténtica expansión da arte funeraria, dado que o gran tamaño dos cemiterios de finais do século XIX e principios do XX, permitían a erección dunha ampla gama de construccións deste tipo, incluíndo esculturas, panteóns e mausoleos. Así, a disposición espacial do cemiterio acabou sendo un reflexo da estructura e xerarquía social da comunidade dos vivos da que procedía. Pódese dicir que desde mediados do século XIX a necrópoles funeraria cobra identidade propia, cunha nova tipoloxía na que se incorpora, ao amparo do naturalismo romántico, o arborado e a vexetación.

 

O CEMITERIO DE CANIDO EN FERROL 

 

  Durante a época medieval, momento no que a vila ferrolá reducíase ao actual barrio mariñeiro de Ferrol Vello cunha poboación que oscilaba arredor dos 250 veciños o século XVI, Ferrol contaba coa desaparecida igrexa parroquial de San Xulián e o templo conventual de San Francisco como lugares para enterrar aos mortos, ademais das pequenas capelas de San Roque, San Amaro e da Madalena, xa for a do barrio mariñeiro e das que non existen referencias de seren usadas como lugar de sepultura. A maioría dos enterramentos urbanos desta época realizábanse na igrexa parroquial, lugar polo que se decantaba a poboación máis modesta, formada por pescadores, labradores e artesáns, ao supor un menor gasto, mentres que unha minoría escollida de comerciantes, fidalgos e rexedores, por razóns de prestixio e tradición, escollían o convento de San Francisco (10).

 

  Xa no século XVIII, desde que o ano 1762 derrubouse o vello templo parroquial de San Xulián por mor das obras do construcción do foxo do Arsenal Militar, os enterramentos urbanos seguían a levarse a cabo principalmente na igrexa do convento de San Francisco, reedificada a partires do ano 1757, e na nova igrexa parroquial de San Xulián, consagrada ao culto no ano 1772 (11). Ademais, na década dos anos 1760, levantouse no barrio de Esteiro un novo Hospital de Mariña, que dispoñía dun pequeno recinto situado tralos edificios da parte Norte e que se utilizaba para soterrar aos enfermos que alí falecían e ao persoal residente no novo barrio de Esteiro (12).

                         

  Unha vez que os novos templos de San Francisco e San Xulián entraron en funcionamento, coincidindo cun rápido crecemento demográfico en poucas décadas que converteu a Ferrol na urbe galega máis poboada do seu tempo, chegando a contar arredor de 30.000 habitantes no ano 1780 (13), orixinouse unha incidencia numeraria cada vez maior de enterros levados a cabo na igrexa parroquial de San Xulián, a pesares que os estamentos máis altos e as persoas de maior distinción da sociedade ferrolá seguían a amosala súa preferencia por seren sepultados no templo de San Francisco, onde tiñan os seus panteóns particulares (14). 

 

  Pero tamén este aumento de poboación, moita dela procedente do exterior, traxo consigo unha fonda transformación social que se reflectiu no xurdimento dunha nova cidade dotada de modernos equipamentos nacidos coa Ilustración, onde, ademais das construccións do Arsenal, pódense citar a primeira alameda pública galega, unha rede de sumidoiros para evacuación das augas residuais, varias fontes monumentais, novos edificios como a casa do Concello, a cárcere, a aduana, o matadoiro, un teatro, dous hospitais e varios templos. Neste contexto tan apropiado semella lóxico o nacemento do cemiterio de Canido.  

 

  A partires dunha data tan temperá como a do ano 1775, construíuse en Ferrol o primeiro cemiterio galego situado no extrarradio do núcleo urbano, iniciado varios anos antes da devandita Real Cédula do ano 1787 que prohibía os enterramentos intramuros. Entre as razóns que semellan abonar este feito está o rápido crecemento dunha poboación de aluvión, que excedía as dispoñibilidades de sepultura, a conversión de Ferrol nun porto militar coa posibilidade da chegada de epidemias e enfermidades infecciosas pola vía marítima, incluídas as procedentes de Ultramar, e a mentalidade hixienista baixo a que se edificou a urbe, dentro das normas racionalistas propugnadas pola Ilustración. Deste xeito, Ferrol, dentro do amplo e pioneiro equipamento  urbanístico da nova cidade, contou co cemiterio municipal de maior antigüidade entre os de Galicia (15) e un dos máis antigos de España (16).

 

  No Arquivo Municipal de Ferrol consérvase o expediente, incoado o ano 1775 por Domingo Antonio Vázquez “Escribano del Rei Nuestro Señor e de Guerra e Marina de este Departamento”, relativo á adquisición dun terreo para a construcción dun cemiterio (17). O expediente iníciase dando conta dun escrito do Alcalde Maior de Ferrol e o cura párroco de San Xulián dirixido ao Rei o 4 de Xaneiro do citado ano 1775 no que solicitan permiso para construir un cemiterio noutro lugar distinto ao templo parroquial, asumindo o seu costo polo producto do arbitrio do viño xa concedido para a fábrica da igrexa de San Xulián. A resposta viño por medio dunha Real Orden firmada por Julián de Arriaga, Secretario de Marina e Indias, o seguinte 11 de Xaneiro en El Pardo, comunicando a aprobación real para a construcción dun novo camposanto “en un paraje oportuno”, costeado polo producto do devandito arbitrio do viño.

 

  Pronto se fixeron as xestións para atopar un lugar axeitado na zona elevada da cidade e tras rexeitar a compra un terreo situado nas inmediacións da Porta de Canido por mor do “subido precio” pedido polo seu propietario Joseph Andrés Pardo, decidiuse a compra doutro terreo de tres ferrados de terra de sembradura, uns 1.650 metros cadrados, que estaba situado no lugar chamado O Bacelar, contiguo ao baluarte de San Carlos e na parte interior do recinto da muralla de circunvalación, propiedade de José Cubeiro, Primeiro Ciruxano da Armada, comprometéndose o interesado a vendelo a un prezo razoable, segundo “justa tasación de peritos”. 

 

  O día 3 de Agosto do devandito ano, Antonio Bada y Navajas, “arquitecto de estas Reales Obras” (18), e Juan Andrés de Pardiñas, “Maestro de Obras de las Particulares de esta vecindad”, respectivamente nomeados para a tasación do terreo pola parte do Concello e da propiedade, comparecen ante Domingo Antonio Vázquez, taxándose o mesmo en 300 ducados de vellón, ou sexa 3.300 reais. Dado que o seu propietario naquel momento encontrábase destinado no Departamento de Cádiz, autorizou a venda a súa cónxugue, Josefa Vidal, outorgándose a escritura de compra o 3 de Novembro de 1775, rematando o expediente cun oficio do día 9 de Novembro onde acórdase o libramento do importe de 3.300 reais “del arbitrio del vino concedido para la fábrica de la nueva iglesia parroquial de esta plaza”, cobranza que faría efectiva Josefa Vidal ao seguinte día.

 

  Como verase máis adiante, a partires do seguinte ano 1776 xa se levaron a cabo enterramentos no cemiterio de Canido, polo que de contado o devandito terreo tivo que se acondicionar como cemiterio e se pechar cun muro. Como ao longo do proceso da venda do terreo, dentro do citado expediente, pódense ler frases referentes ao mencionado terreo tales como “… donde se ha fabricado el camposanto …” ou “… ocupado con el campo santo …” , semella desprenderse que os traballos de acondicionamento deste primeiro recinto iniciáronse practicamente ao mesmo tempo que se estaban a facer as xestións para a súa compra. En relación con iso, Montero Aróstegui (19) informa que o lugar “ se cerró con tapias formando el nuevo cementerio, en cuyas obras se han gastado más de 32.000 reales”. O certo é que non se puido atopar referencia algunha da realización destas obras nos Libros de Actas Municipais o nos da Xunta de Propios e Arbitrios obrantes no Arquivo Municipal de Ferrol.

 

   Segundo un plano obrante no Arquivo Municipal de Ferrol (20), sen data nin firma, formouse un cemiterio moi simple e de forma trapezoidal, sinxelamente murado, cunha porta de acceso cara ao norte e un osario no ángulo sueste. O seu pavimento amósase totalmente lousado, á maneira dos adros cemiterios parroquiais, dispoñendo de 1045 sepulturas de adultos e 22 de “Parbolos”, amosando unha pequena ampliación no costado dereito e mantendo o seu deseño trapezoidal, ata acadar un total de 1625 sepulturas de adultos e 27 de nenos. Aínda que este plano sen data aparece dentro da documentación referente ás posteriores obras de ampliación do cemiterio realizadas a partires do ano 1806, Alfredo Vigo (21) sustenta razoadamente a tese de que o plano representa o deseño do recinto orixinal do ano 1775, co pequeno engadido dunha ampliación feita nas amplas obras de reforma que sufriu a principios do século XIX.

 

  O lugar elixido reunía non só a condición de estaren situado nas aforas da cidade, se non que se atopaba na parte alta da poboación, nun lugar aberto e ben orientado cara aos ventos dominantes. A pesar diso, non foi doado conseguir que os enterros se realizasen nun lugar tan arredado do centro da poboación, carente ademais de elementos simbólicos que lle outorgasen o debido carácter sacro, especialmente unha capela. Un dato que confirma a resistencia da poboación a seren soterrada no cemiterio de Canido é unha carta do ano 1785, dez anos despois da súa inauguración, dirixida polo Comandante Xeral do Departamento de Ferrol,  Antonio de Arce, ao Secretario de Mariña onde lle escribe que “se hizo a costa del arbitrio en lo alto de Canido un Cementerio bastante capaz, pero ha sido de tan poco o ningún uso que solo ha producido el gasto de su erección” (22).

 

  A pesares desta referencia, nun recente traballo de Alfredo Martín, Religión y sociedad en Ferrolterra durante el Antiguo Régimen. La V.O.T. seglar franciscana (23), se amosan dúas táboas baseadas nas catas que o autor realizou nos libros de defuntos das igrexas de Ferrol a finais do século XVIII.  Dos datos da primeira táboa despréndese que entre os anos 1780 e 1784, dunha mostra de 1.685 persoas de diferentes clases sociais, 57 delas (o que significa o 3,4 %) entérranse no novo Camposanto.  No que se refire a segundo táboa, que reflexa o lugar de enterramento entre os anos 1795 e 1799,  indica que das 2.216 persoas defuntas, 431 foron enterradas no Cemiterio de Canido, aumentando así ata o 19,4 % o correspondente porcentaxe de enterros. Os datos anteriores indican, polo tanto, que se estivo a realizar unha lenta e gradual utilización do novo cemiterio pola parte da poboación.

 

  Este incremento progresivo de inhumacións no novo cemiterio tivo lugar a pesares de certa resistencia pola parte da Igrexa, que deste xeito perdía uns substanciosos dereitos económicos polo enterro na respectiva parroquia, e polos propios hábitos relixiosos fondamente arraigados nas diferentes clases sociais da cidade. Por outro lado, a crecente utilización do cemiterio de Canido, ademais das condicionantes derivadas do seu menor costo, tivo a súa causa no cambio de mentalidade que produciu a transformación social de Ferrol por mor da chegada dunha abondosa poboación que introduciu o pensamento ilustrado, cunha unha concepción máis racional da morte e unha adaptación ás novas correntes da salubridade pública, e que por ser de procedencia allea e non ter arraigamento na cidade, á hora da súa morte non esixía o templo parroquial como lugar de sepultura.

 

  Aínda que Montero Aróstegui (24) escribiu que o primeiro cadáver enterrado no novo cemiterio foi o de Marcos Paz, carpinteiro da Maestranza do Arsenal, o ano 1804, dato que diversos autores repetiron logo de xeito manido, débese referir ao primeiro enterro feito de acordo ás normas obrigatorias dictadas nese mesmo ano polas autoridades. A realidade é que desde que o cemiterio municipal entrou en funcionamento, as devanditas táboas de datos indican a súa utilización, aínda que con non moita intensidade, como lugar de enterramento. Como exemplo temos un acta de defunción do ano 1776 na parroquia castrense de San Francisco onde o párroco, Pablo Cayetano de Ameneyro rexistra o enterro de Pedro Piñeyro, primeiro desta parroquia soterrado no novo camposanto (25).

 

  Non embargante, dada a resistencia amosada polos cidadáns e os estamentos eclesiásticos para a utilización xeneralizada do cemiterio de Canido e o temor a epidemias de cólera como a producida en Andalucía  o ano 1801, a Xunta de Sanidade do Porto de Ferrol, presidida por Diego Martínez de Córdoba y Contador, Xefe da Escuadra e Gobernador Político e Militar da Plaza de Ferrol, tomou a decisión o 17 de Abril dese mesmo ano de prohibilos enterros nas igrexas e sepultalos cadáveres no novo cemiterio “en conformidad de Reales Órdenes” (26). O devandito acordo xunto co texto íntegro da anteriormente citada Real Cédula do 3 de abril do ano 1787, que prohibía os enterros intramuros, se lle remitiu ao Bispo de Mondoñedo.

 

  No oficio de remisión, firmado por Juan Antonio Cardemil, Escribano de S.M. ao servicio das Vilas de Ferrol e A Graña e da Xunta de Sanidade do Porto, comunícase ao Bispo de Mondoñedo a existencia na cidade de “un cementerio o Campo Santo, capaz y suficiente, en que voluntariamente se mandan enterrar muchas personas condecoradas y las que fallecen en el Hospital de Caridad”, o que ven a confirmar unha certa utilización do cemiterio de Canido. A pesares diso, continuábanse inhumando os cadáveres nas igrexas de San Xulián e San Francisco, polo que lle insta co obxecto de que “se sirva prevenir al Cura Párroco de San Julián y Prelado del convento de San Francisco cumplan y no contrabengan por su parte la repetida Real Cédula”

 

  Aínda que a contestación do Bispo, producida o 28 de Abril, apoiou a petición considerando “el acuerdo sin duda muy justificado y muy propio de su zelo”, non deberon de ter completo éxito estas xestións nin as repetidas providencias levadas a cabo pola autoridade local, xa que non foi ata a sesión municipal celebrada o día 3 de Febreiro de 1804 (27), cando o devandito Diego Martínez de Córdoba, Gobernador Político e Militar da cidade, decidiu de xeito definitivo o cumplimento dos anteriores acordos, segundo escribe Montero Aróstegui “aprovechando la ocasión de haber llegado a puerto la escuadra francesa procedente de la isla de Santo Domingo con las enfermedades propias de aquel país” (28), ordenando “que se fixen los correspondientes edictos noticiando al público que desde el día seis del corriente todas las personas que falleciesen se entierren en el Campo Santo”.

 

  Consonte diso, o día 5 de Febreiro, Diego Martínez de Córdoba cursou os correspondentes oficios ao Vicario Castrense do Departamento, Cura Párroco de San Xulián e Gardián do Convento de San Francisco, para que, desde o día seguinte en adiante, “no se entierren de sepultura eclesiástica ningún cadáver en las iglesias de esta villa excepto los de las personas privilegiadas que expresa el Misal Romano y la Ley 11, título 13” (29). Determinouse tamén que os correspondentes edictos se colocaran “en el Cuerpo de Guardia de la Puerta del Muelle de Curuxeiras, en la calle que nombran de San Francisco y esquina de Casa del Cristo, Pórtico de la Iglesia Parroquial de San Julián y en el arco de la entrada de la Plaza de Esteiro de esta villa, como sitios públicos y acostumbrados”. Deste xeito, Ferrol adiantouse á posta en marcha efectiva das normas que sobre o particular dictáronse nas Ordes Circulares de 26 de Abril e 28 de Xuño de 1804, que se mencionaron con anterioridade .

 

 

  Esta prohibición de realizalos enterros nos templos da cidade semella que foi bastante efectiva. Parece apoiar este feito que na sesión municipal do día 23 de Febreiro do mesmo ano 1804 veuse unha instancia de Andrés da Pena na que expón “haverse exercitado de Enterrador de diez años desta parte en la Iglesia del Conbento de esta nominada villa” y solicita “se le admita de sepulturero en el Campo Santo ayudando al de la iglesia parroquial” (30). Pouco máis tarde, no mes de Decembro de 1805, reservouse dentro do cemiterio un espacio destinado para o enterro dos cregos da parroquia de San Xulián e os freires do convento de San Francisco (31). 

 

  O mesmo ano 1804 constatouse a falla de espacio do novo cemiterio para facer fronte ás necesidades da poboación, sendo preciso reformalo e construir unha capela. Na sesión municipal do 2 de Marzo de 1804 (32) acordouse realizar “las obras necesarias para el aseo y mayor decencia del Campo Santo de este pueblo”. Para iso, decidiuse aumentala capacidade e extensión do cemiterio, construír unha calzada pavimentada desde a Porta de Canido para o tránsito de viandantes e a conducción dos cadáveres, edificar unha pequena capela lateral e un alpendre para abrigo dos relixiosos e acompañantes dos enterros e levantar un cruceiro de pedra dentro do recinto. De acordo a devandita acta os gastos destas obras, segundo plano e presuposto executado polo facultativo Francisco Sánchez Raposo, serán de setenta e sete mil cento sesenta e cinco reais, polo que “no teniendo como no tiene esta villa propiamente caudales para los gastos de las referidas obras”, acordouse cursar unha representación ao Real e Supremo Consello de Castela para que as obras do cemiterio se puideran realizar a costa do producto do arbitrio de augardentes e licores.

 

  O seguinte 10 de Marzo, o Concello de Ferrol elevou a devandita representación ao Conde de Montarco, Gobernador del Supremo Consello de Castela, solicitando a realización destas obras, acompañadas do plano e presuposto das mesmas (33). Despois de pouco máis dun ano, tivo entrada no Concello o oficio de contestación de Andrés Lasauca, “Ministro del Real y Supremo Consejo de Castilla comisionado para el establecimiento de cementerios en esta provincia”, firmado en Madrid o 13 de Abril de 1805 (34), comunicando que a Academia de Belas Artes de San Fernando rexeitaba os planos, dado que a capela estaba colocada nun extremo e non no centro do cemiterio; que se incluía un cruceiro, elemento non necesario por estaren xa prevista a capela; que a espadana era superflua e estaba mal proporcionada; e, por último, que non se acompañaban os planos da calzada e da porta, polo que solicitaba “se levante otro nuevo Plano, arreglado al Arte, regulando el coste de la obra tanto de mano como de materiales”, volvendo a remitilo á maior brevidade. 

 

  En consecuencia, o Concello encargou a realización duns novos planos e presuposto que se elevaron a Madrid o día 12 de Xuño de 1805, informando no oficio de remisión que foron “executados por uno de los mejores facultativos, y el más instruido de ellos en las reglas de Arquitectura, mediante a que en este Pueblo no ay maestro alguno aprobado en semejante ramo”, sendo finalmente aprobados pola Real Academia, tal como era preceptivo na época (35). Aínda que no Arquivo Municipal non se atopan os devanditos planos, nin o escrito de remisión cita expresamente o nome do autor dos mesmos, con toda probabilidade os novos planos co seu presuposto foron así mesmo obra do facultativo Sánchez Raposo, por no contar nese intre o Concello cun arquitecto municipal titulado.

 

  Abonda Alfredo Vigo nesta adxudicación a Sánchez Raposo e afonda no tema cando informa que, unha vez recibidos en Madrid estes planos, probablemente foran corrixidos pola propia Academia antes da súa aprobación, baseándose na existencia dun escrito posterior que rexistra o pago que se fai a Antonio López de San Román, residente en Madrid, de mil corenta reais destinados a “los gastos imbertidos en los pasos y diligencias practicadas para la total conclusión y consecución de los Planos y arbitrio dedicado al Campo Santo” (36).

 

  No que se refire ao financiamento das obras previstas no camposanto e na capela, o 8 de Novembro de 1804, o Concello de Ferrol dirixiu unha representación ao Conde de Montarco, presidente do Supremo Consello de Castela, pedindo para elo a continuidade do arbitrio de oito maravedís no cuartillo de augardentes e licores, que se establecera o 18 de Xuño de 1802 para o pago dun subsidio extraordinario de 300 millóns. No texto da representación indícase que Ferrol, “cuyo pueblo, sin incluir su Puerto, pasa de cuarenta mil almas, y no tiene más que una pequeña Yglesia y un corto Conbento de Padres Franciscos, donde, y en otras dos pequeñas capillas, se enterraba, ha sido el primero en este Reyno o Provincia de Galicia, y tal vez el único que ha logrado establecer se hagan los entierros en los cementerios” (37).

 

  Na sesión municipal do 17 de Abril de 1806 deuse conta da recepción dunha carta do Real e Supremo Consello de Castela, na que se comunicaba ao Concello que por unha Real Resolución de 27 de Marzo de 1806 se aprobaba a continuidade do devandito arbitrio de augardentes e licores para podelo inverter nas obras previstas para a ampliación do cemiterio, segundo os planos aprobados pola Real Academia de Belas Artes que acompañaban á propia Resolución (38). Na mesma sesión municipal acordouse agradecelo esforzo e Andrés Lasauca, Ministro comisionado para o establecemento de cemiterios, e decidiuse levar a cabo a poxa pública das necesarias obras, nomeando unha comisión municipal para iso.

 

  Con referencia á adquisición do espacio necesario para a ampliación do cemiterio e a construcción da nova capela, na sesión municipal do 1 de Maio de 1806 formalizouse a compra dun total de “cuatro ferrados de pan en sembradura y doscientas cincuenta y una varas superficiales”, correspondentes a unhos terreos que ocupaban sete veciños de Ferrol, catro deles aforados do conde de Lemos: Andrea Palmeiro, Pedro de Otero, Josef González Chapón e Manuel de Santiago, e tres colonos de Joaquín Losada y Mandiá: María, Juan e Fernando Blanco, pagando o Concello polas propiedades a cantidade de “4.743 reales y 4 maravedíes de vellón, además de 292 reales y 24 maravedíes de frutos” (39), resultado da tasación feita polo perito agrimensor Juan de Vila.

 

  Mentres tanto procedeuse ao nomeamento oficial de Miguel Ángel de Uría como Arquitecto e Primeiro Mestre de Obras do Concello, segundo quedou rexistrado no acta da sesión municipal celebrada o 17 de Maio de 1806 (40), encargándose Uría non só de dirixilas obras de ampliación do cemiterio de Ferrol e da construcción da nova capela, se non tamén das obras relativas ao novo camposanto e a capela de Santa María de Brión, para uso dos veciños da Graña, sinalándoselle ao arquitecto uns honorarios de 20 reais diarios, consignados sobre o devandito arbitrio da augardente (41).

 

  Unha vez adquirido o terreo necesario para a ampliación do cemiterio, o 17 de Maio de 1806 fíxose o remate da puxa do desmonte do terreo, tralo que e o seguinte 23 de Maio iniciáronse os traballos de aplanado e extracción da terra (42). Segundo escribe o propio Miguel Ángel de Uría (43), en Outubro do ano 1807 derribouse a pequena capela provisional levantada desde mediados do ano 1805 nun lateral, aproveitando o seu altar e o resto de materiais para a sancristía da nova capela, e leváronse ao interior do cemiterio os pendellos situados no seu exterior, sendo colocados nos laterais do pórtico da capela.

 

  Ao fío do escrito por Urían nun memorial presentado a finais do ano 1808, nesa data estaban rematadas as obras de construcción da nova calzada ao camposanto desde as inmediacións da Porta de Canido, o desmonte e extracción de terras, o levantamento das tapias de cerramento e o seu encalado, o recebado da parede do cemiterio antigo e a construcción da nova capela. Así mesmo quedou lista a colocación da porta de ferro de entrada ao cemiterio e as dúas luces semicirculares con ventás enreixadas que se abriron na tapia frontal do mesmo (44).

 

  Posteriormente, segundo o devandito memorial de Miguel de Uría, entre os anos 1809 e 1810 realizáronse unha serie de obras adicionais, como foron o levantamento dunha parede de terraplén con banqueta na parte exterior da nova tapia; a realización dun lousado de cantería fronte ao pórtico da nova capela, con dous canos de drenaxe a ámbolos dous lados; a colocación de tres pías para a auga bendita e a pintura provisional para habilitalo altar maior da capela; a construcción dunha pequena parede e un empedrado arredor do templo para illalo das humidades; a escavación de vara e media de profundidade no pavimento de lousa da parte engadida do cemiterio, a uniformación deste pavimento co do antigo cemiterio e o seu recheo para poder abrilas sepulturas (45).

 

  Ao proxecto orixinal do cemiterio se engadiron posteriormente varias melloras que foron incorporadas polo arquitecto Miguel Ángel de Uría. No ano 1811 construíronse nas esquinas da parte frontal da tapia que arrodeaba o cemiterio dous amplos osarios feitos de cantería, con deseño de planta pentagonal e remate moldurado, coroados con relevos de caveiras con osos, e colocouse unha espadana coa súa correspondente campá, encima da sancristía da capela. Máis tarde, no ano 1815 rematáronse os dous osarios que restaban por construír dos catro proxectados  por Uría (46).

 

  Tralas devanditas obras de ampliación, o cemiterio quedou formado por un recinto trapezoidal de algo máis de 4962 metros cadrados de superficie, orientado aos catro ventos e totalmente arrodeado dunha alta tapia. No medio do lenzo norte estaba a porta da capela que tamén servía de entrada ao cemiterio, estando o recinto limitado na parte setentrional polo camiño de rolda da muralla, ao leste polos terreos que logo atravesaría a prolongación da rúa San Eugenio e polo sur e oeste por un estreito camiño que o separaba do conxunto de hortas que chegaban ata o Corral de Chapón e o lugar de Cangrexeiras.

 

  Unha primeira relación das obras realizadas, firmada o 26 de Xullo de 1808 por Miguel de Uría, cifra o seu costo total na cantidade de 273.354 reais de vellón (47). Nesta relación valórase a construcción da nova capela en 109.861 reais, o desmonte, extracción e explanación de terras en 41.842 reais, a ampliación do muro de peche en 38.089 reais e a porta de ferro de entrada en 17.042 reais. No mesmo documento, aparece unha segunda relación, firmada o 31 de Decembro de 1810 por Juan de Naya e Agustín Cortiñas, comisionados do Concello para a revisión de contas, na que engaden o costo doutros traballos non incluídos na primeira relación, agregando ademais os gastos das obras do cemiterio da Graña, o que eleva o importe total a 454.397 reais de vellón.

 

  Segundo a descrición feita por Baamonde y Ortega (48), unha vez rematadas as obras, a entrada ao cemiterio e ao pórtico da capela facíase por unha ampla porta enreixada con adobíos metálicos dourados de motivos funerarios. Sobre a parte alta da porta, unha ampla lápida levaba gravada a inscrición: “Este es el lugar al que todo católico debe venir a meditar sobre la Eternidad, para aprender la importante y difícil ciencia de morir”. O fronte do pórtico estaba perfectamente lousado e a ámbolos dous lados da porta víanse desde o exterior os remates piramidais dos nichos abertos no interior do muro de entrada ao cemiterio.

  En cada lado da tapia frontal do camposanto, algo separadas da porta de entrada, abríanse dúas luces ou ventás enreixadas de arco de medio punto, onde os veciños podíanse asomar para veren o interior do cemiterio cando se atopaba pechado (49). Nas esquinas laterais estaban colocados os catro sobresaíntes osarios de pedra labrada enfeitados con caveiras e relevos alusivos á morte e as paredes interiores contiñan os nichos que foron construíndose de forma sucesiva, mentres que as tumbas cubrían o terreo do cemiterio, con algúns panteóns colocados nos laterais da capela. Tanto o terreo interior do cemiterio como o circundante arboráronse a mediados do século XIX de salgueiros e alciprestes, contribuíndo deste xeito á tristura y severidade propia do lugar  (50).  

 

 O cemiterio ferrolán de Canido, incluíndo a súa capela, quedou organizado de xeito racional, reflectindo a novas ideas da Ilustración e a tipoloxía sobria e académica que propugnaba o clasicismo da época, neste caso cunha versión austera e case minimalista polo axustado do presuposto. Un recinto de forma cuadrangular cunha simple tapia de cerramento e una capela na súa parte frontal, tamén de sobrio aspecto, centrando e presidindo a entrada do cemiterio cun pórtico dotado dunha porta de acceso e de dúas portas laterais que serven de distribuidoras cara aos dos sectores do cemiterio. Como exemplo de similares características temos o cemiterio xa citado do Real Sitio de San Ildefonso-La Granja, coa diferencia neste caso de que a capela, de parecidas características, colocábase arrimada á parte central do muro posterior de cemiterio.

 

  No ano 1805 colocouse na parte posterior do cemiterio de Canido, colocado no parte interior da tapia sur, un cadro que representaba a Virxe do Carme coas ánimas do Purgatorio, protexido por un retablo de madeira e dotado dun farol de alumeado e unha boeta ou peto de esmolas. O cadro colocouse previa solicitude de Pedro Espinosa, comerciante e veciño de Ferrol, ao que accedeu o Concello o 14 de Agosto do devandito ano (51). Por mor da posterior falla de acordo no destino dado ás esmolas, orixinouse pronto un longo litixio ao pretendelo Concello retiralo cadro, chegando a intervir o Supremo Consejo de Castilla, que lle deu a razón a Pedro Espinosa. Anos máis tarde remataría o litixio, sendo colocado o cadro no interior de capela.

 

  En relación ao réxime interior do novo cemiterio, o ano 1805 se dictaron as primeiras instruccións de funcionamento (52), seguidas por outras en datas posteriores, ata que en Novembro de 1845 creouse unha Xunta Inspectora como “encargada de la Administración y buen orden del Campo Santo”. Segundo o Regulamento desta Xunta (53), o cemiterio dividíase en catro cadros, destinados respectivamente á inhumación de párvulos, homes, mulleres e eclesiásticos, aínda que os familiares poderían ser enterrados xuntos. Dispúñase tamén a uniformidade das lápidas das sepulturas, permitíndose gravar nelas “inscripciones conformes a la sana moral y a los principios de nuestra religión”. Regulábase a construcción de nichos nas paredes do camposanto e determinábanse as cantidades que deberían abonalos propietarios para a colocación de lápidas e a construcción de nichos, sempre debidamente numerados igual que as sepulturas. Igualmente nomeábase un Garda para a capela e o propio cemiterio. Novos regulamentos posteriores modificaron e ampliaron estas normas.

 

   No que atinxe ao traxecto que percorrían os cadaleitos e a comitiva fúnebre no seu camiño cara ao cemiterio, por mor do longo desprazamento e as dificultades que presentaba a subida ao novo camposanto pola rúa de Canido (logo do Hospital e hoxe de Concepción Arenal), o ano 1825 (54) decidiuse a prolongación da rúa Traviesa de San Eugenio (hoxe da Coruña e popularmente coñecida como rúa dos Mortos), atravesando a rúa Alegre, para poderen levar a cabo directamente a conducción dos enterros desde a igrexa parroquial de San Xulián ao cemiterio.

 

  Con respecto ao traslado dos defuntos ao cemiterio, o ano 1807 redactáronse as primeiras normas do Goberno Central establecendo o depósito de cadáveres e a  súa conducción ao cemiterio. Producido o falecemento dunha persoa, levábase o cadáver ao templo parroquial ou, no seu defecto, a unha peza separada do templo e preparada para elo, ata o seu traslado. O depósito podíase facer tamén nunha bóveda destinada ao efecto no cemiterio. O traslado dos cadáveres desde o templo ao cemiterio deberíase facer a primeira hora da mañá ou derradeira da tarde. Cando o traslado do defunto tivera lugar directamente desde a casa mortuoria ao cemiterio, a conducción poderíase realizar a calquera hora do día, pero nunca pola noite (55).

 

  Aínda que o Goberno redactou novas ordes limitando o tempo de permanencia dos defuntos no interior das igrexas, veuse que esta práctica era perigosa para a saúde, polo que novas normas redactadas no ano 1813 prohibiron que os cadáveres se depositaran nas casas, igrexas, bóvedas e capelas, mandando que se levaran directamente aos cemiterios. Non embargante, durante os seguintes anos non se cumpriu esta normativa tanto polas arraigadas costumes do pobo como polo celo dos cregos que, amparándose no que preceptuaba o Ritual Romano, esixían a celebración do funeral de corpo presente na igrexa, realizándose a conducción dos cadáveres de xeito descoidado e incumprindo as normas vixentes.

 

  Ata o ano 1834 en Ferrol seguíase a costume de realizalas exequias de corpo presente nos diferentes templos da poboación, trasladando logo os cadáveres descubertos polas rúas ata o cemiterio, seguidos polo cortexo fúnebre. O devandito ano, por mor da aparición dunha epidemia de cólera morbo, segundo escribe Montero Aróstegui (56), o 5 de Setembro de 1834, o Concello e Xunta de Sanidade acordaron que as persoas falecidas fosen conducidas, dentro de cadaleitos pechados pola rúa, de xeito inmediato desde as súas casas ata a capela do cemiterio, onde poderían descubrirse para a celebración dos oficios relixiosos (57), facendo o funeral na igrexa parroquial logo do enterro.

 

  A partires do ano 1853 estableceuse un sistema de carruaxes para o traslado dos cadáveres ao cemiterio de Canido. O 9 de Decembro de 1852 tivo entrada no Concello unha instancia presentada por José María Fontela, reiterada o 16 de Febreiro de 1853, solicitando “el establecimiento de un depósito de carros fúnebres para los familiares que voluntariamente quieran conducir al Cementerio los cadáveres de sus parientes, deudos o amigos”. Nas devanditas instancias, o peticionario escribe que o proxecto indicado é beneficioso é ata económico para a xeneralidade dos veciños e que “si se le da la exclusiva en el tráfico o arrendamiento y se le libra de toda gavela” obrigarase a conducir de balde ao cemiterio a tódolos pobres de solemnidade falecidos.

 

  Esta petición orixinou un denso expediente administrativo, conservado no Arquivo Municipal (58), onde, ademais das mencionadas instancias, rexístranse diversos acordos e oficios cruzados entre a Alcaldía, Comisión de Igrexa e Cemiterio, Cura Párroco de San Xulián, Goberno Civil da Coruña e Bispo de Mondoñedo, ata a súa aprobación en Maio do citado ano 1853, polo alcalde, Mariano Albizanda, tralo permiso do Gobernador Civil e co apoio dos informes que lle fai a Comisión de Igrexa e Cemiterio, favorables ao establecemento do servicio solicitado, levando directamente os cadáveres á capela do cemiterio, por consideralo de interese público e non ofender ás costumes relixiosas, aínda que o servicio non debería ser obrigatorio.

 

  A solicitude tivo unha forte oposición do párroco de San Xulián, Antonio M. Gómez, afirmando que non podía prestalo seu consentimento sen recibir a orden do Bispo da Diócese, indicando que o proxecto “es contrario a las prácticas religiosas y tiene por objeto ocultar a la vista de los fieles y borrar de su memoria el recuerdo indisoluble de la muerte”. Máis tarde o Bispo de Mondoñedo, informado polo Alcalde de Ferrol, está de acordo sempre que se fagan en primeiro lugar os funerais no templo e que logo se leve o defunto no carruaxe ao cemiterio. A aparición dun novo brote de cólera propiciou que o Bispo aprobase esta medida nos seus termos orixinais, aínda que pide deixar aberta a súa proposta para máis adiante. A solución definitiva do problema chegou por unha Real Orden de 2 de outubro de 1866, que prohibía incluso que se detivera o cortexo fúnebre a rezar un responso polo defunto á porta da igrexa, mandando que os cadáveres se levasen directamente desde a casa mortuoria ao cemiterio.

 

  A pesares do anterior, esta solución non resultou definitiva e o traslado dos cadáveres ao cemiterio sufriu diversas alternativas ao longo do tempo. Así, por exemplo, nunha sesión municipal celebrada o 19 de Xuño de 1889, sendo alcalde da cidade Francisco Bellas, debateuse unha proposta do concelleiro Andrés Ortega para prohibilos traslados a ombreiros ao cemiterio, especialmente por razóns de hixiene e salubridade pública e por ser “conducidos a hombros muchas veces de personas andrajosamente vestidas” (59).

 

  Na mesma sesión, en contra desta proposta, se produciu a intervención do concelleiro Juan A. Dans defendendo o traslado dos cadáveres a ombreiros ao cemiterio, co acompañamento do cortexo fúnebre, xa que desde o momento no que o servicio de carros mortuorios deixaba de ser un servicio municipal, tamén deixaba de ser obrigatoria a utilización dos mesmos por se tratar dunha empresa privada. Na mesma intervención negaba problemas de salubridade ao se trasladalos cadáveres en caixas perfectamente pechadas e aducía ademais que sendo costume o traslado dos defuntos a ombreiros pola parte “de las clases militares bien numerosas en esta ciudad” non podería se xustificar esta diferencia de tratamento. Finalmente, aprobouse a proposta por ampla maioría.

 

  Co paso de tempo veuse a necesidade de aumentalo tamaño do cemiterio, polo que a partires do ano 1861 realizouse unha nova e importante ampliación do mesmo (60). Dado o crecemento sufrido pola poboación, o 15 de Febreiro dese ano a Xunta de Sanidade recomendou agrandalo cemiterio cara ao sur, aínda que esta solución tivo que se desbotar pola proximidade das vivendas da rúa Alegre. O seguinte día 7 de Xuño, a Comisión de Igrexa e Cemiterio, á vista do exposto pola Xunta de Sanidade, recomendou a adquisición polo concello de sete ferrados, uns 3.850 metros cadrados, de terreos pertencentes aos lugares do Bacelar e de Cangrexeiras, que permitiron estendelo cemiterio cara ao oeste, ata unha corredoira que hoxe constitúe a rúa Maiola, onde se pecharía cunha sólida muralla de perfecta aliñación, parte da cal aínda se conserva.

 

 

  Unha vez aceptada a proposta da Xunta de Sanidade polo Concello que presidía o alcalde Eusebio Vendrell, procedeuse á compralos terreos, segundo o devandito expediente, ao seu propietario Baltasar de Pazos, veciño da vila de Ares, que a súa vez os tiña arrendado aos veciños de Ferrol, Nicolasa Leal, viúva de José Malde, Eusebia García, viúva de Ynocencio Díaz Ameneyro, e Antonio Fernández. A compra formalizouse o 22 de Decembro de 1861 polo importe de 10.105 reais e 6 céntimos, incluido o pago dos dereitos dos arrendadores e os gastos notariais e administrativos, segundo se reflexa na conta que aparece no folio 7 do expediente. Máis tarde, sendo Justo Gayoso alcalde da cidade, chegouse a un acordo de compra e troque de terreos del lugar de Cangrexeiras con outro propietario, Juan Bellas, para poder aliñalo muro de cerre oeste que se levantou na corredoira da Maiola, pola cantidade de 1.800 reais e 30 céntimos, segundo consta na conta xustificada no folio 43 do devandito expediente, con data de 26 de Marzo de 1864.

 

  Este mesmo ano 1864 quedou rematada esta nova ampliación, autorizándose de seguido a construcción de 51 novos nichos (61). Por outro lado, con data de 11 de Decembro do devandito ano 1864, o Alcalde de Ferrol oficia ao Cura Párroco de San Xulián solicitando que, unha vez rematadas as obras de ampliación do cemiterio, se proceda á “bendición ou consagración” do terreo (62). Quedou así configurado o cemiterio de Canido en forma dun amplo cuadrángulo de case 9.000 metros cadrados, dando fronte ao paseo de Ronda, que no derradeiro tercio do século XX se convertería na rúa Navegantes. Esta nova disposición do cemiterio de Canido pódese ver nun amplo “Plano de la Plaza de Ferrol” que se atopa enmarcado no corredor da Alcaldía e que se levantou os anos 1866 e 1867 pola brigada topográfica do Corpo de Enxeñeiros do Exército. 

 

  Aínda que desde tempo atrás existía un espacio preto da entrada do camposanto, coñecido como Cemiterio dos Ingleses e que se reservaba para o enterro dos mortos doutras confesións distintas á católica, as sucesivas peticións feitas polo vicecónsul británico en Ferrol, apoiándose tamén no prevido na Real Orden de 13 de Novembro de 1831 referente a construcción de cemiterios para os falecidos de outras confesións que a católica, motivaron que o ano 1875, sendo alcalde Demetrio Plá, se iniciara un expediente para construír un cemiterio civil, que se coñeceu co nome de cemiterio de disidentes, nun terreo illado do camposanto católico situado nunha zona en diagonal do mesmo, que levaría porta enreixada propia e un cerramento arredor (63).

 

  Non chegou a rematarse este proxecto xa que non se puido chegar a un acordo co Ministerio da Guerra, propietario do citado terreo, polo que ese mesmo ano 1875 se pechou con “pared de mampostería de pizarra enlucida, enverjado de sus extremos y puerta de madera de pino del Norte con su marqueado de granito” o espacio que xa estaba destinado para elo, nomeado no expediente como “cementerio de disidentes desde tiempo remoto establecido”, que se encontraba arrimado á entrada do camposanto, no camiño de circunvalación fronte á muralla da fortificación defensiva da cidade. Como o cerramento realizado non semellaba que fose axeitado, o ano 1879, xa con Antonio Togores ao fronte do Concello, se levou a cabo a construcción de dos reixas metálicas para o seu peche na parte anterior e posterior do chamado cemiterio de disidentes, cunha porta metálica de entrada na parte frontal (64).

 

  Deste xeito víñanse a cumprilas normas do dereito canónico vixentes na Igrexa católica naquela época, polas que estaban arredados da sepultura eclesiástica os que durante a súa vida non participaban da comuñón da Igrexa e falecían afastados da relixión católica. Aínda no Código de Dereito Canónico do 27 de Maio de 1917 negábase o enterro nos cemiterios católicos aos apóstatas, os integrantes de sectas heréticas ou cismáticas, os masóns e similares, os excomungados, os suicidas, os duelistas, os que mandan queimalo seu cadáver e os pecadores públicos que morran sen daren proba do seu arrepentimento (65).

 

  Como exemplo dos trámites a seguiren para a utilización do chamado cemiterio de disidentes, pódese consultar no Arquivo Municipal de Ferrol, entre outros, un expediente do ano 1888 (66), no que os familiares de Antonio de Pazos solicitan permiso para soterralo no devandito cemiterio. No expediente aparece un acta do 23 de Febreiro de 1888 onde se reflexa que comparecen ante o Alcalde Francisco Bellas Uría e o secretario municipal varias testemuñas declarando que o finado pertencía á “Liga anti-clerical y grupo Martín Lutero”, segundo diploma que achegaron ao expediente, que antes de morrer expresou o seu desexo de seren enterrado no cemiterio de disidentes e que non se confesou, nin recibiu ningún sacramento da relixión católica. Tras estas dilixencias o alcalde autorizou o enterro civil e a expedición da oportuna orde ao sepultureiro.

 

  O ano 1906 levouse a cabo a derradeira ampliación do cemiterio de Canido. Como consecuencia dun recoñecemento realizado o devandito ano, constatouse que o muro sur, que daba ao estreito camiño de circunvalación posterior, estaba en mal estado pola presencia de humidades, orixinándose derrubas por mor da diferencia de alturas entre o exterior e o interior do cemiterio  Con ese motivo, aproveitouse para levar a cabo unha nova ampliación do cemiterio, á vez que se construían 42 novos nichos (67), que se uniron á serie dos construídos os anos 1878 e 1891, como consta en varios expedientes obrantes no Arquivo Municipal. Con ese obxecto, utilizouse unha parcela de 500 metros cadrados, contigua ao muro, cedida de xeito gratuíto ao Concello pola veciña Avelina Castro. Foi necesaria a reconstrucción do muro, fornecéndolle unha maior elevación para imposibilitalo acceso ao interior e arrodealo dunha gabia ou foxo para evitalas humidades.

 

  Deste xeito agregouse un novo recinto no recanto sueste da parte posterior do camposanto, onde cruzábanse a rúa Cangrexeiras, a corredoira da Maiola e o camiño de circunvalación, quedando finalmente configurado o espacio que ocupou cemiterio de Canido ata a súa clausura. Un plano feito polo arquitecto municipal Nemesio López o ano 1945, cando estaba a pique de inaugurarse o cemiterio de Catabois, amosa a planta estructural definitiva do cemiterio de Canido, dentro do seu contorno urbano.

 

NOTAS

 

(3) González Lopo, D.L. “La evolución del lugar de sepultura en Galicia entre 1500 y 1850: los casos de Tui y Santiago”. Obradoiro de Historia Moderna. Páxinas 163-180. Santiago, 1990.

 

(4) González Díaz, A. “El cementerio español en los siglos XVIII y XIX”. Archivo Español de Arte, número 171. Consejo Superior de Investigaciones Científicas. Madrid, 1970

 

(5) Noticia del establecimiento y uso del Cementerio extramuros del Real Sitio de San Ildefonso. Impreso en Madrid en la Imprenta Real, año 1787, y reimpreso en Valencia en la de D. Benito Monfort, año 1788.

 

(6) Real Cédula de S.M. y Señores del Consejo en que por punto general se manda restablecer el uso de Cementerios ventilados para sepultar los Cadáveres de los Fieles, y que se observe la ley II, tít. 13 de la Partida primera, que trata de los que podrán enterrarse en las iglesias; con las adicciones y declaraciones que se expresan. Año 1787 en Madrid. En la Imprenta de Don Pedro Marín.

 

(7) Ambalas dúas Ordes Circulares atópanse no Arquivo Municipal de Ferrol (A.M.F.). Caixa 474. Expediente 2. “Cementerio de Ferrol”. Folios 14 e 15. Expediente 16. “Cementerio de La Graña”. Folios 310 e 311.

 

(8) Santoja, J.L. “La construcción de cementerios extramuros: un aspecto de la lucha contra la mortalidad en el Antiguo Régimen”. Revista de Historia Moderna. Madrid, 1998.

 

(9) Unha circular da Xunta Superior de Sanidade da Provincia de Galicia, firmada na Coruña polo Conde de Cartagena, o 20 de Abril de 1833 e dirixida á Xunta Municipal de Sanidade de Ferrol, insiste nestes extremos, aínda que permitindo ás parroquias rurais galegas, de poboación pequena e espallada, establecelos cemiterios nos adros das seus templos parrquiais. A.M.F. Caixa 474. Expediente 3. “Expediente formado sobre dar sepultura a los cadaveres en el Campo Santo, prohibiendo se haga en las Iglesias y disposiciones sobre construcción de Cementerios adoptadas en los años de 1805, 1821, 1822, 1833 y 1854”. Folio 64.

 

(10) García González, F. Las sepulturas en las iglesias ferrolanas. FerrolAnálisis, número 9. Ferrol, 1996. Páxinas 84-87. O autor, utilizando como fonte os rexistros de defunción, estima que as tres cuartas partes dos falecidos nesa época enterrábanse en San Xulián.

 

(11) Segundo Alfredo Vigo tamén as distintas capelas das irmandades xurdidas o século XVIII, como a da Nosa Señora dos Dores e a do Espíritu Santo vencellada ao Hospital de Caridade, acollían frecuentemente os corpos dos seus confrades. Muerte, luto y memoria fúnebre en el Ferrol del Siglo de las Luces: del cementerio parroquial de Canido a la fuente-cenotafio de Churruca. Semata. Páxina 6.

 

(12) Madoz, P. Diccionario Geográfico-Estadístico-Histórico de España y sus posesiones de Ultramar. Madrid, 1845. Tomo III. Páxina 548. Soraluce Blond, J.R. O antigo hospital de Esteiro.Campus Universitario de Ferrol. A Coruña, 1996.

 

(13) Montero Aróstegui, J. Historia y descripción de la ciudad y departamento naval de Ferrol. Madrid, 1859. Páxinas 207-208. Traballos recentes de Eiras Roel e Alfredo Martín toman en consideración un similar número da habitantes nesas datas.

 

 (14) García González, F. Mentalidade e cultura en Ferrol durante o século XVIII. Cadernos Ateneo Ferrolán, número 12. Ferrol, 1997. Páxinas 46-47.

 

(15) Fernández de la Cigoña Núñez, E. Escolma de epitafios galegos. A fala escrita dos nosos camposantos. A.G.C.E. Vigo, 2003. Páxina 15. “Os cemiterios máis antigos de Galicia, segundo a data que figura nas portas dos mesmos, son por este orden: San Amaro da Coruña, 1812; Santa María a Nova de Noia, 1817; Allariz e Melón, 1821 e Viveiro, 1833”. Outras datas de construcción de cemiterios municipais son os de Ribadeo, no ano 1832, Pontedeume, no 1838, Lugo, no 1841, Santiago, no 1847, Muros, no 1850, Baiona, no 1862, e Pontevedra, no 1879 . 

 

(16) O cemiterio do Este de Barcelona vense a citar como o máis antigo de España en varias publicacións especializadas. Aínda que se inaugurou o mesmo año 1775 que o de Ferrol, a súa función real era a de serviren de osario común para as diferentes parroquias da cidade e non de lugar de enterramento. Saguar Quer, C. “El Cementerio del Este de Barcelona”. Revista Goya. Páxinas 223-233. Madrid, 1988.          

 

(17) A.M.F. Caixa 474. Cemiterios de Ferrol e A Graña. Expediente 1. “Contiene la escritura del terreno que ocupa el Campo Santo, comprado a Dª Josefa Vidal, muger de D. José Cubeiro, 1er Cirujano de la Armada, en 3 de Noviembre de 1775, cuyo terreno tenía de sembradura tres ferrados de tierras y fue tasado en 3.300 reales. Al sitio de dicho terreno le llamaban O Bacelar”. Folios 1-13.

 

(18) Antonio de Bada y Navajas, arquitecto da Real Academia de Belas Artes, foi o autor en Ferrol dos planos da capela das Dores e interveu en importantes traballos no Arsenal, fonte de San Roque e igrexas de San Xulián e San Francisco. Juan Andrés Pardiñas era mestre canteiro fincado en Ferrol e veciño de San Miguel de Tabagón, xurisdicción de A Guardia. González Rodríguez, P.J. La escultura pública de Ferrol. Concello de Ferrol, 1995. Páxinas 14-15. 

 

(19) Montero Aróstegui, J. Historia y descripción de la ciudad y departamento naval de Ferrol. Madrid, 1859. Páxina 273. Sen dúbida o autor sacou este dato do Arquivo Municipal de Ferrol, onde non fomos que de atopalo.

 

(20) A.M.F. Caixa 474. No expediente 5, “Remate de la excavación e rehinchimiento del pavimento del cementerio de esta villa y cuentas de esta obra. Año 1810”, aparece o “Plano del pavimento de las sepulturas del Campo Santo de la Villa de Ferrol”. Folios 102-114.

 

(21) Alfredo Vigo. Obra citada, páxina 7. Pode engadir máis verosimilitude a esta tese o feito de que no plano tan só aparece debuxado un osario lateral e non amosa a presencia de capela algunha, e que segundo as dimensións que aparecen no mesmo a súa superficie practicamente é equivalente aos tres ferrados comprados no ano 1775. 

 

(22) Carta datada o 31 de Agosto de 1785. Arquivo Xeral de Simancas. Secretaría de Marina, Arsenais. Legaxo 374, documento 324. Tomado de Alfredo Vigo. Obra citada, páxina 9.

 

(23) Martín García, A. Religión y sociedad en Ferrolterra durante el Antiguo Régimen. La V.O.T. seglar franciscana. Estudios Mindonienses, número 20. Mondoñedo, 2004. Páxinas 442-444.

 

(24) Montero Aróstegui, J. Obra citada. Páxina 273.

 

(25) “En quince de Abril de mil setecientos setenta y seis se dió sepultura en el nuevo Camposanto de esta capital del Ferrol al cadaver de Pedro Piñeyro, marinero empleado en los Reales Arsenales del Parque de esta villa”. Arquivo Parroquial Castrense de San Francisco. Libro de defuncións da parroquia castrense de San Francisco, número 1, anos 1769 a 1791. Folio 49, inscrición 217.

 

(26) A.M.F. Caixa 474. Cemiterios de Ferrol e A Graña. Expediente 2. “Expediente formado sobre dar sepultura a los cadáveres en el Campo Santo de conformidad a Reales Órdenes. Acuerdos de la Junta de Sanidad y del Ayuntamiento de esta villa. Años 1801 a 1805”. Folios 16-34.

 

(27) A.M.F. Libro de actas número 397 (1804-1807). Sesión do 3 de Febreiro de 1804. Folios 5 r e v.

 

(28) Montero Aróstegui, J. Obra citada. Páxina 273.

 

(29) A.M.F. Caixa 474. Cemiterios de Ferrol e A Graña. Expediente 2. “Expediente formado sobre dar sepultura a los cadáveres en el Campo Santo de conformidad a Reales Órdenes. Acuerdos de la Junta de Sanidad y del Ayuntamiento de esta villa. Años 1801 a 1804”. Folios 16 a 34. No folio 28 deste mesmo expediente, consta un escrito de data 27 de Marzo de 1804, firmado por unha das consideradas “personas privilegiadas”, o Marqués de San Sadurniño, dirixido ao Gobernador Político e Militar de Ferrol, no que escribe que “debiéndole dar sepultura al cadáver de mi difunto hermano Dn Pedro Quindós en una de las sepulturas qe tiene mi Casa en el convento de Ntro P. Sn Francisco de esta Plaza lo noticio a V.S.”