Este Dicionario Enciclopedia do Pensamento Galego, coordinado por Andrés Torres Queiruga e Manuel Rivas García e redactado por corenta e seis persoas, trata de conxuntar un dicionario de pensadores galegos e unha visión temática que permita encadrar o labor máis directamente filosófico no campo xeral da nosa cultura. De aí a súa división en dúas partes: a primeira, un dicionario de autores, e a segunda, unha enciclopedia que complementa temas, ideas e persoeiros que propiamente non caben na primeira.
Deste xeito, o Dicionario, en orde alfabética, permite un percorrido polo enteiro transcurso da nosa historia intelectual e da achega realizada por cento dez autores, mentres que a Enciclopedia propicia un amplo encadramento nos diversos campos da cultura. Por último os índices onomástico e temático permiten diversos percorridos, que, conxuntando sincronía e diacronía, poden axudar a unha visión máis integral e realista da nosa cultura.