Libraría Central Librera

Rúa Dolores 2     15402 Ferrol

centrallibrera@telefonica.net

Teléfono [34] 981 35 27 19

 

 

Ofrecémoslles un capítulo do libro:

 

UNHA PARROQUIA CON CELTAS REMINISISCENCIAS

NA TERRA DE TRASANCOS

“SANCTA MARIA MAIOR” DE O VAL, NARÓN

de Andrés Pena Graña.       Libro que poden mercar, por 10 € na nosa libraría.

 

(Non incluímos os fermosos debuxos e fotos que veñen no libro)

 

 

 

 

 

TESOUROS,  PROFANACIÓN DE TUMBAS

E COSTUMES FUNERARIOS

 

 

Na parroquia de O Val, como sucede en todo o Concello de Narón e prácticamente en toda Galicia, hoxe encontramos prácticamente tódalas mámoas violadas. A destrucción dos túmulos, como tódalas violacións de tumbas, é algo que debeu comezar ao día seguinte do enterro (Pena 1991:31). Crenzas que fixeron que a xente poderosa levara consigo o mellor que tiña, o ouro, para disfrutalo na outra vida, ou no mesmo interior da resistente cámara, despertan a cobiza dos máis que apenas contan con medios para subsistir.

 

Pero foron as actividades roturadoras da Idade Media, o saqueo sistemático da Idade Moderna, coa concentración parcelaria e cos desmontes incontrolados deste século, os peores inimigos das mámoas. Estas actividades fixeron que as tumbas -que nos nosos períodos Megalítico, Calcolítico, Idade do Bronce, e seguramente tamén, segundo o pensamos, na Idade do Ferro, se extenderían en Trasancos a beira da rede viaria, non só polos montes, senón polo val e mesmo na beiramar da ría de Xuvia, desapareceran sen deixar rastro (se conserva seguramente unha mínima parte do que había). Abundan nos montes altos do Concello de Narón e de Ferrol vestixios de túmulos nas áreas baixas, e este é o caso das mámoas de O Val; aínda sendo moi representativos, son só unha mostra do antigo esplendor, preservado ao utilizarse como marcos entre os coutos xurisdiccionais da parroquia. É o caso da mámoa a carón da casa nº 1 de Santa Margarida;  da Arca de Vespasante que divide O Val e San Mateo, das dúas mámoas que dividen o Concello de Narón de Valdoviño, e  demostraría este aserto, a maior destas divisorias mámoas luce no interior do “burato de violación” un terminal marco  de pedra co epígrafe MTS “Marco de Termos”.  

 

 As violacións de túmulos son obra de todo tempo; poderían producirse dende o día seguinte do enterro, e se-los  mesmos túmulos excavados non centos, senón milleiros de veces, ata que a eles -caso de supervivi-lo túmulo aos expolios- chega a paleta do arqueólogo moitas veces ignorante destas circunstancias. Cando estas reiteradas accións non acaban coas mámoas, a pegada desta actividade vese na parte superior dos túmulos en forma de profundos e grandes furados ou lacos[170].

 

A apertura de túmulos en busca de tesouros non só se traduce neses enormes buracos que hoxe amosan as mámoas, senón que tamén ten implicacións etnográficas e sociolóxicas derivadas do vello cultural acervo celtoatlántico galego. O seu exame pode resultar útil para a comprensión dun importante folklore de O Val expresado na literatura de tradición oral.

 

 

 

 

A VIOLACIÓN DE MÁMOAS

 


Todas lucen un aspecto acalcado, como de volcanos apagados reproducidos a escala co seu cráter, indicando que O Val non foi alleo á profanación de tumbas. Abonda con achegarse ata a mámoa de Santa Margarida para poder ve-lo seu buraco de violación. A mámoa arriba mencionada que divide a parroquia de O Val e o Concello de Narón da parroquia de Lago e o Concello de Valdoviño contén un marco con epígrafe divisorio MTS (marco de termos), o cal non pode ser visto pois éste foi chantado no fondo do grande burato.

 

O nome de arca, outro dos topónimos máis empregados para as mámoas: Campo da Arca,  Arca de Vespasante, Arcosa, etc., tamén indica o saqueo da cámara funeraria. Reflicte a estructura dolménica visible cando os buscadores retiran a pena sobranceira para acceder á cámara, coma unha caixa, furna ou forno, esto é en forma de arca, formada polas catro chantas de pedra.

 

Cuadro de texto: Camiño que vai cara o Campo da Arca

 Das arcas, como a de Vespasante, moitas veces non se conservan nin sequera os restos da estructura dolménica; só queda o espido montiño de terra. O derradeiro paso dos saqueadores, cando xa non hai nada que apañar nelas, é traer o carro cabo delas, cousa doada de facer porque habitualmente están ás beiras das carreiras, e levar para casa as grandes chantas de pedra, utilísimas para face-las lareiras e os fornos das casas. Pero este roubo ten unha testemuña indiscreta; a toponimia e a permanencia do topónimo Arca permítenos reconstruír mentalmente a  perdida tipoloxía.

 

 As expoliacións masivas de  mámoas fixéronse ao longo de miles de anos, e aínda se están a facer hoxe en día. Moitas das pezas do Neolítico e do Calcolítico publicadas no ano 1991 no primeiro volume da historia do noso concello: un ídolo oculado representando un moucho, unha punta de frecha de pedra, outras de cobre de tipo palmela, tres machados pulidos, etc, fóronnos emprestadas por un particular que seguramente nos anos 60 do século próximo pasado cavara, en pleno fervor de “Misión Rescate”, con boa fe, nos túmulos da Necrópole Megalítica do Monte do Seixo-Monte dos Nenos, Sedes (Narón).

 

Hai que retrotraerse nove séculos para atopar a  máis antiga referencia a este inveterado costume violatorio que podería estar recollido no Códice Calixtino do S. XII, onde no capítulo VII, se di, tras falar que a terra dos galegos é rica en ouro, prata, peles de animais salvaxes e outras riquezas, que aínda é moi rica en “tesouros dos mouros”, gacis sarracenicis[171], porque era comparable entre sí para a mentalidade campesiña o feito de abrir galerías á procura de filóns auríferos co de furar nas mámoas que, en xeografía mítica popular celto-atlántica, viña a significar entrar no Alén, baixo terra, coa intención de apaña-los tesouros pertencentes aos seres e razas míticas. Viña a significar roubarlle aos mouros, aos ananos e aos xigantes, evocándoos ou conxurándoos previamente lendo e deslendo libros, grimoiros, e máxicas fórmulas, neutralizándoos para evitar que estes se enrabecharan ao ser privados do seu ouro subterráneo.

 


Na Idade do Bronce, Galicia salientou na Koiné Cultural Europeo, tanto Atlántica como Mediterránea, pola súa riqueza en ouro e en estano, mineral escaso pero imprescindible para face-lo bronce que denomina ese período. Na terra de Trasancos, o bronce elaborábase co cobre provinte da Terra de Labacengos, ou Lapatiancos, hoxe terras de Moeche, As Somozas e Cedeira e co estano que aparecía nas areas das nosas praias. Os territorios políticos que veremos proliferar na Idade do Ferro estarían xa plenamente consolidados neste período, correspondéndolle á nosa comarca a exclusiva denominación de Artabri ou Ártabros[172] e estarían sometidos aos problemas derivados dos conflictos de lindes, das alianzas, etc., e incluso a fenómenos de agregación e disgregación e aínda de cambio de denominación territorial, como lles sucedía ao resto dos pobos europeos deste período. As armas adáptanse á loita a cabalo dos nobres; os grandes coitelos chamados alabardas atados ao estremo dun pao dan paso a espadas cada vez máis longas e a machados entre outras armas que irán mellorando co tempo.

 

Cuadro de texto: Mámoa sen cámara pétrea do CalcolíticoA pesares de vivir nunha economía autárcica, e dicir, que produce o necesario para subsistir, defínese unha xerarquización con señores da guerra que acumulaban excedentes e riqueza, amosando a súa diferenciación social na exhibición de esplendentes xoias como os torques lisos cos extremos esmagados con forma de paleta. O cabalo define agora a categoría guerreira e o código de honra dos cabaleiros.

 

 Dende comenzos da Idade do Bronce Atlántico, o mundo funerario ligado a profundas crenzas máxico-relixiosas aparece representado por enterramentos con forma das mencionadas cistas, arcas ou caixas formadas por catro grandes pedras ou cuberta, chamada arca ou forno dos mouros popularmente, e que se testemuñan en varios topónimos da parroquia de O Val. Dentro destas cistas, os ladróns de túmulos atoparían todas estas armas e pezas de orfebrería que reflicten a relevancia social daqueles cabaleiros e señores da guerra alí enterrados. Cando xa non quedaba nada por apañar leváronse as pedras.


 

 

O OURO DOS MOUROS

 

Cuadro de texto: Enxoval dunha arca do Bronce (Atios) Os saqueos das mámoas fixéronse en diferentes épocas sobre túmulos de variada tipoloxía erixidos en diferentes períodos (Arnold, 1995 p. 51), poidendo abarcar este dilatado espacio temporal en que conviviron os enterramentos coas violacións dende o Neolítico (4.000 a.C.) ata a Idade do Ferro (ss. VIII- I a.C.), momento, como o amosan os funerais de Viriato, no que aínda se estaban a facer enterramentos tumulares no Atlántico. Das mámoas da Idade do Ferro non queda rastro, agás a testemuña dos guerreiros castrexos (do século II a.C.) posiblemente arrincados destes probables túmulos, destrozados, reutilizados logo, alisados e epigrafiados dende a época romana á moderna dificultando a súa interpretación, pero que nalgún caso, aparecerían descritos no lugar de seu, nos diplomas medievais.

 

Dixemos que nas terras baixas de O Val só se conservan os túmulos que facían función demarcatoria entre O Val e San Mateo ou, na estrada de Cedeira,  entre Narón e Valdoviño e que o resto dos túmulos desapareceron  sin deixar rastro, agás na toponímia menor, por mor dos expolios e das roturacións agrícolas. Certo é que un destes túmulos das zonas baixas, a mencionada mámoa de Santa Margarida, non parece desenvolver agora ningunha función demarcatoria aparentemente, pero de observa-lo feito de que esta mámoa esté ao rente, casi cortada pola casa de Santa Margarida que leva o nº 1, poderíamos reparar que no S. XVIII cumplía unha perenne función de marco divisorio -e esa circunstancia a salvou da piqueta ou da rella do arado- entre dous dos cinco coutos xurisdiccionais que conformaban a parroquia.

 


Cuadro de texto: A segunda profesión máis antiga do mundo“Non sería imposible por este camiño que dende os seus alicerces grandes túmulos principescos da Idade do Ferro, similares aos do mesmo contexto cultural Atlántico que compartimos, presumiblemente máis ricos que os das épocas anteriores, desapareceran totalmente sen deixar rastro baixo a demoledora piqueta dos cobizosos buscadores de tesouros?”. En toda Europa expoliábanse túmulos, e o relativamente recente expolio (1846) do intendente de minas Johan Georg Ramsauer foi un famoso caso por excavar este señor ao longo de 17 anos 890 túmulos na necrópole de Hallstatt chegando a desenterrar 19.490 obxectos. Cousa sen dúbida cativa de terse en conta que entre as aperturas masivas de mámoas rexistradas en Galicia. Martínez Salazar refire (1909)[173] o caso de Pedro Vázquez de Orjás, crego, señor do couto de Recemil en Lugo[174], que a principios do século XVI (no ano 1609) conseguiu do rei Felipe III unha cédula para abri-las mámoas e colle-los tesouros dos gentiles galigrecos superando as expoliacións as tres mil cámaras. Se o señor de Recemil non tivo moito éxito en resultados, porque os veciños se lle adiantaban, é de supor que foi tamén porque o terían antes os seus emuladores de séculos pretéritos. Proba do que estamos dicindo sería o tesouro de Caldas, que como temos dito respondería a un claro ocultamento nun acobillo por parte dun afortunado expoliador, do ouro recollido en multitude de túmulos.

 

Cuadro de texto: Vaso áureo de Caldas
Se Pedro Vázquez de Orjás, como pasa hoxe tamén cando os violadores de túmulos non son profesionais de arqueoloxía, non estaba capacitado para data-la idade das mámoas que escavaba, a experiencia dos primeiros expoliadores, supostamente superior, de novo co tesouro de Caldas como paradigma, en resultados á experiencia dun arqueólogo actual, seguramente sí que estaba, polo alcance da mostra (centos e milleiros de mámoas), se quera intuitivamente,  coma un cociñeiro cos centolos, en condicións de saber que túmulos eran productivos ¿posibles enterramentos individuais da Idade do Ferro e do Bronce?, e que túmulos non.

 

 Como dixemos, o ouro das mámoas tiña aos ollos dos campesiños uns donos que eran os mouros. A mámoa que está a carón da casa nº 1 de Santa Margarida, ou a mámoa que está en Vilasuso a uns 500 m. da Pena Molexa, presentan uns enormes furados e sabemos, segundo se desprende de numerosas testemuñas etnográficas, que os que os fixeron, por temor aos donos míticos dos tesouros que pensaban roubar; aos mouros que habitaban baixo as mámoas ou os “montiños de A Moura” non se atreveron a rompe-los túmulos directamente.

 

As mámoas eran lugares moi temidos, respetados e perigosos. Eran portas abertas ao mundo sobrenatural. Unha mámoa, unha fonte coma a dos tres Alcaldes (onde na noite de San Xoán se escoitaba a música do Outro Lado interpretada por un mouro gaiteiro), un lago, un río, un penedo figurativo, un castro, son habitualmente lugares de acceso directo ao Alén. Relacionado con este contexto cóntase en Vilasuso que “a pena Molexa tiña un encanto: gardaba tres mulas de ouro. Un día chegou un home cun libro, era o libro de San Cibrán. O home leuno dende a primeira páxina ata a última de arriba abaixo, logo desleuno dende o final ata o principio e desencantou as mula e levounas. Despois disto apareceron moitos máis encantos. Cando ninguén sabe facerse con eles ao cabo de certo tempo vanse cara o mar. Perto da pena hai unha fonte na que unha galiña con pitos de ouro[175] que aparece nas mañanciña de San Xoán”.

 É sensato pensar que o propio horizonte cultural que da pé á acumulación de fabulosas riquezas para disfroitalas no Alén tomou a precaución de construír unhas fortes crenzas funerarias garantes dun temor e dun respeto suficientes para a seguridade e a tranquilidade dos fúnebres inquilinos e  para ampara-los seus tesouros das mámoas. A punición sobrenatural dos transgresores, dun modo similar ao ensaiado con posterioridade [sic] en Exipto, foi o medio escollido, e seguramente o único posible, para arredar das mámoas aos expoliadores.

 

Cuadro de texto: Unha proba encuberta entre Ela e un tesouroO imaxinario popular dos labregos que practican estas excavacións, entende verdadeiramente que os “montiños de A Moura”, as mámoas, son portas de paso ao mundo dos mouros, lugares de perigo sobrenatural. O mundo dos mouros (unha das tres razas míticas que cos ananos e cos xigantes  vive baixo terra), rico, fermoso, cheo de fartura e de música, máis similar á nosa paisaxe, está no noso inmaterial etnográfico celtoatlántico, como xa vimos, baixo terra.

 

 A Etnografía Galega testemuña con numerosos exemplos que non se pode consegui-lo ouro dos mouros sen obter previamente o seu beneplácito.[176] Os violadores furtivos, pertencentes non hai que esquecelo, a un entorno etnográfico celtoatlántico, razoaban que para evita-los perigos derivados de rouba-lo ouro dos túmulos, a vinganza dos aldraxados mouros, era preciso gañarse primeiro a disposición e o favor deles. Os labregos profanadores das mámoas para obter os tesouros dos mouros que se agachaban no seu interior sen sufrir os terribles castigos que refire Vicente Risco, evocaban ou conxuraban previamente a estes seres imaxinarios marabillosos e temibles, recurrindo á axuda de meigos e á asistencia de especialistas como vedoiras,  feiticeiros,  nigromantes ou  arrolos (Risco 1962: 326-327), quens supostamente estaban afeitos a conquista-la vontade e o favor destes ricos, loiros, fermosos, inmortais, e poderosos mouros, lendo e deslendo insistentemente no libro de San Cibrao ou pronunciando unhas fórmulas máxicas sacadas de grimorios en sinaladas datas e baixo certas condicións. 


 

MATRIMONIO COA “MOURA” E DESENCANTO DO  TESOURO

 

Todavía estaba, e está presente, seguramente dende a Protohistoria ao século XIX nos violadores de mámoas galegos, a idea de que o que entrara nunha mámoa tiña que casar coa moura. Marcos Martinón lémbranolo valor etnográfico destes testimonios vertidos polos garimpeiros violadores furtivos de túmulos a comenzos do século XVII ante o xuíz,  percibido xa por Martínez Salazar, quen no seu momento preocupouse de transcribilos.[177] Segundo Marcos Martinón Torres a quen seguimos:

 

“Hilario Alonso había hallado allí una mujer descabellada y bestida de rraxa parda y los cabellos sueltos, y esto a bocanoche […], y que traía en la mano unos pocos de pelos, y que le dixera que qual le parescía mejor, aquello que ella traía en la mano o ella; e que él le respondiera que ella […]: y entonces que ella le mandara que fuese a cabar al dicho otero de la mámoa de Segade y que hallaría un tesoro […]”.

 

Cuadro de texto: Non pasou a proba“[...] Que la dicha mujer que le llamó ansí a bocanoche le preguntó que cual le parecía mejor, ella o unas vueltas que trahía enlazadas en las manos, que parescía como horo, [...] y este le respondió que mejor le parescía ella, y la susodicha le dixo: dichosa la madre que te parió; y dice que la dicha mujer era negra y fea y que hablaba por las narices.”[178]

 

 Distraídos pola descripción da extrema fealdade da pagán moura -en realidade sempre fermosísima- no imaxinario dos ladróns de túmulos funerarios galegos, quizais coma concesión á igrexa e ao tribunal, ou por acumulativa erosión e efecto da cristianización continua, non deberiamos aparta-la vista do fundamental, esto é de como aínda se conserva, reforzada, a idea do matrimonio entre a Deusa Nai (a Moura que ven casar) e o heroe morto (o esposo) que desenvolveremos máis adiante.

                       

Dentro deste  ambiente fantástico ao noso modo de ver no que Steuer (1979, pp. 631-2) denomina “second oldest profession in the world” teriamos unha evidencia destas violacións á percura de tesouros de comenzos da Idade do Bronce no “Tesouro de Caldas”, que viría a ser, segundo o penso, o achado casual  dun destes probables expolios de tesouros  posiblemente  agachado polo propio expoliador furtivo, pois para a época moderna sabemos que se encausaba a aqueles que roubaban o ouro destes túmulos sen o control dos señores xurisdiccionais e sen a autorización da Coroa que tiña o monopolio.

 

Cuadro de texto:    Enxoval áureo dunha mámoa do Bronce (A Golada)Un violador de túmulos collido in  fraganti e morto no acto,  sen confesar o acobillo onde escondera o producto de centenares de depredacións, podería despexar e aclarar instantaneamente tódalas incógnitas e problemas que plantea o Tesouro de Caldas de contarnos de qué mámoa foi sacando o áureo botín. Aínda que por empregarse  a técnica da cera perdida no fundido de algunhas pezas se avanza agora ata o 1500-1400 a.C. a antigüidade dos obxectos do Tesouro de Caldas, é arriscado darlle unha cronoloxía temperán a todos eles pois poidendo ser producto de múltiples expolios realizados por unha mesma man, os obxectos do tesouro agachado, puideran proceder de túmulos de varias épocas. Debemos estudia-los áureos vasos de Caldas, con outros obxectos arqueolóxicos similares procedentes dos túmulos do Atlántico como a célebre copa de Rillaton, inseridos cunha lectio comparatista, no rexistro arqueolóxico dos usos e das celebracións funerarias indoeuropeas,  como o berce das costumes funerarias que nos ilustra a literatura homérica[179],

como posible indicador no último banquete da relevancia social de quénes probablemente brindaron con eles á saúde do compañeiro morto.  Quizais dos vasos de Caldas e doutros similares, poderíase inferir, e o posible emprego da técnica da cera perdida non ten por que facer esto cuestionable, que nun tempo relativamente temperán da Idade do Bronce, de novo no Atlántico, encontramos o que poidera se-la primeira testemuña arqueolóxica europea deste fúnebre costume.

 

Reforza o temperán arrecendo cabaleiresco indoeuropeo que se desprende do Tesouro de Caldas, resultado dunha violación en serie de túmulos, a masiva presencia de aparentes precursores de torques e de viriae (brazaletes) presumiblemente procedentes destas violacións. O carácter simbólico dos obxectos conservados nese áureo alarde, 14 quilogramos fronte a uns 40 ou 50 que foron fundidos, aínda sendo elo cuestionable, indican a idea de expolios moi antigos de tumbas principescas.

 

Cuadro de texto: A Pena Molexa dende o castro de VilasusoPese á distancia temporal entre sí de algúns obxectos de ouro do Tesouro de Caldas, motivada esta polo presunto expolio de tumbas de distintos períodos, o espectacular peite de ouro macizo[180], indefectiblemente asociado (Pena 1999), aínda que non se repare nelo, ao ambiente heroico das tumbas de carro do Bronce e do Ferro que reflecten as estelas funerarias do Oeste peninsular, debería pola súa probable significación na topografía psicopompa do enxoval, pola intencionalidade simbólica da súa presencia, servir de base para revelarnos en tempos moi temperáns a dimensión, o alcance e a profundidade das institucións indoeuropeas no Atlántico.

 

O FOLKLORE DA PENA MOLEXA, O VAL (NARÓN) E OS PENEDOS FIGURATIVOS. CLAVES INTERPRETATIVAS

 

Non se debe silenciar que é alta a probabilidade dos asertos contidos nos precedentes parágrafos pola delatora presencia no mencionado tesouro, dun grande, macizo e pesado peite votivo de ouro de nidia, adscrición a un marco ideolóxico e cultural moi concreto, por empregalo a moura para peitea-los seus cabelos, en contexto simbólico claramente funerario, de paso ao Alén, na mitoloxía galega.  Trátase seguramente dun peite votivo destinado como agasallo para unha vella divindade indoeuropea da soberanía convertida en A Moura, mítica moradora dun mundo subterráneo que na procura dun esposo merecente, anualmente retorna a este mundo ao mencer do día solsticial de San Xoán na Pena Molexa (Pena 1991:58-60).

 

Mencionada por primeira vez por X. L. Fernández Caínzos[181], o seu nome provén de mollicula = “molexa”. O máis probable é que se trate dun penedo figurativo aínda que a súa disposición non semelle natural, pois parece encabalgada á mantenta. Ten un folklore moi antigo, con paralelos en toda a Europa Atlántica, insular e continental.

 

Taboada Chivite amosounos que o número de penedos figurativos que gardan estreita relación coa Pena Molexa é enorme, por exemplo a Pena da Moura, na Amourosa (Melide), o penedo chamado Ordo de Fumaces (Verín), a Pena Encarrillada e a Pena da Moura, de Parada do Sil, a Arca de Ogás e un longo etc., ao estar espallado por tódala xeografía granítica galega este tipo de penedos que presentan unha interesante unidade folklórica.

Cuadro de texto: ¿Penedo figurativo ou encabalgada a mantenta?

O feito de que a Pena Molexa fose encabalgada entre dous bloques graníticos pola Natureza ou pola man do home é irrelevante; non sucede o mesmo co seu folklore que nos indica que este penedo formaba parte importante dun vello culto e dunha vella crenza, considerándose obra dunha divindade.

 

Sen dúbida a Pena Molexa foi un santuario ou trebopala celta, outeiro (altar) que, por algún motivo, quizais pola perda de uso dos rituais de toma de posesión ou entronización territorial, non se chegou a cristianizar, constituíndo aínda o seu folklore  un exemplo, da pervivencia popular do culto a Deusa Nai celta, única divindade feminina, que representa á Terra, ao País.

 


 Trátase dunha deusa moi coñecida que adoita aparecer, a falta doutro exemplo mellor para comprendela, dun modo comparable á nosa Trinidade cristián, con triplicidade de forma, con tres personalidades distintas. É a triple Morrigan, a triple Brigit celta, etc. Esta trinidade feminina era coñecida en Galicia co nome xenérico das Matres, Matres Gallaecia, ou con nomes individuais (Maga, Navia, Brigantia, Iccona). Todas as divindades femininas galegas son probablemente algún aspecto ou categoría divina desta deusa. Ocasionalmente se representan en tódala céltica como tres mulleres, unha nova cun neno no colo, e as outras vella a unha e madura a outra, a asisten sostendo o cueiro, ou panos para limpa-lo neno.

 

Cando contan en Vilasuso, referíndose sen sabelo a un mito Celta da creación do mundo[182], que “a Pena Molexa dis que a fixo unha vella co dedo meniño e o día que retire o dedo será o fin do mundo” estarían a falar da primeira persoa desta trinidade ou triplicidade celta da Deusa Nai: a Vella, claramente representada no folklore desta pena de O Val. Expresado nos termos da mitoloxía céltica, onde hai que encadrala, responde ao primeiro aspecto da tríada feminina celta como unha Vella Meiga (irl. Macha, gal. Maga), boa, positiva e creadora -contra o que cabería esperar do seu decrépito aspecto, cousa propia da intensificación celta onde o deus manco e o que mellor colle, o deus cego o que mellor ve, a pétrea barca a que mellor flota, etc., que ao seu paso vai facendo o país, os ríos, os montes, os vales, os lagos, é aínda as mámoas, coas  pedras que leva na saia que vai chimpando ou sementando onde lle peta ou cadra-.

Cuadro de texto: Moura peiteando o seu cabelo (Eva Merlán)

As donas encantadas e as mouras como a da Pena Molexa adoitan aparecer  a carón dos seus tesouros na noite de San Xoán “peiteando os seus cabelos, case sempre de ouro, cun peite polo común de ouro tamén” (Risco, 1962:292). Na Pena Molexa unha lenda conta que unha moura sae na mañanciña de San Xoán amosando un tesouro e pedindo a quenes o contemplan que escollan o de máis valor. Para racha-lo encanto terían que escollelo a ela, máis a xente sempre escolle o ouro que nese momento se esvae. Esta muller de sobrenatural fermosura é, de novo, a representación da grande Deusa Nai da comunidade, do Territorio ou Estado que quedou simbolizada na súa trebopala ou outeiro en todo o rico acervo de lendas da Pena Molexa.[183]

A Grande  Raíña[184] que na súa cita anual agarda no Alén ao xeneroso esposo merecedor de compartir con ela o seu amor e os seus tesouros, ven a este mundo para casar co heroe morto, cos homes cumpridores do seu deber que deixan este mundo e parten para o outro coa confianza posta nela. O peite de ouro como o atopado en Caldas de Reis, confeccionado e decorado probablemente como agasallo (nupcial), sería aquí ofrecido polo defunto á deusa soberana, para que esta, reclamando a súa ánima inmortal, a montase no lombo do seu cabalo (por iso leva sempre as mazás ou abelurios, símbolos  de Avalón, do Paradiso celta ou a chave da porta do Alén) e a levase con ela ao seu pazo do Alén.

Cuadro de texto: Peite de Caldas

É a Deusa Nai Celta, ao mesmo tempo nova e vella, virxe e nai, raíña e campesiña, é a encarnación[185] da Terra e do País, a Soberanía que tras escoller un marido axeitado para o bo goberno e casar con él[186] acompañándoo nun vizoso reinado, non o abandona tampouco a hora da súa morte e ven por él para que reine con ela no Outro Mundo.

 

Cuadro de texto: Iccona/Epona/RhiannonNo  folklore galego esta divindade represéntase pola moura fiel que acude ano tras ano á mesma fonte, á mesma pedra, á mesma encrucillada, e aínda á mesma ponte, en busca do home capaz de superar con éxito unha proba, unha elección encuberta entre Ela e o fabuloso tesouro que amosa como engado.

 

Como raíña, chamada nas Illas Británicas Rhiannon (Grande Raíña) ou Macha (probable equivalente á nosa Maga do Noroeste, “Crougeai Magareaicoi” Outeiro da Raíña Maga), filla, esposa e nai dun rei, raíña tres veces, é raíña por nacemento, é raíña por matrimonio pois casa cun rei, e é raíña tamén pola conquista dun reino. Recoñecémola posiblemente na lenda da triple aureana ou de Ana Manana estudiadas por Vicente Risco como unha muller montada a cabalo, e tamén como tres mulleres a cabalo, pois ben,  pars pro toto tamén estaría representada na trebopala de Vilasuso: A Pena Molexa tiña un encanto: gardaba tres mulas de ouro. Un día chegou un home cun libro, era o libro de San Cibrán. O home leuno dende a primeira páxina ata a última, de arriba abaixo, logo desleuno dende o final ata o principio e desencantou as mulas e levounas. Despois diso apareceron moitos máis encantos [de tres mulas de ouro]; cando ninguén sabe facerse con eles ao cabo de certo tempo vanse cara ó mar. Estas mulas da Pena Molexa serían  reminiscencias da Epona / Rhiannon, divindade da soberanía asociada aos cabalos e aos reis.

 

Cuadro de texto: A triple Ana Manana por Eva MerlánAs mouras Aureana, Laureana e Ana, nas lendas galegas, estreitamente emparentadas sen dúbida coa historia galesa de Rhiannon, aparecen no ciclo de Ana Manana montando nun cabalo ou en tres cabalos ou eguas brancos, sen que ao enceto se saiba quén son ou qué veñen catar, aínda que polas historias das outras aureanas podemos deducir que viñan a buscar ao esposo sometido a unha proba na que adoita fallar estrepitosamente como amosaría unha destas mouras, que por faltarlle unha perna enteira á súa montura, veríase imposibilitada de abandoa-lo Outro Mundo (cf. Mc. Cone 1990, p.113). Rhiannon é a versión galesa da moura Aureana, saíndo dunha mámoa, dunha fonte ou do seu outeiro para buscar esposo: “Son Rhiannon [Grande Raíña] e fun prometida a un home contra a miña vontade [dille ao príncipe Pwill] é nón quero home algún porque te quero a ti[187]“. Ana (Bríxida), é o aspecto  virxinal da Triple Deusa coñecida con múltiples nomes, Dana, ou Danu e Don; etc., relacionadas co dagda e con Mananan mac Llyr (o Océano señor da Illa da eterna Xuventude).

 

Vir en pos do heroe para casar con él no Outro Mundo parece se-la principal ocupación das nosas mouras. Esta acción que cada ano representan teatralmente os veciños de O Val revela tamén o misterioso significado e a dimensión indoeuropea dun rito de penetración, O açvamedha , extendido pola fachada Atlántica Europea (Gales, Galicia, Irlanda y Portugal) e pola Antiga India Aria, en sinerxia coas connotacións marcadamente equinas de Rhiannon, pois logo de casar con Pwill e levalo para o seu reino (baixo terra) foi acusada falsamente de descuartiza-lo seu fillo, e obrigada a sentarse coas bestas da corte, vivindo como unha besta máis e tendo por riba, que comportarse como unha egua e   transportar sobre o seu lombo  aos visitantes (evidentemente aos que entraban baixo terra, aos defuntos) que acudían ao pazo do seu esposo. Rhiannon, significando etimolóxicamente A Grande Raíña, é a soberana do mundo celta por excelencia das lendas e da literatura onde se asocian as raíñas aos cabalos e aínda aos outeiros -Crougeai Magareaicoi , hoxe chamado Outeiro de A Maga, “croio”, “altar de pedra”, “outeiro”, de “Maga da Realeza”, “Magareaico”, como Coso Oenaeco é “Coso do Oenach” ou da Asamblea[188] -.

 

 

 

           

UNHA ENTRONIZACIÓN PRECISA DUN REI

 

¿Pero ónde está o heroe, o rei?. Na Pena Molexa queda esta memoria nunha lenda oral dos vellos que conta como esa pena e as demais rochas existentes á súa beira son un rei e os seus guerreiros convertidos en pedra por unha maldición. Na noite do solsticio de verán, noite de San Xoán, os encantados transfórmanse de novo en humáns para lembrarlle á xente que, coma os durmintes das lendas artúricas, estarán sempre aí para garda-la terra. E contan cómo esa noite o rei e os seus homes percorren e vixían os montes, visitan e protexen as casas, e aos vellos, quizais porque gardan estas antigas tradicións. E, de novo, cada ano ao remata-la noite solsticial, vóltanse outra vez pedra na Pena Molexa, dende a que en pétrea vixía sobre o Val estarán connosco para gardala Terra de Trasancos.

Cuadro de texto: Ao remata-la noite solsticial os cabaleiros vóltanse outra vez pedra

Este é o sentido das lendas é todo o que nos chegou do pasado e desas actividades na Trebopala, verba composta  probablemente de Treba, Terra, Estado, e Pala, “altar de pedra” e “Protección” (Pena 1995:50). Estes altares de pedra non eran obxectos de veneración, os nosos devanceiros de cultura celta non adoraban á Pena Molexa senón que oficiaban nela.

 

O oenac[h] é a verba irlandesa e galega (testemuñada nun epíteto ou alcume do deus  galaico Coso Oenaeco, literalmente Coso da asamblea) coa que se nomeaban ás feiras estacionais celtas.[189]

 

 A Pena Molexa foi seguramente a Trebopala, Pedra ou Altar (e protección) da Treba, un símbolo identificativo e diferenciador da Treba dos Artabri ou dos Trasanci, ou polo menos dos habitantes do castro de Vilasuso, onde quizais se rendía culto a esta triple divindade feminina, as Matres, celebrándose posiblemente cerimonias de entronización real.

 

E así remata esta interpretación dunha das penas con máis lendas por centímetro cadrado de Galicia, que comezamos por un peite de ouro[190]. A simboloxía intrínseca do  áureo peite   reveladora  da pertenza  dun  incomprendido  mobiliario   arqueolóxico  a  un horizonte cultural coñecido, garantindo unha non desprezable, probabilidade de certeza para os asertos contidos na presente exposición, permitiunos tamén abrir camiños interdisciplinares para a comprensión dos temas interpretativos dos nosos petroglifos, e dos nosos penedos figurativos como a Pena Molexa e da relixión celta. Todo esto adquire novo sentido agora, cos poderosos instrumentos e coa axuda das sorprendentes liñas inmobilistas ou continuístas de investigación etnográfica comparativista de Fernando Alonso Romero e de Ladislao Castro Pérez, complementarias das nosas.

Libraría Central Librera

Rúa Dolores 2     15402 Ferrol

centrallibrera@telefonica.net

Teléfono [34] 981 35 27 19

 

 



[170] Lago, do latín lacus, mantivo segundo parece o sentido etimolóxico de buraco, referido a unha tumba ou foxo con cinzas. Os romanos chamaban lacunar ao grande buraco magna lacuna no medio do teito onde a chuvia caía nunha pequena piscina ou cisterna chamada impluvium. Deberiamos traducir por “túmulo con burato de violación” o substantivo latino lacus.

[171] Sarracenos é falsa etimoloxía cultista dos populares  mouros.

[172] Probablemente os do Norte, os da Osa (Menor), étimo que, segundo o pensamos, chegaría reduplicado: posiblemente Artabri >Tarta[b]res (quizais desdobramento por erro de Visclávara Vistraríz no ano 977)

[173] Martínez Salazar   BRAH. III. 1909.

[174] Seguimos aquí as transcripcións de Marcos Martinón Torres, tese de licenciatura titulada  “Análisis historiográfico del Megalitismo gallego: de la documentación medieval al S.XIX” (Outubro de 1999).

[175] Esta galiña con pitos pertence a unha vella tradición, pois este motivo aparece nunha bandexa de prata dourada que os especialistas supoñen procedente da tumba da raíña longobarda Teodelinda (prob. s. VIII) enterrada seguindo o costume longobardo. A avoa (do señor que nos deu a información), apañou os pitos un día, meteunos baixo a saia e foise para a súa casa. Cando chegou á casa os pitos desapareceran. Preto desta pena encóntrase unha fonte e o castro de Vilasuso (A. Pena 1991, p 59).

[176] Esto é nos lugares onde hai mámoas, castros ou outros lugares arqueolóxicos onde poden ser encontrados obxectos de valor.

[177] Martínez Salazar, A. (1909), pp 218-219.

[178]  In Marcos Martinón Torres: Análisis historiográfico del Megalitismo Gallego, Tese de Licenciatura, Santiago 1999.

[179] /15/En las poesías de Homero no escasean vestigios de cultos anímicos que en una época anterior debieron revestir alguna importancia. Merece sobre todo atención lo que nos refiere la Ilíada acerca de los funerales de Patroclo. Evoquemos los puntos esenciales del relato. En  la noche del día en que ha sido muerto Héctor Príamida,  Aquiles llora con sus mirmidones alrededor del amigo; tres veces dan vueltas en torno del cadáver, y Aquiles, poniendo las “manos homicidas”  sobre el  pecho de Patroclo, le interpela diciendo: “Alégrate, amigo mío Patroclo, aunque ya estés en la morada del Hades; todo lo que te prometí va a cumplirse. He arrastrado a Héctor hasta aquí para abandonarlo a los perros hasta que lo destrocen y voy a degollar ante tu pira a doce hijos de nobles troyanosDespués de que todos se han despojado de las armas, dispone para sus compañeros el  banquete fúnebre. Son abatidos bueyes, ovejas, cabras y cerdos, “y en torno del cadáver se derramaba la sangre a raudales”. El alma de Patroclo se le aparece a Aquiles en sueños por la noche y le conmina para que le rápida sepultura. Al llegar la mañana aparece el ejército cubierto con las armas, conduciendo en medio del cadáver; los guerreros se cortan el cabello y lo van esparciendo sobre el cuerpo de Pa/16/troclo. Aquiles pone también, en manos de su amigo, su propia cabellera, que su padre Peleo había prometido ofrendar al dios fluvial Esperquio. Pero como no ha de poder volver a la patria, se la entrega al amigo. Después levantan la pira, sacrifican allí mismo bueyes y ovejas, y con la grasa de estos animales recubren el cadáver. Amontonan las carnes alrededor y derraman encima ánforas de miel y de aceite. Entonces se sacrifican cuatro caballos, dos perros que pertenecieron a Patroclo y por último doce jóvenes troyanos, que Aquiles conservaba vivos  para ese fin. Todo arde con el cadáver. Aquiles pasa la noche entera invocando el alma de