EXERIA

EXERIA. NOS LÍMITES DO MUNDO HISTORIA DAS EXPLORACIÓNS GALEGAS

Editorial:
ASPG AS-PG A.S.P.G. ASOCI SOCIO-PEDAGÓXICA GALEGA
Año de edición:
Materia
VIAJES Y VACACIONES
ISBN:
978-84-938747-2-8
Páginas:
72
Encuadernación:
Rústica
Disponibilidad:
Disponible en 5 días

9,00 €

Arturo Iglesias: “Exeria é a primeira cronista de viaxes da historia”

Con Exeria.Nos límites do mundo (AS-PG) o profesor e escritor Arturo Iglesias constrúe un relato sobre as experiencias no camiño da primeira cronista de viaxes da historia. O libro presentarase os próximos días na Coruña, Ferrol e Betanzos.

Carme Vidal

Descubre Arturo Iglesias unha muller con ansia de coñecemento, con espírito de aventura e de superación dos atrancos que atopa nunha viaxe que, contra o que teñen contado de Exeria, non é nin mística nin ascética. O libro presentarase a próxima quinta feira día 12 ás 20:00 horas na Agrupación Alexandre Bóveda da Coruña., a quinta 29 ás 20:00 horas no local da Sociedade Galega de Historia Natural (Porta de Canido e o sábado 14 ás 19:00 na Libraría Biblos de Betanzos.

-Por que repara en Exeria para dedicarlle un libro?

Se vou cara o pasado lembro a Historia de Galicia en cómic de Pepe Carreiro na que atopei unha ilustración de Exeria. Daquela quedárame na memoria e un día na Feira do Libro en Madrid atopei un volume en latín e castelán sobre a súa viaxe e volvín enganchar. Sempre me pareceu un personaxe moi singular.

-Defínea como primeira cronista de viaxes.

Así aparece en manuais e investigacións que falan dela. Recoñécese como a primeira persoa que fai un relato sobre unha viaxe, describindo o traxecto e os lugares que visita.

-De Exeria pouco se sabe mais, que dados o levan a insistir no seu desexo de coñecemento, tamén como motivo da viaxe?

Do que queda do seu relato, da parte que se conserva, móstrase como unha persoa curiosa. Visita canto sitio ten referencia, busca a maneira de chegar e procura relacións con persoas do lugar para se achegar con máis profundidade. Mesmo cunha situación persoal de cansazo e enfermidade non deixa de procurar os sitios que considera interesante coñecer.

-Sitúa o inicio da viaxe en 378, como explica que unha muller emprendera daquela unha viaxe tan longa?

Todos os datos que se citan son certos, recollidos por distintos autores ou citados por ela mesma no seu Itinerario. Sábese que saíu nese tempo. Nalgún libro dise que é posíbel que estivese relacionada con algunha familia noble e que tivera contactos para ser recibida como é en distintas partes do mundo. De todas maneiras é coetánea de Hipatia e mesmo resulta verosímil que se puideran atopar na viaxe. Certo é que o traxecto sorprende e semella extraordinario pero hai outras mulleres que fixeron viaxes interesantes.

-Vostede opta por se meter na pel de Exeria e construír o relato en primeira persoa.

A miña idea era facer unha obra de divulgación, dirixida ao público da ESO ou mesmo ao final de primaria, se se trata de nenos lectores. O que intentei é que quen lera fose quen de vivir as historias que vive a personaxe, poñelo na súa propia biografía real.

Pois nese momento digamos que recorre todo o mundo porque a idea é que a terra remata onde ela chega. Chega ao límite do mundo dos romanos e máis alá sería outro diferente, como ir a outro planeta. Fai a viaxe máis grande que se podía na época. Non se podía ir máis alá nin hai outro viaxeiro que fixera un traxecto máis longo. Ela baixa polo Nilo e chega a Tebas e, dirixíndose ao este achégase ao que sería Palestina. Tiña que viaxar con algún tipo de cabalgadura porque hai comentarios que así o indican. Dá a impresión de que tiña que ir acompañada dun certo séquito.

-En boa parte das referencias e investigacións, Exeria é unha monxa, mais vostede non concreta ese aspecto.

Os libros que hai sobre ela fan unha análise da viaxe desde o punto de vista cristián e católico. Que fose relixiosa non está claro. A única referencia na que se fundamentan é unha carta que manda as súas “irmás” e a partir de aí fíase que eran as irmás relixiosas. Que fora relixiosa é unha posibilidade, máis nada. Nalgún momento comenta que ten curiosidade para ver en persoa o que se describe na Biblia e saber o que hai de certo en todo o relato mais tamén mostra dúbidas de que o que sae nos escritos fose certo. Por exemplo, sigue o itinerario dos xudeus e conclúe que non pode ser tal e como se describe na Biblia. Interésame a parte aventureira e, certamente, moitos estudos sobre a súa figura fan interpretacións intencionadas.

Que faga a viaxe para atopar unha vida ascética ou mística sería moi discutíbel. Ao meu ver pesa máis a curiosidade de carácter científico. Leva os seus propios libros e no mesmo espazo le os documentos para ver se coincide. Trátase dun espírito máis científico que relixioso. Non chega a Xerusalén e queda aí senón que visita tamén moitos lugares nos que non hai referencia bíblica. Cando describe, poño por caso, como viven os cristiáns faino como cronista máis que como persoa de fervor relixioso.

-Está claro que era galega e que a viaxe comeza na Gallaecia?

No seu escrito, no coñecido como Itinerarium Egeriae falta o inicio e unhas páxinas do final. O máis seguro é que morrese no camiño pero é un dato que non está comprobado. De todas maneiras, aínda que o seu relato non teña o inicio si fai referencia ao seu camiño anterior, á Gallaecia. Sábese que saíu do norte e fala do mar e mesmo fai comparanzas na viaxe dicindo que a auga está tan fría como a da súa terra. Ela describe cada lugar como un relato, non moi novelado, mais nalgún caso conta anécdotas de personaxes ou das súas propias experiencias.

-Para a maior parte, Exeria será unha grande descoñecida, ten vontade de recuperar a súa historia?

O obxectivo non é só difundir esta figura concreta senón recuperar a nosa historia, tamén a través da literatura. Os ingleses teñen cantidade de novelas de viaxes, de aventuras que se gaban das súas figuras e iso non acontece no caso galego. O meu proxecto é recuperar, na medida do posíbel, todos estes personaxes. Estivemos en moitos lugares do mundo, temos galegos e galegas que viaxaron por todas partes, de maneira pioneira, e algúns deles descoñecidos. Lin hai pouco un libro sobre viaxeiros que deron a volta ao mundo e non recollía ningún galego cando, na expedición de Magallanes había dous. Semella que os británicos foran quen percorreron o mundo e foi, poño por caso, un barco galego o primeiro en chegar a Australia. Paréceme interesante recuperar esa parte da nosa historia e este libro quere ser un chanzo máis nesa escada.


-Exeria inaugura un proxecto máis amplo sobre grandes viaxeir@s?

Coincidín hai tempo con Xosé Tomás, autor das ilustracións, nun instituto e tiñamos a idea de facer unha colección de viaxeiros e viaxeiras galegas. Naceu con Exeria mais teño xa listo o de Isabel de Barreto, a primeira muller que dirixiu unha flota de descubrimento. Agora queremos retomar esas historias porque entendemos que é unha maneira amena de chegar á mocidade. Son personaxes relevantes que, infelizmente, están esquecidos ou son pouco coñecidos na nosa historia. Quero que sexan relatos no que a aventura teña forza, que quen os lea goce coa escrita como se vivira de forma real o que se conta.

Sermos Galiza