HIMNO GALEGO: UNHA HISTORIA PARLAMENTAR (INCONCLUSA)

HIMNO GALEGO: UNHA HISTORIA PARLAMENTAR (INCONCLUSA)

Editorial:
GALIZASEMPRE FUNDACIÓN GALIZA SEMPRE
Año de edición:
ISBN:
978-84-936100-8-1
Páginas:
94
Encuadernación:
Rústica
Disponibilidad:
Disponible en 5 días

9,00 €

É unha vella vindicación. Á que está vinculada moi persoalmente a profesora Pilar García Negro (Lugo, 1953). Devolverlle ao himno galego a literalidade orixinal dos versos de Eduardo Pondal (1835-1917). No mesmo momento en que o profesor da Universidade da Coruña Manuel Ferreiro sentou alá por 1996 a «textualidade verdadeira con precisión e exactitude», subliña García Negro, ela púxose a traballar desde a súa responsabilidade parlamentar, como deputada do Bloque. Levou a necesidade de corrixir a letra do himno ao pazo do Hórreo coa idea de reformar a lei de símbolos de Galicia, que data de 1984 e que fixa bandeira, escudo e himno. A receptividade do entón presidente da Cámara autónoma, Victorino Núñez, foi entusiasta, lembra García Negro, e «deseguido deu o seu beneplácito e se constituíu a ponencia».

Pola comisión pasaron Ferreiro, o musicólogo Fernando López-Acuña, o letrado maior do Parlamento Baldomero Cores, o escritor Xosé Neira Vilas, o editor de Pondal Amado Ricón, e quedaron pendentes as de Alonso Montero e Isaac Díaz Pardo. A ponencia non chegou a emitir conclusións e a lexislatura rematou. No 2002 volveu sobre a iniciativa a deputada García Negro, e José María García Leira, presidente da Cámara, solicitou ditames a Manuel Ferreiro, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura. A posición contraria destas dúas institucións, deplora a profesora, estaba mal fundamentada: «Os informes eran moi pouco académicos e nada filolóxicos, viñan a apuntar cousas tan chuscas como que a palabra clan non era conveniente por unhas supostas connotacións negativas». Tamén suxerían que o pobo xa estaba afeito ao texto consolidado polo uso. A reforma da lei nunca se produciu e o himno segue a cantar, por exemplo, cinguido onde debe cantar cinxido, chan por clan, ronco por rouco ou féridos por férridos.

É por iso que García Negro escribiu o libro Himno galego: unha historia parlamentar (inconclusa), editado polas fundacións Galiza Sempre e Galiza Cultura, e que presentou onte. Quere animar a que se poña fin a «este atentado contra a lei de símbolos», unha das primeiras da autonomía, para así «deixar de ter un semihimno, un semipobo e un semipaís». De feito, apela á urxencia de facer pedagoxía divulgativa para que se interprete sempre o himno enteiro, catro estrofas e non só dúas. «Na apertura da sexta lexislatura, no Hórreo, só os deputados do BNG cantabamos o himno enteiro, os demais non o sabían e a maioría facía o karaoke. ¡Sexamos donos do himno enteiro!», exhorta.