A aparición de Internet, a Rede de Redes (WWW), na segunda metade do pasado século, inaugura un novo tempo na economía, na produción cultural, nos fluxos de comunicación, nas relacións entre os pobos e entre as persoas, no ámbito particular (privado) e no político, no científico e na creación artística, no pensamento, no lecer, nas relacións comerciais, na educación, nos servizos, na información, caracterizado todo pola aceleración, o intercambio permanente de ideas e produtos, e pola supresión de fronteiras (polo menos de fronteiras físicas). Se aceptamos que unha cultura é fundamentalmente un espazo de comunicación e que entendemos por sociedade, en canto que agrupamentos humanos, son produtos da comunicación, ou, dito doutra maneira: non existirían sen comunicación; se consideramos que a comunicación, en calquera das súas formas, é consubstancial á propia vida, mesmo á vida biolóxica, anterior á existencia dos seres humanos (as plantas, os seres unicelulares tamén se comunican, necesitan comunicarse para subsistir), entenderemos a relevancia deste Foro e a importancia de considerar a tecnoloxía, isto que agora denominamos TIC (tecnoloxías da información e a comunicación, que algúns aínda presentan como “novas tecnoloxías”), entenderemos a importancia de considerar a tecnoloxía no marco do tempo que nos toca vivir e, sobre todo, pensando no futuro que poidamos habitar, onde nos últimos tempos entra tamén en xogo a Intelixencia Artificial, que está na cerna da actualidade. Todo isto repercute en nós, en Galicia, como sociedade e cultura. Ao redor destes, e doutros temas relacionados, faise referencia neste número 248 de Grial, que pon colofón ao ciclo dos Foros Grial - Galicia 2050, que se celebraron neste ano do 75 aniversario de Editorial Galaxia. Para o monográfico, sección central do número, contouse cun panel de relevantes plumas perfectamente coñecedoras do campo que tratamos: Manuel Gago aborda o tema co seu artigo “Oportunidades e desafíos para a cultura galega na nova Internet. Da MetaGalicia á intelixencia artificial”; Silvia Vázquez Lorenzo en “Galicia online. Repensar a identidade cultural fronte á omnipresenza dixital”; María Yáñez Anllo con “Os medios galegos no ámbito dixital. O reto da relevancia social na cultura do algoritmo”; e pecha Alberto Quian Pampín co traballo titulado “Galicia: cara a unha nación dixitalmente soberana”. A este monográfico únense as seccións habituais na revista, onde salienta a achega de Henrique Monteagudo na sección “Documentos”, con “Tres cartas de Castelao a Rodolfo Prada (1937 e 1939)”, que serve tamén para pechar o Ano Castelao