Descuento:
-5%Antes:
Despues:
19,95 €Unha muller deixa o seu piso na cidade e instálase temporalmente nun alpendre no campo, lonxe de todo. Mentres a súa vida vai encaixando nun novo lugar, o silencio entre ela e Xavier, un home moito maior con quen, durante unha década, mantivo unha particular relación, convértese no punto de partida dunha longa deriva pola memoria que, lonxe de ser un arquivo ordenado, é un organismo vivo, obsesivo e caprichoso.
Claire-Louise Bennett ofrece nesta novela o acceso a unha conciencia e aos movementos sinuosos do pensamento arredor de sucesos aparentemente mínimos. Encontros e conversas, chamadas telefónicas e obxectos esquecidos, envíos de flores e correos electrónicos inesperados aparecen e reaparecen para descubrirnos que os momentos decisivos da nosa vida raras veces permanecen inalterados no noso recordo, un mecanismo que revela, con extraordinaria perspicacia, as dinámicas de dependencia, idealización e poder que atravesan toda historia de amor.
A radical exploración da vida interior que a autora xa iniciara cos excepcionais Pond e Checkout 19 continúa en Chao, bicos arredor de novas preguntas. Que significa permanecer leal a alguén? Que parte do outro lle pertence realmente ao outro e cal á nosa invención? Até que punto escribir é un modo de continuar conversando con quen xa non está ao noso lado para conversar?