ROXE DE SEBES

ROXE DE SEBES. POESIA DIARIO FOTOGRAFIA

Editorial:
FUNDACIÓN LUIS SEOANE
Año de edición:
ISBN:
978-84-615-1747-3
Páginas:
120
Encuadernación:
Rústica
Disponibilidad:
Agotado

10,00 €


"Roxe de Sebes", a proba do Courel
Publicado o 19 de Xuño de 2012 por Francisco Martínez Bouzas

Roxe de Sebes

Ignacio Castro

Noitarenga, Santiago de Compostela, 2001, 140 páxinas.

Reedición: Fundación Luís Seoane, A Coruña, 2011, 118 páxinas.



Roxe de Sebes foi e segue a ser un libro singularísimo. Editado por primeira vez no ano 2001 por Emilio Araúxo en Noitarenga e reeditado o pasado ano pola Fundación Luis Seoane, dentro do proxecto “Cabañas para pensar”, é un libro de lectura minoritaria mais imprescindible para todas aquelas persoas que intentan atopar a outra dimensión de realidade, a dimensión profunda e xerminal do lugar, do silencio da serra nun mundo que non nos deixa escoitar co estrondo dos reactores e das marañas das vías de comunicación.

Ignacio Castro (Santiago de Compostela, 1952) é un pensador galego e crítico de arte, residente profesionalmente en Madrid, pero que nunca fai o xordo aos ecoares da cultura galega, na que irrompe de cando en vez con produtos lúcidos e arredados de tantas lambetadas ao uso dos padais snobs. Libros os de Ignacio Castro en galego ou en español, abeirados na nidia verticalidade do pensamento. Da súa autoría como escritor galego son Alén de fenda (1994), o libro que seguramente preparou no retiro da cabana do Culán e que en tantas en tantas cousas se asemella á augación de natureza que enche estas páxinas. E antes de saír á rúa Roxe de Sebes, editou, tamén en Noitarenga os debates que sobre Novoneyra se celebraron en 1999 no pazo de O Picón, baixo o título, Neste silencio. O pasado ano daba ao prelo Formas de indefinición en Axouxere Editora.

Roxe de Sebes alicérzase nos materiais conservados e froito dunha experiencia radical que o autor viviu entre os anos 1983 e 1989, para enchouparse na aprendizaxe interminable da montaña. A proba consentiu no voluntario desprendemento do mundo e no retiro na cabana de Culán en Roxe de Sebes, arriba da aldea de Mazales (Serra do Courel) durante mil días. Ignacio Castro pasou vencellado a aquela paisaxe sete anos, divididos en sete períodos de dous a catro meses. O illamento foi absoluto. Case que nunca subía ata aquela serra ninguén. Raramente un cazador ou algún pastor que se achegaba a aqueles pastos altos, solitarios.

Que pescuda o pensador con estes mil días vividos alí onde as cousas e os seres se xuntan nun emblema de todos os silencios? Inverter o camiño que propuxera Marx: volver da “acción” á “interpretación”. Se Santiago fora nos anos mozos do autor, o escenario do marxismo, Roxe de Sebes será o da filosofía. Ou dito con palabras que o autor dirixe a D.G.S. (Domingo García Sabell): atopar a identidade do singular do universal, o movemento e a quietude, o pensamento e a existencia, materiais cos que, lentamente e no illamento de cristal dunhas montañas, se pretende construír o mundo.

A incomunicación foi tal que, á parte do perigo metal daquel tremendo silencio das serras, calquera enfermidade ou accidente podería ser mortal. É certamente a proba de lume do Courel. Mais a experiencia foi fecunda e valiosa, pois logo daquela vivencia radical de unidade, o pensamento acadou a capacidade de desdobrarse, de ser dous, sen deixar de ser un.

Na soidade da montaña acadou Ignacio Castro un sexto sentido verbo da realidade natural, verbo da troita e do cervo, que nunca tivera antes. A mesma inflexible castidade que alí ten que vivir, unha sorte de adroxinia ascética que o liberaba dos impulsos da relación sexual, permítelle revivir todos os personaxes que un fora no pasado, reconquistar o sentido da comunidade desde cero: “eu era interiormente tamén todas as mulleres que coñecera”. En resumo, a experiencia asemellouse ao traballo dun místico para adaptarse ao mundo, para poder aceptar a infamia de vivir neste mundo, acompañado polo cristal da montaña.

Ignacio Castro

Roxe de Sebes é un libro humilde pero marabillosamente luminoso do que moi pouco se ten falado e coido que tamén moi pouco se falará no futuro. Porque os rebumbios do noso mundo son a súa antítese . Pero a súa lectura debería converterse no báculo laico para nos atopar a nós mesmos. Dividido estruturalmente en catro grandes partes; “O caderno de intres”: unha manchea de haicus ou breves frases descritivas ateigadas de musicalidade e lirismo ao estilo de Novoneyra (“Abeluria, xanzá, tollemerendas: flores de montaña, beleza escondida do mundo”); “As cartas dende a cabana”: cartas que van nunha soa dirección, sen resposta. Todas, agás unha, dirixidas á familia, e ás que lles chama “traballo”, como se fose un labor calquera de supervivencia; “Mil días”, é dicir, a crónica e a reflexión filosófica verbo desta amalgama coa natureza que nos fai baixar de toda vaidade ao escoitarmos o canto das pedras. Finalmente unha IV parte, “Clima e acción: unha poética e ontoloxía do lugar. O sitio, o lugar é tematizado como algo propio do pensamento fronte ao esquecemento actual de toda experiencia directa, do sosego, dos sitios hoxe abandonados e cubertos de po.
Esta entrada foi publicada en Critica literaria, Narrativa galega, Narrativa Non Ficción e etiquetada Fundación Luis Seoane, Ignacio castro, Noitarenga, Roxe de Sebes. Garda a ligazón permanente.
? As "noveliñas" de López Abente
Un barco solitario entre a néboa ?
novenoites.bloggalicia


No Courel coa parte maldita
Reeditado 'Roxe de Sebes', o libro escrito polo filósofo Ignacio Castro durante o seu retiro de mil días na montaña luguesa

Do "deplorábel Otero"

Óscar Iglesias 7 OCT 2011


Fronte á negatividade abstracta que triunfa, como se non se puidese cambiar nada, "abrir a ferida". Se o pensamento non se pode representar, coller os marcos da propia singularidade e intentar entender a vida dun "nos momentos xerminais, iso que é case inefábel". Ultrapasada a Transición, a comezos dos 80, o filósofo Ignacio Castro (Santiago, 1959) ficou so, segundo escribe, "ao ver cómo boa parte dos camaradas podían cambiar a revolución, que eu vivira dun xeito místico, por un posto progresista no medio profesional e político".

No idioma deleuzián, o filósofo decidiu facer un movemento. Reconstruíu un casoupo do lugar de Roxe de Sebes (parroquia de Soldón da Seara, en Quiroga) ata "case facer un loft", con baño e todo, e illouse alí entre novembro de 1983 e decembro de 1989. O "lugar sublime" que buscara percorrendo as serras do Estado atopouno na cabana do Culán, paisaxe de Novoneyra -ao que coñeceu despois-, entre abelurias, xanzás, tollemerendas e outras flores da montaña de uz e carqueixa, enterrada pola neve en inverno. Ao primeiro, os veciños que o vían subir libros a pé ou en carro pensaron que aquel home traballaba para as pizarreiras que furan o monte. Castro viviu alí en tempadas de dous a catro meses, baixando cada quince días ao pobo para coller provisións ou tomar un whisky.

"Serviume para aceptar o mundo en fame; a mortalidade, tal e como é"

"Hoxe non podería facer nada parecido", convén no prólogo, "pero naqueles anos un saía adiante alá arriba con toda a forza dunha violenta necesidade, a propia de quen ten todos os outros camiños pechados". O libro, Roxe de Sebes, publicouno Noitarenga en 2001 grazas á teimosía de Emilio Araúxo. A Fundación Luís Seoane vén de reeditalo agora, no ronsel do ciclo Cabañas para pensar. Aquel proxecto quería explicar a relación de once creadores, de Wittgenstein a Virginia Woolf ou Dylan Thomas, cos seus espazos de creación. No que lle toca a Castro, no Courel sandou "aquela necesidade patolóxica de recoñecemento propia de quen non se recoñece no mundo". Entregándose directamente ao propio, como Heidegger, pero crendo, aínda, na posibilidade histórica de comunidade.

O libro, dividido en catro partes, as dúas últimas miniensaios (Mil días e Clima e acción), empeza co diario autobiográfico Caderno de intres, a xeito de monólogo místico, arrandeando entre o aforismo e a nota a rodapé -"bosques devoradores de tempo". Segue na sección Cartas dende a cabana, que funciona como "botellas que se botan ao mar". Sen resposta, dirixidas á familia e, nun dos casos, a Domingo García-Sabell. Como filósofo que libera a Marx dende Nietzsche e Deleuze, Castro aínda respecta ao reaccionario autor de Paseata arredor da morte.

Como tamén se relata no mito do retiro, a montaña acabouno botando fóra. "Penso que Roxe foi asumir que non hai revolución que nos libre do mundo", resume, tamén a través da cita de Rilke que introduce o libro: 'Quen fala de victoria? Sobrepoñerse é todo". A viaxe serviulle para aceptar "o mundo en fame". "A mortalidade, tal e como é". Ao pouco de volver a Santiago, antes de ir a Madrid, morreulle o pai, comprobou que non se pode vivir da escrita e opositou. Naqueles "votos de pobreza" cuñou o plano informativo da súa obra posterior. Tras Votos de riqueza. La multitud del consumo y el silencio de la existencia (Mínimo Tránsito, 2007), Ignacio Castro está a piques de publicar en Melusina Sociedad y barbarie.

El País

Otros libros del autor

  • MIL DÍAS EN LA MONTAÑA. ROXE DE SEBES (2ª ED.)
    Titulo del libro
    MIL DÍAS EN LA MONTAÑA. ROXE DE SEBES (2ª ED.)
    IGNACIO CASTRO REY
    Hace ya bastantes años, Ignacio Castro Rey se retiró a la montaña para intentar convertir en mundo un temor atávico,...
    RECÍBELO EN 72H

    15,00 €

  • ROXE DE SEBES
    Titulo del libro
    ROXE DE SEBES
    IGNACIO CASTRO REY
    Hace ya bastantes años, Ignacio Castro Rey se retiró a la montaña para intentar convertir en mundo un temor atávico,...
    RECÍBELO EN 72H

    15,00 €

  • SOCIEDAD Y BARBARIE
    Titulo del libro
    SOCIEDAD Y BARBARIE
    IGNACIO CASTRO REY
    RECÍBELO EN 72H

    10,00 €