En Fariñas e muíños en Ferrolterra durante a Ilustración destacamos que o pan, os biscoitos, pastas, doces, papas, é dicir, a dieta humana de cereais: trigo, millo, centeo e avea; configuraron as sociedades varios centos de anos. A transformación destes cereais en fariñas se leva a cabo nos muíños que se clasifican pola súa forza motriz: de auga e de vento, pola moa, pola súa propiedade e finalidade.
Na Galiza os muíños hidráulicos (de río ou de maré) son unha das mostras mais significativas da cultura popular, dende o punto de vista do patrimonio industrial, arquitectónico, histórico e etnolóxico. Para elo é preciso coñecer o funcionamento e as partes principais dos muíños de auga, dende a súa infraestrutura hidráulica (canle, rodicio, etc.), ó edificio central: o inferno e o tremiñado e o léxico ó redor dos muíños e da muiñada, que aquí recollemos (a quen lle importa o muíño, teña conta do rodicio). Estes muíños están afastados dos núcleos de poboación, en lugares de gran beleza e unha vexetación exuberante, máis de moita humidade e difícil acceso nas diversas xurisdicións señoriais que configuran o que hoxe denominamos Ferrolterra.
Neste século da Ilustración serán chamados “muíños do Común” para diferencialos dos “muíños do Rei” que se constrúen coa creación da capital departamental de Ferrol e as súas inxentes necesidades alimenticias de pan, biscoitos náuticos e galletas mariñeiras. “Muíños do Rei” serían o de Lestache e o de Lembeye, comerciantes franceses veciños de Ferrol. A través das pesquisas nas fontes documentáis e bibliográficas, recuperamos as súas traxectorias profesionais e biográficas.