Nacida no litoral coruñés, onde os temporais do Orzán imprimen carácter e memoria, Teresa Barro debuxa en Vento de marzo. Caderno de memoria unha travesía vital que percorre nove décadas de mundo (1936-2026). Da infancia na Galiza da posguerra -silenciosa, áspera, vixiada pola ditadura- ás aulas de Santiago e Madrid, a autora reconstrúe o espertar dunha conciencia que atopou na literatura, na música e na análise lúcida o seu primeiro territorio de liberdade.
A chegada a Londres, a comezos dos sesenta, xunto ao seu compañeiro Fernando Pérez Barreiro, abriu un exilio voluntario que fixo da cidade un fogar intelectual. Alí, entre bibliotecas, debates e horizontes cosmopolitas, Barro converteuse nunha voz singular do galeguismo no exterior: cofundadora do Grupo de Traballo Galego de Londres, tradutora para organismos internacionais -incluíndo a primeira versión galega de Alice in Wonderland- até os 88 anos e exploradora das disciplinas astrolóxicas e filosóficas.
Vento de marzo. Caderno de menoria non é só memoria: é unha mirada crítica sobre o século XX e as mudanzas do novo milenio. Cunha prosa sobria e