O LOBISHOME DE CANDEÁN

O LOBISHOME DE CANDEÁN. AUTORA DE FERROLTERRA

Editorial:
GALAXIA
Año de edición:
Materia
MODERNA Y ACTUAL
ISBN:
978-84-9865-217-8
Páginas:
136
Encuadernación:
RÚSTICA
Colección:
COSTA OESTE
Disponibilidad:
RECÍBELO EN 72H

14,50 €
Comprar

Nestes tempos en que xa non se escoitan ouveos a medianoite, en que os lobos visten coma persoas, pero pensan coma animais, ás veces aparecen rapazas mortas, abandonadas no medio do monte. Non hai explicación lóxica posible para iso, máis alá da eterna sede de sangue dos lobishomes.
Paula Carballeira recrea maxistralmente o mundo dos lobishomes na novela O Lobishome de Candeán. Nela dásenos noticia da morte de Elvira baixo as gadoupas dun home lobo, da aparición do cadáver e do seu enterro, e preséntansenos os personaxes que atoparemos ó longo da novela cos seus trazos definitorios: Elvira, a vítima adolescente; Silvia, a súa amiga, por quen sabemos dos hábitos da mocidade, como os excesos co alcol e a chegada tarde á casa cos problemas que isto xera no seo familiar; Berto, irmán de Elvira, que vive absorto no seu mundo de videoxogos; Puri, señora da súa casa e escrava da familia e do bar. Aparecen tamén, entre outros, o policía e mais Balbina, a misteriosa muller do pano negro. No enterro xúntase a parroquia e xorde como un xuíz colectivo.
A novela resólvese a través das páxinas grazas ás pescudas do policía e vanse decantando as actitudes dos personaxes. A noite gaña presenza e os escenarios tórnanse máis concretos: adro, cemiterio, monte e interiores. Algúns personaxes pasan á primeira liña, nomeadamente o de Balbina, que sabe “escoitar por debaixo das palabras”. As pescudas rematan coa detención do lobishome na súa propia casa e as augas van volvendo ó rego da “cruel normalidade”, salvo excepcións. Bieito segue a súa particular procura, malia haber xa un detido e Celia, a nai de Elvira, seguirá coa súa vida en soidade.
Esta narrativa de medo, como a definen algúns, recae na construción dos personaxes. De entre eles, destacan o lobishome e Balbina. O lobishome que constrúe Paula Carballeira, malia ser un perigoso criminal, presenta máis a fasquía dun enfermo ca a dun malvado. Semella máis culpable por abandonar a medicación que polo crime cometido. Resulta curiosa a compaixón que esperta: Balbina vai visitalo ó cárcere e lévalle un presente. Este último personaxe reúne os trazos da vella sabia e da meiga. Todo un ronsel de imaxinación da man de Paula Carballeira.

DA PALABRA

A colección Costa Oeste é a liña editorial de Galaxia para atender o lectorado mozo a partir dos catorce anos, a quen as propostas de literatura infantil xa lles quedan un pouco atrás e, non obstante, aínda están a formarse como lectores. Daquela, os exemplares desta colección pretenden achegalos a un tipo de literatura xa máis densa (a colección, por exemplo, xa non leva ilustracións) pero, ao mesmo tempo, procurando que os títulos que se publican respondan as súas grandes interrogantes relacionadas coa idade na que están. Trátase dunha proposta que pescuda na publicación de títulos que sigan contribuíndo a formalos como lectores para, que de adultos e de adultas, sigan a gozar do privilexio da boa literatura.

No catálogo da colección entran voces contemporáneas, da literatura galega e da literatura universal, tamén algúns clásicos como Herman Hesse. O criterio que segue a Editorial Galaxia é sempre o da calidade, sen renunciar a que sexan estes atractivos para
un lectorado, o público xuvenil, que posúe un alto nivel de esixencia.

A colección Costa Oeste iniciouse no ano 1997 coa publicación da obra Mecanoscrito da segunda orixe, de Manuel de Pedrolo, un dos títulos de maior éxito da colección e libro que a moitos lles mandaron ler na etapa educativa. En 2003 mudouse o formato da colección polo actual, esta nova etapa comezou coa novela O armiño dorme, de Xosé A. Neira Cruz, unha das novelas máis premiadas e con maior proxección exterior da literatura galega nos últimos tempos. Estamos, sen ningunha dúbida ante unha
gran colección que ofrece unha gran variedade títulos. Na actualidade xa vai polos 68 títulos publicados.

Quen é quen
Paula Carballeira naceu en Fene no ano 1972 e é licenciada en Filoloxía Hispánica. Dedícase profesionalmente ao teatro e á narración oral e forma parte da directiva da asociación
Variosventos, de recente creación, que agrupa os contacontos de Galicia para dignificar a actividade como profesión. Participa en diversos programas da Televisión de Galicia e colaborou como locutora na Radio Galega.

Na súa traxectoria como autora de literatura infantil publicou as seguintes obras: A percura (1990); Robín e a boa xente (1995); Troulas, andainas, solpores e unha farsa anónima”(1996); Olo-iepu-iepu (1999); Mateo (1999); Un porco e unha vaca xa fan zoolóxico (Xerais 1999); Paco (2001); Correo urxente (2001); O ganso pardo (2002), A era de Lázaro (2004), Smara (2006) e Boas noites (Xerais 2007), que obtivo o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2007. Ten publicado, ademais, o poemario Contatrás (2006).

Un anaco
“Agora si. O vento abaneábaa coma se fose unha folla acabada de arrincar. A ela. A el o vento parecía non afectarlle. Ergueito, desafiante, mirouna cos seus ollos azuis, máis que azuis grises, ou grises-azulados. Sorriulle. Ela estaba morta. Morta de frío. Morta de medo.”

Recomendado
Ademais de recomendar O lobishome de Candeán, aconsellamos tamén a lectura de A era de Lázaro, da mesma autora. Na colección Costa Oeste existen títulos como O diario vermello de Carlota, de Gemma Lienas; O diario vermello de Flanagan, de Andreu Martín e Jaume Ribera; O alquimista, de Paulo Coelho; Fumes de papel, de Xavier Alcalá ou Faíscas, de María Cano

Otros libros del autor

  • SOMOS OS MONSTROS
    Titulo del libro
    SOMOS OS MONSTROS
    PAULA CARBALLEIRA CABANA
    Obra coeditada por Agadic y Edicións Xerais de Galicia dentro de la colección Biblioteca Dramática, galardonada con ...
    Disponible en 5 días

    15,00 €