“Boas Noites, Cambados”, un volume no que se ofrece un orixinal retrato da localidade a través dun percorrido fotográfico pola súa fisionomía nocturna que permite ao lector descubrir esa outra perspectiva da realidade cambadesa que só a noite é quen de ofrecer.
A través de preto dun cento de instantáneas editadas en gran formato, “Boas Noites, Cambados” inspírase nas luces e os sons nocturnos para convidarnos a viaxar polo rueiro cambadés e, a través del, mergullarnos tanto no rico patrimonio como na propia historia da vila.
Os que se achegan á publicación vólvense, por tanto, cómplices do importante patrimonio que integra Cambados, vila á que o editor, José Luis Teófilo, se referiu como terra de “espléndidos pazos, marabillosas paisaxes, excelentes viños e mellores xentes”. Esta edición quere render tributo precisamente aos cambadeses e cambadesas, que co seu facer conxunto fixeron posible o desenvolvemento deste municipio.