A plástica romana de Galicia, se ben inserida nos modelos romanos, mostra unha clara facies de tipo provincial con producións de mediana calidade, condicionada pola natureza dos materiais de soporte, así como pola pericia dos talleres. Bo exemplo diso son as pezas en pedra e bronce que integran esta exposición. A través da escultura é onde mellor podemos apreciar as tendencias propias do ámbito provincial. Por un lado unha de carácter culto, que satisfaría os gustos da clase alta da sociedade galaico-romana e que prefire unha temática "oficial" e unha materia como o mármore, e da que serían un bo exemplo a “cabeza feminina” e o relevo do signifer. A outra corrente estaría máis próxima aos gustos populares, arrastrando unha tradición prerromana anterior. O soporte utilizado é o granito e a temática pode ser moi diversa, mesmo culta, pero o tratamento é diferente, como se aprecia nos anversos e reversos da colección de estelas bifrontes, -que por primeira vez se expoñen todas xuntas-, e no denominado relevo de Xúpiter, de temática militar, no relevo de Vilarín, ou no fragmento do relevo do Corgo. As estelas son os monumentos máis representados na plástica galaico-romana. Entre as de gran formato, con figuración humana, destaca a de Crecente. Mención á parte merece a escultura togada de Saa, unha das poucas desta época en vulto redondo labrada en granito de Galicia. Caso diferente é a plástica en bronce. Son pequenas pezas, de maior variedade formal (botóns, apliques, placas decoradas, sítulas, exvotos, etc.), e elaboradas coa técnica á cera perdida. A diferenza das pezas graníticas é posible que algún dos obxectos de bronce chegase á nosa provincia como resultado dun proceso comercial, como o caso do cadeado de truco. O obxectivo principal desta exposición na sala dos mosaicos do MPLugo foi darlle unha unidade temática e cronolóxica que integrase a plástica e a musivaria romana, facilitando así a interpretación dun tempo e dunha cultura determinada a través de diversas manifestacións artísticas, que se poden completar a continuación con visitas á sección de arqueoloxía e ao claustro. [Enrique J. Alcorta Irastorza e Mª Ofelia Carnero Vázquez (Dpto. de Arqueoloxía/Historia do MPL), Comisarios da Exposición] _____ A exposición «A plástica provincial romana no Museo de Lugo» concentra todas as pezas, tanto pétreas como metálicas, pertencentes ao Museo Provincial de Lugo e susceptibles de seren agrupadas baixo dito epígrafe. Trátase de pezas que, na exposición permanente do Museo Provincial, non están agrupadas e ás que se incorporan, nesta ocasión, outras esculturas senlleiras (orixinais ou reproducións) que proceden da provincia de Lugo pero pertencen a outros museos galegos. A inauguración desta mostra e o seu percorrido temporal coinciden coa reforma e reestruturación da Sala dos Mosaicos do museo, á que se incorpora a partir de agora toda a escultura en pedra desta etapa, acadando reunir e mostrar a mellor colección de estelas bifrontes da «escultura provincial romana» que pode verse a día de hoxe en Galiza. Por outra banda, propuxémonos que esta mostra de plástica romana servise de complemento a VII Reunión de Escultura Romana en Hispania que se celebra en Santiago de Compostela no vindeiro mes de xullo e que traerá a Lugo unha das súas sesións e unha visita dos participantes a esta senlleira mostra. Son polo tanto dous significativos motivos de satisfacción que veñen a enriquecer e complementar este proxecto expositivo que, dende o noso punto de vista, contribúe con eficacia a valorizar e difundir esta importante colección do Museo Provincial. Cómpre, finalmente manifestar o noso agradecemento a todo o persoal do museo que se implicou decididamente nesta iniciativa, á súa directora, Aurelia Balseiro e aos técnicos da sección de Arqueoloxía, Ofelia Carnero e Enrique Alcorta, responsables da montaxe da mostra e da elaboración deste catálogo que presentamos e , tamén, aos profesores da USC, Raquel Casal e Fernando Acuña, pola súa valiosa colaboración. [Antón Bao Abelleira, Vicepresidente da Deputación de Lugo] A vocación arqueolóxica do MPL vénlle dende a súa orixe, dado que na súa creación en 1937, xa contaba cunha colección de arqueoloxía que se foi incrementando co paso dos anos. Así mesmo, como principal receptor de depósitos e doazóns particulares e institucionais, estes fondos sempre estiveron presentes nos distintos proxectos expositivos da súa historia. Nestes últimos anos, ademais de se realizaren investimentos na restauración, conservación e exposición da sección de arqueoloxía, tamén se formulou un programa de traballo para estudar a colección conservada nas zonas de reserva e amosarlla ao público mediante unha exposición temporal titulada Arqueoloxía 1990-2005, que se complementou cun ambicioso programa cultural paralelo. Estas iniciativas obtiveron un grande éxito de visitantes e de participación nas distintas actividades organizadas en torno a esta disciplina. Finalmente, a publicación, —tamén o pasado ano—, dun catálogo razoado, que presentaba numerosas pezas inéditas, foi, é e será un manual de referencia para os investigadores e interesados na materia. Pero ademais a arqueoloxía está sempre presente na programación para escolares, nos obradoiros temporais, nas visitas guiadas, na investigación, na presenza en foros científicos e na divulgación en xeral do MPL. Outra iniciativa que cómpre destacar neste mesmo eido foi a recente redistribución espacial da sala dos mosaicos do MPL. Quixemos darlle unha unidade temática e cronolóxica, situando a plástica provincial romana coa musivaria nun mesmo espazo para facilitar a interpretación de varias manifestacións artísticas nun tempo e nunha cultura determinada e tendo en conta que a visita a esta sala debe complementarse coa visita á colección de epigrafía do claustro, á sala capitular e á exposición das salas nove e dez no claustro superior. Agora, aproveitando a «VII Reunión de Escultura Romana en Hispania» e a través da iniciativa de Fernando Acuña e Raquel Casal, do Departamento de Historia I da USC, xurdiu a posibilidade de realizar este verán unha mostra que integrase temporalmente na sala dos mosaicos case toda a plástica provincial romana do MPL, xunto con outros exemplares, externos pero representativos, que Enriquecesen o discurso expositivo. Como resultado desta conxuntura e da propia exposición, tamén se edita esta publicación como outro xeito de dar a coñecer esta parte do noso patrimonio arqueolóxico e contribuír á súa difusión. Finalmente, queremos deixar patente o noso agradecemento a ambos os dous profesores e aos técnicos da Sección de Arqueoloxía e Historia do MPL polo traballo realizado. [Aurelia Balseiro García, Directora do Museo Provincial de Lugo]