A AUTORIDADE NA PALABRA

A AUTORIDADE NA PALABRA. BIOGRAFÍA DO COMUNISTA PACO FILGUEIRAS FERROL SINDICALISTA CC.OO. COMISIONES OBRERAS

Editorial:
FUNDACIÓN 10 DE MARZO
Año de edición:
ISBN:
978-84-934720-8-5
Páginas:
224
Encuadernación:
Rústica
Disponibilidad:
En stock

16,00 €
Comprar

SINOPSE CORONARIA DE DOUS ACTOS DE CLASE MEMORABLES

A Historia é obra de todos. Obra de todos son incluso os dirixentes. Todos os dirixentes. Non os hai inmanentes. Pero os dirixentes son os Maestro Mateo que lle dan o toque imprescindible ó templo. Paco Filgueiras era un deses. É un deses. Un Maestro Mateo do templo do movemento obreiro galego. Por non dicir do movemento obreiro a secas. Que podería dicirse. Tranquilamente.

Honralo a el é honrarnos a nós mesmos. Por eso mesmo fun a honralo e a honrarme ó acto de Mugardos o 2 de setembro e ó acto de Ferrol onte mesmo.

No de Mugardos quen mellor aturuxou na memoria de Paco Filgueiras foi Amor, Manolo Amor, bo alumno seu. No de onte foi Iglesias o que por tres veces me puxo a min a un tris do salouco. Unha delas foi cando nos confesou que Paco fora para el o pai que a sinrazón lle roubou. Emocionouse e emocionoume. El puxo pucheiros e eu tamén ¿Pasa algo? Non pasa.

E se pasa que pase. Tiven ganas de dicirlle: ¡chora, Iglesias, que chorar tamén é de homes! Non llo dixen porque non estabamos SOS el Amor e máis eu. Cando o escoitei a el foi cando entendín a tope a forza descomunal do A autoridade na palabra.

Aínda non lin o libro ¿Cómo ía lelo?, son agora as oito da mañá e cheguei do acto ás dúas con Ferreiro. Do que si podo opinar é do título en si: ¡o título en si di máis do que din moitos libros que caen das mans nada máis abrilos!

Santidrián acaba de pedirme que lea o libro e que opine. Quedo comprometido.

Xesús Redondo Abuín


A AUTORIDADE NA PALABRA NON É UN LIBRO DE TANTOS

Xesús Redondo Abuín

O propio título vale o seu. É en si mesmo un concepto para demorarse nel. Todo o libro é para demorarse nel. A alguén lle oín dicir que é un libro que se le nun santiamén. Será para os que o leron para adornarse soamente. Eu digo que ó revés: a min levoume máis dun santiamén. E penso volver abrilo máis veces. Porque é á luz de libros así onde se ve ben onde empeza e onde non empeza a transición política. Que algúns pensan -ou fan que pensan- que o tránsito empezou nos pactos da Moncloa e no bisoñé de Carrillo ¡Serán simples! En xeral digo, ben sei que hai a quen non lle acae o adxectivo.

A democracia nin chegou a cabalo da flebite nin grazas á lucidez de media ducia de listos. Claro que teñen o seu mérito a media ducia de listos. Pero os canteiros do cambio foron moi sobre maneira os tres millóns de homes e mulleres que pasaron polos presidios franquistas simplemente polo feito de querer ser libres ¡Nada máis e nada menos que por querer ser libres!

Foi ó lombo de todos eles que chegamos aquí. Os propios Paco Filgueiras foron quen foron grazas a que os uparon a dirixentes multitude de dirixidos. A transición é obra, sobre todo, dos pións da historia, non de persoeiros escolleitos, ben claro queda neste libro: Daniel Niebla e Amador Rey eran pións e quedaron no sitio.

Grazas á loita colectiva estamos aquí. Moito antes da morte biolóxica de Franco e dos pactos políticos por arriba, xa fora morrendo por abaixo o franquismo; na Camocha, na Bazán, nos campus universitarios e por sitios así; o garrote que esganou o franquismo foi o gran metal e a bendita minería; o derrube da ditadura foi obra do día a día colectivo, non froito da enxeñería política dos de arriba; foi obra de zurcir o día a día de comisaría en comisaría miles e miles de homes e mulleres humildes, de humildes dirixentes e de humildes dirixidos. Ninguén pase por alto o cortante e punzante fío do símil “zurcir o calcetín” que esgrime sabiamente o protagonista do libro.

Libros así son o candil de ver os pasos que demos e os moitos que nos quedan por dar aínda no longo camiño do porvir colectivo. Zurcimos o pasado, estamos zurcindo o presente, pero o futuro queda enteiriño por zurcir. E ou o zurcimos entre todos no día a día ou quedará por zurcir. Non nolo zurcirán os de arriba en por si. Basicamente haberá que zurcilo por onde se zurciu toda a vida: por onde a loita de clases calza de esparto, que por onde se pisa esparto é por onde máis se lúen os calcetíns, non polos despachos dos líderes. Que os hai que se din comunistas e lúen eles máis os calcetíns dos traballadores que o esparto que os traballadores pisan.

Os meus parabéns a Santidrián e a Iglesias. É o deles un libro excelentemente zurcido. Non agardaba menos deles eu, tamén o digo. Xa sabía que nin o un nin o outro ían a escribir torto nin por escribir. Son dos que se lles falta un dato nin o inventan nin paran ata que o conseguen.

Un libro así non lle cae a un nas mans todos os días, sei que deixan cousas por dicir e que conviría dicilas -cousas como que houbo dirixentes de moita soa que querían desactivar as accións de marzo do 72, aducindo falta de condicións subxectivas, e que grazas a outros de soa menor foi posible poñer ó conxunto do pobo de Ferrol á vangarda da loita antifranquista- pero o que non deixan por dicir, e din Iglesias e Santidrián no libro, a min sóame a verdade ben dita; non o din todo, pero o que din dino con moita verdade e moi ben dito. Non o digo como cumprido.

Do que din e do que suxiren no libro colixo que non hai máis remedio que darlle polo pau a don José Ortega y Gasset cando o ilustrísimo filósofo republicano di que todos somos quen somos e máis as nosas circunstancias: o camarada Paco Filgueiras foi quen foi grazas a vivir nun sitio onde había un Ateneo Libertario e unha Sociedad de Protección Mutua de “resistencia a la explotación del hombre por el hombre” ¡Sería por miolo!

Pero é que por se ese miolo fose pouco, Paco Filgueiras formou parte do Comité do Partido Comunista de Bazán con Pancho e Vilaboy: dous heroes de Galicia e de España da talla proletaria de Cristino García ou Casto García Rozas. A Vilaboy cominárono os seus torturadores cun definitivo ¡O CANTAS O TE MATAMOS! e cunha bala na cabeza Vilaboy contestou: “prefiro morrer con honra a que mañá o pobo e meus irmáns os traballadores ferroláns puidesen apuntarme co dedo dicindo: “Ese ten sido un covarde”. “Ese é un traidor”. Velaí onde se doutorou Paco Filgueiras no arte de falar de forma aplacada e unha voz con tesitura de barítono .

Di do seu mestre, na páxina 20 do libro, un dos seus bos discípulos, que do mellor que fixo Paco Filgueiras foi ensinalos a eles a ter sempre un sorriso e unha palabra de esperanza nos momentos sombríos; e ensinalos a poñer o traballo colectivo por diante de calquera individualismo, que é a mellor medicina contra o caudillismo obreirista. E 20 páxinas máis adiante volve á carga e di que, outra das grandes virtudes de Paco Filgueiras foi saber permitir a remuda en CCOO e no Partido. ¡Qué marxista é iso de poñer ás masas como espiñazo do suxeito da historia e non ós caudillos!

Pero aínda hai outra virtude moi grande do sabio de Mugardos no libro: sempre acaba por acatar a opinión da Dirección, salvo cando a Dirección di que o fútbol é o opio que esgrime contra o pobo o inimigo; Paco por esas non pasa e dálle á Dirección un corte de manga cada día. Ben sabía el que a revolución non se fai en torres de marfil, que contaminarse coas masas é imprescindible.

¡Qué pouco lle serviron a algúns dos, daquela mozos, os maxistrais legados creadores do gran revolucionario de Mugardos: hainos que levan 30 anos no machiño e non permiten a remuda así se afunda a capa do ceo por non permitila!

Sei que a non poucos dos actuais liberados lles sentará coma un tiro algunha das cousas que digo, pero hai cousas que eu nin quero nin debo deixar de dicilas. Sobran motivos de interese xeral para dicilas. Que os hai que -dicíndose máis comunistas que os comunistas do Partido Comunista- o 10 de marzo de 1972 repartían octavillas por Ferrol responsabilizando das mortes de Daniel e Amador, non á policía, non ó pequeno fol de veleno da rúa María: ó Partido Comunista; Partido no que logo ingresaron para non volver a poñer a roupa de faena na vida. Cousa que non digo para que se algún deses me le, rasque onde lle pique, senón para que se saiba que non é ouro todo o que reluce e que urxen mecanismos que permitan a remuda que Paco Filgueiras favorecía.

Tamén boto de menos no libro a non cita de ningún dos torturadores con nomes e apelidos. Para que os netos , se é que os teñen, e son persoas de ben, saiban quen foron seus avós, e non choren por eles.

A todo isto, quero que conste que ser amable é o que a min me gusta, e que o que me desgusta é non poder selo.

Iglesias e Víctor: ¡graciñas polo voso libro!