Descrición
Despois da súa expulsión do Clan do Oso das Cavernas, a moza Ayla decide ir na busca dos que son coma ela, as xentes do Cro-Magnon, e comeza unha xeira chea de perigos e aventuras ata que atopa unha cova onde vivir durante unha tempada. Unha nova aventura que, grazas á súa mente inquieta e mais ao seu aguzado instinto de supervivencia, a conducirá a descubertas impensables para ela, como domesticar animais e facer lume coas pedras. Pesan sobre ela a soidade e a lembranza constante do seu fillo de “espiritos mesturados” que tivo que deixar atrás. Pero o destino de Ayla é atopar aos Outros e aparecerá na súa vida Jondalar, con quen partillará coñecementos, aventuras e, por suposto, sentimentos.
Jean M. Auel
Naceu en Chicago en 1936. Casou con 18 anos e aos 25 xa tiña cinco fillos. En 1964 uniuse á prestixiosa organización Mensa, que reúne a persoas cun elevado coeficiente intelectual.
Despois de asistir a clases nocturnas de álxebra, física e mais electrónica, estudou na Portland State University e na University of Portland. En 1976 obtivo o seu MBA. Tamén recibiu títulos honoríficos da University of Maine e mais do Mount Vernon College.
Unha noite de 1977 comezou a lle dar voltas á historia dunha muller da Idade do Xeo que viviu con outros humanos que eran diferentes na súa evolución. A súa grande curiosidade levouna a pasar meses en bibliotecas, a realizar cursos de supervivencia, nos que aprendeu os métodos dos nosos antepasados, e a viaxar polo leste e oeste de Europa. Nun estourido de enerxía creativa escribiu o primeiro esbozo da serie completa en só catro meses.
As exhaustivas lecturas das obras máis prestixiosas sobre a prehistoria, ademais dos múltiples e constantes contactos cos máis relevantes especialistas nesta materia, permitiron que se converterse nunha douta das formas de vida e da evolución étnica e cultural daquelas sociedades primitivas.
Hoxe é unha das autoras máis coñecidas en todo o mundo e moi apreciada por lectores de todas as idades. A serie Os Fillos da Terra®, ambientada na Europa prehistórica, explora a relación entre as dúas especies humanas, Cro-Magnon e Neanderthal. As novelas foron aclamadas internacionalmente polo seu inconfundible estilo narrativo, pola súa meticulosidade nos detalles e polo seu rigor científico.