A modo de diario, desde unha perspectiva vivencial, sen ningún tipode aspiración pretensiosa, abordo os temas que máis me preocupan.
O concepto de identidade, a poesía e a ética son os tres eixos sobre os que xiran estes textos, con distintas manifestacións dentro de cada unha das materias.
No que atinxe á identidade, reflexiono sobre a galeguidade e a noción
de nacionalismo desde un punto de vista ontolóxico, baseándome
nas propias experiencias.
Da ética, trato cuestións relacionadas coa educación na violencia,
no culto ó feo e no inmediato, alicerces que fomentan a deturpación
da paisaxe, a concepción do amor en parella ou polos nosos maiores,
abandonados como electrodomésticos inservibles.
Asemade reflexiono sobre o acaparamento de ideas nobres (o ben
e o mal, o xusto e o inxusto, o lícito ou o prohibido) pola relixión e
polos gobernos de calquera signo.
Por último, a poesía, representación total da ética e da dignidade.
Unha forma de coñecemento profundo. Como dixo Pessoa: comprender
sentindo moito.