A través dunha coidada selección de instantáneas, recollidas pola cámara de Ramón Vaamonde, “Vilanova, a miña vila” mostra un conxunto de imaxes polos espazos máis coñecidos do municipio constituíndo unha guía das súas prazas, rúas, monumentos, da súa riqueza natural, e das súas ribeiras fluvial e marítima.
O libro fai un percorrido polo patrimonio cultural desta terra de lendas e longa historia, desde os vestixios das culturas castrexa e romana que nos deixaron nidias pegadas da súa presenza. Ponte Arnelas, a Torre Calogo do século VII, o Castelo de Lobeira, ata a Torre da fortaleza de András, as igrexas como as de Baión, Santa María de Caleiro e Deiro; ou os seus señoriais pazos.
“Vilanova, a miña vila” é testemuña do variado patrimonio cultural, arquitectónico e paisaxístico desta vila que baña as augas da Ría de Arousa o que, engadido á produción pesqueira, marisqueira e industrial, son un orgullo para os vilanoveses e todo un reclamo turístico. Unha publicación, en definitiva, espello dunha florecente realidade e mensaxeiro gráfico das súas excelencias.