CUSTODIO OU A FE DO CARBOEIRO

CUSTODIO OU A FE DO CARBOEIRO. O ROUBO DO CÓDICE CALIXTINO: UNHA HISTORIA PAVEIRA

Editorial:
AZETA LIBRERIA
Año de edición:
Materia
MODERNA Y ACTUAL
ISBN:
978-84-942031-1-4
Encuadernación:
Rústica
Disponibilidad:
En stock

13,50 €
Comprar

Sinopse

Custodio é un mozo a punto de cumplir os dezaoito que traballa de acólito para todo na catedral compostelana. Impregnado dunha fe cega, e coñecedor a fondo da liturxia e os cánticos propios, que entoa con piedade e boa afinación, vive con angustia os perigos que corre o Códice Calixtino de ser roubado, para o que toma as súas medidas. Consumada a desaparición, as súas obsesións pías lévano a tentar protexer denodadamente outros tesouros relixiosos de Galicia que o levan inclusive ó lendario Cebreiro. Unha historia paveira e entrañable que conta o seu amigo Lois, xornalista encargado da información no templo catedralicio.


Antón De Santiago: ´A obra ofrece unha mirada irónica sobre o roubo do ´Códice´
"Isto comezou coma un pequeno ensaio para probarme na novela, porque en teatro está todo moi complicado dende que non hai axudas"


Despois de escribir e dirixir 26 pezas teatrais, o coruñés Antón de Santiago debuta na novela con Custodio ou a fe do carboeiro (aZeta Edicións), que presentará mañá ás 20.00 horas en Portas Ártabras (Sinagoga, 22).

-Que o levou a escribir a súa primeira novela?

-No xénero da narrativa xa escribira a biografía da cantante Ofelia Nieto ademais das obras de teatro. Pero sempre teño o impulso por contar algo e colocar as palabras para que soen elocuentes. Mentres escribía a novela fun descubrindo que as historias nacen dun punto de partida para construírse elas soas, aparecen as personaxes e desenvólvense as situacións.

-Por que vertebra a historia en torno ao roubo do Códice Calixtino?

-Xurdiume no momento, cando estaba en plena voga. Non ía escribir a historia do Calixtino coma se fose O Código Da Vinci nin a historia do roubo en clave policíaca. É unha mirada irónica a partir dunha personaxe que, perfectamente, podería existir na Catedral e que reacciona ao seu modo, sendo coma é, ante os perigos que corre o Códice Calixtino. No só intenta que non se roube sen conseguilo, senón que suceden outras cousas que teñen valor en Galicia e relación coa relixión. Por iso é o da 'fe do carboeiro', porque cre en todo.

-Como é este protagonista menor de idade e "acólito para todo" na catedral de Santiago?

-Non é a o cen por cen, pero tampouco parvo de todo. Ten unha certa inocencia que pode verse nas cousas que lle di ao amigo xornalista Lois, que é o que conta a historia. Custodio fai de informador, e aí vese a súa candidez. Hai tamén unha serie de valores, como a musicalidade innata que ten o protagonista, ao que lle gusta moito cantar. O libro conta cunha banda sonora propia, unha serie de músicas que rodean a catedral e o Camiño de Santiago.

-Hai un paralelismo entre a candidez de Custodio e a que amosou a Igrexa despois do roubo do Códice?

-Podería extraerse tamén esa conclusión. Na novela aparecen todas aquelas cousas que se foron comentando sobre o Deán e os cóengos, pero sempre nesa índole humorística. Todo o que teña de policíaco é pura coincidencia. Sempre escribín de humor e aquí tamén. Isto comezou coma un pequeno ensaio para probarme na novela, porque en teatro está todo moi complicado. Coas axudas pertinentes podían facerse cousas, pero agora cortaron todo iso e é moi difícil poder estrear obras.

-O pasado teatro nótase no uso de diálogos na novela.

-Sáeme por tantos anos escribindo teatro, pero penso que a narrativa tamén pode presentar moitos diálogos. As conversas entre os protagonistas axudan a coñecer como pensan e as súas reaccións.

-Xa pensa nun futuro traballo dentro deste xénero?

-Teño unha por concluír, Trasterrado, un drama que conta a historia dunha persoa que se ve obrigada a vivir sempre fóra. A ver se é verdade que teño esa vea dramática (ri). A excepción da peza teatral Furtivos, sempre fixen comedia.

La Opinión de A Coruña