O sábado 28 de febreiro ás 12h, contaremos na libraría coa presentación do libro de Mario Caneiro, "Pusilánime".
Mario Caneiro (Narón, 1969) publica este último libro con Edicións Morgante.
Súmase este título a Homiños, Túnel de Vento e Happy end, publicados con Barbantesa entre outros.
Pusilánime constrúese como un diálogo entre dúas voces: a dunha muller do barrio, que relata desde a disociación unha vida marcada pola violencia, o silencio e un trauma sexual non recoñecido; e a dun escritor que, ao reencontrarse cunha vella máquina de escribir, revisita o seu pasado e a súa culpa por calar no canto de actuar.
A través destas dúas voces, esta novela reflexiona sobre a memoria, a culpa colectiva, o silencio fronte ao abuso e a responsabilidade ética de contar.
Unha indagación literaria sobre se escribir pode reparar o dano… ou só ser outra forma de fuxir.