O AMOR NON SE FALA SOAMENTE (RONSEL DO 68)

O AMOR NON SE FALA SOAMENTE (RONSEL DO 68). AUTOR FERROLANO

Editorial:
MEDULIA EDITORIAL
Año de edición:
Materia
POESÍA GALEGA
ISBN:
978-84-120579-7-3
Páginas:
42
Encuadernación:
Rústica
Disponibilidad:
Disponible en 72h

12,48 €
Comprar

Vicente Araguas “O amor é un tema que me fascina; son un romántico”

“O amor non se fala soamente”. Trinta poemas que teñen no revolucionario movemento do maio do 68 o seu fío condutor


Cinco meses despois da publicación do título en castelán “Ayer y todavía”, Vicente Araguas (Xuvia-Neda, 1950) volta á poesía en galego con “O amor non se fala soamente. (Ronsel do 68)”, editado por Medulia.

Máis de trinta poemas dan forma a un traballo no que a épica e a lírica van da man, onde o “nós” e o “eles” deixa paso tamén ao “eu”, porque para esa primeira persoa que é Araguas o maio do 68 significou moito. Case todo.

Nesa época chegou á Universidade, a Compostela, e alí foi parte do movemento estudantil que alzou a súa voz pola liberdade e por un mundo máis xusto. Araguas fíxoo ademais con letras e música, xunto cos outros compañeiros universitarios cos que nacía Voces Ceibes, canción protesta nunha época tinguida pola escura ditadura.

O prolífico escritor nedés, afincado en Madrid –onde segue a exercer como profesor emérito, pero que regresa con asiduidade á súa vila natal–, reivindica ese maio do 68 nun libro que emerxe como unha sorte de calendario, con versos que se moven entre “Viña seembro tan cheo de vontades” ou o “Outubro, río turbo”, para facer tamén unha parada no “Novembro de ventura” ou na “Semana Santa do 68”.

Estes son só algúns dos poemas que dan vida a unha obra que, como o propio autor relata, foi cociñada a propósito dun curso monográfico que impartiu o pasado ano na Universidade Senior da Complutense de Madrid e que xiraba precisamente sobre a revolta que tivo o seu xermolo en Francia.

“Aquela ‘revolución’ do 68 supuxo un cambio nos hábitos e nos costumes; foi tamén unha revolución sexual”, di. Nese ronsel do 68 que Araguas recolle en poesía non faltan as alusións ao amor. “O amor é un tema que me fascina, para min é algo tan misterioso... Son un romántico no dobre sentido da palabra, no sentido de romántico impetuoso que se move por causas, etc; pero tamén no sentido sentimental”, salienta.


Diario de Ferrol
Redacción ferrol
26/12/19



Autobiografía

Agora que cío coa ollada no tempo, reparo en que levo feitas moitas cousas. O que me sorprende, sobre todo porque son dos que reivindican, con Lafargue, o dereito á perguiza. E tamén pois penso que non é coa actividade do Workaholie como se xustifica o paso por este camiño estreito, se callar vizoso, que chamamos vida. Xustifícase, digo eu, con aloumiñar un corpo de cando en vez, con botar unha parolada con quen saiba que dicir ou calar, con ollar para as nubes ou para o amor, con escoitar a música do silencio, non sei. Entón sería por un malentendido que encetei a boroa artística, poñamos, pola consabida canción belixerante dos anos sesenta e pico (xa non sei se de ave, como quería Cunqueiro, pero si do de traballar con dureza, voz, guitarra e canción).

E foron os anos de Voces Ceibes, entre o 68 e o 74, e foron dous discos individuais e outro colectivo, e amigos, amores, tamén -que se lle vai facer- algún inimigo, pero estes, xa se sabe, se non matan endurecen. Despois, a petición de Víctor Freixanes; (unha débeda), escribín Voces Ceibes (Vigo, 1991), ensaio sentimental e meditado sobre todo aquilo. A militancia en Voces Ceibes, e sei o que me digo, serviume tamén para obstaculizar o meu camiño literario porque aquí, xa se sabe, abonda con que fagas unha cousa. Así que houbo (hai) quen me descalificou como escritor ou crítico, dicindo que para que, se non tiña suficiente con ser cantante, se bla, bla, bla. ¿Envexa? Supoño que non. El será que no mundiño literario galego somos moitos e compre desbotar competidores. Como crítico hai quen anda a dicir que son "mala persoa" -"e mira que era bo rapaz"- pero isto é porque xa caín da burra dos méritos literarios do quidam (a real bluff).

Pero, volvendo ao rego, direi que, cancións a unha beira e licenciado en Filoloxía Inglesa (para ler a Joyce en vivo, para entender a Dylan, Bob e Thomas, falar coas nativas e os nativos) eu marchara a Glasgow (Escocia). Alí din clases de español entre 1972 e 1973, e deducín moitas cousas. A máis importante que a poesía (facela, digo) era cousa grande, o meu amor, e por iso o meu primeiro libro foi Paisaxes de Glasgow (Vigo, 1978) que me publicaran Pepe Cáccamo e Xosé María Álvarez Blázquez (outra débeda). Desde este libro a Río Matinal (A Coruña, 2000), pasaron unha decena de volumes de poesía, non direi poemario (palabra nefanda) así me leven ao inferno, entre outros Poemas para Ana Andrea (Madrid, 1982), o que máis amo, e unha antoloxía bilingüe galego-español, Billarda (Madrid, 1999), que aconsello a quen queira saber que cousa é a miña poética. Tamén polo prólogo preciso/precioso de Fermín Bouza Álvarez.

Por certo que de Glasgow eu volvera a Santiago, un ano triste cheo de "hermanos de La Salle", experiencia traumática que algún día contarei polo miúdo. Mais como non todo é poesía, escribín e publiquei un par de novelas: Agora xa foi (A Coruña, 2000) e A canción do verán (Vigo, 2001). A primeira tivo boas críticas (Eyré, Nicolás, Xulio Calviño, Anxo Franco, Llorca) e a segunda unha certa acollida lectora. ¿Máis novelas? Virán, espero, en canto que teña o tempo que as clases, as críticas e as traduccións andan a me negar.

De Santiago vin para Madrid, cousas do amor que non cesan, e aquí, en Majadahonda, onde vivo desde 1979, escribo estas liñas máis ou menos autobiográficas. Aquí, en fin, escribín ou escribo, como un estaxanovista, críticas, recensións, entrevistas para Leer, El Correo Gallego, O Correo Galego, Diario de Ferrol. Antes o fixen para El Urogallo, ave literaria que morreu sen deixar unha débeda, tomen nota, e Diario 16 (todo o contrario). Como tradutor fun ou vin do inglés ao galego, e deste e do portugués e de novo do inglés ao español. Stevenson, Joyce, Heaney, D. X. Cabana, Celso Emilio Ferreiro, Mário Cesariny, Vinícius de Moraes, Eduardo Lourenço, Derek Walcott son algúns dos autores por min traducidos/recriados.

Non o dixen aínda pero nacer nacín en Xuvia-Neda (Coruña), o 24 de setembro de 1950, un ano redondo, no que EE.UU., vaia por Dios, andaba a deixar a súa pegada violenta en Corea. Un día domingo ás once e media da mañá, e por iso que desde aquela amo os domingos. Neda, en fin, era a vila bucólica que hoxe non deixou de ser. Eu igual tamén tiña algo de bucólico, agora calquera sabe.

Gusto, en fin, das bicicletas, dos "slow-rock", das olladas claras, dos ríos mansos, das aves migratorias, dos poemas de amor ben tirados, de Rosalía de Castro (por todo), da ironía, dos suplementos literarios, de Escocia, de Eça de Queirós, de ti, que non me les, pero que me entendes, se ti que me entendes e que tamén me les, de andar a pé e subir aos montes porque despois de que os baixas van seguir aí, das reconciliacións, de Ancos e da Louseira, de ciar coa ollada nos tempos que xa non serán.

Otros libros del autor

  • TRAVÉS DO TREBÓN
    Titulo del libro
    TRAVÉS DO TREBÓN
    ARAGUAS ÁLVAREZ, VICENTE
    O VERAN DE 1936 EN ASTALEIRO TRANSCORRE TEDIOSO PARA VITOLO ATA QUE COMENZAN A ESCOITRSE RUMORES DUNHA SUBLEVACION N...
    Disponible en 5 días

    16,00 €