No prólogo da obra, o hoxe dirixente de Anova lembra a relación entre o seu desasosego político da época -asemblea extraordinaria do BNG posterior á derrota electoral do bipartito- e a súa “involuntaria maneira de relatar aquelas xornadas en Rabat, ao xeito dunha literatura de ficción, e mais no clima represadamente morriñento, ou até mesmo saudoso, da narración resultante”.
Estas sete crónicas, polas que transitan Nuredin e Amedine, ao dicir do autor “personaxes moi entrañábeis”, non foran pensadas para se editar por xunto. Mais a opinión dos editores de Laiovento, personificada en Afonso Ribas e Pepe Carreiro, mudou as tornas. O libro completouse con materiais relacionados: dez páxinas sobre o Foro Social Mundial en Dakar de 2011; seis Retrincos e glosas a Retrato do colonizado, de Albert Memmi, unha glosa á “obra; capital” sobre a democracia do historiador italiano Luciano Canfora, e mais o artigo Animal farm. Todos eles viron luz, no seu día, en Galicia Hoxe.
Beiras, que se autodefine no mencionado Adro como “músico malogrado”, estruturou Nuredin o taxista e Amedine o pintor “en tres partes, ao xeito da música do barroco, que historicamente coincide co colonialismo na época anterior ao capitalismo industrial, na que o sistema-mundo estaba rexido, en canto realidade económica, polo mercantilismo, e politicamente polos poderes antidemocráticos do 'antigo réxime”. Así, Obertura, Suite Africana e Rondó son os epígrafes organizativos do volume.
Nuredin o taxista e Amedine o pintor. Crónicas e figuracións dun transmundo colonial (Laiovento, 2019) sucede a O proxecto común da nación galega (Laiovento, 2016), que recollía discursos políticos recentes, entre eles algúns como portavoz de AGE no Parlamento de Galiza, e a Exhortación á desobediencia (Laiovento, 2013), compilación de textos e manifestos políticos indignados.
Sermos Galiza