Tras pasar uns anos en Amsterdam intentando gañar a vida como pintor, Asger volve a Dinamarca para ver por derradeira vez a súa avoa Bjørk, a piques de morrer. Deste xeito, o mozo narra a riquísima historia familiar dos Eriksson, un mosaico de relatos que se estenden desde os anos 30 do século pasado ata o presente.
A historia deste curioso clan comeza nunha chaira xeada da Alemaña oriental en marzo de 1944, cando Askild Eriksson, avó do narrador, enxeñeiro naval e contrabandista, consegue escapar do campo de concentración de Sachsenhausen, un episodio que marcará a súa vida e que proxectará sobre a familia unha sombra de culpa que non influirá na súa vitalidade.
Xuntando o tenro e o grotesco, Morten Ramsland mantén cun pulso firme o ritmo da narración e cautiva o lector cun fresco sobre o devir dunha familia e un país na historia recente do norte de Europa.
SOBRE O AUTOR
Morten Ramsland (Københaven, 1971) licenciouse en Historia da Arte e Literatura Danesa na Universidade de Århus. Debutou como escritor en 1993, cunha colección de poemas. Dende aquela publicou unha novela (Akaciedrømme, 1998) e varios libros infantís, pero foi con Cabeza de can (2005), a súa segunda novela, coa que colleitou un grande éxito de crítica e público.
Comparada con obras do talle de Cien años de soledad, de Gabriel García Márquez, ou O mundo segundo Garp, de John Irving, esta novela reportoulle os galardóns máis importantes da literatura danesa, como o Premio ao Autor do Ano, Libro do Ano e o Golden Laurel, concedido polas librerías do seu país. Cabeza de can traduciuse xa a unha vintena de idiomas.