COMERCIALIZACIÓN DA SAÚDE

COMERCIALIZACIÓN DA SAÚDE. HOSPITAL ÁLVARO CUNQUEIRO A GRANDE ESTAFA

Editorial:
LAIOVENTO
Año de edición:
Materia
CONSULTA
ISBN:
978-84-8487-315-0
Páginas:
153
Encuadernación:
Rústica
Colección:
ENSAIO
Disponibilidad:
Disponible en 5 días

15,00 €

4 may. 2016
postheadericon #EnPrimicia: Presentación en Cangas do libro "Hospital Álvaro Cunqueiro, a grande estafa"
Este xoves, 05 de maio ás oito da tarde, o Salón de Plenos de Cangas acollerá, en primicia, a presentación do libro “O Hospital Álvaro Cunqueiro: A grande estafa”.

Evento organizado pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Cangas, no que teremos o pracer de contar entre os relatores co ex-fiscal Superior de Galicia, D. Carlos Varela García, “Fillo adoptivo de Cangas” dende o 27 de xuño de 2009; título que o Concello lle outorgaba pola súa defensa do uso do galego no ámbito xudicial, sendo o actual Alcalde concelleiro de Cultura. Un cartel de luxo que se completa con:

Pablo Vaamonde García (coordinador do libro): Especialista en Medicina Familiar e Comunitaria. Foi Director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Gallego de Saúde (Sergas). Traballa como médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña).
María Luísa Lores Aguín (co-autora): Especialista en Radioloxía. Médica e membro da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP). Traballa como radióloga do Complexo Hospitalario de Pontevedra.
Manuel Martín García (co-autor): Especialista en Medicina Familiar e Comunitaria. Portavoz de SOS Sanidade Pública e presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP). Traballa como médico de familia en Marín (Pontevedra).

“A comercialización da saúde. O Hospital Álvaro Cunqueiro: A grande Estafa”, recentemente publicado, sendo Cangas a primeira vila na que se presenta, é moito máis cun libro, é a ferramenta de denuncia que os autores queren facer chegar á cidadanía tras longos anos de estudo e de reivincacións, que poñen ao descoberto as manobras orquestadas na oscuridade, tanto por parte dos gobernos autonómicos e central, como por parte de poderes financeiros que queren facer negocio coa nosa saúde. Neste ocasión poñen a lupa sobre o Hospital Álvaro Cunqueiro, dando boa conta dos innumerables despropósitos e sinalando, sen ruborizarse, aos culpables da “desfeita” que presenciamos, o pasado verán, coa súa posta en marcha.
Este libro, que a Sra. Rocío Mosquera (ex-conselleira de Sanidade) non dubidaría en denostar, tal e como tentou facer cos organizadores da histórica manifestación do 03 de setembro de 2015, non só é un relato cronolóxico do acontecido, senón que nos esclarece a que responden as actuacións políticas levadas a cabo polo goberno do Partido Popular, que están moi lonxe de protexer os intereses da cidadanía. Esta estratexia político-financeira ven de lonxe e hoxe estamos a sofrer as súas consecuencias, que poderán ser irreparables se non facemos o imposible por parar este afán privatizador e destructor da sanidade pública.

A comercialización da saúde
O hospital Álvaro Cunqueiro: a grande estafa
(Edicións Laiovento, 2016)

Autores

-Jesús Araujo Nores. Especialista en ORL no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Membro da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública.

-Antón Beiras Cal. Economista, asesor fiscal e avogado. Redactor da denuncia sobre as irregularidades no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, presentada ante a Comisión Europea en representación da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública.

-Angel Cameselle Corbacho. Presidente da Xunta de Persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo

-María Luísa Lores Aguín. Especialista en Radioloxía Médica e membro da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP). Traballa como radióloga do Complexo Hospitalario de Pontevedra.

-Manuel Martín García. Especialista en Medicina Familiar e Comunitaria. Portavoz de SOS Sanidade Pública e presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP). Traballa como médico de familia en Marín (Pontevedra).

-Marciano Sánchez Bayle. Médico pediatra. Director do Observatorio de Políticas de Salud, presidente da International Association of Health Policy e portavoz da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP). Traballa como pediatra en Madrid.

-José Emilio Santiago Nieto. Especialista en Medicina Familiar e Comunitaria. Foi Director Provincial do Sergas de Pontevedra. Traballa como médico de familia no Centro de Saúde de Redondela.

-Pablo Vaamonde García (coordinador). Especialista en Medicina Familiar e Comunitaria. Foi Director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Gallego de Saúde (Sergas). Traballa como médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña).


Índice

Prólogo: Galicia, un exemplo do malo e do bo para a Sanidade pública (Marciano Sánchez-Bayle)

1. O novo hospital de Vigo: a grande estafa (Pablo Vaamonde García)

2. A estratexia da privatización sanitaria no contexto nacional e internacional (María Luísa Lores Aguín)

3. A tea de araña: as privatizacións no Estado español. Balance da política sanitaria do goberno do PP. (Manuel Martín García)

4. Informe dramático sobre a Sanidade galega (Pablo Vaamonde García, Manuel Martín García)

5. Endebedamento sanitario e privatización da sanidade galega (Manuel Martín García)

6. A polémica do Hospital Álvaro Cunqueiro: relato cronolóxico (Pablo Vaamonde García)

7. O novo hospital visto desde dentro. O relato dos profesionais (Ángel Cameselle Corbacho)

8. O novo hospital de Vigo: proposta estratéxica para os servizos sanitarios de Vigo. (Manuel Martín García, José Emilio Santiago Nieto, Jesús Araújo Nores)

9. Anexos:
- Denuncia ante a Comisión Europea, presentada por Antón Beiras Cal en representación da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública.
- Entrevista con Manuel González Moreira (Pablo Vaamonde García)


Fragmento do prólogo, escrito por Marciano Sánchez-Bayle

En Galicia tense fraguado un amplísimo movemento social e profesional en defensa da Sanidade pública e contra das privatizacións que ten amosado unha grande capacidade mobilizadora con éxitos moi notables. Coido que paga a pena deterse a examinar o que se ten feito. En primeiro lugar logrouse articular unha alianza permanente de organizacións sociais, profesionais, sindicais, políticas, concellos, etc., dunha composición variable en cada sitio concreto, en torno á defensa da Sanidade. As plataformas en defensa da Sanidade pública estiveron inicialmente focalizadas en problemas moi concretos (loita contra das fundacións e Medtec), mais posteriormente estendéronse por toda Galicia e tomaron o nome de SOS Sanidade Pública, que acolle a máis de vinte plataformas que cobren todo o territorio e que son un exemplo de como é posible articular un acordo de maioría social, sen sectarismos, respectando a pluralidade das organizacións políticas, sociais e sindicais arredor de cuestións concretas e que son fundamentais para a vida social.

A segunda cuestión que me interesa destacar ten que ver co traballo de fondo, a elaboración de análises en profundidade da situación sanitaria e de propostas concretas para afrontar os problemas da sanidade. Podemos citar o traballo “Revisan 2000: Informe acerca dos recursos sanitarios da Área de Vigo”, a proposta presentada pola plataforma de Vigo e a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) respecto ao novo hospital de Vigo, elaborada xa no ano 2001 e que, por desgraza, foi desatendida pola Xunta de Núñez Feijoo cos perversos resultados que hoxe coñecemos. Neste aspecto tamén convén resaltar as publicacións científicas analizando a situación que están recollidas en Salud 2000, en Cadernos de Atención Primaria e que mesmo tiveron repercusión internacional como na publicación no Journal of Public Health Policy en 2001. A AGDSP fixo as únicas avaliacións independentes realizadas sobre o funcionamento das fundacións (publicadas por Gaceta Sanitaria ou Fundación Alternativas).

Debemos destacar a publicación de varios libros como “A saúde como negocio” (2012) que continuou en castelán -“La salud como negocio” (2014)-, e segue agora con este libro que presentamos: “A comercialización da saúde” (Laiovento, 2016). Tamén participaron autores galegos noutros libros como “La contrarreforma sanitaria” e “La Sanidad no se vende”. En fin, que o labor de divulgación, de análises e de propostas viñeron da man co labor organizativo e de mobilización social e profesional.

Marciano Sánchez Bayle. Médico pediatra. Director do Observatorio de Políticas de Saúde, presidente da International Association of Health Policy e portavoz da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP). Traballa como pediatra en Madrid.


CONTRACAPA DO LIBRO “A COMERCIALIZACIÓN DA SAÚDE”.

Este libro analiza con detalle a situación a que se chegou co desastre do novo hospital de Vigo e sitúa este relato no contexto galego, estatal e internacional. Os seus autores son persoas con gran compromiso social e recoñecidos coñecementos e experiencia sobre o tema. Tamén aportan e propoñen alternativas para dar saída á problemática creada con este proxecto cheo de irregularidades. É un libro excelente que nos incita a todos a seguir loitando e traballando polo dereito á saúde e para que os intereses da poboación prevalezan sobre os das multinacionais, dos especuladores e das tramas que queren facer negocio e lucrarse de forma indecente a expensas dos orzamentos públicos, mesmo poñendo en risco a continuidade do actual sistema sanitario.
Marciano Sánchez-Bayle


Os recortes e as medidas destinadas ao desmantelamento e privatización da Sanidade pública foron a norma nos catro anos de mandato do PP. Só se moderaron, en parte, polo amplo rexeitamento social e profesional que se produciu case desde o primeiro momento. Durante estes anos producíronse as maiores mobilizacións coñecidas en defensa da Sanidade pública estendidas por toda a xeografía do país.

Manuel Martín García


Non todo está perdido: as plataformas de defensa da sanidade pública teñen conseguido grandes éxitos. Mais o único que pode salvar os dereitos conseguidos e restaurar o Estado de benestar é un goberno de progreso que defenda a sanidade e os servizos públicos e que procure desligarnos de calquera tratado internacional antidemocrático (TTIP/TISA ou similar).
María Luísa Lores Aguín


Os cidadáns non poderán esquecer que, por decisións políticas e por afán de lucro, os dirixentes do PP están a poñer en risco a saúde colectiva, ademais de deixar unha severa hipoteca para o futuro da sanidade pública galega. Este hospital, que Núñez Feijoo presentou como o gran proxecto do seu mandato presidencial, deixa ver ás claras o que é na realidade: unha gran estafa.
Pablo Vaamonde García



Etiquetas: 12M, area sanitaria de Vigo, comunicados, manifestacion, novo hospital, privatizacion, sos

Otros libros del autor