“Aquela xente de Catoira” é un fondo traballo que abrangue un século e recompila historias das catro parroquias do municipio, das vidas dunha xente normal que cativaron ao seu veciño e autor do libro, Pepe Castaño Dios.
O libro conta o que aconteceu e tamén múltiples historias dun século (1880-1980)”. Cunha fluída linguaxe, o autor fai un retrato polo miúdo de xente real, dunha sociedade e modos de vida, de situacións acontecidas, da cruda realidade de homes e mulleres do seu pobo, Catoira.
A publicación, nos achega vivencias de tempos pasados, recordos de aquí e de acolá, daqueles que tiveron que marchar fóra na procura dunha vida mellor. Fala do bo e do malo, da verdade; mesmo inclúe un apartado da guerra civil española, no que se analiza o seu desenvolvemento e a participación dos catoirenses nas distintas frontes e nas máis sonadas batallas.
“Aquela xente de Catoira” é unha homenaxe de Pepe Castaño Dios aos maiores que lle transmitiron esas historias en animadas conversas, a quenes foron testemuñas de feitos que reflicten unha realidade ás veces tenra, ás veces dura.