AS LUCES DE NOUTRORA

AS LUCES DE NOUTRORA

Editorial:
ESPIRAL MAIOR
Año de edición:
ISBN:
978-84-92646-46-3
Páginas:
100
Disponibilidad:
Disponible en 5 días

15,00 €

Descoñecía a traxectoria anterior do poeta ourensán Edelmiro Vázquez Naval, constituída por senllos poemarios titulados As voces da saudade (1988) e O rito do regreso (1996), polo que o presente constitúe xa o seu terceiro libro. O pausado ritmo no que atinxe ás publicacións e, talvez, os asuntos temáticos de xorne clásico que recrea son as motivacións que conxecturo non fan da súa unha presenza moi común nin entre foros poéticos nin no panorama da poesía galega contemporánea.

Un excelente camiño que permite transitar polo que foi, e é, a súa estética constitúeo o limiar que Víctor Campio subscribe para este poemario. Nel infórmasenos polo miúdo dos chanzos da súa traxectoria e realízase, ao meu ver, un atinado desvelamento das claves que este volume presenta ao lector. Respecto do primeiro, o autor d´O aire, a luz e o canto esencializa as liñas de sentido dos seus dous primeiros libros apuntando á “preocupación do autor pola pegada do tempo no discorrer da existencia”. E, en efecto, este volume, acompañado de ilustracións de César Prada, discorre con porfía por estes regos pois o ton reflexivo, intimista e evocativo está nucleado arredor dese sempiterno motivo polo que ben se podería cifrar o último sentido deste poemario como un recorrente e intenso ubi sunt?, sustentado con imaxes e resonancias que proveñen do ámbito da recordación, sempre inseridas no territorio da infancia e a mocidade perdidas que, ademais, evoca desde unha aparataxe do universo labrego e mariñeiro, como referentes nunca opositivos senón complementarios.

A constancia do tempo que flúe e a reflexión de carácter máis existencial, ou ontolóxica se se quer, son os dous alicerces sobre o que se ergue este edificio poético pois a esculca nos territorios do pasado, ese intento de aprehendelo, facilita a chegada das sombras que fenden a alma do poeta, proxectándose nun presente baleiro e escuro. Non falta, polo medio, o diálogo con poetas como Antón Tovar, Rilke, Gamoneda, Raimbaud, nin tampouco a feitura clásica abeirada ao soneto que comparte espazo con outros recursos constitituíndo, así, unha auténtica espiral de evocacións que alimentan e dotan de sentido ao poemario.

cadernodecritica

Otros libros del autor