AIRIÑOS AIRES ROSALIA

AIRIÑOS AIRES ROSALIA

Editorial:
CASA DE ROSALÍA
Año de edición:
Materia
INFANTIL Y JUVENIL
ISBN:
978-84-608-5688-7
Páginas:
84
Encuadernación:
CARTONÉ
Disponibilidad:
RECÍBELO EN 72H

20,80 €
Comprar

A ROSALÍA DE XURXO LOBATO

Cada visita que se lle fai á figura de Rosalía de Castro, sexa literaria, musical ou plástica, resulta regularmente satisfactoria e novidosa. Rosalía ten multitude de portas nas que o visitante pode petar, múltiples estancias nas que dialogar e encararse con ela, innumerábeis fiestras desde as que ollar os seus duros e diáfanos perfís, firmemente esvaídos. Ningunha figura asociada a Galicia tivo e está tendo tantas visitas. O mundo da creación artística escolleuna desde hai moito como primeira e fértil interlocutora. E neste tempo, ademais, vivimos un novo e intenso remuíño rosaliano.

E ben, cómpre aquí precisamente, na espiral rosaliana actual, situar esta obra fotográfica de Xurxo Lobato. O recoñecido fotógrafo coruñés, máis ca unha visita ou un diálogo con Rosalía, o que fai no seu caso é unha auténtica viaxe coa padronesa.

Para esta magnífica travesía, Xurxo Lobato empréstanos a súa singular ollada, selecciona imaxes e textos e emproa con firmeza no leme un rumbo nada doado pola vida e maila obra de Rosalía de Castro adiante.

E é que ao final, efectivamente, a lectura das imaxes é unha acertada fusión dos referentes espaciais máis relevantes da biografía da autora con aqueloutros espazos que máis e máis intensamente poetizou. Porque si, porque Rosalía é unha poeta de espazos e paisaxes, como moi ben aquí se subliña. Desde os interiores,sexan íntimas estancias domésticas da casa ou o teatro inmenso da Catedral de Compostela, ata os máis abertos e estarrecentes exteriores de Simancas ou das Brañas de Laíño. Son espazos da vida e mais da obra da autora, pero tamén se retratan aquí espazos que evocan a vida de Rosalía para os que autora non tivo textos explícitos. Son aquí os marcos, que Xurxo Lobato remexe, o interior da Capela do Hospital Real de Santiago de Compostela, en cuxa pía foi bautizada, e o sartego no panteón de galegos ilustres en San Domingos de Bonaval, tamén en Santiago de Compostela, onde Rosalía xace. Pero tamén viaxamos aquí ao Madrid da súa mocidade, o das súas primeiras aventuras literarias, o Madrid que a xunta para sempre con Murguía. E aínda así, non podemos deixar de evocar o Madrid de El caballero de las botas azules diante das fotografías da rúa da Ballesta ou do Canellón de Álvarez Gato.

Cremos que Xurxo Lobato atopou un xeito moi acertado de elaborar artística e didacticamente un periplo tan complexo. Na vida e na obra, como aquí se mostra, os dous referentes espaciais de maior peso son Compostela e Padrón. A Compostela máis granítica da Catedral e das campás e das rúas, esas rúas de textura inconfundible no medio das chuvieiras, pero tamén a Compostela dos barrios, aquí protagonizada con acerto polo elemento máis vexetal da carballeira de San Lourenzo: a carriza, o couselo, os fentos, os carballos varias veces centenarios que aparecen como sombras xigantescas. E de Padrón temos a Rosalía de Padrón, pero tamén a da Adina, cemiterio que ela cantara en poema inesquecible, a Rosalía do Laíño de brañas e do Lestrobe das Torres de Hermida, coa súa vedraia parra de albariñas uvas; e mesmo a da Arretén, casa en que nacera súa nai. En definitiva velaquí a Rosalía da Terra de Iria, epicentro vital e literario, cantado desde Cantares gallegos a En las orillas de Sar, ese río que enche e irriga devalante e cuxas beiras retrata Xurxo con picado cenital en requintada homenaxe. Como é lóxico, o autor detense durante a travesía nun espazo senlleiro: a casa da Matanza. Primeiro chaves e poxigo e ó final a saída que dá ó xardín. Atopamos aquí a imaxe irreemprazable da fachada (portas, fiestras e balcón soportado con columnas) e dos espazos interiores, ás veces tratados de xeito especular ou con sedoso filtro de tea. O foco detense e substantívase na rosa, na rosa no leito deitada,na rosa do cuarto coma se fose unha capela, na rosa Rosalía de Galicia.

Precisamente un dos aspectos máis salientables desta obra, desde o noso humilde punto de vista, é a escolla dos puntos de vista e tipos de plano de cada unha das imaxes. Como non evocar con poderosa forza diante do contrapicado heroico da torre de homenaxe derruída das Torres de Oeste, que Xurxo aquí nos presenta, aquel poema da suicida viúva de vivo que Rosalía ergue no final de Follas novas! A texturada pedra da imaxe, aliada dos fungos, é dunha forza extraordinaria. Porque cómpre advertir que estamos diante de imaxes, e cremos que esa é a clave da escolla do branco e negro, en cuxa poética a textura ocupa un lugar principal. É este, pois, como a literatura de Rosalía, un libro de múltiples texturas. A da pedra, a dos ceos, a vexetal e a da auga. Catro elementos que se combinan de variadas maneiras pero que representan toda unha arquitectura da imaxe nesta obra. E volvendo ós tipos de plano cos que aborda Xurxo Lobato a súa singradura pola vida e pola obra de Rosalía cómpre facer mención do reiterado uso do plano detalle. Planos detalle de petadores e fechaduras asociados á porta, á casa, á vida. Plano detalle das campás de Bastavales que nos deixan ver o lonxe (“cando de lonxe vos oio”) pola estreita pechadura do diafragma ou o plano detalle da fonte da casa grande materna para ilustrar a antítese permanente que representa a auga clara e límpida no mundo escuro dos adeuses (“Adios, ríos; adios,fontes”).

É este un libro sobre Rosalía e o fotógrafo quere tratar a vida e maila obra de Rosalía nesta acertada conxunción tamén retrata, sempre que pode, á propia Rosalía. Porque este tamén é un libro de fotos de fotos de Rosalía, de imaxes de imaxes danosa autora máis universal. E é aquí onde Xurxo Lobato é quen de capturar desde a Rosalía en cerámica, Celta de Seoane ou Sargadelos, ou en pedra do Espolón de Padrón, á Rosalía en óleo inmortal de Brocos ou lapis de Portela, para chegar á Rosalía pop imitante de Warhol, contemporánea e menos sacralizada, no contexto popular e vivo da rúa.

En definitiva, o traballo que nos achega Xurxo Lobato representa unha nova ollada, un atractivo diálogo, unha fermosa viaxe sobre Rosalía, con Rosalía, por Rosalía.

Anxo Angueira