AGORA xa case ninguén cre nas lendas. A capacidade humana para dixerir imaxinarios está colonizada polas fake news pero aínda así vimos de presentar Lugo de lenda (Embora, 2022), un pequeno libro onde se recollen 130 relatos lendarios repartidos por 66 dos 67 concellos da provincia de Lugo. Trátase dun modesto mostrario que exemplifica a variedade temática que se pode atopar no ámbito xeográfico provincial.
Cada lenda é única, xeralmente cunha orixe tan profunda e antiga que na maioría dos casos non somos quen de rastrexar. As lendas constitúen un retrato simbólico onde se mesturan historia e memoria, espazo e tempo, realidade e fantasía, emocións e misterios. Todo o imaxinario humano está arquivado, sintetizado e condensado nas lendas.
Non foi a nosa intención elaborar un inventario do lendario da provincia, empresa para que se precisan máis azos e tempo, e, sobre todo, esixiría realizar un traballo de campo demorado para detectar e pescudar motivos lendarios que aínda aniñan na memoria da xente. Oxalá se poda realizar algún día.
As lendas tratan de explicar a orixe de todo o que nos rodea. Responden preguntas que todos nos facemos ao tempo que imos descubrindo interrogantes na contorna. A historia dun penedo raro, dunha cova ou furna, dun pozo ou dunha fonte, dunha mámoa ou dun castro, dun topónimo ou dun santuario. Por tanto, as lendas responden preguntas que intentan explicarnos, desde os coñecementos da cultura popular tradicional, as causas, reais ou fabulosas, de fenómenos que superan a nosa capacidade de interpretación.
As lendas son como placebos, protéxennos psicoloxicamente contra o noso medo atávico a monstros, demos e deuses, a doenzas e maldicións, contra a dor e a morte en última instancia pois resulta que os humanos concibimos un mundo tan ampuloso, tan poboado de malvadas criaturas que precisamos remedios para controlalo.
Nada do que nos pasa é alleo ás lendas. Todas as emocións humanas forman parte do relato lendario, tamén, por suposto, esa arela universal que nos fai devecer por acadar o amor e a felicidade material e inmaterial, a poder ser, nun só golpe máxico de fortuna e atopar un tesouro.
As lendas, sabémolo, son crónicas do imposible, suceden en compartimentos da irrealidade. E sabéndoo resistímonos a pensar que só son ilusións porque as necesitamos, porque as nosas vidas non terían sentido se non nos proporcionásemos este alimento espiritual que tanto se parece os soños.
Non esquezan que nas lendas, non podería ser doutra maneira, sempre comparten protagonismo os seres fantásticos e os humanos. Cada lenda é, en breve, a crónica dun conflito entre estes dous mundos; o dos que apandamos coas limitacións propias da especie e o dos seres sobrenaturais que inventamos para que nos auxilien, controlen e atemoricen, todo revolto.
Diso e de máis asuntos que poderá descubrir quen lea este libro tratan estes cento trinta relatos lendarios que percorren a provincia de Lugo de leste a oeste e de norte a sur. Oxalá sirva tamén para estimular a curiosidade por descubrir novos lugares imaxinarios en cada un dos nosos arredores.
EL PROGRESO