Asya e Manu viven xuntos nunha gran cidade dun país que non é o seu. A súa vida é sinxela e alegre. Ela recibiu unha bolsa para rodar un documental, polo que cada mañá vai gravar a vida nun parque próximo, e el traballa nunha organización internacional sen ánimo de lucro. De cando en vez concédense algún capricho: mercar pasteis para o almorzo, ver do tirón dous capítulos dalgunha serie de detectives que non sexa nin moi truculenta nin moi amable, comer luras fritas fóra da casa, tomar xerras de viño nalgún bar decadente co seu amigo Ravi… Un día, porén, a Asya éntralle un medo repentino. E se non están a vivir segundo as regras? E se chegou a hora de asentaren dunha vez as súas vidas? Logo de trasladarlle o seu medo a Manu, este asente e deciden buscar un piso para mercar.
Os Antropólogos é unha novela encantadora sobre a pasaxe á vida adulta; sobre o amor, a amizade e a familia; sobre a identidade persoal e colectiva, sobre o cosmopolitismo e o desarraigo; sobre a felicidade real e a felicidade finxida, sobre a presión de ter que decidir e non poder abranguelo todo… Unha novela, en definitiva, sobre a vida moderna a través da ollada curiosa e exhaustiva dunha parella de “antropólogos urbanos” que observa o mundo cun humor lúcido, tenro e intelixente.
“Os antropólogos fala do amor, da mocidade e do máis profundo e esquivo dos temas: a felicidade. Delicada, sabia, ocorrente… unha novela marabillosa dunha das miñas escritoras favoritas.” Katie Kitamura
“Unha reflexión erudita e elegante sobre a vida moderna e o amor moderno… Que non vos engane o ton calmo e aparentemente distante de Savas; no fondo, agocha capas de sabedoría, finura e delicadeza… Unha obra extraordinaria.” The Guardian
A AUTORA:
Aysegül Savas (Istambul, 1986) criouse no seu país natal, Turquía, e tamén en Inglaterra e Dinamarca. Graduouse en Socioloxía e Antropoloxía na Universidade de Middlesbury (Vermont, Estados Unidos). Foi neste país, e en lingua inglesa, onde deu comezo á súa carreira literaria coa publicación da novela Walking on the Ceiling (2019), á que seguiron White on White (2022) e The Anthropologists (2024), que acadou un grande éxito de público e crítica. The New York Times, Time Magazine ou Vanity Fair incluírona nas súas listas das mellores novelas do ano, e Barack Obama tamén a mencionou na súa tradicional listaxe anual de dez libros preferidos.
Actualmente vive en París, onde dá aulas de Literatura Creativa na Universidade da Sorbona.