ESTUDOS SOBRE EMILIA PARDO BAZAN RECOPILACION DE DISPERSOS

ESTUDOS SOBRE EMILIA PARDO BAZAN RECOPILACION DE DISPERSOS

Editorial:
DEPUTACION DE LUGO DIPUTACIÓN DE LUGO
Materia
ESTUDIOS LITERARIOS
ISBN:
978-84-8192-255-4
Disponibilidad:
Consulte previamente la disponibilidad

6,00 €



Búsqueda avanzada

Libro electrónico
Estudos sobre Emilia Pardo Bazán e recompilación de dispersos / Araceli Herrero Figueroa

Ficha
Indice Siguiente


Abajo
Estudos sobre Emilia Pardo Bazán e recompilación de dispersos

Araceli Herrero Figueroa


Portada

A Clorinda Figueroa,
magnífica intérprete de
Emilia Pardo Bazán


—9?
ArribaAbajoLimiar

Os estudos e ensaios que conforman este libro céntranse na actividade creativa de Emilia Pardo Bazán, concretamente nas facetas de narradora, conferenciante, xornalista e crítica literaria (de certo, a crítica implica acto de creación). Acompáñanse estes traballos cunha análise comparativa da recepción da novelística pardobazaniana, recepción plasmada en nova creación, aquí texto fílmico que confrontaremos á nosa interpretación literaria.

O título do volume xa dá conta da súa heteroxeneida de, implícita, por outra parte, a toda compilación, compilación que, como se verá, integra estudos inéditos e outros publicados en diferentes medios, seleccionados de entre os varios que, ao longo dos anos, fomos realizando e expondo en diferentes foros. Por suposto, o estado actual da bibliografía pardobazaniana aconsellou a súa revisión, actualización e, nalgún caso, nova redacción. As diferentes épocas en que se redactaron estes estudos, as moi distintas canles de publicación (desde actas de congresos a xornais e revistas) e, por suposto, os diferentes receptores que ao escribir previmos, impiden que o libro goce da cohesión que algúns puideran esperar.

Xa aparte dos estudos e ensaios, este libro ofrece o interese de incorporar diferentes textos de Emilia Pardo Bazán, textos non recompilados ou descoñecidos que, ben como complemento imprescindíbel porque a eles se remite no estudo previo, ben como ilustración sobre a cuestión tratada, cremos gozarán de consideración por parte do lector pardobazaniano.

De certo, «Textos non recompilados» foi o título primixenio do volume, título que, por non parecernos suficientemente preciso, decidimos modificar, pese a sermos conscientes de que a ese aporte bibliográfico remitirá a maior atención do libro, se non o seu maior mérito.
—10?

Canto á procedencia destes textos pardobazanianos, xa no seu lugar a precisamos. Trátase, maioritariamente, de xornais lucenses (El Regional, El Progreso e vanguardia Gallega), un feito que, á par da homenaxe que no texto final a condesa rende a Lugo, nos decidiu a publicar nesta nosa cidade o libro, de aí que solicitásemos á Deputación Provincial a súa edición.

Debo, así, agradecemento á Deputación lucense, ao seu Presidente Francisco Cacharro. Síntome tamén obrigada para co persoal da Biblioteca Provincial (Nodal) de Lugo (a miña lembranza para Isabel Tuñas). Dou tamén as gracias á Biblioteca Barrié (e en especial ao seu bibliotecario, Ventura Fernández), á Biblioteca do Círculo das Artes (en concreto, a Aniceto Panadero) e, por suposto, estou tamén en débeda para co persoal das Bibliotecas da Universidade de Santiago de Compostela, en especial para coa Biblioteca da Escola Universitaria de Maxisterio (o meu recordo para Mercedes Manteiga e Carmen Varela).

Quero tamén facer extensivo o meu recoñecemento para coa miña filla Cristina Mercedes e para co profesor Ricardo Polín, compañeiro no labor docente, pola súa lectura e comentarios na preparación do volume, agradecemento que, por suposto, non me exime da responsabilidade dos erros que se podan ter introducido no libro.

Lugo, 11 de decembro de 2003.




—11?
ArribaAbajo- I -
Emilia Pardo Bazán, crítica de Rosalía1


—[12]? —13?

Emilia Pardo Bazán non pode, certamente, ser omitida nos Estudos Literarios Galegos, concretamente na Crítica Galega. Remitimos, así, á súa inclusión no apartado da «Historiografía» na Historia da Literatura Galega de R. Carballo Calero2, e, de certo, á condesa remiten tamén outros estudos literarios posteriores, por exemplo os do padre agostiño F. Blanco García3 quen, se ben xulgará con menos benevolencia figuras como Pondal ou Lamas, repetirá moitas das opinións e xuízos críticos da condesa expostos De mi tierra4 e en toda unha serie de traballos que ben merecen figurar como apéndice a dito volume, volume ao que hoxe, pola cuestión concreta que nos ocupa, debamos cuase exclusivamente remitirnos.

Respondendo ao título do capítulo que presentamos, imos considerar e avaliar os xuízos críticos de Emilia Pardo Bazán a respecto da obra rosaliana, xuízos que neste caso remiten a «La poesía regional gallega» (pp. 11 e ss.) que é onde a condesa, con moita máis extensión que en calquera outro lugar, vai analizar e comentar a obra rosaliana. Tamén serán de consideración, como complemento, «El olor de la tierra (Valentín Lamas Carvajal)» (pp. 51 e ss.), «Luz de Luna (Eduardo Pondal)» (pp. 67 e ss.), «Vides y rosas (Benito Losada)» (pp. 83 e ss.), «El cancionero popular galego» (pp. 99 e ss.) «¿Idioma o dialecto?» (pp. 289 e ss.) e «Corrección y postdata al discurso sobre «La —14? poesía regional gallega» (pp. 297 e ss.), sen por iso obviar na nosa consideración outros textos como as recensións que figuran na Revista da Galicia e no Nuevo Teatro Crítico que, se ben non directamente, deberemos, así mesmo, considerar.

Certamente, as opinións e xuízos de Emilia Pardo Bazán sobre a escritora galega máis nos serven para caracterizar a aquela que para achegármonos propiamente a Rosalía. Veremos, así, como a multiplicidade de aspectos da obra rosaliana foi obliterada por dona Emilia, e veremos como a imaxe da poeta faca moi reducida: restrinxida na súa obra galega e omitida a escrita en castelán. Porén non nos limitaremos ao como, senón que analizaremos os porqués desta restrición, e nisto é interesante considerarmos o criterio de Dª Emilia sobre a «localización» de Rosalía dentro do Rexurdimento, o Rexurdimento mesmo, e a utilización da lingua galega na Literatura, sic, con maiúsculas.

Non temos por que dubidar que como crítica Pardo Bazán exprime a súa sincera opinión, aínda que consideremos que, como di M. Murguía5, no momento da lectura pública de «La poesía regional galega», fose máis oportuno un discurso laudatorio e un discurso máis centrado na cantora galega6, tendo en conta o mes e medio de intervalo coa morte de Rosalía de Castro e a finalidade do acto ao que, singularmente, nen foron invitados nen concorreron os familiares da poeta7.

Convén tamén ter en conta que esta velada en honor de Rosalía de Castro, celebrada no Liceo de Artesanos de A Coruña (no que, casualmente, era presidente o marido da condesa) o 2 de Setembro de 1985, contaba con dúas figuras centrais: Pardo Bazán e Castelar. Corría a cargo da primeira presidir o acto e abrilo cun discurso, e a cargo do segundo, xa concretamente, cinxir, como a condesa di, «la corona de laurel al busto de la Musa» (p. 7). Por tanto, era misión de Pardo Bazán trazar unha panorámica introductoria do himno harmonioso que unise dous nomes que o público amaba moito: Rosalía e Galicia, como nos di na p. 42 do estudo que, seguíndoo, en ocasións deberemos parafrasear.

Comprendemos que Manuel Murguía quixese unha velada máis adicada á grande escritora galega, e parécenos lóxico; porén como se descoñece o —15? contido do discurso de Castelar, cremos incorrecto considerar, dentro do acto, o da condesa isoladamente8.

O propósito e obxectivo de Pardo Bazán, como ela di, era infundir a Galiza maior conciencia das súas peculiares aptitudes e do sentido da súa vida intelectual e literaria (p. 9). Quería, ademais, emitir un xuízo sereno sobre Rosalía de Castro, sereno e non precisamente xusto, porque, como Dª Emilia declara, xa en vida se lle recoñeceran á poeta os seus méritos (p. 13).

A estes propósitos engádese como adicional o que vemos acompaña a publicación de De mi tierra: saciar a curiosidade do lector español sobre as literaturas rexionais, o florecemento dos dialectos e a vida provincial. Pode, así, comprenderse que no discurso teña grande peso o estudo do Renacemento Galego e, até certo punto, que se omita a obra castelá da cantora do Sar.

Segundo Pardo Bazán, a literatura rexional é aquela escrita na fala do país, e así nos di, ao falar de Nicomedes Pastor Díaz que este, con merecementos maiores que algúns poetas rexionais, aínda que tamén moi penetrado do espírito da súa terra, non obtivo o «divino néctar» da popularidade e da fama que obtiveron e gozaron vates cuxa herdanza se reduce a media ducia de composicións de desigual valor, porque aquel autor escribiu en castelán. Conclúe a condesa precisando que a poesía propiamente galega é a que ten as raíces no corazón, a que se aprende de memoria (p. 9).