ATICO

ATICO. POESIA AUTOR DE MANIÑOS FENE FERROLTERRA FERROL

Editorial:
POSITIVAS
Año de edición:
Materia
POESÍA GALEGA
ISBN:
978-84-941204-3-5
Páginas:
54
Encuadernación:
Rústica
Disponibilidad:
Disponible en 5 días

8,00 €



Aínda que non bata o récord de paseos por editoriais de, por exemplo, “A conxura dos necios”, o primeiro libro do escritor fenés Arsenio Iglesias Pazos (Maniños, 1978) ten detrás un longo percorrido antes de que finalmente vise a luz hai unhas semanas. “Ático”, que así se chama o poemario, acadou no ano 2006 o premio Avelina Valladares do Concello da Estrada, un certame con case dúas décadas de traxectoria e premiado con 1.500 euros. O galardón ten un mérito engadido porque o seu novo autor apenas era lector de poesía ata pouco antes de presentarse ao certame.
“Todo comezou –lembra Arsenio desde Bilbao, cidade na que reside e traballa– por una amiga que me animou a participar nun obradoiro de literatura que puxo en marcha hai unha década Eduardo Estévez en Fene. Ata ese momento o máximo que eu escribía eran cartas e non lera completo ningún libro de poesía. Apenas un ano despois xa gañaba un premio de narrativa, o ‘Francisco Fernández del Riego’ e despois chegou o recoñecemento por ‘Ático’ na Estrada”. Lembrando esa transformación, Arsenio bota a vista atrás: “O valor principal do obradoiro era que ti escribías e logo todos comentabamos os textos, había unha dinámica de retroalimentación na que se falaba do teu traballo e ti tiñas que facer un exercicio crítico co traballo dos demais. Foi un estímulo inmenso para desenvolver a capacidade crítica e o gusto”.
En 2006, Iglesias acada o X Premio Avelina Valladares do Concello da Estrada, un galardón consolidado, que entre as vantaxes tiña a de publicar as obras vencedoras. “Ata ese momento todos os textos que foran premiados tiveron edición, a través do selo Fervenza, pero a miña seique estaba gafada. Ao ano seguinte ao premio houbo un cambio de goberno no Concello e o libro non se publicou. Non sei se é que non lles gustou pero despois dun par de anos me dixeron que non o ían editar. Curiosamente o premio literario non só non desapareceu senón que ao ano seguinte pasou de 1.500 a 2.000 euros de contía económica, aínda que na actualidade rebaixouse a 1.000 euros”.

aquí e acolá
O caso é que Iglesias insistiu en mover por outro lado o seu “Ático” e a esperanza estaba nunha das referencias editoriais da poesía galega: Espiral Maior. “Desde alí interesáronse moito no texto e o ían publicar, algo que para min era o máximo coas referencias literarias, de Ferrín a Rivas, do catálogo. Incluso chegaron a facer a portada, galeradas e anunciaron a aparición do poemario. Finalmente un problema económico fixo que o libro non se editase. Así que seguín movendo o traballo”. Tras varios intentos, o texto caeu nas mans de Edicións Positivas. “Aínda que non as tiña todas comigo, ao final foron eles quen máis interese demostraron e o libro xa está na rúa, con inmenso alivio pola miña parte”.
En canto a “Ático”, Iglesias sinala que o que intentou foi “facer una poesía onde non hai nin rimas, nin metáforas ou imaxes. Gústame centrarme en escenas cotiás, na emoción do momento. Máis en transmitir sensacións que na decoración da palabra. Hai moitas referencias á viaxe e á partida, pero é que foron escritas cando eu xa sabía que me viña traballar ao País Vasco”. En canto ao título do traballo di: “Hai un relato interno de dous personaxes que veñen de coñecerse. Xúntanse nun ático, un lugar apartado alá arriba, preto do ceo e lonxe do chan”.
Entre este mes de outubro e o próximo “Ático” será presentado no local de O Pote de Maniños. Con Arsenio estará o seu inspirador, Eduardo Estévez. O poeta compostelán salienta: “Arsenio fai o tipo de poesía que me gustaría facer a min, pero de xeito natural. Ademais de falar das cousas cotiás con moito detalle ten un rasgo insólito na poesía actual, na que todos somos un pouco lacrimóxenos, e é que Arsenio é un poeta optimista. E esa singularidade faino valioso”.

Diario de Ferrol



Libro de peripecia editorial case incrible –premiado no certame de poesía Avelina Valladares hai oito anos- descobre unha voz que cómpre saudar pola súa orixinalidade. O autor opta por afastarse do convencional e conducirse polas estremas dun discurso poético que se hibridiza de continuo cunha vontade fortemente narrativa, onde o fulcral resulta esa estética dos pequenos xestos, dos detalles, do espello de vivencias cotiás compartidas con intensidade e vistas con certa melancolía nun espazo limitado.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Fugas” de La Voz de Galicia, o 28 de marzo de 2014, baixo o título de “Estética dos pequenos xestos”.

‘ático’ naceu dun obradoiro de literatura. Gañou o Premio de Poesía Avelina Valadares no ano 2006. Mais o seu autor, Arsenio Iglesias, tivo que dar mil voltas para publicalo. Finalmente, Positivas deulle unha oportunidade.

arsenio

Arsenio Iglesias Pazos


Arsenio Iglesias Pazos gañou o Premio de Poesía Avelina Valladares no ano 2006 con ‘ático’. Mais as cousas fóronse torcendo e o libro parecía condenado a non ser publicado. Ata que chegou Paco Macías. Unha vez máis. Para facer o que outros non puideran ou non quixeran. ‘ático’ é un poemario de pequenas historias. De encontros e desencontros. De despedidas. De mudanzas. De pingas da vida cotiá. Próximas e reais. Falamos por teléfono co seu autor, que vive desde hai uns anos en Euskadi.

O teu libro, ‘ático’, publicouse, por fin, en Positivas. Mais foi escrito hai ben anos. Podes contar o que pasou?

Estou moi contento de que o publicase Positivas, que sempre fai escollas valentes. Unha das cousas que máis ilusión me fai é levantar a lapela e ver os nomes cos que comparto editora… No ano 2006 gañei o Premio de Poesía Avelina Valladares con este libro. O concello da Estrada tiña o costume de publicar os libros gañadores, con edicións Fervenza. De feito, nos últimos dez anos o único que non foi publicado foi o meu. Estiven dous ou tres anos agardando. Un día presenteime alí e dixéronme que non ían publicalo, que non había cartos. Por mediación de Eduardo Estévez envieino a Espiral Maior. Xa estaba todo feito: maquetado, portada feita… pero baixáranlles moito as vendas, a Xunta reducira moito o orzamento para compra de libros para bibliotecas…, entón tampouco puideron editalo. Despois cheguei a Positivas. E é Paco Macías quen o publica finalmente. Estou moi contento, como dicía.

Como pasou tanto tempo xa non verás o libro da mesma maneira…

Collo o libro agora e é como unha foto de hai dez anos. O tipo de lecturas que fago agora é totalmente distinto. Escribín este libro entre o 2002 e o 2006. Acabara a carreira e volvín para a casa dos meus pais. Despois preparei unha oposición e aprobeina. Sabía que tiña que marchar, e entón falo das despedidas…

Hai unha historia, no poemario, dun novo inquilino que chega ao piso de Andrea…

Non sei se se percibe moi ben, mais hai dúas liñas diferentes. Unha é a da historia de Andrea. E outra, que non ten que ver con esta, é a da despedida, a consciencia de ter que marchar…

Escribiches os poemas nun obradoiro literario con Eduardo Estévez.

Si, e se non me chego a apuntar a aquel obradoiro en Fene, nunca chegaría a escribir un libro de poesía. De feito, antes de ir a ese obradoiro nunca lera un libro enteiro de poesía. Eu fora coa idea de escribir prosa. Pero Eduardo é poeta e foi meténdonos o gusto pola poesía. Foi el tamén quen me insistiu para enviar o libro a editoriais. Se non fose por el, non se tería publicado.

E non seguiches escribindo entón?

Algo teño por aí, pero escribía máis hai anos, cando acabei a carreira e cando cheguei a Euskadi. Levo uns anos que escribo menos.

Non sei se vivir aí che facilita as cousas.

Aquí as administracións teñen máis cartos para cultura. En Bilbao o concello e a Deputación organizan moitos obradoiros de literatura. Estou moi contento nese aspecto porque hai moitas oportunidades: estiven nun obradoiro de literatura, agora estou nun de lectura… Hai moitas cousas que facer.

Se cadra o tema da normalización lingüística o teñen aí máis avanzado.

O que pasa é que, claro, aquí non teñen a facilidade que temos en Galicia para ter unha conversa falando unha persoa en galego e outra en castelán. Aquí ou falan euskera ou falan castelán. Mesmo é común que haxa xente que, despois de levar un tempo relacionándose en castelán, se decate de que a outra persoa sabe euskera… Se paseas por Bilbao, por iso, pode darche a impresión de que se fala pouco euskera. Pero hai máis xente que sabe falalo do que parece. O idioma está moi vivo e vai medrando.

Os poemas de ‘ático’ son moi narrativos. Podería ser unha pequena novela.

Son como microrrelatos, si. Os últimos que escribín son descricións de escenas que me resultaron significativas.

Como a do recibimento da túa nai cando volviches de Tenerife.

Fixen unha viaxe a Tenerife que levaba moito tempo preparando. Fora xa coa idea de escribir algo sobre a viaxe. Pensaba que me ía achegar moitas cousas. Mais o que non esperaba é que o máis importante da viaxe sería o xeito no que me recibiu miña nai. A miña felicidade era a súa. Pareceume bonito e por iso escribín o poema.

O xurado salientou, precisamente, a presenza do cotián no poemario.

O que conto de Andrea é ficción. Mais o demais está baseado en cousas reais que me pasaron naquela época. Escribir foi unha maneira de darlles outra dimensión aos recordos. Eu só quería contar o que me pasaba. Non son un intelectual, non creo que sexa boa idea que tente dar leccións sobre nada. Só podo falar da maneira na que a realidade se me presenta. O que me parece bonito, importante, revelador…

Na historia de Andrea hai un encontro entre persoas que non se coñecían e que van achegándose unha á outra.

Saíu así. Eu non pensaba escribir unha historia sobre dúas persoas que se van coñecendo. Non é que eu sentise a necesidade de escribir sobre iso. Foi saíndo, sen máis. A personaxe chega ao piso un pouco con medo, que é, supoño, como me sentía eu entón. Que máis que medo era respecto: nunca tivera un traballo, unha independencia…

Dicías que nos outros poemas falas da despedida, da consciencia de ter que marchar. Iso non se ve tanto. Se cadra si no que di ‘Abur’…

Por setembro-outubro do 2005 aprobei a oposición, mais non comecei a traballar ara abril do 2006. Sabía que tiña que marchar mais foi unha despedida pausada, con tempo para pensar no que significaba marchar. Pensaba que perdería cousas mais que gañaría outras… Falo diso no poema de Marco Polo, no do paraugas…

Por que lle chamaches ‘ático’?

Andrea está nun ático. A idea é a dun lugar medio afastado da realidade mais con vistas para ela. Como a dunha persoa que non se sente partícipe do que está a ver. Por iso falo de seres tímidos…

Hai un poema, ‘Xerarquía’, no que un Rei Mago se confunde cun neno e fálalle dun irmán que non ten. Unha lembranza da infancia? Noutro poema un pai dille ao fillo que se buscase unha moza e non andase con trangalladas…

É unha historia que escoitei . O neno non se atrevía a dicirlle ao Rei Mago que non tiña un irmán. Por iso lle chamei ‘Xerarquía’. Porque ás veces calamos sabendo que quen está por enriba de nós na xerarquía non ten razón. Coa infancia ten tamén que ver ese outro poema que dis. Foi unha vez vendo os Fraggle. O pai cóntalle unha historia a fillo que o fillo entende ao pé da letra. O neno non ten madurez para entender a sabedoría do pai…

Hai primeira e terceira persoa…

E algunha segunda tamén. Moitas veces son como pequenas pinceladas: algo que vin, algo que alguén dixo… Como iso de quedar para coller aínda algo de luz…