SOPA VERDE

SOPA VERDE

Editorial:
OQO
Año de edición:
Materia
DE 0 A 4 AÑOS
ISBN:
978-84-9871-473-9
Páginas:
36
Encuadernación:
CARTONÉ
Disponibilidad:
RECÍBELO EN 72H

14,90 €
Comprar

Era unha vez un coello
ao que só lle gustaba o verde:
leitugas verdes,
brócolis verdes,
coles verdes,chícharos verdes,
espinacas verdes,
alcachofas verdes,
pementos verdes…

—Só me gusta o verde –repetía a todas horas.

Moitos lectores sentiranse identificados co noso protagonista. Do mesmo xeito que o coello, gran parte dos pequenos prefire os alimentos que coñece, e rexeita os novos. Un dos retos dos pais é conseguir que os seus fillos coman dunha forma equilibrada e sa, xa que é esencial no seu crecemento e desenvolvemento físico e intelectual.

Ademais, a infancia é o período da vida no que se forman —e posteriormente continúan— moitos hábitos, entre eles, os dietéticos. Por este motivo, álbums coma Sopa verde convértense nun recurso fiable para motivar os nenos a comer variado. Nel son animais (unha formiga, un rato, un pato, un gato, un porco, un burro e unha vaca) os que tratan de convencelos, e non obstinados e aburridos adultos.

Para a escritora Ângela Madeira este relato é, no fondo, a historia de todos, pequenos e adultos: “a miúdo aferrámonos á seguridade do que coñecemos e tememos experimentar co novo, o descoñecido... E é unha mágoa”. Ademais, destaca que “un mundo cheo de cores (como os dos alimentos que lle ofrecen ao coello) é moito máis divertido”.

Precisamente, ademais de cos sabores, o libro xoga tamén coas cores e os números: unha miguiña de torta marrón, dous anaquiños vermellos de tomate, tres rebandas de pan branco, catro sardiñas grises, cinco berenxenas moradas, seis cenorias laranxas e sete espigas de millo amarelas.

Con todo, todo isto non é suficiente e será necesaria a intervención do moucho (símbolo da intelixencia e a astucia) para que noso teimudo protagonista se decida a probar todos estes alimentos... nunha sopa verde!

—Ai, que parvo é este coello,
pensaba que só lle gustaba o verde!
–mofáronse os outros animais.

Con este final, a escritora portuguesa mantén o ton divertido ata a última páxina, un humor que se ve acentuado polas ilustracións de Till Charlier. O ilustrador francés mostra aos personaxes sendo protagonistas de situacións para escachar coa risa, e que non están recollidas no texto.

Así, mentres o porco intenta convencer ao coello de que probe as berenxenas, o lector pode descubrir ao gato salpicando, por sorpresa, ao resto de animais; noutra páxina, a formiga realiza exercicios propios dunha acróbata; mentres que, noutra secuencia, é o rato quen aparece mofándose dun dos seus compañeiros.

Deste xeito, o ilustrador consegue resolver un dos problemas que lle suscitou a estrutura narrativa, onde os personaxes “non facían gran cousa”, o que lle resultaba “bastante monótono”. En todo caso, as súas ilustracións respectan o “principio da repetición” co que se construíu o texto que “permite guiar ao lector e entender rapidamente de que se trata a historia”.

Seguindo esta estrutura, Till Charlier presenta a un personaxe en cada dobre páxina, onde o coello está situado sempre no mesmo sitio, salvo ao final, cando proba a sopa e cambia de criterio. Nese momento, varía tamén o seu lugar na composición da escena.

En canto á construción dos personaxes, destaca que o proceso foi rápido: finalizados os esbozos definitivos, volveu debuxar todo a pluma e, a continuación, coloreounos con acuarela.

Con todo, aclara que, unha vez escaneadas as imaxes, non quedou satisfeito co resultado, ao atopar as cores “moi insulsas”. Para solucionalo, decidiu tratar as ilustracións co ordenador. Desta forma, conseguiu a intensidade que se pode gozar actualmente no álbum.

Otros libros del autor