ANTONIO DAS MORTES E A MULLER DE VERDE

ANTONIO DAS MORTES E A MULLER DE VERDE. POESIA

Editorial:
SOCIEDAD CULTURAL VALLE-INCLÁN
Año de edición:
Materia
POESÍA GALEGA
ISBN:
978-84-92597-13-0
Páginas:
208
Colección:
ESQUIO
Disponibilidad:
En stock

15,00 €
Comprar

ANTONIO DAS MORTES E A MULLER DE VERDE, DE MANUEL VILANOVA

Antonio das Mortes e a Muller de Verde

Manuel Vilanova

Sociedade de Cultura Valle-Inclán, Ferrol, 2010, 208 páxinas



Tras A esmeralda branca (2006), galardoado co premio da crítica de poesía galega, Manuel Vilanova non abandona os vieiros que o sinalan como unha das grandes voces da lírica galega contemporánea como ben confirma este novo libro, malia o seu certo silencio receptivo até o de agora.

Non hai aquí, polas similitudes que se poderían atopar entre a primeira parte do seu título e a famosa película de Glauber Rocha, que transformou en imaxes o destino de Antônio das Mortes, vinculación ningunha entre as dúas pezas creativas, a non ser, e moi de lonxe, polo encontro daquel personaxe con mitos de todo tipo na súa volta ao Sertão e porque presenciamos en ambos os casos, dito con palabras do poeta, propostas que falan “da morte coa angustia excesiva dun idilio”. Este Antonio das Mortes, deseñado por alguén que “o escribe con estereotipos ritualizados de orde verbal”, é quen de modificar a súa aparencia, amósase ás veces como bardo e ás veces como deus ex maquina, viaxa a través das diacronías, está “nos días cotiáns e nos días históricos” e “ataca as virtudes con abafos, / enche de desprezo os talentos, / ven de lonxe e toma o fondo das almas”… Ao contrario, ou como contrapunto, eríxese a Muller de Verde, entidade que pode redimensionar a eternidade, que é o humus nutricio, o espazo susceptible de ser habitado cheo de resplandor e luz, probablemente Galicia espellada nunha muller tallada en migallas polo poeta coma se fose unha miniatura e “que non ten alma: é alma”.

Vilanova oficia como unha sorte de sacerdote que se desvela en cada verso aludindo aos alicerces formativos que se transparentan nestas páxinas como son “a natureza híbrida dos meus intereses / a literatura comparada, a antropoloxía / funeraria, as artes e as áreas / onde a poética e a filosofía comunican / momentos densos…”. Velaquí esoutro eu de Antonio das Mortes que “canta cantigas de alba / á espera de que a morte / me veña a buscar”, construíndo deste xeito algo que se podería denominar como unha cosmografía colectiva da morte, neste caso da man dun edafólogo que se asoma ás fronteiras da natureza e do afiado gume que divide os dous lados.

É palmario, e non hai razón para obvialo, como se configura un lector moi activo, ao que se lle esixen as necesarias doses de complicidade para que, desde o comezo, acompañe a ese personaxe nunha viaxe na que irá “cismando na vertixe da carraxe”. Esta perspectiva serve para nos convidar a adentrarnos nun universo de historias fragmentadas e ao tempo compactadas pola presenza desoutro eu, ese Antonio das Mortes deseñado como un personaxe que alenta na súa tanatofilia, adoptando por veces tonalidades visionarias que abalan entre a pregaria, o aguillón satírico ou a dimensión profética nas que prevalecen as historias de naufraxios e ausencias, para desvelar aquí e acolá outras realidades. Talvez sexa esta orientación, onde o peso dunha ollada antropolóxica parece ser preeminente, a que fai que comprendamos as cousas, as xentes e as historias de xeito desemellante, coma se caese a venda que todo oculta.

Por último, á inexcusable filiación cultista, pragada de referencias mitolóxicas e lendarias, únese a inevitabilidade da morte que paira polo poemario, a carón da dimensión contixente do ser humano que se dá a man co mundo dos afectos, das cousas, da historia, dos espazos amados –o Miño, Oseira, o Ribeiro, Barbantes, Vigo…- nun intento de abranguer todo ese territorio da Muller de Verde.

Un enorme mosaico, así pois, en boa parte turbador, construído desde as instancias da reflexión, da rabia e da desesperanza a través de multitude de teselas que deseñan un universo rico, denso, tenso e antitético.



Publicado no suplemento <> de La Voz de Galicia, o 27 de novembro de 2010.