"Míster Magnolia" é un clásico de Quentin Blake publicado
	en 1980 e galardoado con importantes premios; un relato rimado cuxo protagonista é un simpático personaxe co que os lectores poden enumerar, do 1 ao 10, distintos elementos que o rodean.
	De ton alegre e contaxioso, a historia de Míster Magnolia destaca polo humor e a sucesión de disparatadas anécdotas que ocorren, entre as que -a modo de retrouso- se repite a ausencia dunha bota
	nun dos seus pés. Todo cambia coa chegada, por sorpresa,
	dun paquete envolto en papel de agasallo...
	Polo seu ritmo acumulativo, a repetición de estruturas narrativas
	e o carácter descritivo das ilustracións, "Míster Magnolia"
	é un álbum ideal para practicar a lectura en voz alta, facilitando
	a participación do público. As imaxes resaltan sobre un fondo branco e chaman a atención polo seu variado e intenso colorido,
	a profusión de detalles, e os trazos imperfectos que enfatizan
	a expresividade e o dinamismo de cada escena.