Somérxenos, ao longo dunha sucesión de fermosas imaxes, recollidas pola cámara de Ramón Vaamonde, polos lugares máis emblemáticos do municipio, constituíndo unha guía que nos invita a gozar das súas excelencias.
O libro fai un percorrido polo patrimonio cultural espallado polas catro parroquias do municipio: San Mamede de Abalo, San Miguel de Catoira, San Pedro de Dimo e Santa Baia do Oeste; e tamén por fermosos recunchos naturais, destacando a beleza da súa paisaxe con bosques espesos, as atractivas rutas dos ríos Freixeiro e Souto, ou a lagoa das Pedras miúdas, que se engaden ás súas praias fluviais e marismas.
Un itinerario que ten unha cita obrigada na senda do que foi o Camiño Real de Santiago de Compostela a Vilagarcía, cos restos das Torres do Oeste e a capela de Santiago. Emblemático símbolo deste municipio que acolle cada ano, no seu recinto, a popular Romaría Vikinga.
“Catoira, chave e selo de Galicia” quere ser pois testemuña deste variado patrimonio cultural que, engadido aos atractivos naturais, son un orgullo para os catoirenses e un indiscutible reclamo turístico.