Ás veces os feitos máis insignificantes e casuais son os que, sen intuílo, transforman as nosas vidas por completo. Ás veces mesmo son quen de nos sacar dunha existencia cómoda aínda que aburrida para nos levar a vivir unha aventura.
Iso foi o que lle aconteceu a Kaarlo Vatanen unha tardiña de San Xoán, cando accidentalmente atropelou aquela cría de lebre. Desde ese preciso intre, como a bolboreta que bate as ás e provoca unha tempestade no outro lado do mundo, o seu perfil de xornalista de relativo éxito atrapado nun matrimonio sen amor esfarelouse, e emprendeu unha viaxe sen igual pola xeografía de Finlandia até chegar ao mesmo Mar Branco.
Nesta novela-debut de 1975, Arto Paasilinna presenta o ideario que subxace á meirande parte da súa obra: o individuo libre fronte á sociedade abafante, a relación do ser humano coa natureza, e a procura do eu a través dunha viaxe iniciática ás marxes do mundo, todo isto debullado cunha linguaxe rápida, un carrusel de personaxes caricaturescos e moi altas doses de humor.
SOBRE O AUTOR
Arto Paasilinna (Kittilä, Finlandia, 1942) foi gardabosques, xornalista e poeta antes de converterse en novelista de culto no seu país, onde cada novo libro seu (xa máis de trinta) se vende por milleiros.
A súa escrita, limpa e precisa, ten a capacidade de contar de forma cómica as historias máis tráxicas e desconcertantes, que ambienta sempre nunha natureza vista con respecto e amor, e protagonizadas polos seus prototipos de homes finlandeses, algo anárquicos e individualistas.
Traducido xa a decenas de linguas, O bosque dos raposos aforcados foi o primeiro libro que se verteu do finés ao galego. Despois virían O muiñeiro ouveador e O ano da lebre, publicados en galego por Rinoceronte.