A VIAXE A FIN DO MUNDO

A VIAXE A FIN DO MUNDO

Editorial:
BOLANDA
Año de edición:
Materia
MODERNA Y ACTUAL
ISBN:
978-84-608-2090-1
Páginas:
496
Encuadernación:
Rústica
Disponibilidad:
Disponible en 5 días

19,00 €

A novela, de 496 páxinas, dispón dun blog documental, www.aviaxeafindomundo, que tamén se presentará no acto. O deseño da obra é de Beatriz Muñiz e o do blog, de Alberto Fernández, dirixidos por José Carlos Santos.

Un roubo na catedral nunca resolto
A novela, que entrelaza varias circunstancias temporais, parte de dous feitos históricos. O primeiro é o roubo en 1906, na catedral de Santiago de Compostela, da cruz de Afonso III, unha cruz grega do ano 874 de ouro e xemas. Un suceso que nunca se resolveu. A prensa apenas tratou o acontecido e cando o fixo, foi con datos confusos e ata contraditorios, malia supoñer a perda da primeira ofrenda coñecida ao apóstolo Santiago e a máis venerada polos antigos peregrinos europeos. En 1921 o misterio aumentou ao arder o retablo da capela das Reliquias de onde desaparecera. Foi un feito insólito e non aclarado e, coma o roubo, axiña esquecido.

Só alguén en Santiago, un xornalista, quererá respostas, non tanto por afán profesional como polo xeito en que estes sucesos condicionarán, sen piedade, a súa vida. Esta busca levarao a cruzarse, de inesperado xeito, con outras buscas non menos determinantes, que aos cen anos do roubo volverán con insospeitadas consecuencias. A clave estará na viaxe metafórica e real ao finis terrae máis mitificado polos europeos a través dos séculos.

O blog
Dada a forte carga histórica da que parte a obra, os numerosos personaxes históricos presentes e a ampla relación de espazos e lugares con ela vinculados, a novela disporá dun blog onde o lector ou lectora interesado poderá contrastar datos, ampliar información, consultar bibliografía e imaxes reais dos espazos e lugares citados etc.

Entre os personaxes con protagonismo na novela e cuxos datos se poden consultar no blog, malia que a súa presenza non teña relación directa coa trama, aínda que nalgúns momentos si indirecta, están o arcebispo-cardeal Martín de Herrera; o cóengo, historiador e arqueólogo Antonio López Ferreiro; o enigmático linguaxeiro da catedral compostelá no século XVII, Crispín de Hebelino; e o alto mando da Royal Navy, John Robreck. A acción desenvólvese principalmente en Santiago de Compostela e na súa catedral, na ría de Arousa e en Fisterra, cuxos lugares e espazos que aparecen documentados, a distintos niveis, nesta parte documental, na que tamén se identifican as numerosas citas orixinais da obra.

A primeira novela do autor
A viaxe á fin do mundo é a primeira novela do sarriao Manuel F. Rodríguez. Doutor en Ciencias da Información e xornalista, traballa desde hai vinte e tres anos como técnico cultural da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo. Foi profesor de Comunicación da Universidade de Santiago e colaborador docente nos seus Cursos Internacionais.

Manuel F. Rodríguez publica desde 1996. Entre as súas obras individuais están Os anos santos composteláns do século XX. Crónica de un rexurdimento, 2001; Os Camiños de Santiago en Galicia, 2004, con Francisco Singul; La catedral de Santiago para los peregrinos, 2012; e Santiago de Compostela para los peregrinos, 2014, a primeira guía desta cidade que revela a súa condición de meta da ruta xacobea. Foi, ademais, coordinador de La gran enciclopedia del Camino de Santiago. Diccionario de la cultura jacobea, obra en 18 tomos con tres mil entradas na que participaron expertos de varios países e publicada, como as dúas anteriores, por Bolanda Edicións.

Durante o seu período como profesor asociado da universidade compostelá tamén dirixiu as primeiras exposicións sobre a historia da radio en Galicia, en Santiago de Compostela e Vigo, nos anos 2009 e 2010. Traballou e colaborou en diversos medios de comunicación e ten impartido conferencias en países de Europa e América.

lindeiros.es