A SEGUNDA REPUBLICA EN BOIRO (1931-1936)

A SEGUNDA REPUBLICA EN BOIRO (1931-1936). ENTRE O CACIQUISMO INMOBILISTA E A MOBILIZACIÓN SOCIO POLÍTICA DA XENTE DO COMÚN

Editorial:
DEPUTACION DA CORUÑA
Año de edición:
Materia
CONSULTA
ISBN:
978-84-9812-394-4
Páginas:
280
Encuadernación:
RÚSTICA
Disponibilidad:
Disponible en 5 días

17,00 €


As fontes que empregou foron testemuñas vivas, a prensa da época e arquivos oficiais e históricos
21 may 2022 . Actualizado a las 15:21 h.
Comentar · 0

Un longo labor de formiga traballadora compendia o libro A Segunda República en Boiro (1931-1936), obra do historiador boirense Antón Rodríguez Gallardo que foi presentada o venres nun concorrido acto na Casa da Cultura Ramón Martínez López, tan concorrido que o prologuista Raúl Soutelo, doutor en Historia, afirmou sentirse impresionado ao ver tanta xente, «non se xunta tanta nin en Santiago, na Coruña ou Vigo», polo que deduciu que estaban alí polo autor, ao que felicitou.

A concelleira de Cultura, María Outeiral, dirixiu o acto, empezando por convidar aos boirenses a ler o libro, xa que atoparán pasaxes que afectaron a familias de Boiro, incluso as propias, como lle ocorreu a ela, e descubrirán o mal que o pasaron.

Deulle a palabra a Raúl Soutelo quen sinalou que Antón Rodríguez fala no libro da democracia dos ideais da república e achega ao lector a coñecer a historia das xentes de Boiro, que é como un microcosmos da Galicia de entón, moderna e emprendedora. Destacou a calidade da impresión e maquetación do volume.

Acceso á información

Soutelo subliñou a vantaxe de historiadores como Antón ou el mesmo, que tiveron acceso a arquivos e documentación que na ditadura se negaba aos investigadores, e incluso unha vez rematado ese período era complicado achegarse a determinados documentos. Puxo como exemplo ao boirense ao dicir que non toda a historia se fai nas universidades «hai narradores da historia vocacionais, como Antón, que se pode situar entre os historiadores punteiros en Galicia».

En canto ao contexto do libro, o municipio de Boiro, Soutelo manifestou que o que o que ocorreu no concello é extrapolable a outras vilas de Galicia, porque «Boiro era un microcosmos no que se pode analizar o que pasou». Explicou que as oligarquías non aceptaron o cambio de réxime e empezaron, en 1932, as tramas, primeiro nas cidades, e logo nos pobos como Boiro: «Aquí aconteceron moitas cousas, porque Boiro era unha vila dinámica e moderna, e Antón puxo o microscopio para indagar e contar o que ocorreu».

De casualidade

O autor, pola súa banda, explicou que A Segunda República en Boiro (1931-1936) é un libro que cociñou a «fogo moi lento», xa que lle levou 22 anos. Empezou de casualidade, a raíz dunha conversa con Marcelino Castro Gallardo, O Pinchudo, que o deixou moi sorprendido co que pasara naquel período: «Decidín mergullarme nesa época da que había tanto silencio, a través de tres vías: testemuñas, prensa da época e documentación oficial».

Explicou que tivo a sorte de encontrarse algunha xente que vivira aquela etapa, que roldaban os 90 anos: «Conseguín unha información de moitísima calidade que puiden contrastar con moita xente». Citou, entre outros, a José Ramón Blanco, coñecido como Ramón de Reseto, membro da xestora da Frente Popular do Partido Galeguista; Ramón Somoza Outeiral, fillo de Juanito O Chono, que fora o último alcalde republicano de Boiro, e irmán de Ramón, fundador das Xuventudes Socialistas en Boiro.

En canto á prensa consultada, asegurou que ao facer un reconto dos periódicos que veu sumou uns 20.000, moitos deles aínda en papel, outros en clichés e tamén dixitalizados, o que lle facilitou o labor recompilatorio. Os principais foron El Puelo Gallego y La Lucha.

No que se refire á documentación oficial, enumerou os arquivos municipais, provinciais e do Estado, así como das Cortes, do Exército e históricos.

Destacou as achegas fotográficas dos boirenses Franco Cobas González, Carlos López del Río, e o fondo documental de Jesús Vázquez Rodríguez: «É un libro moi meditado e respectuoso, escrito para a xente do común», dixo Gallardo.

Pechou o acto o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, que declarou sentirse orgulloso do traballo de Antón, que lle trouxo á memoria recordos da súa infancia, e convidou a todos os boirenses a lelo porque é valido para saber «quen e como somos como pobo».
LA VOZ DE GALICIA